Entrevista a Davide Salvado

Entrevista a Davide Salvado

1 comentário 🕔15:30, 29.Out 2014

- Palavra Comum: Que é para ti a música e que relação tem com a vida?

- Davide Salvado: É unha maneira de sentir directa e moi antiga, que me acompaña desde que nacín. Tamén é unha forma privilexiada de comunicación con todo o existente (co meu ser, coa xente, coa natureza, coa realidade enteira) que se foi convertendo, co tempo, nunha maneira de vivir, nun traballo.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

- Davide Salvado: Para min consiste en pensar e evocar o lugar, o tempo e as vidas da xente que (re)creou a arte no seu momento comprendendo que era o que a levaba a facelo, e, ao mesmo tempo, adaptándoo desde a perspectiva do mundo actual e das miñas vivencias persoais, nun diálogo profundo e reactualizado constantemente. E sempre sentindo a música desde o corazón, como unha parte moi relevante do meu destino.

- Palavra Comum: Que supõe para ti a tradição musical galega? Como trabalhas com ela na tua obra? Como é o processo de recolha dessa tradição?

- Davide Salvado: Eu levo dentro do meu ser a tradición, está na miña xenética. Estou interesado na música folclórica e tradicional de todo o mundo, mais, como galego, gosto especialmente de investigar e chegar a ela desde dentro.

Traballo dunha maneira orgánica, como comentara, poñéndome no lugar da xente que facía esa música e adaptándoa para actualizar esa tradición e poder usar eses materiais aquí e agora, nos tempos de hoxe, aproveitando o que aínda serve para transmitir sentimentos e realidades e introducindo outros contidos desde a miña experiencia persoal.

O proceso de recollida ten dúas partes: unha consiste en contactar e falar con informantes dos lugares e aldeas, moitos deles xente maior que leva facendo este traballo artístico desde sempre, e tamén coa xente nova que está recollendo esas obras; e a outra fai uso das novas tecnoloxías, nomeadamente internet, onde hai moita información dispoñible.

- Palavra Comum: Que relações, patentes ou mais invisíveis, achas que tem essa tradição com outras músicas?

- Davide Salvado: Para min ten moita conexión coas músicas do norte de África e coas culturas xitanas de todo o mundo. De feito, compartimos o modo frixio co flamenco. Constatei que tanto en Marrocos, por exemplo, como no resto dese espazo norte-africano e nas zonas onde a música xitana está expandida, hai unha clara cercanía co noso patrimonio musical.

Non creo moito que exista unha similitude tan forte como se comenta habitualmente entre a música tradicional galega e a chamada música celta. A miña experiencia persoal faime estar máis convencido das conexións que citei antes.

- Palavra Comum: Como ves a situação da música e d@s músic@s e quais os caminhos prioritários que deveria transitar?

- Davide Salvado: A nivel galego, e pódese estender tamén a outros ámbitos cercanos, paréceme que hai moitas persoas e grupos traballando con moita forza e calidade: hai proxectos, neste sentido, moi interesantes e enriquecedores. Ora ben, desde o punto de vista institucional ou empresarial, bótanse en falta apoios, percíbese unha falta de sensibilidade e recoñecemento cara toda esta forza que se manifesta desde a realidade da creación musical, tanto individual como colectiva, o que impide en grande medida unha comunicación directa co público, tanto co que xa ten agora como co potencial.

O camiño debería estar marcado sempre polo deber de non deixar de tocar nunca, de facer proxectos persoais -colectivos ou individuais- custe o que custe. Débese tratar de tocar música antes por amor que por diñeiro (sen deixar de ter en conta este segundo aspecto, mais en todo momento priorizando o amor pola música). Disfrutando profundamente con ela, contactando coa enerxía que posúe dentro de si, é como mellor se pode chegar á xente, ao público, e facelo partícipe da riqueza perceptiva e cultural que está ao noso redor, e no noso corazón.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual pode e deve chegar a ser- entre as diversas artes (música, literatura, fotografia, etc.)?

- Davide Salvado: Está todo unido, indiscutiblemete. A escultura tamén é música, como a literatura ou as artes plásticas e visuais. Por exemplo: eu vexo un cadro e sae unha melodía, ou póñome a escoitar música e convértese nunha escultura ou nun poema. Hai unha vinculación profunda entre todas as disciplinas artísticas, que, pola súa vez, están moi vinculadas tamén coa vida, no seu sentido máis amplo e profundo. A creación artística pode abrirse a calquera cousa que teña un concepto poético e musical no seu interior.

- Palavra Comum: De quem te sentes, criativamente, filho ou irmão?

- Davide Salvado: En grande maneira, crieime a min mesmo, seguindo o meu criterio persoal, aínda que me sinto moi vencellado, evidentemente, á música tradicional galega, mais seguindo sempre o que me chama con maior intensidade. Iso si, hai moitísima xente que influiu en min, na formación da miña sensibilidade e nas formas do meu traballo. Aí sinalaría, por acompañarme a súa arte en moitos momentos da miña vida, a Caetano Veloso e a Madredeus.

- Palavra Comum: Que projetos tens agora e no futuro imediato? Quais gostarias chegar a desenvolver?

- Davide Salvado: Estamos agora metidos no proceso de gravación do meu segundo disco, acompañado polos músicos Santi Cribeiro e Cristian Silva no acordeón e a percusión, respectivamente, e que está a realizarse con Pedro Pascual. Del sairá unha tiraxe pequena e numerada, cun formato vinculado a outras artes, como a escultura e a performance, e outra tiraxe máis convencional, para distribuír nos espazos de venda habituais.

Teño varios proxectos que gostaría de chegar a realizar nalgún momento, e que pasarían por relacionar a música coa arte contemporánea, especialmente coas artes plásticas, aínda que non é algo que considere posíbel facer nun prazo curto de tempo. Máis ligado coa música en si, encantaríame chegar a facer un disco de boleros.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

1 comentário

  1. 🕔 22:41, 29.Out 2014

    belemdatriga

    Fiz-me fanática dele na outra noite em Ourense. Agora, já…Percebe-se o tom trocista e é bonito o que se diz duma força criativa que pode dar numa escultura ou num bolero, e também o facto de valorar as criaçoes populares, mas desde o espírito popular, sem se importar de preservar, ou manter…mas oferecendo nessas suas revisioes um elo mais da cadea da tradiçao, o nosso, o de hoje.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *