<em>Un panfleto de Henry Beyle, coñecido como Stendhal (II)</em>, por Xesús González Gómez

Un panfleto de Henry Beyle, coñecido como Stendhal (II), por Xesús González Gómez

0 comentários 🕔09:30, 08.Out 2014

Sen dúbida, a clase de industriais millonarios é bastante estimábel. Hónroa con tanta sinceridade que quixera ver todos os anos na cámara electiva os cen industriais máis famosos de Francia. Mais estes verdadeiros e honestos industriais repudian o industrialismo. É en van que son gabados pesadamente, é en van que se lles di que ao facer fortuna foron máis útiles que un bo ministro, que un gran xeneral. Cando o Sr. de La Fayette, con a penas vinte anos, desprezando os seus millóns e os grandes estabelecementos que o crédito da súa familia lle promete na corte de Francia, voa a América e, despois da derrota de Brandy-Wine, non desespera da salvación da súa nova patria –onde está o industrial, entón traficante nesta mesma América que poida loitar en gloria e en utilidade con este xove xeneral? Washington non podía venderse a Xurxo III como o xeneral Monk se vendeu a Carlos II e, así, converterse en duque e millonario? Despreza esta fortuna e convértese no heroe da civilización.

Mais se o industrial non é sempre un heroe, cando menos é o xuíz soberano de todas as súas capacidades. O Sr. de Saint-Simon así o declara e non acho esta pretensión nada fóra de lugar. Un Samuel Bernard, ou un Sr. Coutts, teñen o espírito en tensión toda a xornada para descubriren os lugares de Europa e de América aos que lles faltan cartos e nos que é vantaxoso lanzalos rapidamente.

Se non penso completamente que un banqueiro, en medio dos seus axentes de cambio e dos seus rexistros de lombo elástico, sexa o home máis sensíbel do mundo ás opinións tenras e sensíbeis que lanza sobre as profundidades do corazón humano o xenio dun Byron ou dun Lamartine, serei menos severo polo que respecta á musa cómica. Interésanme moito as comedias interpretadas polos industriais. Non é a satisfacción dun amor pueril e un van contrato de matrimonio que conforman o desenlace, senón o gaño rápido de varios millóns. E non vos equivoquedes, os medios de intriga son proporcionais á importancia do obxectivo. É isto que os Molières do futuro tomarán como os seus temas de comedia. Lonxe de inventar resortes, o seu xenio fatigarase para facer soportábeis no escenario os medios de intriga usados polos seus ilustres modelos. Ora, como xentes que, no teatro do mundo, interpretan a comedia con tanto éxito non serían bos xuíces da pequena comedia permitida nos nosos teatros e que é unha copia tan imperfecta das súas accións de todos os días?

Non hai cen anos que, nun dos barrios máis populosos de París, se viu a representación dunha peza de intriga cunha arte infinita, e era necesaria moita. Os homes que se trataba de enganar non eran Bartolos; demostrárano facendo fortunas colosais ou ilustrándose nos lugares máis brillantes. Foron considerados palermas en toda Europa e mesmo en América. Nada faltou nesta admirábel comedia, nin o Dave inzado de finura, nin unha ou varias Casandras supernumerarias. Hai mesmo unha dobre intriga, plot and under plot, como nas vellas comedias inglesas. Ademais dos honorábeis Bartolos, que Dave interpretou cunha habilidade que non se sabería loar de máis. Parecía que, o éxito a aumentar confianza, se intentou enganar o personaxe que, segundo o Sr. de Talleyrand, ten máis espírito que ninguén, o Sr. Público.

Despois deste exemplo recente, quen se atrevería a rexeitar aos primeiros industriais de París, vítimas ou heroes desta boa peza, o talento necesario para xulgar a comedia?

Penso, por tanto, cos xornais vendidos ao industrialismo, que non soamente a capacidade industrial fornece as xentes máis distinguidas pola virtude1, senón que algúns industriais dos máis ricos son os xuíces verdadeiros, se non de todas as capacidades, cando menos das dos Figaros, dos Scapin e doutros personaxes abondo coñecidos pola súa habilidade na intriga e polo lugar elevado que ocupan na estima do público.

Como é que, con tales capacidades, un xuíz íntegro como o Sr. Dupont (do Eure), que habita nun cuarto de trinta e seis francos e rexeita non obstante engadir unha soa palabra ao discurso que debe pronunciar ao día seguinte? Esa pequena palabra, abondo honorábel en si e daquela bastante á moda, valeríalle antes do final do día quince mil libras e o máis fermoso posto da súa profesión.

Como é que un palerma como o xeneral Carnot que, despois de ser ministro da guerra de catorce exércitos de cen mil homes vai morrer pobre en Mandeburgo?

Como é que, nunha orde menos elevada se se quere, un servidor heroico como o xeneral Bertrand que, cando o seu príncipe é infeliz, se xulga obrigado a exiliarse ao fin do mundo, a unha illa horríbel e isto talvez por vinte anos?

Como todos estes méritos palidecen ante o de facer escribir duascentas ordes de revender a 64 o que se obtivo por 55 e exiliarse no máis fermoso barrio de París? Con que piedade semellantes capacidades non ven un Dupont (do Euro) ou un Daunou atravesar a lama dos bulevares? Se se trata de superioridade intelectual, o Sr. Royer-Collard2 fixo algunha vez un discurso igual en forza dialéctica a un pequeno tratado de catro artigos, sobre todo se o primeiro contradí o terceiro e se se obtén da probidade ou da imbecilidade dos contratantes da probidade que este tratado ficase secreto?

O Sr. Dupont (do Eure) fixo algunha vez grandes esmolas de vinte mil francos que se tivo o coidado de rexistrar sucesivamente en todos os xornais?

Mais deixemos o ton de broma, inconveniente para un tema tan grave.

Como o industrialismo se atreve a reclamar as grandes honras e preferirse aos Dupont (do Eure), aos Carnot, aos Bertrand, cando mesmo en xenerosidade, mesmo nesta máis fácil das virtudes, acaba de dar un exemplo tan estraño a unha nova república?

Comprendo que o industrialismo, que talvez sente algún malestar a respecto de certas operacións, e non se enfadaría de ter as honras da virtude e os proveitos do préstamo, intenta confundirse coa verdadeira e leal industria. Pois ben, a industria rexéitao a el, os seus afagos pérfidos e, máis que nada, a espantosa solidariedade de reputación.

Si, coñecín a centenares de honestos negociantes de Lyon, de Burdeos, de Ruán, que non gustarían participar nalgunhas operacións recentes nin nos seus beneficios, por enormes que sexan.

Non preconizan a súa profesión como a única útil, a única virtuosa. Mais teñen virtude, e a fama dunha lealdade perfecta, mesmo cara aos seus rivais, é preferíbel aos seus ollos, á diferenza que hai entre 76 e 80, aínda que esta diferenza dea a gañar unha ducia de millóns.

Os industriais serán moi útiles de aquí a uns anos. Aproveitando o grao de liberdade do que gozamos, cambiarán e mellorarán o comercio de Francia. Amarán mellor gañar catro mil francos que recibilos dos orzamentos. Un fabricante millonario non solicitará unha praza de subprefecto.

Francia, máis que feliz que Inglaterra, non coñece as substitutions. Os nobres, de aquí a vinte anos, lonxe de ter horror da industria, aprenderán dela que é útil e agradábel aproveitar o grao de liberdade que se nos concedeu para aumentar a fortuna. O máis nobre marqués, que posúe en bens raíces dous millóns que apenas lle renden vinte mil escudos, venderá a metade das súas terras, e colocará nunha manufactura de panos un millón, que só el lle producirá sesenta mil francos de renda. A partir deste momento, este privilexiado converterase no amigo desa porción de liberdade indispensábel para ter un crédito público e para que todas as manufacturas prosperen, sobre todo as do pano. Lonxe de solicitar os golpes de Estado, temeraos.

Tal pode ser unha das grande utilidades da industria, seducirá os inimigos naturais da liberdade e deixaranos gozar en paz deste ben primordial.

Non hai máis que dúas maneiras de conquistalo: a forza das armas, como fixeron Cromwell e Bolívar, ou o perfeccionamento da razón. É por esta última rota que a industria, amiga da paz, pode un día conquistar á dereita e ao crego e nos conducir á práctica da Constitución3.

Mais non nos enganemos. A razón é unha deidade severa. Desde o momento en que se pretende servila predicando un erro, a todopoderosa razón deixa de ter os seus efectos benfeitores e a civilización detense. É, xa que logo, apresurar a felicidade de Francia ver os nosos apercibir aos nosos grandes industriais do ridículo que fan ao facer proclamaren todos os sábados que son superiores a todas as clases da sociedade. Na vida dunha nación todas as clases son útiles. Se Grecia consegue liberarse, miles de negociantes se estabelecerán nela. Levarán espellos, móbeis de caoba, estampas, roupa, etc., mais as boas leis que permiten ao comercio florecer, terán eles a sabedoría de facelas? A coraxe que será necesaria para exterminar os turcos e poder pór en vigor esas boas leis, terana eles?

Hai seis meses que Santa-Rosa se fixo matar en Navarin; non hai un ano que lord Byron morreu intentando servir a Grecia. Onde está o industrial que sacrificou toda a súa fortuna a esta nobre causa?

A clase pensadora inscribiu este ano Santa-Rosa e lord Byron na táboa en que conserva os nomes destinados a se converteren en inmortais. Velaí un soldado, velaí un gran señor. Durante este tempo, que fixeron os industriais?

Un honrado cidadán trouxo cabras do Tibet.

Talvez se me reprochará non citar máis a miúdo as propias palabras de Le Producteur. Se se quere ler o informe seguinte entenderase por que.

LE PRODUCTEUR, Nº 1

Introdución

«O xornal que anunciamos ten como obxectivo desenvolver e espallar os principios dunha filosofía nova. Esta filosofía, baseada nunha nova concepción da natureza humana, recoñece que o destino da especie neste globo é explotar e modificar para o seu maior proveito a natureza exterior; que os medios para chegar a este obxectivo corresponden ás tres ordes de facultades, físicas, intelectuais e morais, que constitúen o home. Finalmente, que os seus traballos, encamiñados nesta dirección, seguen unha progresión sempre crecente, porque cada xeración vén engadir as súas riquezas materiais ás das xeracións pasadas, porque un coñecemento cada vez máis estendido, certo e positivo das leis naturais lle permite estender e rectificar sen cesar a súa acción; porque nocións sempre máis exactas do seu destino e das súas forzas o conducen a mellorar incesantemente a asociación, un dos seus medios máis poderosos.

»Considerada desde este punto de vista, a vida de cada individuo componse de dúas series de accións: unhas só teñen como fin a existencia do propio individuo, mentres que as outras teñen por resultado, ademais, o desenvolvemento da acción progresiva da especie, e concorren así á realización do seu destino. De aí a distinción do interese común e do interese privado, base de calquera moral.

»É dunha feliz harmonía entre estas dúas ordes de feitos que dependen os progresos e a prosperidade das nacións e dos individuos. A combinación social na que todos os gozos, a satisfacción de todas as necesidades do individuo, serían tamén medios para a realización da lei da especie, é o límite, tomando esta expresión no sentido matemático, cara ao que converxerán sempre, sen nunca alcanzalo, os traballos teóricos e prácticos que teñen como obxectivo o estabelecemento desta harmonía. Ao se apoiar sobre este punto de partida, os traballos desta filosofía, no que respecta ao pasado, consisten en investigar en cada época, nas institucións, os traballos e as accións dos homes, os que concorreron ao desenvolvemento da civilización e os que foron para ela un obstáculo, a distinguir nos primeiros aqueles cuxa axuda foi directa ou indirecta e a precisar a natureza e o grao de utilidade de cada un. No que respecta ao futuro e o presente, ocúpase de determinar dunha maneira positiva e detallada, mediante o coñecemento e a edificación en leis dos feitos xerais do pasado, o fin da actividade actual da sociedade, a orde das relacións morais e políticas correspondentes e os traballos que deben preparar o seu estabelecemento.

»Recoñeceu que nas institucións soamente os traballos e as acción dos homes que se relacionan coas ciencias, as belas artes e a industria concorreron, directamente e cada vez máis, ao desenvolvemento da civilización. Que todos aqueles, que, pola contra, non pertencen propiamente a un ou a outro destes tres obxectos de actividade só concorreron indirectamente, etc., etc.»

1825

Apéndice

Debemos limitarnos, polo que afirma un folleto recentemente lanzado contra Le Producteur4, a repetir, despois de esforzármonos en comprendelas, as verdades descubertas por Smith, Mill e Ricardo; a aconsellarmos a multiplicación de canais e empresas de ferrocarrís. A tarefa sería aínda abondo fermosa e aceptariámola se, para ter un obxectivo e un movemento decidido, esperásemos as admonicións dun censor, mesmo máis educado que o Sr. de Stendhal. Intentando aquí non afagar o orgullo dunha clase de homes que o Sr. de Stendhal chama nobremente os mercadores de pano5, senón reivindicando para o traballo a consideración que durante demasiado tempo lle foi negada pola ociosidade poderosa, nós non dicimos honra a quen cea ben, senón vergoña ao que cea mal pola súa culpa. Nós non dicimos recoñecemento a quen se enriquece arruinando os outros, senón recoñecemento as quen sabe aumentar o seu benestar contribuíndo ao do maior número. Recoñecemento a calquera cidadán que sabe pertencer á sociedade tanto polos gozos intelectuais e materiais que lle ofrece a cambio, polas que lle pide prestado.

Os traballadores non son para nós unha clase na sociedade, senón a propia sociedade. E, nesta combinación de esforzos que se apoian e actúan uns sobres os outros, lonxe de rexeitalos, como calculadores inmorais e estúpidos, chamamos á alta cooperación do xenio, invocamos a sublime influencia das grandes virtudes.

Nós queremos estabelecer xa unha medida común entre os máis distinguidos e os máis insuficientes servizos rendidos ao corpo social por todas as clases de cidadáns útiles.

Existe esta medida común entre o traballo do artesán que alimenta unha familia, que non vai, o día dunha festa real, disputar a súa parte dunha gratificación insultante, e os talentos do deputado que, como Foy, defende na tribuna os intereses deste home do pobo. Existe entre o tendeiro, o fabricante, o banqueiro, o negociante que dotan hoxe os fillos do deputado fiel, e o escultor, o pintor, o escritor, o poeta que farán inmortais os seus exemplos. Se só temos unha palabra para designar os diversos graos de utilidade marcados pola posición, as luces ou a orde de facultades dos traballadores, esta palabra asimila e non iguala entre os servizos rendidos: expresa cando menos unha idea grande e chea de futuro: a aplicación das forzas que cada un recibiu para todos os desenvolvementos de que é susceptíbel a perfectibilidade humana. Murcha calquera existencia fundada no favor das cortes ou consagrada ao mantemento dos abusos e dos prexuízos antisociais. E isto abonda para que moitos ociosos a achen impía, revolucionaria ou de mal gusto.

O título de traballadores, durante moito tempo abandonado á xente suxeita a traballos fatigososà la gent corvéable»), pode ben, na extensión que lle damos, coa hilaridade que se envolve do parasito manto de contestatario e pon a súa gloria na fama dunha boa palabra; mais, para eses homes cuxos respectábeis nomes foron tan indiscretamente invocados contra nós, será a expresión, senón brillante e poética, cando menos honrada e rigorosa dos esforzados intelectuais a quen debemos as súas obras mestras, fatigas, sacrificios, mesmo perigos que ilustraron a súa carreira. Ningún deles, home de estado, home de guerra, científico, negociante ou filósofo corará por ser chamado traballador, por pagar a súa débeda á patria, á humanidade enteira.

Incitamos, é verdade, a clase de banqueiros que merecen entre os traballadores a importancia moral que lles outorga a actividade material do seu papel. E como se reclamásemos para esta clase unha consideración anticipada, alegáronse contra nós feitos que nós mesmos censuramos enerxicamente, faltas que deploramos. Preguntóusenos que rico industrial sacrificou algunha vez os seus millóns como Lafayette, Carnot e Bertrand sacrificaron a súa fortuna, a súa persoa e a súa posición social. A isto respondemos, tendo en conta o que o pasado ofrece de grande, non citamos para estabelecer as nosas doutrinas, nin o exemplo dos homes, nin os das cousas que lles pertencen, que o tempo dos desintereses heroicos foi tamén o das prostitucións infames, e que pedimos ao futuro un estado de cousas no que ninguén teña que sacrificarse e en que todos os intereses ben entendidos sexan solidarios e garantes un do outro.

Este futuro ao que nos conduce a marcha das cousas e das ideas será menos fecundo, talvez, en virtudes transcendentes, mais estas non brillarán nun ambiente vicioso e corrompido. O traballo, do que o enxeñeiro Franklin fixo toda a ciencia do bo Richard, será o último reformador da vella Europa. O progreso das luces e do benestar farán xermolar virtudes públicas alá onde durante demasiado tempo só houbo privadas. O santuario das ciencias, das artes e da industria converterase para nós no Panteón nacional do que noutro tempo foi desherdada a nosa gloria nacional: é así como pretendemos materializar a sociedade.

Fomos precedidos nesta carreira por un publicista do que non tememos aparecer como discípulos. Non obstante, só usamos con unha extrema seriedade pensamentos saídos desta alma devorada do desexo de ser útil. Distinguimos as opinións de Saint-Simon cuxa aplicación xa é posíbel das que unha previsión demasiado activa rodeou de certeza e cuxa realización pertence a unha época máis afastada de nós. E, non obstante, é destes últimos que o Sr. de Stendhal se serve sempre contra nós. Non imos responder a todas as excelentes bromas lanzadas por el contra un home que habería que situar no rango de benfeitor da humanidade, aínda que só fose pola verdade que non serve de epígrafe:

«A idade de ouro, situada até hoxe no pasado, está diante de nós».

No que se refire aos aspectos persoais no folleto do Sr. Stendhal, non nos ocuparemos aquí. Este celeiro non debe abrir unha polémica que só interesaría ao amor propio dos redactores, sobre todo se para entrarmos en liza cun pretendido adversario fose necesario descender ao trivial, é dicir, ao terreo de onde saíron as pasquinadas que lemos.

(Le Producteur, nº 10, novembro 1825, pp. 437-441)

AO SEÑOR CERCLET6, PARÍS

París, 30 de novembro de 1825.

Señor,

Agradézolle os cumprimentos que tivo a ben dirixirme. Pensa vostede realmente que a miña obriña [Dun novo complot…] está chea de espírito como todo o que publico? Non o penso eu mesmo: primeira oposición entre nós. Vostede ve branco o que eu vexo negro. Só podemos estimar reciprocamente os nosos espíritos que, por educación, fica o noso carácter moral.

Vostede non é bromista ou produtor, percibo o mal gusto da broma sobre un nome que, vostede puido sabelo facilmente, me foi útil fóra de Francia. A que veñen as rapazadas que seguen? Non podo máis que aceptar enteiramente o que di: a súa indiscutíbel superioridade en economía política e a miña nulidade nesta materia. Estas dúas verdades son igualmente evidentes para min.

Como só se trata de discusións literarias, direille, sen que vostede mo pida, que se non tivese a honra de vela na súa casa, non resistiría á tentación de pór como epígrafe:

«Farían a cuestión insolúbel, se o bo sentido público non desdeñase as súas ridículas e pedantes teorías».

Le Producteur, páxina 82.

É así porque teño a honra de coñecelo persoalmente, señor, e talvez tamén como consecuencia da miña educación, que non intentei tomar o ton de Le Producteur na frase que anuncia a cita do xornal que vostede dirixe.

Les Débats do 17 de novembro, e Le Frondeur dun destes días, déranme a pensar que grandes personaxes, que teñen moitos millóns e moita vaidade, inspiraban a ese xornal, destinado á vez a lles facer gañar cartos e a amizade dos parisienses.

Esta idea confirmábana os artigos do xornal bastante ben feito, por outra parte, polo 98% das propiedades que se ve pasar diariamente dun respectábel industrial a outro máis respectábel aínda.

Non vexo nada, no folleto sobre o que me quere dar a súa opinión, que poida ferir o máis mínimo o carácter dos Srs. Redactores dos xornais industriais. Non teño a honra de coñecelos persoalmente, mais abonda, señor, que traballen con vostede para que os xulgue animados polos mesmos sentimentos honorábeis.

Pode saber facilmente, señor, que, estimando moito o estado de xornalista (é a tribuna do noso tempo), non coñezo a organización de ningún xornal. Pensaba que os redactores de Le Producteur eran os mesmos que os de Le Journal du Commerce. Como un xornal perde moitos cartos os primeiros anos, pensaba tamén que a industria insuflaba fondos para dar os medios de publicidade á profunda estima que os Srs. Redactores teñen naturalmente por ela.

O ton da súa carta faime esperar, Señor, que, mesmo non estimando vostede moito as miñas bromas e eu as súas escuridades pretensiosas, podemos continuar a vivir sobre un pé amigo. Se me permite rirme do que me parece afectado e que, por extraordinario, o meu folleto teña unha segunda edición, borrarei, sen que vostede me dixese nada a este respecto, o que puido parecer inculpar as súas intencións, porque as xentes que pensan non deben rirse dos que dixiren.

Teño a honra, etc.

H. Beyle

UN NOVO COMPLOT CONTRA OS INDUSTRIAIS,

por Sr. de Stendhal

Se altamente vuoi utile forti, vanità combatti, fatale
in oggi di virtú nimica. Silvio Pellico

A industria está a converterse no poder do día. É simple que ache políticos para erixila en sistema, entusiastas para divinizala e imbéciles para ridiculizala. Diga o que diga Le Journal du Commerce, se non se queren discutir os sistemas, debe ser permitido rir dos tolos e censurar os ridículos. Ora, se por azar existisen xentes abondo simples ou abondo desdeñosas dos seus concidadáns para se constituíren en heroes porque fan ben os seus negocios e saben negociar de marabilla un préstamo a Fernando VII en medio dunha declamación a favor de Riego, se se encontrasen outras abondo admiradoras dos despachos para querer estabeleceren cámaras supremas do país e xuíces inapelábeis de todos os talentos e de todos os méritos, parécenos que o home de espírito que se divertise denunciando todas estas pequenas pretensións, no canto de merecer reproches tería dereito ao recoñecemento da industria e dos filósofos industriais. Tal é o papel que escolleu o Sr. de Stendhal; é difícil, perigoso, é unha querela coa vaidade e os escudos e ofrece talvez máis perigo que as escaramuzas contra o Sr. Auger. Mais que importa ao Sr. de Stendhal? Aventureiro por carácter, non é un home a asustarse, e as serias cóleras que excita son, estou seguro, o seu máis doce gozo: a súa maior recompensa sería o anatema. Para nós, compracidos con todas as opinións leal e espiritualmente expresadas, que aplaudimos no canto de nos enfadarmos, se o Sr. de Stendhal non se permitise insinuacións pouco xenerosas, se, ao atacar a un novo xornal, Le Producteur, estimábel cando menos pola boa fe das súas opinións, non deixase escapar algunhas palabras que a súa consciencia de home honesto debería rexeitar, aplaudiríamos sen o máis lixeiro reproche. Debemos dicirlle tamén que os anónimos e os pseudónimos son pouco decentes cando se ataca ás persoas, e a sospeita de venalidade que se lanza sobre escritores honrados demandaba cando menos o apoio dunha firma sen equívocos: é verdade que o pseudónimo do Sr. de Stendhal é case coñecido por todo París, mais, finalmente, conviña máis franqueza, e para un home que debe temer o ridículo, porque del fai xustiza, talvez a franqueza lle producise máis beneficios. Este pequeno pudor aristocrático que esconde, baixo un título e un nome ultra-Rhin un francés plebeo comeza a dar risa: é tamén unha especie de cabalaría literaria máis ou menos do mesmo xénero que o heroísmo industrial. Polo demais, a cadaquén a súa teima. O Sr. de Stendhal quere pasar de todas todas por un afeccionado, isto non lle resta nada ao seu espírito e moito menos á bondade da súa causa e ao éxito das súas malicias. Porque, como xa dixemos, e como o Sr. de Stendhal o repite a cada liña do seu lixeiro panfleto, non é a industria o que cuestiona: respéctaa e hónraa, mais non cre que unicamente a ela deba pertencer toda gloria e toda honra. Aínda conta para algo o xenio nas artes e o sacrificio dos cidadáns. Lafayette e Santa-Rosa, Washington e Byron parécenlles cando menos tan útiles á humanidade como o Sr. de Rothschild e todo o sacro colexio de banqueiros que, segundo Saint-Simon e algúns dos seus discípulos, debe estar en primeira liña, debe xulgar o valor de todas as outras e facelas traballar todas para o seu maior beneficio. O Sr. de Stendhal ten razón, é máis un verdadeiro complot contra a industria que unha verdadeira pretensión tan aristocrática, e nós coñecemos coma el máis dun industrial, patriota sincero e traballador hábil, que asubía e se indigna co risco de ser designado como un sectario da escola do sentimento entre os heroes dos bastidores e do fin de corrente. Mais deixemos falar ao Sr. de Stendhal. Velaí o inicio da escena:

PEQUENO DIÁLOGO

……………………………………………………………………………………………..

… Un honrado cidadán trouxo cabras do Tíbet7.

Non pensamos que comparando dous sacrificios heroicos e unha especulación útil o Sr. de Stendhal quixese ridiculizar a un negociante patriota, que rende servizo ao seu país ao dotalo dunha nova industria. Se outro pensamento o inspirase, desaprobariámolo. Pero máis unha vez, a cadaquén o seu premio: altares para Byron e Santa-Rosa, estima para o Sr. Ternaux, ridículo para os fabricantes de apoteose industrial e agradecementos ao Sr. de Stendhal, que sabe corrixilos para diversión nosa.

(Le Globe, 17 de decembro de 1825.)

NOTAS

1 «É evidente que, se algunha vez os industriais chegan ao poder, investirán a moral do máis grande imperio que poida exercer sobre os homes» (Catéchisme, nº 1, p. 56).

2 «Os industriais posúen a superioridade con relación á intelixencia» (Saint-Simon, Catéchisme, 1º caderno, p. 10).

3 Non desexamos outra liberdade que a concedida pola literal e concienciuda execución da Constitución. Non temos virtude abondo para exercer gratis, ou case, as funcións de prefecto, de ministro, de administrador de todos os estabelecementos públicos, é dicir, para ser máis libre do que a Constitución permite. Sábese que o presidente dos Estados Unidos de América recibe anualmente cento vinte mil francos, é probabelmente menos do que o Sr. Prefecto de París.

4 Dun novo complot contra os industriais, br. (brochure=folleto) in-8, Sautelet, Libraire, Place de la Bourse.

5 Vese que torpe sería esta designación se, enganados por unha partícula e un nome prestado, atribuísemos inxustamente o folleto ao gran señor. (Nota de Le Producteur). [No seu panfleto, Stendhal fala dos fabricantes e das manufacturas de panos, nunca de «mercadores» de pano (Ndt.).

6 Cerclet, antigo secretario-redactor da Cámara de deputados e redactor de memoriais, morreu en París o 25 de agosto de 1845 á idade de cincuenta e tres anos. Cerclet era director de Le Producteur que, no seu número 10, tomo I, p. 437 consagrara, pola pluma de Armand Carrel, un artigo moi duro, mais non asinado, ao folleto de Beyle: Dun novo complot contra os intelectuais (Nota de H. Martineau).

7 Aquí terminaba o extracto de Stendhal, é dicir, todo o panfleto agás a nota final –e o comentador anónimo concluía coas liñas que reproducimos a continuación. (Nota de Henri Martineau.)

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *