Entrevista a Patricia de Lorenzo

Entrevista a Patricia de Lorenzo

0 comentários 🕔13:30, 31.Dez 2014

- Palavra Comum: Que é para ti o teatro?

- Patricia de Lorenzo: O teatro que a min me gusta é un lugar de comunicación, de liberdade, un sitio de exposición e cuestionamento de temas que me afectan como persoa.

O teatro que non me gusta é aquel que se fai como unha festa privada para goce só dxs intérpretes sen ter en conta ao público.

Por outra banda é algo que impregna a miña mirada e unha actividade á que me adico en exclusiva como integrante de Chévere. É o meu traballo e o meu medio de vida.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação teatral e artística?

- Patricia de Lorenzo: Canto máis tempo de calidade adiquemos aos procesos de creación, mellores serán os nosos produtos artísticos.

Considero tamén que é positivo traballar horizontalmente na produción dun espectáculo, é dicir, non só facer de actriz, senón facer labores de produción, dirección, escrita, administración… A creación dun espectáculo ten que ver moito co traballo artesanal. Ter contacto con diferentes fases do proceso fai que haxa maior control e responsabilidade sobre o resultado. Despois de tantos anos, non concibo ser unha mera executante ás ordes dalguén.

Á hora de iniciar un proxecto teatral, cómpre darlle resposta a preguntas básicas: o que? sobre que? para quen? a quen lle interesa? como se fai? canto custa? onde se fai? quen o vai mercar?

En Chévere estamos afeitxs a traballar con prazos contra o reloxo e deberiamos conseguir o obxectivo de estender os tempos de busca e non quedar, case sempre, coa sensación de que con algo máis de tempo podería ter quedado mellor.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre o teatro e a dramatúrgia e outras artes (música, artes plásticas, audiovisual, etc.)?

- Patricia de Lorenzo: Sen perder a perspectiva de que nós o que facemos é teatro, en Chévere temos unha tendencia natural a traspasar “fronteiras artísticas”. Desde sempre houbo música en directo nos nosos espectáculos. Por exemplo, no meu caso, teño aprendido a cantar lírico, xogar ao fútbol, comunicarme noutros idiomas, facer unha loita de esgrima, tocar a batería, ser un home, coser a máquina, explorar o movemento, algo de boxeo e tocar a pandeireta, entre outras cousas. Cando diferentes disciplinas artísticas traballan xuntas sempre é para sumar. De igual maneira penso que moitas destas disciplinas deberían ter máis presente a comunicación co seu público, tal como procuramos facer no teatro.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos?

- Patricia de Lorenzo: Recoñezo a miña incultura teatral. Non son lectora de teatro, nin sequera vou moito a el, pero a Nasa supuxo para min unha porta aberta a linguaxes escénicas contemporáneas. Alí descubrín que hai infinitas maneiras de contar unha historia e de transmitir sentimentos, sentadxs todxs á mesma altura (creadorxs e público).

Internet tamén supuxo unha ferramenta de traballo indispensable.

- Palavra Comum: Que parte do trabalho teatral reivindicarias por não ser suficientemente (re)conhecido?

- Patricia de Lorenzo: Todo aquilo polo que non felicita o público normalmente, pero que grazas ao Premio Nacional de Teatro outorgado recentemente a Chévere queda máis que recoñecido. Refírome, por exemplo, ás apostas arriscadas, non convencionais, aos proxectos de laboratorio como os que desenvolve Chévere como compañía residente en Teo, ao compromiso absoluto coa perspectiva de xénero e coa nosa lingua, a múltiples tarefas cotiás que nada teñen que ver coa fama (cargar, conducir, rexistrar facturas, xustificar axudas ….)

- Palavra Comum: Qual achas que é a relação existente entre o teatro galego e o doutras culturas (Lusofonia, etc.)? Como valoras o que levas feito nessa linha?

- Patricia de Lorenzo: A Nasa tivo unha programación durante anos chamada “Portugalicia” que buscaba ese contacto, que aínda hoxe é sempre escaso. Ademais diso, Chévere fixo unha coprodución co grupo de Teatro Trigo Limpo, que xestiona a Acert, un centro cultural municipal de Tondela. Con este colectivo do Trigo Limpo-Acert, Chévere garda un vínculo de amizade desde hai moitos anos, e esta relación facilitou que outros grupos ou artistas galegas tivesen proxección profesional en Portugal e outros países lusófonos (Narf, Psicofónica de Conxo, Marta Pazos, Borja Fernández…).

A diferenza doutras épocas, Chévere actúa pouco en Portugal. Non sabemos moi ben por que, é outra das tarefas pendentes.

Non me atrevo a afirmar como é a relación actual do teatro galego coa lusofonía, pero intúo que non é como na música, onde si hai moito camiño andado. En todo caso, a lusofonía é un terreo natural para nós.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para o teatro hoje?

- Patricia de Lorenzo: En Chévere estamos reflexionando moito sobre a quen lle interesa o que nós facemos e por que facemos o que facemos. Tamén, sobre o que nos compensa e gratifica e o que non.

Ultimamente estamos dándolle voltas á nosa seguinte produción, aínda que temos varios temas sobre a mesa, estamos debatendo abrir totalmente o noso proceso creativo. Como se se tratase de darlle un papel activo ao público de Chévere, “querería ver un espectáculo sobre tal cousa”. A ver en que dá esta idea… Pero para nós, o contacto con persoas fóra da compañía sempre aporta outra visión interesante e confírmanos que traballamos con material auténtico.

E as redes sociais xogan un papel fundamental en ideas deste carácter experimental.

- Palavra Comum: Com que experiências da tua trajetória te sentes mais satisfeita? Fala-nos delas…

- Patricia de Lorenzo: Sen ningunha dúbida con Testosterona. Aquí tedes o espectáculo completo.

Con este proxecto aprendín moitas cousas sobre a condición humana e creo que me fixen mellor persoa. O espectáculo tiña asociado un obradoiro para mulleres “Ser home por un día” que nos deu moitísimas satisfaccións.

Como actriz, foi o traballo mais completo que fixen, comportándome como un home e aprendendo a tocar a batería.

Como Chévere, foi a primeira produción que levamos adiante sen Miguel de Lira e Manuel Cortés, traballando nese momento no audiovisual. Xesús Ron, eu e Natalia Outeiro “Pajarito”, botamos a andar este exitoso proxecto que marcou unha inflexión no tipo de teatro que fai Chévere e un camiño novo que deu como resultado Citizen, Eurozone e outras.

Pero en xeral, do que mais orgullosa estou é de todos os espectáculos da nosa liña de teatro con perspectiva de xénero, é dicir, aqueles que nacen para eliminar a violencia e a desigualdade (Testosterona, “I’ll be watching you” (hei estar vixiándote), Citizen, As Fillas Bravas). Non podemos transformar o mundo, pero si o noso entorno inmediato.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Patricia de Lorenzo: Xesús Ron e eu temos un proxecto que se foi pospondo por darlle prioridade a outros e que supoño faremos no 2015. Hai varios ingredientes pero aínda non temos un tema concreto.

Cando decidimos facer As Fillas Bravas, tocando o tema da música tradicional e os valores que transmite, descartamos facer un proxecto sobre a modificación da realidade a través do mundo da imaxe e o Photoshop ou similares. Nalgún momento gustaríame retomalo.

Despois, vender o que temos, facer o maior número de funcións posibles. Darlle sentido á produción distribuíndo o máximo posible.

E por último, persistir na rendibilidade das Compañías Residentes, tal e como é Chévere en Teo, como unha fórmula de creación de postos de traballo, optimización dos cartos destinados ás artes escénicas e un mecanismo de cohesión social.

Somos defensores desta fórmula pola que aposta exemplarmente o Concello de Teo. A Xunta de Galicia retirou o apoio ás Compañías Residentes a pesar de recoñecer os resultados positivos dos informes de avaliación presentados. Esperemos que o Premio Nacional de Teatro nos poida colocar diante dalgún interlocutor-a con capacidade de análise e decisión para acabar coa situación agónica das compañías de teatro e danza do país.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Patricia de Lorenzo: Tiña lido algún artigo, e paréceme moi interesante porque as entrevistas que facedes son extensas e a comodidade de poder facelas a través do correo electrónico dá para pensar un pouco mellor as contestacións (ou non).

Boto de menos unha pestana de artes escénicas, na que ademais da música se inclúa o teatro e a danza :)

En todo caso, agradezo moito a Palavra Comum que pensase en min para facer unha entrevista. Non me gusta facelas, é unha parte do meu traballo que asumo pero non me gusta, porque non me expreso moi ben e non estou segura de que aporte ningunha información interesante, non sei…

NOTA: a fotografia que acompanha esta entrevista provém de Rede Nasa.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *