Escritos sobre Galicia e recensións de libros galegos na prensa catalá: Xavier Costa Clavell (I)

Escritos sobre Galicia e recensións de libros galegos na prensa catalá: Xavier Costa Clavell (I)

0 comentários 🕔12:30, 14.Jan 2015

Desde principios do mes de maio de 2011, o xornal barcelonés La Vanguardia publícase tamén en edición catalá, como saben os nosos lectores, mais non é deste fito extraordinario que queriamos falar, senón dunha desas curiosidades que, infelizmente, tan deixadas de banda son no noso país.

La Vanguardia, como a revista Destino, tivo, desde os seus inicios (mais queremos circunscribirnos aos anos que van de 1940 ao 1990) unha morea de colaboradores de orixe galega. Moitos deles escritores no noso idioma: Álvaro Cunqueiro, Xosé María Castroviejo, Carlos García Bayón, Basilio Losada Castro, Álvaro Ruibal (que durante moitos anos escribía unha columna diaria co pseudónimo de Ero na que se falaba adoito de Galicia, da literatura e da cultura galegas), Victoriano García Martí, Eduardo Blanco Amor, o inefábel Augusto Assía, e toda unha restra de escritores en castelán coñecidos por todos, de Cela a Fernández Flórez pasando por Julio Camba. Mais hoxe, o que queriamos sinalar son as colaboracións sobre libros e cultura galega que neste xornal barcelonés realizou Xavier Costa Clavell (1926-2006). Unha colaboración que permitiu, durante moitos anos, ao lector catalán interesado ou curioso seguir a literatura galega. (No entanto, deberiamos engadir que Juan Ramón Masoliver, M., tal como asinaba a súa columna «Al margen» na páxina de letras, mantiña informados aos lectores cataláns sobre libros e escritores galegos, tanto nesta columna como nas seccións, sen asinar, «Mesa de redacción» e «Libros recibidos») . Velaí outro xornal que deberían baleirar os estudosos da nosa literatura.

A primeira colaboración de Xavier Costa Clavell en La Vanguardia apareceu en maio de 1969, nas páxinas de letras, mais só será ano e medio máis tarde cando a firma do escritor chantadino comece a se asomar con máis frecuencia no xornal barcelonés. Curiosamente, dous anos antes fora «respondido» por Juan Ramón Masoliver nunha columna de «Al margen». Masoliver falara de Asturias e Feijóo, Costa Clavell, nunha carta, recordáballe a «galeguidade» do frade. Masoliver contestou, civilizadamente, e un ano e medio despois, máis ou menos, acollía a firma de Costa Clavell na sección que era da súa responsabilidade no xornal barcelonés.

Costa Clavell XGG_Costa_Clavell_LV19840621-033tamén colaborou, falando de literatura galega maiormente, en revistas como Destino, Mundo (onde publicou mesmo, en tempos do Caudillo, artigos en galego), Hora de poesía e Serra d’Or, entre outras. E en xornais como Tele/Expres. Nun certo tempo mantivo colaboración simultánea neste xornal e en La Vanguardia, os dous do Grupo Godó, falando, ou escribindo, sobre libros galegos.

Hoxe enumeraremos as colaboracións sobre temas e libros galegos de Xavier Costa Clavell en La Vanguardia, e, como apéndice as súas colaboracións sobre cultura e literatura galega na revista Destino. Comezou a súa colaboración no semanario en 1975, pouco despois de que Jordi Pujol despedise ao seu director adxunto (en realidade, director, mais non tiña carné de xornalista, e durante o franquismo –a partir de 1966– non se podía dirixir un medio escrito se non se posuía ese carnet) Néstor Luján, e pasase a ser dirixida por Josep Carles Clemente, sendo o director-editor Baltasar Porcel (que tampouco tiña carné de xornalista). Porcel virou o rumbo ideolóxico da revista, que a Jordi Pujol, o seu dono, lle parecía comunista e socialista de máis, e ante a avalancha de dimisións e renuncias (mesmo Cunqueiro estivo uns meses sen escribir até que volveu), apañou toda unha nova serie de colaboradores. Entre eles, Xavier Costa Clavell, quen colaborou pouco máis de dous anos. Tamén colaborou na curta vida do semanario despois da súa resurrección en 1985 (oito números). Nesta resurrección, Costa Clavell tiña unha columna semanal dedicada á gastronomía, ao tempo que tamén comentou algún libro galego.

Eis, por tanto, as colaboracións sobre temas e libros galegos de Xavier Costa Clavell tanto en La Vanguardia como en Destino. En próximas entregas enumeraranse as súas colaboracións nas revistas Mundo, Serra d’Or e Hora de poesía, así como no vespertino Tele/Expres.

Se non se indica o contrario, as colaboracións apareceron nas páxinas de letras.

LA VANGUARDIA
Recordando a Rosalía, 16 de maio de 1969.
O camiño de abaixo, de Xoán Casal, 28 de xaneiro de 1971.
Xente de aquí y (sic) de acolá, de Álvaro Cunqueiro, 30 de decembro de 1971.
Historia da literatura galega, de Francisco Fernández del Riego, 24 de febreiro de 1972.
Cousas da vida, de Castelao, 15 de xuño de 1972.
Valentín Lamas Carvajal, 17 de agosto de 1972 (recordatorio de que se lle dedicou ese ano o Día das Letras).
Ochos siglos de poesía gallega, Andrés Ruíz de Tarazona & Carmen Martín Gaite, 31 de agosto de 1972.
Poetas gallegos contemporáneos, de Basilio Losada, 28 de setembro de 1972.
Cartas a Lelo, de Xosé Neira Vilas, 26 de outubro de 1972.
Adiós, María, de Xohana Torres, 29 de decembro de 1972.
Xente ao lonxe, de Eduardo Blanco Amor, 8 de marzo de 1973.
A cociña galega, de Álvaro Cunqueiro, 27 de setembro de 1973.
A maior abondamento, de Luís Seoane, 11 de outubro de 1973.
Poesías, de Manoel-Antonio, 1 de novembro de 1973.
Negociantes catalanes y sus fábricas de salazón en la ría de Arosa (1780-1830), de A. Meijide Pardo, 14 de xaneiro de 1974.
Memorias dunha terra, de Xosé María Castroviejo, 7 de febreiro de 1974.
Poesía gallega contemporánea, de M. González Garcés, 14 de marzo de 1974.
Contos da néboa, de Ánxel Fole, 8 de agosto de 1974.
Los mariscos de Galicia, de Luis Villaverde, 10 de outubro de 1974.
Los gallegos y Buenos Aires, de Antonio Pérez Prado, 18 de decembro de 1975.
Verbo de Galicia. Otero Pedrayo y su obra, 11 de maio de 1976 (na páxina de colaboración-opinión).
Mostra antolóxica de poesía contemporánea, de Manuel e Xoán Manuel Casado/ Os preludios, de Xoán Manuel Casado/ Fentos no mar, de Xavier Rodríguez Baixeras/ De quatre a quatre, de Manoel-Antonio (versión catalá de Joan Barceló), 26 de agosto de 1982.
Amor de Artur, de X. L. Méndez Ferrín, 28 de outubro de 1982.
El Santo Oficio de la Inquisición en Galicia (poder, sociedad y cultura), de J. Contreras, 23 de decembro de 1982.
As coplas galegas do Padre Sarmiento, edición de X. L. Axeitos, 28 de abril de 1983.
Carta ao pintor Luís Seoane, de Domingo García-Sabell, 2 de xuño de 1984.
De Pondal a Novoneira, de X. L. Méndez Ferrín, 21 de marzo de 1985.
De Rosalía a Castelao, VV.AA., 17 de outubro de 1985.
Fernández Flórez tras el largo silencio, 9 de xaneiro de 1986. (sobre o libro Wenceslao Fernández Flórez, VV.AA. Concello da Coruña).
La dimensión literaria de Castelao. Castelao escritor, de Eduardo Blanco Amor, 1 de maio de 1986.
El misterio de los “poemas gallegos” de Lorca. Viaje al sueño del agua. El misterio de los poemas gallegos de García Lorca, de José Landeira Yrago, 18 de setembro de 1986.
Memorias dun emigrante, de Antón Risco, 7 de maio de 1987.
Bretaña, Esmeraldina, de X. L. Méndez Ferrín, 2 de xuño de 1988.
Notas y memorias de Portela Valladares, 6 de decembro de 1988.
La generación del 36. Memorias de Salamanca y Burgos, de Luis Moure Mariño, 9 de xuño de 1989.

(Apéndice)
Los gallegos, de Xavier Costa Clavell, Basilio Losada, 7 de xuño de 1984.
Rosalia de Castro, de Xavier Costa Clavell, Miguel-Anxo Fernán Vello, 10 de abril de 1986.

DESTINO
Historia da literatura galega contemporánea, de Ricardo Carvallo Calero, nº 1970, 29 de xuño de 1975.
«O estatuto galego», del profesor Vilas Nogueira, nº 1973, 20 de agosto de 1975.
La evolución poética de Celso Emilio Ferreiro (sobre Onde o mundo chámase (sic) Celanova), nº 1978, 28 de agosto de 1975.
Los males de Galicia, nº 1990, 20 de novembro de 1975 (amplo informe sobre Galicia).
Xoguetes para un tempo prohibido, de Carlos Casares, nº 1996, 1 de xaneiro de 1976.
Los premios gallegos, nº 2009, 1 de abril de 1976 (sobre os premios da crítica «española»).
Otero Pedrayo, el último humanista gallego, nº 2013, 29 de abril de 1976.
Castelao y el álbum «Nós», nº 2035, 30 de setembro de 1976.

DESTINO 1985
Amantía, de María Xosé Queizán, nº 1 2, 4/10 de abril de 1985).
A historia, de Ramón Villares, nº 3, 11/14 de abril de 1985.
O reverso do espello, de Xosé R. Pena, nº 4, 18/24 de abril de 1985.
Una escolma que no lo es. «Escolma de poesía galega», de Xose Lois García, 16/22 de maio de 1985.

(Apéndice)
Los Gallegos, de Xavier Costa Clavell, Rafael Vázquez Zamora, nº 1762, 10 de xullo de 1971.

NOTA DO AUTOR: a primeira versión estes artigos fora publicada n’A Nosa Terra dixital, mais xa non poden encontrarse na rede.

NOTA DA REVISTA PALAVRA COMUM: a foto que acompanha este artigo provém da Biblioteca Virtual Galega.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *