Entrevista a Rosa Enríquez

Entrevista a Rosa Enríquez

0 comentários 🕔13:00, 21.Jan 2015

- Palavra Comum: Que supõe para ti a literatura?

- Rosa Enríquez: A literatura forma parte da miña vida. Vivir sen ela sería certamente tedioso. Creo que abre a visión, na medida en que non só permite coñecer o mundo dende outras perspectivas diferentes, mais sentilo do xeito en que o fan os/as personaxes que a habitan. Escribo isto e vén á miña cabeza, entre outras, Pearl S Buck e as súas novelas A nai e Vento do este, vento do oeste. Ou Gora, de Rabindranath Tagore. Ou o Cantar dos nibelungos, que debería titularse Cantar de Krimilda… Ou Os Lusíadas, de Camões… Son, pois, da opinión de que a literatura é un xeito de vivir con certa pausa, deleitándose nos detalles, na reflexión.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

- Rosa Enríquez: Creo que é un proceso individual. Cada persoa, imaxino, terá as súas teimas. No meu caso, necesito silencio e certa dose de soidade, para que as palabras flúan ao ritmo do pensamento. Non podería escribir con ruído, por exemplo. A concentración é fundamental.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, artes plásticas, fotografia, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?

- Rosa Enríquez: Traballar con artistas -músicos, fotógrafas, pintores, actrices e cineastas- é ben interesante e arriquecedor. Non teño moita experiencia nisto, pero si que me gustaría, por exemplo, escoitar un poema meu cantado. Pregúntome moitas veces como soaría. Ogallá teña a oportunidade de vivir esta experiencia algunha vez. Até o de agora, só colaborei cos fotógrafos Carlos Silva e Vítor Nieves. Este último fixo a portada de Unicrom e foi parte esencial da performance Palabra en movemento, baseada no poemario Vestíbulo da devastación. Nesta performance participou tamén a fotógrafa Andrea Costas. E xa, recentemente, colaborou comigo Charo López, que vén de facer a portada de ESPECTROS. Antes diso, fíxoo a ilustradora Ana Cibeira, autora da portada de Desobediencia, e o pintor Leandro Lamas, autor da do Atlas de Chaguán.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde qualquer ponto de vista)?

- Rosa Enríquez: Creo que non podería nomear todos os meus referentes creativos, porque hai tantas autoras e artistas que me interesan e teñen influído no que escribo que debería facer unha lista enorme. No entanto, dareiche dous nomes claves para min: Jacques Rancière e Susan Sontag. A idea da emancipación intelectual que propón Rancière, poño por caso, axudoume a contemplar o coñecemento e as artes dende unha perspectiva non fetichista, máis libre, e, por tanto, menos temerosa. No caso de Susan Sontag, que podería dicir? Esa capacidade de análise, o xeito en que flúe o seu pensamento, coa súa inmisericorde visión libre, permitiume levar á práctica o que aprendín con Rancière, isto é, a disfrutar da vibración e liberarme desa rixidez da ortodoxia. A fuxir un pouco da estética da recepción dominante.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Rosa Enríquez: Creo que é fundamental facer visíbel a creación do gusto que se xera nas novas xeracións a partir dun canon absolutamente patriarcal. Neste sentido, creo eu, cómpre non só recoñecer de cara á galería o traballo de tantas mulleres que escriben, pintan, fan cine, música ou se dedican á fotografía, mais poñer isto en práctica dunha vez, de xeito que a análise inherente aos seus traballos figure no plan de estudos. Querería eu ver, nalgún manual de literatura, por exemplo, non só unha visión non condescendente do que escriben as mulleres, mais unha análise explícita das causas que provocaron o silenciamento da súa obra durante anos. Que o alumnado galego saiba por que Virginia Woolf tardou tanto tempo en entrar no canon, malia o excelso do seu traballo, ou até que punto se instrumentalizou a figura de Rosalía, presentada como unha “santiña”, obviando o seu discurso político. Paréceme moi importante que comprendan non unicamente que ten poemas “heavies”, mais as razóns polas que este aspecto da súa escrita foi obviado e en que medida este feito foi penoso. E tendencioso tamén. A día de hoxe, a concienciación de moitos homes, ao respecto da igualdade, é só aparente. Por iso, o que se observa, nidiamente, é un desexo de “quedar ben”, para ofrecer unha imaxe amábel. De non ser isto así, as institucións non estarían ateigadas de homes e o seu gusto non impregnaría o sistema literario. En efecto, creo que todas/os entramos un pouco nese xogo do poder cultural, porque non sabemos/non queremos mudar o foco. Sempre ollamos o traballo que se publica nas grandes editoras. É curioso isto, a verdade. Pensa, por exemplo, no cinema. Non percibes unha inquietude grande, entre a cinefilia, por ver esas pelis independentes, feitas cun orzamento cativo, que propoñen outro xeito de mirar distinto, menos edulcorado que o da industria? Eu si que o percibo. Claramente ademais. E non só noto esta curiosidade, mais tamén que o feito de tela é motivo de orgullo. Na literatura galega non sucede isto. Cantas persoas leron, por poñer un caso, A perspectiva desde a porta, de Patricia Janeiro? Aparte das amigas e amigos da escritora, amais dalgunha persoa “solta”, creo que pouco máis. Teño unha sensación forte de que neste país, a pouca xente que le en galego, le, fundamentalmente, o que se lle coloca diante dos ollos ou aquilo que escriben as amizades. Así é que algunhas críticas que se escoitan sobre o funcionamento do sistema literario parécenme, sinceramente, feitas coa boca pequena.

- Palavra Comum: Que perspectivas tens sobre a língua galega (e também sobre a sua relação com a Lusofonia)? Como influi no teu trabalho criativo o uso doutras línguas (francês, por exemplo)?

- Rosa Enríquez: Creo que a relación coa lusofonía é escasa. Isto faise ben empobrecedor. Aquí coñecemos máis a literatura francesa, inglesa ou alemá, do que a angolana, portuguesa, brasileira… A visión, por tanto, é estreita. Como pode suceder algo así se Portugal, por exemplo, está ao lado?

Ao respecto do uso doutras linguas no que escribo, debo dicir que me sinto, en ocasións, un chisco mestiza. Quero dicir que non respondo ao esquema patriarcal do que que sería unha patriota… Se aínda for matriota, podería esforzarme… Ben, ironías aparte, o francés, como o galego e o castelán, forman parte da miña vida. Fun escolarizada en castelán -é triste, pero é- aprendín o francés de cativa e o galego foi a vía de comunicación co meu pai, que sempre o falou. Dentro e fóra da casa. Creo que reflectir esta mestura de linguas nos textos que escribo foi algo honesto, porque, realmente, o meu día a día transcorre así: falo galego sempre, con interferencias do castelán e unha presenza constante do francés.

No entanto, en ESPECTROS empreguei o galego e o francés soamente. Daquela, malia existir un xogo de linguas no poemario, creo que é un libro máis sobrio, na medida en que busca epatar menos para adentrarse na reflexión ao respecto, non só do compoñente espectral e paralizante existente na Galiza, mais tamén de como ese espectro percorre a literatura.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Rosa Enríquez: Polo de agora, dar a coñecer ESPECTROS e seguir escribindo son dous obxectivos prioritarios, mais recoñezo que me gustaría poder colaborar algún día con algún grupo musical e escoitar un poema meu cantado. :)

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Rosa Enríquez: Paréceme moi interesante o traballo que facedes en Palavra Comum, porque entrevistades a persoas moi diversas. Vexo que hai músicos, escritoras, ensaístas, actrices…

Gustaríame ler entrevistas a mulleres que fan cine, por exemplo. Eu son unha namorada do cinema, así é que coñecer directoras de cine de países lusófonos sería un gran pracer para min.

NOTA: a fotografia que acompanha esta entrevista provém da ficha da autora na AELG.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *