Augusto Casas en <em>Destino</em> (1942-1952), e outras curiosidades

Augusto Casas en Destino (1942-1952), e outras curiosidades

0 comentários 🕔13:00, 07.Jan 2015

A revista Destino foi unha das revistas (semanario) máis populares no tempo do franquismo. Naceu en Burgos, en plena guerra civil, no ano 1937, baixo a éxida do que se denominaba, en Cataluña, os «cataláns de Franco». Os seus fundadores foron José María Fontana (autor de moi interesantes libros: Los catalanes en la guerra de España ou Dos trenes se cruzan en Reus, deixando de lado a súa ideoloxía) e Xavier de Salas, historiador da arte. Logo engadíronse, entre outros, aquel que sería o seu propietario, Josep Vergés, até que en 1974 foi comprada por Jordi Pujol, e en 1980 desapareceu. E 1985 tivo un «novo nacemento», fugaz: oito números. A este respecto, a reaparición de Destino, corría naquel ano, no poleiro xornalístico barcelonés, unha anécdota ou lenda urbana. O novo propietario do semanario foi ver a Néstor Luján, que levara a revista até as súas máis altas cotas de vendas (foi despedido por Jordi Pujol, por consideralo demasiado «esquerdista»: despois do abandono de Luján e da maior parte dos seus colaboradores, o semanario foi baixando progresivamente as vendas) para lle ofrecer a súa dirección. Segundo esa lenda urbana, a resposta do vello xornalista, cuxa nai era de Viana do Bolo, foi a seguinte: «Mire, é máis fácil facer un fillo que resucitar un morto», toda unha filosofía do xornalismo que se está a perder.

Mais non queremos narrar a historia deste semanario, o lector conta, entre outros, co libro de Josep Maria Huertas e Carles Geli, Les tres vides de Destino, Col·legi de Periodistes de Catalunya (existe edición castelán, Anagrama), senón sinalar algunhas «curiosidades».

A partir de 1938, aínda editada en Burgos, comezan a publicar nela escritores e xornalistas nacidos en Galicia: Eugenio Montes, Álvaro Cunqueiro, nun primeiro momento. Cando a revista se traslade a Barcelona, unha vez «liberada» a Cidade Condal polas tropas franquistas, o número de escritores e colaboradores nacidos en Galicia comeza a medrar: Carlos Martínez-Barbeito, que se estrea en 1939 cun artigo titulado «Actualidad de Balmes», Moure-Mariño, que fala da «saudade» ou publica «relatos». En 1940 aparece algún artigo asinado por Santiago Amaral (Otero Pedrayo), etc. Mais é a partir de 1942 cando comeza a aumentar a nómina: ese mesmo ano aparecen como colaboradores Álvaro Ruibal –procedente das ringleiras de Izquierda Republicana, loitará coas tropas franquistas, á forza; a «camaradaría» da fronte fará que Ruibal esqueza a súa procedencia ideolóxica durante moitos anos e escriba textos verdadeiramente franquistas nunha longa tempada (tamén, durante un tempo, funcionario do Goberno Civil, foi director da revista), Jose María García Rodríguez (léase a entrada que se lle dedica no Diccionario de literatura galega. Autores –Editorial Galaxia–, coordinado por Dolores Vilavedra: o autor de tal entrada non sabe que García Rodríguez era un furibundo franquista, autor dun brutal artigo contra Castelao, aparecido na seríe «Fantasmones Rojos» que publicaba o xornal do Movimiento, de Barcelona, Solidaridad nacional), Augusto Assía, Augusto Casas, Salvador Lorenzana (Francisco Fdez. del Riego), José María Castroviejo, e continúan a colaborar, esporadicamente, Cunqueiro ou Montes. A maioría de artigos de Lorenzana e Amaral tratan de temas galegos. Ruibal e Casas falan abondo de Galicia, anos santos e todas esas lerias, ou doutros temas. Mais a partir de 1945, cando os aliados esmagan as potencias fascistas, o tema dos artigos destes dous últimos, sobre todo de Casas, empeza a cambiar, así como o ton da revista, non que se converta en demócrata, como afirmaron algúns despistados (aínda que homes profundamente demócratas comezaran a colaborar na revista: había que comer; Vergés, que non era, precisamente, un home desprendido, adoitaba pagar, aínda que non moito).

A partir deste 1945, no semanario comézase a falar da literatura catalá como de algo vivo, non arqueolóxico, como fora o caso até ese ano. Empézanse mesmo a comentar as poucas representacións teatrais en lingua catalá que se dan por aquel entón, ou os poucos libros que neste idioma se publicaban. E dentro desta política, empézase tamén a falar de literatura galega. Non de libros, iso tardarán un pouco máis pero si de autores vivos. E case sempre da man de Augusto Casas (1906-1973), que chegara a Barcelona en 1940, co exército de funcionarios proveniente de todo o Estado para substituír os funcionarios republicanos, do Estado e da Generalitat, depurados, a traballar no Goberno Civil. Cómpre, por outra parte, lembrarmos que en febreiro de 1950, a mes e medio do pasamento de Castelao, a revista publica o artigo de Valentín Paz-Andrade, que aparecera en La Noche: «Proyección de Castelao en la cultura de Galicia» (nº 655, 25-II-1950), e que na sección «Al pie de las letras», se dá moitas veces noticia da aparición de libros ou revistas galegas. E, incluso, de libros aparecidos en Buenos Aires. Engadamos que Casas, en Destino, non escribiu ningún artigo directamente político: os catro ou cinco que argallou publicáronse no xornal do Movimiento Solidaridad nacional, e están escritos, claramente, baixo a éxida do imperialismo reinante e «al paso alegre de la paz».

A partir de 1952 Augusto Casas deixa de colaborar na revista e desde este anos até finais da década, pouco se falará de Galicia, e menos de libros ou da cultura galega no semanario. A finais dos 1950, Cunqueiro empeza a colaborar menos esporadicamente. A partir de 1964-1965 (máis ou menos cando comeza a «segunda vida», claramente antifranquista, baixo a éxida de Néstor Luján) iniciará a sección «Laberinto & Cía», que manterá até case o momento da desaparición do semanario. Na década de 1960, reiníciase un «florecemento» de colaboradores galegos. Á parte de Cunqueiro e Castroviejo, outros nomes empezan a aparecer na revista: Vicente Risco, Fernando Cadaval (Ricardo Carvalho Calero), X. L. F. G. (Xosé Luís Franco Grande), Casado Nieto, García-Sabell, Manuel María, Fernández del Riego, esta vez co seu nome, X. Fernández Ferreiro, X. Landeira Irago, Xavier Costa Clavell, etc. Florecemento que chega até case o final da vida da revista. Por outra parte, algúns dos seus colaboradores non galegos teñen presente a Galicia, no eido da súa colaboración: Xavier Fábregas, puntual informador do teatro galego nos 1970, ou, mesmo Baltasar Porcel.

Por todo o que levamos dito, penso que alguén, algún día, deberá baleirar toda a revista, as súas referencias á cultura e á literatura galega para saber como era recibida esta fóra de Galicia; ou, cando menos, en Cataluña. (Maria Liñeira, quen preparou El laberinto habitado, de Cunqueiro –as súas colaboracións en Destino, a maioría– debe ter todo o fondo galego da revista, polo que sería a persoa indicada). Nós, aquí, simplemente, queremos reseñar as colaboracións de Augusto Casas, quen escribiu no semanario durante dez anos 1942-1952. Eis as súas colaboracións.

«Escaparate» era unha sección do apartado Panorama de las artes y letras no que se daba noticia, ás veces abondo ampla, de libros publicados. Maiormente, estas noticias ían asinadas coas iniciais do colaborador. A. C. para Augusto Casas.

Tema galego:
1934, año santo compostelano, nº 293, 27 de febrero de 1943.
Galicia en las orillas del Sar. (Rosalía de Castro), nº 365, 15 de agosto de 1944.
La tumba de sir John Moore, nº 324, 16 de setembro de 1944.
El divino hojalatero, nº 463, 1 de abril de 1946 (sobre a figura de Patricio Sánchez, un galego viaxeiro que facía música con láminas de folladelata).
El poeta de la montaña. (Noriega Varela), nº 528, 30 de xullo de 1947.
Ramón Cabanillas, el emigrante, nº 556, 3 de abril de 1948.
Los poemas gallegos de García Lorca, nº 574, 7 de agosto de 1948.
Ondas del mar de Vigo, nº 622, 9 de xullo de 1949.
Pontevedra y un poeta (sobre Amado Carballo), nº 650, 21 de xaneiro de 1950).
Cos ollos do noso espírito, Francisco Fdez. del Riego («Escaparate»), nº 650, 21 de xaneiro de 1950.
Poemas de ti e de min, Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, («Escaparate»), nº 655, 15 de febreiro de 1950 –lembremos, no mesmo número se publicaba o citado artigo de V. Paz Andrade.
Valentín Lamas Carvajal. Estudio bio-bibliográfico, José Fernández Gallego («Escaparate»), nº 691, 4 de setembro de 1950.
Roseira do teu mencer, Xosé Mª Álvarez Blázquez («Escaparate»), nº 716, de abril de 1948.
Descripción de los Estados de la Casa de Montemayor en Galicia…, de José Ramón Fernández Ojea («Escaparate»), nº 728, 21 de xullo de 1951.

Xerais:
Lirismo de lo portugués, nº 256, 13 de xuño de 1942.
Tirante y Amadis, nº 264, 8 de agosto de 1942.
Ali Bey en Alejandría, nº 273, 3 de outubro de 1942. (Casas escribiu un libro sobre este viaxeiro catalán)
Ali Bey en Alejandría, nº 274, 10 de outubro de 1942.
El Mediterráneo, centro del mundo, nº 289, 20 de xaneiro de 1943.
Elogio de Barcelona, nº 307, 5 de xuño de 1943.
Imagen y carácter de don Pedro de Luna, nº 325, 9 de outubro de 1943 (sobre este Papa escribiu un libro A. Casas).
La asamblea de judíos de Toledo, nº 335, 18 de decembro de 1943.
La España de Camoens, nº 343, 12 de febrero de 1944.
La literatura portuguesa en 1943, nº 350, 1 de abril de 1944.
Una gran historia de los judíos, nº 355, 6 de maio de 1944 (sobre La historia de los judíos, de V. Risco).
El lusitanismo de Eça de Queiroz, nº 360, 10 de junio de 1944.
Eugenio de Castro, o el poeta que anda por las nubes, nº 385, 9 de decembro de 1944.
Goethe entre españoles, nº 400, 17 de marzo de 1945 (reseña do libro homónimo do Dr. Sarró).
La poesía mística de Verdaguer, nº 414, 23 de xuño de 1945.
La Arcadia cristiana de Alta California, nº 436, 24 de decembro de 1945.
El hombre y los sueños, nº 450, 2 de marzo de 1946 (reseña do libro de Ernst Aeppli, El lenguaje de los sueños).
La condesa de Altamira en el «Cancionero de la rosa», nº 484, 26 de outubro de 1946.
Vida y literatura, nº 488, 23 de novembro de 1946 (reseña de La marcha humana, de Lorenzo Garza).
T. S. Eliot con los poetas de Adonais, nº 513, 17 de maio de 1947.
El estilo y las leyes, nº 519, 28 de xuño de 1947.
Lucrecia Borgia, nº 592, 11 de decembro de 1947 (reseña do libro Lucrecia Borgia y su época, de Maria Belloni).
La paradoja del libertador, nº 698, 23 de decembro de 1950.

Contos:
Pachín de las palomas, nº, 421, 11 de agosto de 1945.
El barquero de Rezamonde, nº 434, 10 de novembro de 1945.
Morna, nº 466, 29 de xuño de 1946.

Sobre Augusto Casas:
Ali Bey, el gran fracasado, Álvaro Ruibal (reseña do libro homónimo de A. Casas).
Benedicto XIII, el Papa Luna, Andrónico, nº 395, 10 de febreiro de 1945 (reseña do libro homónimo de A. Casas).
Augusto Casas, poeta de tierra adentro, Juro, nº 589, 20 de novembro de 1948 (sobre a obra poética galega de Casas).
Tierra del alma, Rafael Vázquez Zamora, nº 681, 25 de agosto de 1950 (reseña do libro homónimo de relatos de A. Casas).
Cantigas da noite moza, Augusto Casas («Escaparate»), nº 717, 5 de maio de 1951.

Reseñas sen asinar:
7 ensayos sobre Rosalía («Escaparate»), nº 789, 20 de setembro de 1952
Danzas populares gallegas, de Francisco F. del Riego («Escaparate»), nº 711, 24 de marzo de 1951.

Colaboracións sobre escritores e reseñas de libros galegos doutros autores:
Cabanillas, el último poeta de Galicia, Luis Caparrós, nº 789, 20 de setembro de 1952.
Macías el enamorado y Juan Rodríguez del Padrón, de Carlos Martínez-Barbeito, A. V. (Antonio Vilanova, o crítico «oficial» do semanario) («Escaparate»), nº 765, 5 de abril de 1952.

NOTA DO AUTOR: a primeira versión destes artigos fora publicada n’A Nosa Terra dixital, mais xa non poden encontrarse na rede.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *