<em>Noites malva no Whisky club (Poemas da melancolía) II</em>

Noites malva no Whisky club (Poemas da melancolía) II

0 comentários 🕔12:30, 07.Jan 2015

VIII

Alugáralle
alma e corazón ao desamor.
Ata que, a través das transparencias do meu vaso
baleiro de licor, unha noite
revelóuseme a silueta
dunha moza. Sutil aparición…

Na líquida nostalxia dos seus ollos
no seu sorriso malva
na pelve insinuante
que incitaba a danzar
sóubeno ao momento.
Ela era a miña verdade.

Bailamos…
E a música soou para nós, neses instantes
tan íntima e cómplice
como a conversa de dous namorados.
Na que o de menos
son as palabras.

IX

As noites no meu club
eran sempre o refuxio
onde esquecer
as verdades amargas
que traen os días, cheos de súbitas dentadas
que arrancan a cachos alma e corazón.
Adurmiñado no pequeno habitáculo
das brumas suaves con aroma a sándalo,
a chanel Nº 5, música e licor,
entre risos quedos e murmurios
escoitando ritmos de jazz que me elevaban,
viaxeiro en volutas de fume, pensaba:
“As badaladas da morte
xamais se atreverán
a traspasar as portas
do meu cabaré”.

Espazo malva
da supervivencia.

X

No Whisky club, había sempre
momentos de alternancia
entre o ruído e a calma.
Se algo escachaba
cun súbito estrépito
de seguido era silenciado
con música e palabras.
Unha voz
con matices de azucre moreno
esluído nun vaso de ron,
cantaba blues.
Era a voz orante, sensual
da negra Gardenia,
que discorría lenta
na noite profunda.

Pola miña tristeza.

XI

Suavemente
o amor instantáneo e soluble
percorría, estraña brisa,
os recantos do club.
E, íntimo, na escuridade,
esvaraba pola pista
con palabras de falsas promesas.
E caricias que tiñan o aquel dunhas ás
sempre a piques de voar.

E nas copas de cristal de Bohemia,
pasada a media noite,
diluíanse
verdades e soños
no verde licor
do fracaso.

XII

Uniunos un destino lunar
e a remota melancolía dunha estrela.
Ambos os dous, confrades da noite,
amantes absolutos da fragrancia do asente
perdéndonos
nunha encrucillada
de raíces escuras
como espadas do aire
cruzámonos no club.
Alí os nosos beizos, con sabor a licor,
buscáronse
sen atoparse.

Na procura
dunha última palabra.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *