Unha conversa con Llywelyn

Unha conversa con Llywelyn

0 comentários 🕔11:30, 17.Dez 2014

En decembro de 1859, Charles Dickens fixo unha das súas poucas visitas ao País de Gales. Chegou a Ynys Môn, a illa do noroeste do país, atraído polo funesto naufraxio do navío Royal Charter, que tivera lugar en outubro do mesmo ano. O barco, que retornaba de Australia con destino a Liverpool, fora lanzado por unha forte tormenta contra as rochas da costa da vila de Moelfre. Moitos dos seus ocupantes, que volvían de traballar nas minas de ouro de Melbourne, trataran infrutuosamente de chegar nadando á ribeira cos petos cheos do prezado metal. Dise que un dos mariñeiros, de nome Isaac Lewis, era oriúndo de Moelfre. De acordo coa lenda, mentres loitaba pola súa vida entre as furiosas ondas, Isaac viu o seu pai na beiramar. Estaban tan preto o un do outro, que o pai puido escoitar da boca do fillo: “O ‘nhad, dwi wedi dod adra i farw” (“Meu pai, vin morrer á miña casa”). Xunto con Isaac (a quen por certo lle escribiu unha fermosa canción o americano Tom Russell), morreron máis de catrocentas persoas, que seguindo a que era daquela tradición, foron enterradas na parroquia máis próxima ao afundimento. Foi precisamente alí, na igrexa de San Gallgo, onde Dickens tivo contacto coa traxedia meses despois, e recadou a información na que está baseado o artigo que publicou en xaneiro de 1860 no xornal All the Year Round, dentro da serie “The Uncommercial Traveller”. A pesar da semellanza ortográfica, San Gallgo non ten nada que ver con Galicia, mais é unha desas curiosas coincidencias lingüísticas que nos fan imaxinar conexións posibles entre ambas as dúas culturas. O que si compartimos é, por desgraza, unha historia de naufraxios e barcos escachados contra as rochas.

Durante 2014 12 David Miranda Biwmaresa súa estancia en Gales, Dickens aloxouse no Bull Inn, na pintoresca vila de Biwmares, onde vivo dende hai dous anos. O Bull aínda segue en pé, e ademais de dar aloxamento, ten un restaurante e o pub máis acolledor da vila, grazas á súa cheminea sempre acesa. Precisamente na súa porta tiven hai pouco unha interesante conversa. Botaba un cigarro despois dun par de pintas, resgardándome da choiva e do frío baixo o soportal que dá a benvida aos seareiros, cando saíu a facerme compaña un pequeno home de cabelo branco pola idade, moderadamente embriagado polo efecto do lúpulo, que tiña unha cachimba nos beizos. Miroume con moita atención, como se ao mesmo tempo de examinar a miña faciana estivese a revisar internamente a súa lista de sospeitosos habituais.

— Onde te hospedas? —díxome sen maior presentación, seguramente agardando que dixese que alí mesmo.

— En ningures — respondín. —Vivo aquí, en Biwmaris.

Miroume entón se cadra con maior interese e volveu preguntar sen recato:

— Como te chamas?

Ao que contestei:

— David — mais non foi esta información suficiente para o meu compañeiro, que volveu á carga.

— David, que?

— Miranda — dixen bastante divertido polo repentino interrogatorio.

— Ah! — exclamou como se agora todo tivese sentido. — Es estranxeiro. – Fixo unha pequena e cerimoniosa pausa. – Coñezo as dúas mil persoas que viven nesta vila e a ti nunca te vin — continuou, para logo engadir con sorna — debe de ser que non saes moito.

E agora que xa sabía o meu nome, confioume o seu:

— Chámome Llywelyn. Cres que o poderás dicir?

Grazas aos meus varios intentos de aprender o galés dende que cheguei a esta terra en 2005, podo reproducir máis ou menos o son do grupo consonántico “LL”, que vén ser algo así como unha gheada aspirada. Tamén sei que o “w” pronúnciase coma un “u” e o son do “y” está entre un “e” e un “i” (mais da miña experiencia aprendendo galés falarei noutra ocasión).

— Non está mal — dixo despois de chuchar na cachimba. — Agora xa sei quen es. Lembrareino a próxima vez que nos vexamos.

Mentres2014 12 David Miranda Bull volvía ao interior do Bull e á calor da súa cheminea, quedei reflexionando sobre a inesperada conversa, e a mensaxe que, entre liñas, me enviara Llywelyn. En primeiro lugar, tratárase dun “e ti de quen vés sendo?” de manual. A arte da retranca e da pregunta podería facernos fantasiar de novo cunha semellanza entre os nosos pobos, mais o que me pareceu máis relevante foi o sentido de comunidade que quizais trataba de preservar este home: a idea dunha vila onde todo o mundo se coñece e fala a lingua propia. E isto non é un asunto menor en Biwmares, unha das vilas máis turísticas desta parte do país. Á parte das visitas a hoteis coma o Bull, e xa dende hai moitas décadas, o turismo en certas zonas de Gales faise tamén a través de segundas residencias, mercadas maioritariamente por ingleses, que permanecen baleiras durante longos períodos de tempo (xa en 1978 se estimaba que había unhas 26.000 destas residencias, o 28,6% das cales estaban nos condados de Gwynedd e Ynys Môn). Isto levou, por unha banda, á suba dos prezos das casas e as consecuentes dificultades para o acceso a unha vivenda digna por parte da xente do lugar. Ademais das repercusións económicas, esta práctica tamén ten efectos negativos na lingua, e é percibida coma unha especie de colonización pola que os falantes de inglés pasan a ocupar espazos anteriormente habitados por galés falantes. Nos anos oitenta, e no contexto político e social do Thatcherismo, a raiba e o descontento causados por esta situación levaron ao ataque a través de incendios provocados de máis de 200 segundas residencias por parte de varios grupos nacionalistas, entre os cales destacou o chamado Meibion Glyndŵr. O seu nome (fillos de Glyndŵr) homenaxea o derradeiro Príncipe de Gales nado no país, que viviu no século XV e organizou unha revolta contra o goberno do monarca inglés Henry IV. Na actualidade, o goberno galés prepara unha medida menos incendiaria pero economicamente máis proveitosa: a de incrementar o imposto da vivenda para segundas residencias nun 100%, coa intención de reducir o número de casas baleiras e destinar un maior presuposto ás necesidades de vivenda da comunidade. Unha acción que o meu amigo Llywelyn seguramente apoia. Preguntareille a próxima vez que o vexa.

Sobre o autor / a autora

David Miranda Barreiro

David Miranda Barreiro

(Galiza-Gales) David naceu na Coruña, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica. En 2005 emigrou ao País de Gales. Tras obter o seu doutoramento, acadou a praza de profesor titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor. Xunto con Martín Veiga, é co-editor da revista Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies. Ademais da súa actividade académica, David foi membro de diversos grupos musicais, entre eles Nouvelle Cuisine. En 2011 publicou un disco con María do Cebreiro, titulado ‘Lembrarás este cuarto?’(https://bangor.bandcamp.com/album/lembrar-s-este-cuarto).

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *