“Galicia ten un pintor”: A obra pictórica de Manuel Colmeiro no contexto da arte galega (I)

“Galicia ten un pintor”: A obra pictórica de Manuel Colmeiro no contexto da arte galega (I)

0 comentários 🕔12:32, 29.Out 2014

Conferencia do autor, non publicada previamente, sobre Manuel Colmeiro, impartida no Museo de Pontevedra o 12 de decembro de 2008.

Dend’a derradeira eisposición Colmeiro xa se pode afirmar sen medo que Galicia ten un pintor; tan seu, tan representativo n-esta Arte coma o foi, cecáis, Rosalía na lírica (1)

Carlos Maside

Manuel Colmeiro (1901-1999), como é ben coñecido, pertence á xeración chamada na historiografía artística galega d’Os novos (Maside, Torres, Souto, Laxeiro, Suárez Couto, Fernández Mazas, Virxilio Blanco) coa que o proceso de modernización da arte galega, iniciado timidamente pola xeración de Castelao, dá un novo paso, enriquecéndose a nosa pintura cos influxos das diferentes vangardas, nun proceso que marcará a nosa evolución estética até o último terzo do século XX.

Colmeiro é un pintor que insire, simultaneamente, desde o inicio da súa obra os signos da cultura galega popular e os da arte internacional do seu tempo, manifestándose na súa produción unha fusión de ambos os ámbitos. O encontro entre a cultura erudita e mais a popular, que se reflicte claramente na arte galega a partir de Castelao, e en Colmeiro en particular, vai servir, no que atinxe a este último, como elemento nuclear para a súa construción pictórica, o que unido á intensa consciencia social e ao activo desexo de reconstrución da identidade acabará por conformar a súa obra.

A condición Colmeiro A morte, 1928periférica do seu proxecto artístico –no cadro do estado español e no xeral europeo- é un condicionamento e ao mesmo tempo un estímulo para construir unha nova linguaxe. Deste xogo de forzas vai xurdir a pintura de Colmeiro, que conseguirá afianzar a súa personalidade en tres ámbitos histórico-sociais que a porán a proba e someterán a diferentes retos: o período republicano; a Guerra Civil e o exilio que sufrirá como consecuencia da vitoria fascista, primeiro na Arxentina e máis tarde en París.

Cómpre lembramos que desde mediados dos anos vinte comeza a aparecer no espazo cultural galego un grupo de artistas renovadores, que se coñecerá so o nome d’Os Novos. Estes artistas incorporan unha nova sensibilidade vital e uns novos fundamentos estéticos, en paralelo ao que realizan escritores como Manuel Antonio ou Rafael Dieste, este último dinamizador cos seus escritos de reflexión estética do panorama pictórico, nun ambiente en que autoconsciencia e mais a singularidade están na orixe dunha actitude creativa que ten no compromiso social un referente fundamental.

A conformación desta nova xeración responde ao peculiar momento histórico que se vive e ás transformacións socioculturais de Galiza. A atmosfera adecuada que crearon os homes da xeración Nós (Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Castelao) para a mudanza, quer no terreo cultural, quer no ideolóxico, tivo unha importancia decisiva e posibilitará o nacemento dunha sensibilidade nova nun grupo de mozos pintores, narradores, poetas, musicólogos ou eruditos como Amado Carballo, Manuel Antonio, Luis Pimentel, Bouza-Brey, Maside, Souto, Bal y Gay, Dieste, Fole, Blanco Amor, Filgueira e, evidentemente, Colmeiro, todos unidos pola actividade e o pulo innovador no ámbito cultural.

Hai unha intensa afinidade entre algúns dos pintores deste tempo que singularizan esta época de novidades: todos nacen nunha concreta distancia cronolóxica (1891-1906) e están unidos por uns signos xeracionais definidores como son a súa orixinalidade e o seu entronque cos procesos de renovación pictórica que se adoitan denominar como “realismos de entreguerras”, factor que non exclúe un importante peso da tradición galega, en especial a popular, románica e barroca.

Coas súas obras, todos eles actualizan e modernizan a plástica, póndoa en relación coas grandes correntes europeas, en especial cos movementos figurativos que se desenvolven nos anos vinte e trinta, sen que iso implique a perda da súa singularidade. Lémbrese que nos anos vinte se asiste en Europa, especialmente en Francia, Italia e Alemaña, a unha reformulación artística de base clasicista –Le Rappel à l’Ordre- que modera os ímpetos radicais das vangardas, un fenómeno liderado en grande parte por artistas que elaboraran algúns dos movementos máis avanzados, como Picasso, Derain, Severini, Carrà ou De Chirico.

Como os diferentes realismos de entreguerras, o de Colmeiro e outros pintores galegos parte do recoñecemento de se sentiren herdeiros dunha tradición. Trátase dun patrimonio en que queren afondar procurando nel os aspectos esenciais, o que implica a súa modernización mais de xeito ningún a súa destrución. Nisto coinciden con outros fenómenos artísticos desta altura como o dos pintores italianos dos Valori Plastici ou a Neue Sachlichkeit (a Nova Obxectividade alemá), todos creadores que nestes anos ollan fixamente para as súas tradicións nacionais.

No que se refire á influencia sobre os artistas galegos da arte alemá, cunha forte consciencia social e crítica lembrou Luís Seoane:

Unha parte da mocedade española, concretamente da galega dos anos 20 ao 36, tense formado no coñecemento desta realidade e ademirado fondamente os nomes mais ilustres desa renovación. Dende Santiago de Compostela uns poucos seguíamos, do xeito que se podía, o desenrolo das novas escolas artísticas desa Alemaña que atopábamos en arte mais cerca da nosa sensibilidade que outros países. (2)

Os artistas galegos, que se senten herdeiros dunha tradición afastada dos ideais clasicistas, realizan desde finais dos anos vinte e durante o período republicano unha obra que quere recoller un modelo de arte identificado nitidamente como “galego”, finalmente definido como “estética do granito”, mais no que a marca do social ten un peso moi significativo. En moitos deles, como Maside, Souto ou Colmeiro, é o compromiso social o que posibilita que vexan a necesidade de crearen unha arte que combine renovación con compromiso; é a súa compoñente “socialista”, “proletaria”, a que moldea a súa linguaxe plástica, da mesma maneira que a literatura galega da época opta, en xeral, por unha renovación que prima a capacidade de conexión cunha sociedade necesitada de referentes positivos, cohesionadores. Todos eles comparten o interese en redefiniren a relación entre tradición e modernidade, un aspecto que subxace nos alicerces do movemento renovador galego (e tamén en boa parte das correntes internacionais desta altura, en especial en contextos periféricos, véxase como exemplo o caso iberoamericano (3). O obxectivo de tornar á herdanza do pasado como base sobre a que establecer a nova arte do futuro é, sen dúbida ningunha, a raíz que determina a súa adhesión ás tendencias renovadoras. Ao tempo, a idea de que, antes de trascender ao plano universal, a arte debía de estar arraizada nun país ou nunha cultura específica, tamén fixo parte dos obxectivos visualizados e deseñados por cada un dos artistas, que, neste sentido, non negan o legado intelectual da xeración Nós, aínda que o cuestionen en aspectos formais e en xeitos de concibir que é ser artista galego. Son ben ilustrativas neste sentido as palabras de Luís Seoane –nun texto en que cita concretamente a Colmeiro-, que en 1934 afirma que “é indudabre que o arte é internazonal pero o artista debe ser nazonal, e a sua obra terá a forza da realidade que o enmarque” (4).

En Colmeiro Campesiñas, 1928Manuel Colmeiro, marxista ortodoxo, non é o nacionalismo un freo para a súa radicalidade estilística, é, antes, a intensa preocupación social a que fai que vexa a necesidade de crear unha arte que combine renovación con compromiso. Naturalmente, e isto é ben evidente na súa obra e na de outros compañeiros de xeración, a temática galega é do seu interese, máis como vía cara a unha percepción fonda que por unha vontade puramente costumista. De feito, a interpretación da temática galega que realiza Colmeiro, dentro da chamada “estética do granito”, é en esencia un ollar e unha linguaxe que se afasta significativamente da imaxe compracida da pintura costumista anterior, mais tamén é unha imaxe que marca distancias co mundo intelectual da xeración Nós, daquela en pleno apoxeo, sen que supoña un enfrentamiento radical coa mesma. Neste sentido o testemuño contemporáneo do pintor Luís Seoane é ben esclarecedor. Seoane toma a Colmeiro e Maside como modelos dunha arte de forte contido social e de consciencia nacionalista:

D’unha paisaxe e d’unhas características humáns diferenciaes, nasce un arte diferenciado, o estudo da realidade fixo que hoxe nascese un arte absolutamente noso. Da nosa realidade campesiña, d’os anceios e as angurias d’os nosos campesiños –diferenciados nos seus modos de vida d’os de outros países– nasce un arte nazonal, cuia principal distinzón é o seu dramatismo profundo, e a imaxen estética n’esta forma –forma dramática– e soio vida porificada dentro da imaginación humán e reproietada por ela. Como un berro ou unha protesta levántase hoxe os persoaxes dos cadros de Colmeiro e Maside, persoaxes da nosa terra, cuia vida d’un dramatismo fero é problema absolutamente noso con caraiterísticas diferenciaes absolutas.
Iste arte novo, nazonal, xa non cabe na estreitez mezquina d’unha minoría adiñeirada simplemente ou inteligente; fai falla saír a eternizar o seu dramatismo, nas paredes e nos muros que o han de faguer profundamente popular. No arte influie a realidade da época c’as suas cativeces ou c’as suas grandezas, e o artista debe contribuir, ô desenrolo da concencia humán na medida d’as suas forzas. Isto non quere decir que o artista e o arte teñan de ser doctrinarios, bástalles con ser simpremente humáns.
(5)

As palabras de Seoane non deixan lugar a dúbidas sobre a recepción social da arte de Colmeiro, entendida como fondamente dramática, como comprometida (“Como un berro ou unha protesta levántase hoxe os persoaxes dos cadros de Colmeiro”); unha arte de clase e “nazonal”. Alén diso, a actitude descrita por Seoane coincide con boa parte da chamada xeración do 25 na literatura galega: Dieste, Amado Carballo, Manuel Antonio… e con outros pintores renovadores d’Os Novos (Souto, Torres, Laxeiro…). Hai unha clara diferenciación coas precedentes, mais en todos eles, como na maioría dos escritores e artistas galegos do seu tempo, agroma nitidamente a hexemonía do discurso de construción e vinculado ás ideas do nacionalismo rexeneracionista e ao compromiso social de esquerdas. Este feito deixa en segundo plano o concepto de trasgresión vangardista, unha idea, por outra banda, máis da década dos dez que dos vinte e trinta, anos estes no contexto internacional marcados pola relevancia que adquiren correntes realistas con forte carga ideolóxica.

Esta postura tendente a compatibilizar compromiso social, realidade nacional e cosmopolitismo representa unha mudanza importante, superadora da apertura dos membros do grupo Nós, máis virados para unha asunción cultural do mundo internacional moito máis focalizada (Irlanda, mundo céltico, Portugal). Pódese afirmar que a partir deste altura escritores e artistas galegos viven a súa dupla condición, nacional e global, de xeito moi semellante á relación que Octavio Paz establecía para a súa xeración en América cando afirmaba que “la poesía de la postvanguardia nació como una rebelión (…) Entre el cosmopolitismo y americanismo, mi generación cortó por lo sano: estamos condenados a ser americanos como nuestros padres y abuelos estaban condenados a buscar América o a huir de ella. Nuestro salto ha sido hacia dentro de nosotros mismos.” (6) A solución, por exemplo, do poeta Manuel Antonio parece partir dun punto semellante, orgullosa e inevitabelmente galego, fillo dunha xeración que procurou Galiza ou fuxiu dela, acha a súa saída na dupla solución do compromiso e a introspección. Estes conceptos tamén se poden aplicar a pintores como Colmeiro porque a súa pintura deste período é un efectivo “salto hacia dentro de nosotros mismos”. A arte de Colmeiro evidencia a diferenza de puntos de vista entre a súa xeración e a dos “pais”, como Castelao. A súa obra reclama a súa condición de herdeiro da tradición cultural propia, o que non quere dicir que a asimile sen crítica, fronte ao culto á tradición, por exemplo, de Castelao. Alén diso, Colmeiro asume irreversibelmente a súa condición de pintor galego por riba de todo, categoría que os contemporáneos lle conceden case que como paradigma. Eis o coñecido texto de Carlos Maside, publicado na revista Nós, en que, refiríndose a Colmeiro, afirma que “dend’a derradeira eisposición Colmeiro xa se pode afirmar sen medo que Galicia ten un pintor; tan seu, tan representativo n-esta Arte coma o foi, cecáis, Rosalía na lírica” (7)

Hai,Colmeiro Vagón, 1930 igualmente, que ter en conta que nestes anos, en paralelo á irrupción de artistas como Colmeiro ou Maside, se produce un intenso debate en Galiza sobre o tipo de arte e literatura, un fenómeno que ten en Rafael Dieste –auténtico teórico dos pintores novos- un referente, e que desde as páxinas do xornal vigués El Pueblo Gallego aposta por unha renovación que cuestiona os presupostos estéticos da xeración Nós, en especial os postulados etnicistas e conservadores do nacionalismo risquiano. Dieste, sen se afastar da reivindicación nacional, afirma a compatibilidade do nacional e o universal, a necesidade dunha pintura “pra Galiza” que poida ser tamén unha pintura “pra o mundo”. Nun artigo publicado en El Pueblo Gallego, o 26 de febreiro de 1926, “Arte galego do século XX”, di:

Para sermos galegos non temos que faguer esforzos. Que os pintores pinten o millor que poidan, que deprendan eiquí e fora, que os amantes da pintura afinen o seu xuicio estético, e a pintura galega (a do século XX, que é a que máis nos atingue polo dagora) será un feito, sempre que non se esquenza o seguinte: pintura galega, de hoxe e de mañán, será sempre a dun conxunto de pintores que ao pintaren o mellor que poidan «pra Galiza» coiden tamén faguelo o mellor que se poida pra o mundo. (8)

A obra de Colmeiro do período inmediatamente anterior á proclamación da República e dos anos que van de 1931 a 1936 responde a estas coordenadas e evidencia, xa que logo, o seu intenso compromiso social e a súa forte carga crítica, ben clara en óleos como A morte (1928, colección Familia Colmeiro) ou Catástrofe na mina (1929, colección Familia Colmeiro). Reflicte unha toma de postura ideolóxica republicana e de esquerdas. A súa pintura vai expresar tamén, inevitabelmente, o seu coñecemento do ambiente dos “ismos”, mais tamén patentiza a procura dunha linguaxe que se afaste do simple cosmopolitismo, que conecte coa realidade galega, creando peculiares lecturas da modernidade, en contacto coa tradición románica e coa arte popular como algúns dos resortes temáticos e formais. A “estética do granito” será a concreción plena destas buscas, facendo que a súa obra acabe por ter unha ampla repercusión en todo o país e unha recepción singular, como amosan os textos dedicados a el por pintores como Maside ou Seoane ou as páxinas de critica de Rafael Dieste.

NOTAS
(1) Maside, Carlos, “Eisposición Colmeiro”, Nós nº 130, Ourense, outono, 1934, páx. 154-155.
(2) Seoane, Luís, George Grosz, O Castro, Sada, Pubricaciós do Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro, 1975, sen paxinar.
(3) Sobre esta cuestión, ver o catálogo da exposición Heterotopías. Medio siglo sin lugar: 1918-1968, Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 2000, comisariada por Mari Carmen Ramírez e Héctor Olea.
(4) Seoane, Luís, “Un arte da terra”, en Alento, setembro de 1934, páx. 43-45.
(5) Seoane, Luís, Op. cit., páx. 43-45.
(6) Paz, Octavio, Los hijos del limo, Barcelona, Seix Barral, 1987, páx. 210.
(7) Maside, Carlos, “Eisposición Colmeiro”, Nós nº 130, Ourense, outono, 1934, páx. 154-155.
(8) Dieste, Rafael, Textos e crítica de arte. Edición de Mª Antonia Pérez. Vigo, A Nosa Terra, 1995, páx. 33.

Sobre o autor / a autora

Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *