Entrevista a Carlos Botana

Entrevista a Carlos Botana

0 comentários 🕔17:30, 26.Nov 2014

- Palavra Comum: Que é para ti a arte?

- Carlos Botana: Toda a miña vida estiven perto da arte, dende moi novo xa comecei a traballar na publicidade como deseñador gráfico, ademais da pintura e outras disciplinas artísticas.

Comparo a arte cun amor non correspondido. Esa musa que ás veces se vai, e logo volve,
ou tarda moitísimo en facerche caso. A min abandonoume certo día e non volveu ata dez anos despois.

Non sei se saberei o que é a arte para min, pero si sei que sen ela non tería unha vida: aventureira, creativa, interesante, buscando a beleza que levar aos meus lenzos.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação cultural e artística?

- Carlos Botana: Como dixen antes, é moi dura a relación con esa musa, ás veces cruel. Pero tes que aproveitar os momentos que está perto de ti e quitarlle todo o zume que poidas. A min cústame moito ese proceso.

- Palavra Comum: Qual Carlos Botana Peixe pescadorconsideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as artes plásticas e as outras artes (literatura, música, audiovisual, etc.)?

- Carlos Botana: A pintura é a miña paixón, pero envexo os poetas, envexo os fotógrafos, envexo a música… Polo mesmo, eu tamén me mergullo ás veces na fotografía, na gravura…

Considero que moitas veces me axudan a ver outra realidade, ou buscar novos temas a realizar.

- Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo?

- Carlos Botana: Non me gusta poñerme etiquetas ou mellor dito, prefiro que mas poñan os demais. Dame o mesmo.

Influíronme moitos artistas, tendencias e maneiras de facer arte. Non só pintores, tamén escultores, fotógrafos, directores de cine, poetas e poetas visuais…

O que si é certo é que os dadaístas e surrealistas foron os que máis marcaron a forma de construír a miña arte.

- Palavra Comum: Achas que é, em geral, suficientemente (re)conhecido o vosso trabalho cultural?

- Carlos Botana: En países como o noso, ou mellor dito, en gobernos e políticas como as do noso país, creo que nunca se recoñecerá o noso traballo. Somos nós mesmos os que temos que movernos e buscar aquí e alá, a forma de ensinar e expor a nosa arte.

O mellor de todo: a xente que vai ver os teus traballos, que te apoia e che dá forza para seguir adiante.

- Palavra Comum: Que Carlos Botana Horizonte2caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade hoje?

- Carlos Botana: Pois un exemplo é outra das miñas paixóns: a Arte Postal (Mail-art). Dende hai moitos anos veño tendo relación con este mundiño de intercambio entre artistas de pequenas artes polo correo ordinario.

En países como Francia e outros máis, a Arte Postal practícase nos colexios, polo que os nenos dende moi cativos aprenden xa esta forma de facer arte e comunicarse con nenos doutros colexios, cidades ou países, cando aquí case non se coñece.

Este sería un exemplo do que se pode facer na nosa terra, pero con todo tipo de arte: comezar a partir da escola.

- Palavra Comum: Mais em concreto, fala-nos do mail-art…

- Carlos Botana: Nos primeiros anos da década dos oitenta descubrín a Arte Postal (Mail-art), cando un grupo de artistas da Coruña “La Galga” fixo unha chamada para montar unha mostra desta arte no bar “O Patacón”. Quedei sorprendido coa resposta dos “mailartistas” de todo o mundo que encheron as paredes do local. Traballos de todo tipo, e moitos dunha grande calidade.

O Mail-art é un intercambio de traballos entre diferentes artistas, ou de simple comunicación entre eles, utílizando o correo ordinario. É un movemento que puxeron en práctica os dadaístas alá polos anos 50: Tristan Tzara, Marcel Duchamp e Man Ray, entre outros. E poucos anos despois o grupo “Fluxus”, con Ray Johnson, déronlle máis forza a esta arte.

Neste movemento mestúranse todas as disciplinas artisticas: debuxo, pintura, fotografía, poesia e todas as formas de envio polo correo: sobres manipulados, postais, selos, cuños, debuxos, fotos, pinturas, colaxe, poesía visual, libros de artista, obxectos 3D…

Moitas veces nin sequera se cumpren as normas establecidas e xógase un pouco coa complicidade do servizo de correos ou do propio carteiro.

O espírito da Arte Postal rompe con toda convención social. Non hai selección, non se poñen á venda as obras, non hai xurados, nin críticos, nin galeristas, nin premios. Ten total liberdade de expresión, unha práctica poética invisible para o mundo da arte. Unha utopía realizable e realizada.

- Palavra Comum: Que Carlos Botana Andante1projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Carlos Botana: Sempre teño pendentes cousas por facer. As máis próximas, podo dicir que un proxecto para expoñer en Londres, Ullapool (Escocia) e A Coruña,
co titulo Port-able.

Tamén unha serie de exposicións entre tres pintores e un escultor en varias cidades galegas. O tema destas mostras será, como sempre, “O mar”, que é unha constante na miña obra. Gostaría de pintar as paredes do muro de abrigo da Coruña cheas de percebes.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Carlos Botana: O que penso, e o que me gostaría, é que seguísedes así. Creo que temos que ser nós quen construamos iniciativas como esta. Parabéns pola publicación!

NOTA: a fotografia que acompanha esta entrevista é de Xacobe Meléndrez Fassbender.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *