<em>Terfysg</em>: traducindo ao galego <em>Perturbación</em>, do poeta galés Ifor ap Glyn

Terfysg: traducindo ao galego Perturbación, do poeta galés Ifor ap Glyn

0 comentários 🕔13:30, 10.Dez 2014

Bangor é unha cidade do condado de Gwynedd, no norte do País de Gales (Gogledd Cymru, en galés). A pesar de ser unha das máis pequenas do Reino Unido, Bangor conta cunha universidade, fundada en 1884, e pola cal recibe o alcume de Dinas Addysg (“a cidade da educación”). En 2006, e da man da profesora e investigadora Helena Miguélez Carballeira, a Universidade de Bangor inaugurou o Centre for Galician Studies in Wales, que forma parte do departamento de linguas e culturas modernas. Este é o único Centro Galego en Gales, que ademais de impartir docencia na lingua e cultura galegas, ten organizado numerosos eventos para celebrar a cultura galega en Gales. Por Bangor pasaron escritores e escritoras coma María do Cebreiro, Chus Pato, María Reimóndez, Xavier Queipo ou Mario Regueira.

Despois de traer a cultura galega ao norte de Gales ao longo destes anos, e grazas a unha iniciativa da lectora de galego Lorena López López, o Centre for Galician Studies in Wales vén de levar un anaquiño de Gales a Galicia. Trátase da publicación dunha edición bilingüe dun poemario do autor galés Ifor ap Glyn, dentro da sección “Voces de fóra” da revista de expresión poética Dorna. Como membro do comité de redacción da revista, Lorena propúxonos a Phil R. Davies e máis a min a tradución dunha escolma de poesía galesa. Phil é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Birmingham e está e facer un doutoramento na School of Welsh en Bangor, que ten como tema a comparación dos nacionalismos galés e vasco. Pola miña banda, eu son profesor titular do departamento de Estudos Hispánicos na mesma universidade, á que cheguei en 2005 coma lector de castelán.

A idea2014 12 Bangor University era pois a de facer un traballo conxunto que nos permitise levar un exemplo significativo de poesía galesa ao galego, algo que no noso coñecemento só se tivera feito unha vez con anterioridade, nas antoloxías Vinte poemas galeses, traducidos por Ricardo Palmás e publicados en 1988 por Edicións do Castro, e No país da brétema / Gwlad y Cymylau, traducido por Xavier Frías Conde e publicado en 2004 por VTP Editorial. A primeira decisión que debíamos tomar era a da escolla de textos. Decidimos traducir poemas que fosen contemporáneos, e tendo en conta a variedade temática da poesía galesa actual, pensamos que sería interesante traducir unha serie de textos que puidesen, de algún xeito, amosar un vínculo ou semellanza con Galicia. A resposta chegou da man do poemario gañador do Coron (Coroa) do Eisteddfod celebrado en 2013. Coma explicamos na nosa pequena introdución aos poemas, o Eisteddfod é un festival cultural e literario de grande importancia en Gales, cuxas orixes se remontan á Idade Media e ás competicións poéticas entre bardos. Seguindo esa tradición, e dentro do festival, convócanse certames de poesía en metro (chamada Cynghanedd) e poesía en verso libre, sendo o Coron o galardón recibido na segunda destas competicións. Os textos presentados ao concurso deben xirar en torno a un tema proposto pola organización e non deben exceder os 250 versos. O gañador de 2013 foi Ifor ap Glyn, un poeta consolidado (de feito xa gañara o Coron en 1999) que tamén ten sona como produtor e presentador de televisión. O tema escollido no 2013 foi “Terfysg”, que decidimos traducir coma “Perturbación”, e foi utilizado polo autor para expresar a súa reacción emocional aos resultados do censo nacional de 2011, no que se mostraba un descenso no número total de falantes de galés de 582.000 a 562.000, ou o que é o mesmo, de 21% (en 2001) a 19%. Estes resultados, que foron recibidos con pesimismo e preocupación por parte do goberno galés e dos activistas que defenden os dereitos legais dos galés-falantes (como por exemplo a Cymdeithas yr Iaith Gymraeg ou Sociedade da Lingua Galesa), contrastaban co optimismo dos anos previos. Dito optimismo fora debido aos resultados positivos do censo en 2001, ao grande traballo feito ao longo da década para impulsar o uso da lingua, e á convicción dentro da comunidade de que a situación do galés ía mellorar inevitablemente. Porén, os resultados reflectiron unha baixada no número de falantes, mesmo en zonas do norte onde o galés é lingua maioritaria (os condados de Gwynedd e Ynys Môn), e un descenso a menos dun 50% de galés-falantes por primeira vez nos condados de Sir Gâr and Ceredigion, no sur do país. Namentres se produciu un aumento no número de falantes nas idades de 3 a 5 anos (grazas a que o galés se converteu en materia obrigatoria até os 16 anos e á maior proliferación das Ysgolion Cymraeg ou “Escolas Galesas”, onde é a lingua de ensino) os resultados do censo suxiren que o uso cotián do galés descende unha vez que os falantes rematan a súa educación. Os factores que se barallaron para explicar este descenso foron variados: que os pais non lles falaran en galés aos seus fillos/as, a morte dos falantes máis vellos, a baixada da natalidade, o abandono da lingua por parte dos máis novos, e tamén a influencia da inmigración (sobre todo dende Inglaterra), que sitúa a Gales coma o segundo país europeo con maior poboación nada fóra das súas fronteiras (un 26%), despois de Luxemburgo. Desgraciadamente, e a pesar das diferenzas coas cifras totais de falantes e na actitude dos seus respectivos gobernos, a situación do galés e a “perturbación” ocasionada polos resultados do censo de 2011 pode ser ben entendida dende Galicia, especialmente despois da Enquisa de condicións de vida das familias publicada recentemente polo IGE.

A “perturbación”2014 12 Caernarfon 1 expresada por Ifor ap Glyn despois da publicación do censo (“as súas cifras non se deben ler/despois da medianoite”, di no primeiro poema, “Escachar”), lévao a repasar unha serie de espazos emblemáticos para o galés, coma se tratase dun paseo dende as orixes da lingua até o momento presente. O poemario transpórtanos por exemplo a Ystrad Flurr, o mosteiro cisterciense do condado de Ceredigion, centro cultural do galés na Idade Media e onde está supostamente enterrado Dafydd ap Gwilym, o famoso poeta do século XIV. O poema “Afogando a colleita” céntrase pola súa banda na vila de Capel Celyn no val de Tryweryn, que foi inundado en 1965 por orde do goberno inglés para crear una presa que abastecese de auga á cidade inglesa de Liverpool. Capel Celyn era unha das poucas vilas monolingües e a decisión de asolagala tivo un grande impacto político, que mesmo levou a unha subida no apoio ao partido nacionalista galés, Plaid Cymru, a finais dos anos cincuenta. A historia de Capel Celyn aparece tamén nunha canción do grupo galés Manic Street Preachers, chamada “Ready for Drowning” (“Preparado para afogar”). Outro dos lugares mencionados no poemario é o barrio de Peblig, en Caernarfon (vila que é a residencia actual de Ifor, que foi nado en Londres no seo dunha familia galés-falante). Neste barrio, coñecido polas súas dificultades económicas (o que desgraciadamente é común a moitos núcleos de fala galesa) o resultado do censo deu un 87% de galés-falantes. A voz lírica pregúntase se será posible construír “unha fortaleza/ perpetua aquí, onde as fiestras son tan cegas coma o futuro”. A resistencia e o activismo lingüístico dos galés-falantes de Caernarfon tamén ten sido comentado por Mario Regueira no seu blogue “O porto dos escravos” , despois da súa visita a Gales no 2014.

A2014 12 Dorna maior parte dos poemas da colección están cheos de imaxes de desesperanza, expresada a través de visións e pesadelos, zunidos nos oídos, igrexas en ruínas, e tamén de violenta protesta, o que pode ser outra forma de perturbación: a queixa, a revolta, a resistencia, facer ruído para que se escoite a voz propia no balbordo causado polos resultados do censo. A voz lírica esgaza o dicionario, critica a poesía ancorada na rixidez métrica pero baleira de forza (os poetas que escreben en Cynghanedd son aquí representados coma xardas mortas na mesa do peixeiro) e amosa o seu desgusto e desconformidade con algunhas das medidas tomadas polo goberno galés, por exemplo a insignia laranxa en forma de vírgula que leva a palabra Cymraeg (lingua galesa), e ten o propósito de que os galés-falantes poidan identificarse entre eles en lugares públicos para usar a súa lingua. Fronte a esta medida, a voz lírica exclama que “Oxalá faláramos galés coma un cego,/ coa lingua bendita coma un caxato branco na nosa man!”, e parafraseando a Saunders Lewis, escritor e fundador do Partido Nacionalista Galés, remata dicindo que “Só a través da ledicia revolucionaria chega a vitoria…”. Este verso condúcenos de xeito harmonioso cara o derradeiro poema, “O merlo”, que remata a colección cunha mensaxe esperanzada que contrasta co resto do poemario, e no que o canto do paxaro incita á voz lírica a “comezar una revolución de sorrisos”, xa que “o mundo enteiro é unha canción,/ e habería un oco desesperado na súa música/ se faltasen as notas da nosa melodía”. Quizais este final cheo de música e optimismo despois do trebón do censo remita a un dos poucos resultados positivos da enquisa: pese á baixada no número de falantes de galés, o sentimento de identidade nacional creceu na poboación galesa até chegar ao 66%. O sorriso e a ledicia coma armas revolucionarias talvez sinalen tamén unha actitude (e un desexo) de usar o galés dun xeito natural e non artificial, espontáneo e fermoso coma o canto do merlo.

A tradución ao galego de “Terfysg” publicada por Dorna será presentada oficialmente na Universidade de Bangor o vindeiro 17 de decembro. Haberá tamén un novo acto a finais de febreiro que contará coa presenza do poeta.

Sobre o autor / a autora

David Miranda Barreiro

David Miranda Barreiro

(Galiza-Gales) David naceu na Coruña, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica. En 2005 emigrou ao País de Gales. Tras obter o seu doutoramento, acadou a praza de profesor titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor. Xunto con Martín Veiga, é co-editor da revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies. Ademais da súa actividade académica, David foi membro de diversos grupos musicais, entre eles Nouvelle Cuisine. En 2011 publicou un disco con María do Cebreiro, titulado ‘Lembrarás este cuarto?’(https://bangor.bandcamp.com/album/lembrar-s-este-cuarto).

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *