<em>Noites malva no Whisky club (Poemas da melancolía) I</em>

Noites malva no Whisky club (Poemas da melancolía) I

0 comentários 🕔10:30, 26.Nov 2014

I

A melancolía é como o pouso
dun licor, que deixa nos beizos das lembranzas
un recendo evocador…
Un sabor exquisito e amargo.
É algo así como soñar
un barco grande e branco, aló na distancia.

Sosténdose coa alma no canto do mar.

II

Esvarábamos pola pista cadenciosos.
Todo o amor do mundo colgado das miradas
e, o beixo, ese primeiro bico que aínda non nos deramos
xa a piques de florecer…
Bailabamos
e escoitabamos con unción
a canción do momento.
Entrambos pensabamos
que fora escrita
e musicada só para nós.
Preludio dunha felicidade duradeira
que, coma o beixo aquel
que parecía tan inminente,
xamais chegou a suceder.

Sinto a choiva esvarar pola miña tristeza.
Cantabamos cada un polo seu lado.
Mentres víamos pasar tras dos cristais
a monotonía gris do inverno.

III

Despedíronse con mágoa o último día do verán.
E, como lle prometera, ela escribíalle todas as noites
unha carta de amor. Dende o mesmo lugar onde se coñeceron.
e pasaron noites tan felices: danza que te danza, bebe que te bebe.
No Whisky club. Paraíso dos encontros inesperados, das citas a cegas
e dos amores bautizados con cócteles Manhattan e San Francisco.
Recanto malva, santuario en penumbra,
onde escoitar música, e ás veces escoitarse
e sentir a urxencia inmediata de facer o amor…
Aquela carta, a última, achantou co peso das súas mentiras.
Mentres coa lingua rosa pechaba o sobre
sentiu polos adentros un lume abrasador…
Foi o impacto daquela ollada, que a deixou tan exhausta como núa.
Botou un grolo por disimular.
Na pista soaba jazz…
Bailamos? -Pronunciou el moi quedo.
Tendéndolle as mans.
Seguiuno, presa xa daqueles ollos
que eran lampos e caricias.
Ollos de veludo azul.

IV

Sentado na barra do club
contemplábame triste
na superficie malva dun espello,
empeñado en reflectir,
sen variacións, a miña soidade.
E por moito que tentaba verme nel
unido á imaxe que adoraba, teimudo, aquel espello
negábame sempre esa visión.
E ,anoxado, apuraba o derradeiro whisky
que sempre me deixaba un pouso amargo.
Agochado na última pinga de licor.

V

Sempre
acababa perdéndome e reencontrándome
no Whisky club.
Onde pasaba as noites escribindo nos panos de mesa
versos malva e haikus verde mar.
Asinábaos logo con fume, entre licor de granadina, menta e pacharán;
música azul, saloucos e murmurios,
lámpadas que tremelucían
e notas de piano que sabían voar.
Sempre
No Whisky club, eu, alma solitaria
perdéndome, e reencontrándome,
volvíame poeta ocasional.

VI

O Whisky club
era para min un santuario
onde podía, téndoos tan preto,
illarme dos demais.
E acubillarme na burbulla dun soño
sen que ninguén ousase espertarme.
Entón, vestida con farrapos de música
prendidos das costas como se fosen ás
aparecía ela. Líbélula de seda.
Lágrima de iris… Pétalo nu.
-Dicíalle eu, coa alma bañada en licor.
Mentres seguía a cadencia dos seus pasos
e xiros pola pista.
A ritmo de swing.

VII

A voz do saxo
na noite profunda de veludo azul, penetrándonos…
Murmuráballe eu a aquela moza, boneca loura
vestida de lamé, voluta prateada, que na pista
xiraba sutil entre os meus brazos, allea a todo o que non fose
sentir a súa pena, espiña de metal, atravesándoa.

Danzábamos; mais ela tan distante.
Unida a min tan só
naquel momento fuxitivo
pola triste cadencia dun blues.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *