2 poemas de <em>Cartografía do exilio</em>, de Baldo Ramos

2 poemas de Cartografía do exilio, de Baldo Ramos

0 comentários 🕔11:35, 11.Fev 2015

Cartografía do exilio, de Baldo Ramos, é a obra que conseguiu o accésit do prémio Miguel González Garcés no 2014. A obra, publicada na Deputación da Coruña, entidade convocante do prémio, está-se distribuindo nestes inícios de 2015.

Desde Palavra Comum agradecemos ao autor, que já tem colaborado felizmente com esta revista, o envio destes 2 poemas da obra.

XXI

houbo que desistir.

destensar a paisaxe e evitar os cualificativos.

quedaban fendas polas que respiraba o pulmón da disidencia.

pero a metáfora xa non era un lugar de acollida.

co tempo comprendes
que a poesía non pode aspirar só á beleza
se non queres pagalo coa vertixe e coa misericordia do verdugo.

saes ás rúas e escoitas.

abres os ollos e percorres as periferias da linguaxe.

no centro da visión cristaliza
o corpo adulterado da mudez.

XX

asumes que a verticalidade na escrita é un xeito de acatar o azar.

que cómpre erguer a vista e deixarse ver pola cidade,
transparentar as voces que a fan lexíbel.

mirar cara adiante e non pensar na ausencia como un espazo de entrega,
como unha renuncia que nos desdí do futuro.

haberá que ver se o destino non é unha entelequia máis.

na reescritura medra a complexa maraña do poema
ata tupir a peneira da realidade.

mañá de xaneiro.

veas de luz circunvalan a versión que falseou a presbicia.

os reloxos póñense en hora no lugar da necrose.

evito a fidelidade para non recoñecerme no que queda por dicir.

o destinatario es ti que pasas e non sabes que te espero.

baixan pola Algalia de Arriba os ríos da abstracción.

non podo deixarme arrastrar.

vou na túa procura.

horizontal. distante.    imprecisa.

polo camiño atopo o cego de Polaroid, a cigana de ollos verdes, o repartidor de silencios.

escoito pero non escribo.

iso déixoo para despois do segundo prato.

primeiro teño que debullar as portas que pechan o poema.

e para iso
evito convocar as musas que andan a prostituírense nos tugurios da inspiración.

debo esperar sen pretender a compracencia nin o pretexto para disentir.

en Cervantes o día bifúrcase en catro espellos.

a gramática é unha escusa para sentar a tomar un café.

farei por non reconstruír os baleiros,
por non encher coa imaxinación asfixiante da concisión
os atrancos para crear unha ideoloxía habitábel.

transcribo voces, ruídos, cheiros, soportais vencidos pola sombra,
distancias que doen como futuros imperfectos, campás, olladas fundidas en negro,
pasos, camiños paralelos aínda que non o saibas a esta altura do relato,
intuicións que son números, límites que co tempo serán palabra desoutro lado.

Salomé resolve xeroglíficos no fío da vinganza.

agoniza a cidade para que ti poidas comprender os mecanismos do adulterio.

pracer do perecedoiro.

destensa.

non tanto.

déixate traspasar polo devir da cidade.

a apelación non é un recurso, é un reclamo.

vontade por desandar a transparencia, a circularidade da linguaxe.

ante o baleiro do porvir, o artesán confía nos vimbios da lentitude.

sabe esperar.

non sabe que,
pero non importa.

nada.

non sabe.

qué importa.

o artificio e a esperanza fan contraer os seus músculos.

séntese ferido no menos visíbel.

confía pero non se ilusiona.

o branco espesa a menstruación da noite, a súa lava de sementes.

os seus ditados son pretextos para o descenso.

e mañá será outro día sen ti.

NOTA: a fotografia que acompanha os poemas é de José Ángel Hernández Gómez.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *