<em>A seiva calcinada</em>, de Alberte Momán

A seiva calcinada, de Alberte Momán

0 comentários 🕔13:30, 14.Jan 2015

Padezo dunha memoria extremada e, malia iso, non lembro cando coñecín a Alberte Momán. Tentei recordalo varias veces e só intúo de certo que debeu ser nalgún acto literario. El tampouco se lembra.

Coido que nunca nos coñecemos, debemos recoñecérmonos, sinxelamente, na mesma xeración e identidade, na mesma cidade que fagocita e non devolve nada, na non educación franquista recibida a pesares do asomo e promesa da transición inexistente, na mesma ollada sen ningunha esperanza, na certeza da ausencia de futuro, na cultura do silencio tácito, do medo, da dor e da vivencia das miserias máis escuras. Recoñecino coma ao veciño de porta, co que se medra, co que se comparten xogos, o camiño ao colexio e toda a violencia que as paredes medianeiras soportan nos seus tixolos. Recoñecino como acubillo necesario para conter e soportar o vivido, sen explicarnos os motivos. Ollámonos e soubemos o un do outro e de tantos outros coma nós.

E a comprensión lévao ao silencio respectuoso. Ese que marca un dos trazos fundamentais do carácter do Alberte e que abre un espazo inmenso para a escoita, para a empatía e a comprensión de todos aqueles que padecemos.

Creo que o Alberte escribe para compensar esa cultura do silencio gravada a ferro polas experiencias. E fire tanto coa súa pluma, ata o punto de non ser unha lectura soportable ás veces, pola intensidade dos berros que calou.

Posúo a certeza de que todos e todas precisamos da súa escrita, por sincera, honesta, incisiva, intensa, congruente e ata cruel. Non é doado ler os seus textos porque no mundo hipócrita no que vivimos, onde o líquido prevalece xunto con todo o superficial, ninguén quere escoitar a verdade, sabernos alienados ata o límite de perdernos, aceptarnos no consumo, no maltrato, na falta de identidade, de compromiso, de crenzas e de valores.

Se moitos de nós conseguísemos pensar coma el, reaxir como nos indica na súa escrita e no seu discurso, o país no que vivimos sería ben outro.

Pero non queremos pensar, acomodados nos nosos confortables sofás e vidas pequenoburguesas, anestesiados pola posesión, obsesionados polo ter de Fromm, incluso por posuír todas as modalidades de escravismo que provoca o capital, dende aí, non desexamos que nos zarandeen as conciencias ou o pouco que nos resta delas. E Alberte convídanos a reflexionar, a ser, explicitando cal é a verdadeira miseria da nosa existencia, alentada pola nosa ignorancia.

Por iso, a poesía de Alberte é incómoda e obríganos a tomar distancia, porque as atrocidades que denuncia cheiran a merda e salpican.

En A seiva calcinada, coma en toda a súa obra anterior, mestura con gran ironía e mellor humor, con metáforas intelixentes: o sexo, a castrante relixión coa denuncia política, a cotidianeidade e o individual coa problemática social, contextualizando os seus versos na historia do noso país. Porque o Alberte entende que o mundo é continuo e todo se entremestura, malia que o politicamente correcto e as normas sociais parcelen aos individuos e calquera maltratador poida continuar a ser bo veciño ou bo profesional.

Alberte disecciona en cada texto a mísera herdanza que lle imos deixar aos nosos fillos, a venda dun propio, da nosa seiva, por entrar obrigatoriamente no canibalismo da sociedade e non ser ese alguén en risco de exclusión social, produto e termo inventado para substentar o status quo da democracia totalitaria. Xa que a nosa seiva fica calcinada por nós mesmos, atendamos á ineludible reflexión individual e conxunta que Alberte nos apunta, a que antecede inevitablemente ao cambio necesario.

Sobre o autor / a autora

Verónica Martínez Delgado

Verónica Martínez Delgado

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *