Paralaxe ou miopía?

Paralaxe ou miopía?

0 comentários 🕔11:00, 22.Out 2014

Contar sen contar é un recurso frecuentemente utilizado cando se pretende facer rir ou cando as intencións últimas non son de todo claras. O caso que comezarei a describir de seguido, colócase coa segunda proposición anteriormente exposta.

Veño de coñecer o caso dun coñecido editor, pertencente a unha aínda máis coñecida casa editorial, que considera un valor negativo o feito de expor, de maneira franca aínda que con certo ton irónico (de todas e todos son coñecidas as ferramentas de noso para referirnos a asuntos de certa relevancia, pero sen estar exentas dunha dose variable de comicidade), as ideas do autor ou autora -iso neste momento resulta irrelevante- sobre aspectos do cotián, considerando ese cotián como político. Alén da presenza ou ausencia do aspecto máis xocoso do texto a avaliar, as dúbidas sobre a existencia ou non de verdades obxectivas, por non dicir absolutas, sobre todo cando son milleiros de persoas, por non dicir millóns, a padecelas en todo o mundo, é algo que, para min, e desta maneira recoñezo a subxectividade do meu criterio, resulta ofensivo.

Familiariceime co concepto de paralaxe hai moito anos, nas aulas de fotografía, nas que se falaba do erro que levaba ese nome, referíndose a diferente perspectiva vista dende un visor dunha cámara réflex con respecto a outra que non o era. Tecnicamente é unha diferenza de posición entre dous puntos que observan un astro, motivado polo feito de que a Terra, certamente e malia que haxa quen negue esta verdade absoluta, ten máis que ver cunha esfera que cun único plano.

No caso concreto do noso editor, que se ampara na paralaxe como medio para defender as diferentes posturas subxectivas sobre un mesmo feito obxectivo e centrado na idea uniformizadora do mercado, as verdades absolutas son só cuestionables cando non son promulgadas polo sistema imperante, cando veñen dunha minoría consciente que tenta liberarse das ideas, tóxicas, concibidas para a anulación da diferenza e, consecuentemente, de calquera mostra de mentalidade crítica e diverxente. De atoparse presente o noso editor, cando a pena capital penduraba sobre a cabeza de Galileo, tras afirmar que a terra era redonda, posiblemente el sería quen de ofrecerse a executala, coa pasividade propia de quen asumiu un papel que podemos considerar, como así queda rexistrado en innumerables estudos, propio da indefensión aprendida.

Entendo que hoxe en día, despois dunha educación clasista, dirixida á competitividade e á creación de elites, unha persoa con formación específica nun eido concreto, sinta a tentación de marcar a pauta do que é ou non publicable. No caso de que esa persoa traballe nun determinado eido, este determinará os criterios económicos aos que debe ficar suxeito, as expectativas e o que se considera politicamente correcto. Que acontece cando ese concepto do politicamente correcto, xunto cos demais criterios de avaliación asumen fórmulas que perpetúan un sistema corrupto, fundamentado na subxectividade, no medo ao conflito que evidencie a verdadeira falta de criterio, en favor dun dogma de fe moi semellante ao que levou a Galileo a ser xulgado?

Eu si considero que existen verdades obxectivas e absolutas, así como entendo que un texto, despois de ser avaliado con criterios lingüísticos e literarios, pasando un filtro de calidade, non pode ser desprezado porque mostre verdades obxectivas que resultan incómodas a un sistema onde se utiliza o sensacionalismo e a trivialidade, como ferramenta para ocultar o problema de fondo.

Entendo que a cultura debe ser, en parte, aínda que non só, contestataria, para promover o pensamento e a reflexión demorada. A cultura debe ser o alicerce dos cambios, da propia evolución do ser humano.

O que non quere entender o noso editor é que a súa postura fronte a un texto é estritamente política, que vén de posicionarse en contra da literatura e en contra da cultura en xeral. E non digo isto polo feito de que se negase a publicar un texto, senón polo feito de desprezar unha obra que, na miña opinión non autorizada, resulta do máis interesante que se ten feito nun país, como o noso, afeito a publicar novelas para adolescentes, relixiosamente e segundo impón o mercado.

Hoxe, a medida que escoitaba o relato, sentía como a miña indignación ía en aumento. Recuperei e descubrín outros tantos testemuños semellantes, do desprezo que senten as editoras polas obras que non se axustan a uns pobres criterios impostos por mentes pequenas, dentro do minifundio da cultura rancia e reaccionaria galega.

Despois de escoitar a esta persoa, que tivo a ben chamarme, demostrando a súa confianza, achegueime a outros foros e non fixen máis que reafirmar a miña indignación, ao descubrir a discriminación por nacionalidade, por normativa. Cuestións tan políticas como extraliterarias, no caso de querer ver a literatura fóra dun contexto político global. Non puiden máis que sentir a máis fonda e sincera vergoña. Non entendo como se poden crear elites ao redor de tan mínimas figuras que exemplifican o absurdo deste pobo.

En mal momento, malia o magnífico do texto, cadroume ler A morte extrema, artigo escrito do Celso Cáccamo para o Portal Galego da Língua. En mal momento o caso do non premiado Vítor Vaqueiro. En mal momento, cando o que se quere evitar é unha reflexión próxima ao nihilismo, para albergar algo de esperanza no medio desta desfeita, esa pura e barullenta nada, da que falaba Carlos Santiago nun seu poema.

Sobre o autor / a autora

Alberte Momán Noval

Alberte Momán Noval

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *