José Luis Abalo / Fotografía con retorno / 4 – O descanso para algún fotógrafo…, Xosé Enrique Acuña / Texto

1 comentário 🕔16:00, 05.Nov 2014

O descanso para algún fotógrafo, non é descanso, é fotografía. O momento para repasar disparos estragados ou instantes decisivos, fantasiar con encadres, picados e contrapicados ou para soñar, fantasía necesaria, con que o azar se apareza vestido de etiqueta, coa mellor das súas sorpresas, e sempre en branco e negro. Minutos reflexivos para que o fado decisivo, sempre a depender da ventura, logre encaixar as frialdades do formato e da óptica para converterse, nun chisco de obturador, en imaxe fixa de sentimento e emoción. Aquel día, moito recibira. O fotógrafo, peregrino como outros, viaxou a unha meca con nome de cidade francesa. El e tantos, os chegados a Arles, a percorrer en lícita comparativa ou con lexítima aprendizaxe todo un agradecido, por veces sobredoses, roteiro de reportaxes e retratos. Unha confrontación de consagrados, iniciados, tamén diletantes, que alí arribaron na procura de inspiración ou para cotexar ou confirmar o valor de traballos, os propios, previamente realizados. No cuarto dun vello hotel —cantos fotógrafos coma el ocuparían antes aquela cama— a euforia acada recompensa. Diante do espello dun armario máis de antano que daquela, e ao ditado que lle esixen os vatios dunha simple lámpada de 1988, un diafragma ábrese ou péchase. Clic.

Sobre o autor / a autora

1 comentário

  1. 🕔 17:31, 05.Nov 2014

    Marcos Ferreiro

    Fabuloso post.

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *