<em>O pacto</em>

O pacto

0 comentários 🕔12:30, 10.Dez 2014

Soñaba? Eu estaba alí, baixo o sorriso da lúa, nunha noite espectacular, en que ceo e mar, mesmo as almas que me rodeaban brillaban coma satén azul.
Espertei… Chovía, e abrín os ollos á mañá. Unha mañá que enturbaba os cristais da fiestra con cinsa. “O de onte foi unha tregua” -pensei-. Asistir aos premios dun prestixioso concurso literario nunha illa, coñecer xente interesante, escoitar boa música, a cea servida con magnificencia nun xardín. E a luz, esa luz única dun atardecer de verán prolongándose infinita, tinxindo de ouro as follas das árbores, o aire, as ondas do mar, sempiterna luz, resistíndose a morrer. Quixen gardala toda dentro de min. Necesitábaa para iluminar a miña escuridade.
Ao regreso, ía moi calada. E cansa tamén. Ducheime, metinme na cama e tentei ler. Denantes de tocar o libro, aspirando a brisa salgada que entraba en refachos pola aberta ventá, mergulleime no pozo do sono…
Soñaba… Aínda estaba aló, na illa, envolta na penumbra do xardín silencioso. Todo o mundo marchara. A marea subira. Alporizadas, as ondas viñan bater contra o illote, e asolagaban o xardín. As mesas navegaban coma barcas á deriva, barcas cubertas de manteis brancos, cheas de pratos e copas baleiras. As flores e as plantas fuxían enleadas coa marea.
Os aplausos, as risas, a música morreran. O tempo, un tempo circular tíñame encadeada. Malia estar nunha illa pequena e deserta, onde flotaba o espectro dun momento feliz, só era unha invitada máis. “Nunca, -pensei- por moito que presente obras dignas aos concursos, obterei un importante primeiro premio. Só a maxia da illa, o recendo mareiro, as horas de sol, rodeada de xente amable, de sorrisos, fixéronme vivir unha fermosa ilusión…”
El aparecéuseme esta noite, os ollos sedutores, o sorriso iluminado por un lampo. Soñaba? Era terso, atractivo e infernal. Tiña o poder, todo o poder… Comprendino de contado.
– Que me ofreces a cambio de recuperar orixinalidade, frescura e sinceridade nos teus textos acartonados, para poder así gañar unha chea de premios literarios?
Pareceume que iso de lle ofrecer a alma ao maligno xa estaba gastado de máis. Ao fin, a alma é un algo intanxible; nin sequera ten a consistencia dunha simple folerpa, e como ela, non ben bule no aire, derrétese, ata converterse nunha nada inmediata.
– Que me ofreces? -Volveu repetir impaciente o fermoso diaño.
– Corpos, corpos, díxenlle repentinamente iluminada. A cantos se me acheguen, arrastrareinos, embruxareinos, ata poñelos aos teus pés na antesala do inferno. Corpos, ofrecereiche corpos masculinos a moreas. Todo un catálogo completo e variado, carnaval de caracteres e personalidades, dende o máis inocente ata o máis depravado, prométocho, todos, todos serán teus… Terás toda unha lexión de novos amantes e escravos.
Soñaba…

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *