Entrevista a Craig Patterson

Entrevista a Craig Patterson

0 comentários 🕔16:30, 17.Dez 2014

- Palavra Comum: Como ves a situação actual da cultura galega?

- Craig Patterson: Mal. A cultura galega é sinónima, aínda hoxe, da lingua galega, e sabemos todos como anda de saúde: padece dun cancro cosmopaleto, incivilizado e filisteo. Desapareceron xornais e outros órganos da cultura. Si, sobreviven institucións, pero a que prezo? Coas últimas cifras publicadas sobre o uso do galego na sociedade, queda máis que claro que fracasou por completo esa política por parte das institucións culturais galegas de “entenderse ben” co goberno de Feijoo e os seus axentes. Non freou o dano que lle fai á cultura galega a política destrutiva do PP en Galiza. No mellor dos casos, semellante iniciativa por parte dos representantes das institucións culturais galegas representa unha boa vontade desviada, mal investida, mesmo equivocada. No peor dos casos representa unha complicidade calculista da máis noxenta, que permite aos individuos en cuestión trepar en diversos sentidos mentres a lingua e cultura galega retroceden cinco anos por cada ano sufrido deste goberno en termos da súa normalización. Si, hai resistencia e supervivencia, pero que non nos quede a menor dúbida: se non poñemos fin a este abuso dos dereitos civís dos cidadáns galegos, non haberá lingua galega na que asentar unha cultura relevante e autóctona. A Galiza promovida polo PP de Feijoo é unha Galiza restrinxida, menor, diluída, paternalista, pre-moderna, inxusta. Galiza e os galegos merecen máis: merecen a plenitude do seu ser e do que poden chegar a ser.

- Palavra Comum: Em que mudou (ou se confirmou) o que percebias da cultura galega antes de residires na Galiza?

- Craig Patterson: Cheguei por primeira vez a Galiza no ano 1995. Vivín en Galiza durante os anos 1996-97. Despois, ía e volvía ás veces en seis ou sete ocasións cada ano, botando algunha longa estancia cando iso era posible. Vin aquí vivir de novo en setembro de 2013. A verdade é que non cambiara en grande parte a miña perspectiva sobre Galiza. Sen dúbida, antes da época Feijoo, vía as cousas con máis optimismo, postura imposible e irresponsable hogano. Vexo cada vez máis un estancamento no liderado das grandes institucións da cultura galega, unha falta de promoción das novas xeracións e un monopolio por parte dos señores maiores do poder institucional. Os resultados vémolos e vivímolos case tódolos días. Vexo demasiada dependencia case colonial das subvencións gubernamentais e unha ausencia de autonomía nos sectores culturais. Vexo unha falta de compromiso por parte de individuos e cidadáns que apoian outros dereitos civís ou mesmo causas internacionais, pero que pasan de falaren ou consumiren galego durante a súa vida cotiá. Vexo unha falta de coherencia ética por tantos creadores e supostos defensores da cultura e lingua galega que andan cunha proximidade moi calculista aos axentes do lingüicidio político e social. Vexo, en fin, unha pervivencia de condicións e situacións que teñen a súa orixe nunha colonialización antiga cuxos efectos nefastos seguen a repercutir ata hoxe en día e de maneira rotundamente negativa para a grande maioría dos cidadáns galegos. Non vexo, de momento, unha política ou liderado social capaz de superar esta longa noite de auto-odio colectivo. E vexo menos nenos falando galego, menos mozos, e menos xente en xeral. Galiza pode ter de todo, cun pouco de sensatez, convivencia, apertura e esforzo; pero opta, ocasión tras ocasión, por aceptar menos e subestimarse a si mesma. Hai que romper esa dinámica. En fin, adoro e odio Galiza, sentimentos normais nunha intensa relación amorosa, e farei calquera cousa por ela.

- Palavra Comum: Que relevância tem, do teu ponto de vista, a projecção internacional de Galiza?

- Craig Patterson: Sexa Galiza, Madagascar ou Finlandia, a proxección internacional de calquera país en termos sociais, culturais e comerciais é necesaria e construtiva. Representa unha tentativa de dialogar cos demais, de mellorarse por ben da súa propia poboación e a humanidade enteira. E cando se trata dunha nación sen estado, aínda máis. Galiza pode conseguir máis investimento, traballo e recoñecemento da súa identidade única a base dunha forte e decisiva proxección internacional realizada por institucións que a poñan como primeira prioridade por riba de todas as demais. Dende logo, iso non vai ser o caso co goberno actual, que mesmo chega a distorsionar a realidade galega diante dos observadores internacionais, cando non os ignora. E así serán lembrados ao longo da historia: os asasinos dunha lingua que non se podía defender axeitadamente diante das súas agresións.

- Palavra Comum: Que obras e autor@s botas em falta estar traduzid@s para outras línguas, nomeadamente o inglês?

- Craig Patterson: Coa experiencia de traducir A Esmorga ao inglés, decateime da necesidade de traducir máis obras de Eduardo Blanco Amor a esta lingua, e mesmo tamén a outros idiomas. O Sempre en Galiza de Castelao está listo, e agardando o momento oportuno para ser editado. Tamén en termos dos clásicos, Otero Pedrayo, a mente máis brillante daquela época ou calquera que xerou Galiza, aínda non dispón dunha escolma de obras traducidas a outras linguas. No tocante os autores actuais, creo que a obra de Eva Moreda é moi interesante e merece unha tradución, coma a de Miguel Anxo Murado.

- Palavra Comum: Como afrontas o teu trabalho como tradutor? Que é o que mais te atrai deste labor?

- Craig Patterson: Traballar como tradutor é como traballar como escultor (supoño, porque nunca fun escultor…). Consiste en moito traballo laboral, con toques artísticos. O que máis me atrae é a posibilidade de espallar a cultura galega polo mundo, xa que as únicas obras artísticas que traduzo son galegas, en lingua galega. Ademais, teño a impresión ou máis ben sensación de iniciar un diálogo co autor cando mergullo nunha tradución, de pórme os seus zapatos e chegar a entendelo algo mellor dende a súa propia postura e perspectiva. Iso pasoume sobre todo con Castelao, durante as moitas horas que naveguei polo mundo do Sempre en Galiza. Síntome afortunado de ter semellante experiencia.

- Palavra Comum: Que vinculações existem, para ti, entre a cultura (num sentido amplo) galega e outros espaços culturais (Lusofonia, Países Atlânticos, etc.)? Que outros espaços faltariam por contactar mais intensamente?

- Craig Patterson: Galiza ten, obviamente, moito en común con calquera cultura ou país que vive á beira do mar, especialmente o Atlántico. E con calquera espazo cultural e político que sufriu a colonialización e mailas súas consecuencias a longo prazo (sexa en Europa occidental, África, Asia, América Latina, etc.). O espazo cultural co que Galiza debería vincularse máis é o lusófono, dende logo, e por unha chea de motivos e razóns, todos eles beneficiosos. Como calquera pequeno país que pretende acadar os seus propios retos e conquistar a xestión dos seus propios asuntos.

- Palavra Comum: Que caminhos achas interessantes para a língua e cultura galegas hoje?

- Craig Patterson: Sobrevivir. Conseguir unha defensa apartidaria dos seus intereses por parte das grandes institucións do país, sexan culturais, políticas, comerciais ou bancarias. Achegarse a máis seccións da poboación e convencelas para apertala, falala e defendela como símbolo da defensa dos valores civilizados, da tolerancia e convivencia, cando non dos dereitos humanos. Vincular o concepto de orgullo lingüístico á sustentabilidade nacional, cultural e comercial. Vivir o galego, vivir en galego con toda a normalidade posible. Non se debería aceptar menos ca iso.

- Palavra Comum: Que projectos tens agora mesmo e quais gostarias de poder desenvolver nalgum momento?

- Craig Patterson: Estou traballando nun proxecto que, aínda que non estritamente vinculado á cultura galega, penso galeguizar unha vez que o emprenda. Non quero dicir moito máis agora, agás que vai marcar un novo rumbo na miña vida e na miña relación con Galiza. Como dixen antes, o texto de Sempre en Galiza está xa traducido ao inglés e estou rematando o traballo paratextual. Con todo, sempre agardo traducir máis textos galegos ao inglés. Como galeguista e tamén inglés-falante nativo, considéroo o meu deber.

- Palavra Comum: Que opinas desta revista, Palavra Comum, e que gostarias de ver também aqui?

- Craig Patterson: Palavra Comum é unha revista necesaria e fundamental no panorama actual da cultura galega. Cada número que se publica representa un triunfo da supervivencia da lingua e cultura galega nestes tempos tan infames. Encántame o amplo rango de temas dos que trata a revista, e o espírito pluralista e aberto que a caracteriza. E, sobre todo, a amabilidade dos seus editores.

NOTA: a fotografia foi realizada por Kathryn Lucas, quem permite copiar, distribuir e difundir a mesma (Commons: Cc-by-sa-2.5-es).

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *