Entrevista a Xoán Carlos Carreira

Entrevista a Xoán Carlos Carreira

0 comentários 🕔12:45, 11.Fev 2015

- Palavra Comum: Qual é a situação do sistema agrário galego hoje?

- Xoán Carlos Carreira: Desde o meu punto de vista, atópase hoxe nunha encrucillada ou, se queremos dicilo doutra maneira, no fin dunha etapa. Durante as últimas décadas o sistema agrario galego estivo especializándose na produción gandeira, nomeadamente de leite. Podemos dicir que a dia de hoxe existe unha especie de monocultivo con destino á exportación tanto no sector agrogandeiro como no forestal. Este modelo produtivo en xeral é un modelo moi intensivo que semella aproximarse á gandaría industrial. Como é lóxico deducir, non está orientado a satisfacer as necesidades de alimento das persoas que viven en Galiza. Apenas chega para cubrir a metade das mesmas.

Este modelo, ao meu entender, está dando síntomas de esgotamento, no sentido de que non ten garantido que poida proporcionar un modo de vida máis que a un número reducido de explotacións agrarias.

Case de xeito paralelo, subsiste aínda o sector da agricultura familiar, ou, se queremos chamala así, minifundista. É unha agricultura que nós cualificamos de invisíbel, porque non é obxecto de atención nin por parte da economía, nin da ciencia, nin da política nin dos medios de comunicación. E, porén, resiste e obtén unhas producións que, habitualmente, non son contabilizadas, mais que son capaces de satisfacer unha parte substancial das nosas necesidades de consumo de alimentos (por exemplo, arredor do 80% do noso consumo de patacas ou máis do 50% do noso consumo de hortalizas frescas).

Esta situación é a que cómpre ollar e analizar desde unha nova perspectiva e baixo as consideracións dos novos paradigmas que se están a impoñer a nivel mundial e que conciben a agricultura non como un negocio, senón como unha actividade produtora de alimentos, fibras e servizos ambientais.

- Palavra Comum: Que características próprias tem e com que outros modelos (europeus, americanos, etc.) nos comunica?

- Xoán Carlos Carreira: Sempre se dixo que a agricultura galega era unha agricultura familiar minifundista, con explotacións pequenas que producen unha parte para o consumo propio e outra para a venda. Este sistema agrario foi substituído pola agogandaría intensiva e exportadora. Desde o meu punto de vista, estes dous sistemas conviven aínda porque a agricultura familiar amosa unha grande resiliencia.

O modelo agrario intensivo, en realidade, non se diferencia moito de calquera modelo do mesmo tipo en calquera parte do mundo. As nosas explotacións de leite, en xeral, non se diferencian das explotacións de leite europeas, tan só nunha maior ou menor utilización de recursos forraxeiros propios.

A agricultura familiar insírese no modelo de agricultura familiar que existe tamén en todo o mundo, e nese sentido comparte moitas cousas. Non hai que esquecer que a agricultura familiar alimenta o 70% da poboación mundial. Mais entendo que ten unhas características propias. A nosa agricultura minifundista é desde hai centos de anos unha agricultura de precisión (chamase así a máis moderna das agriculturas comerciais). A propiedade divídese entre as/os herdeiras/os, mais tamén para adaptarse ás cambiantes características edafolóxicas e climáticas do noso país. Iso dalle unha grande eficiencia produtiva e así o demostran os estudos históricos recentes que cuestionan abertamente a idea de que a nosa agricultura minifundista fose atrasada.

Outro aspecto diferencial, ao meu entender, é que moitas das pequenas explotacións, aínda estando no medio rural, teñen as características propias do que a nivel mundial se chama agricultura urbana e que, nomeadamente no terceiro mundo, é moito máis que os hortos que os concellos crearon nos últimos tempos en varias cidades. A agricultura urbana ou periurbana é a que se practica nos arredores das cidades para consumo propio ou venda de pequenos excedentes. Ten unha enorme importancia, apesar de non se lle prestar atención. A FAO considera que está alimentando a cuarta parte da poboación urbana mundial. Unha agricultura “urbana” practicada por persoas que traballan na construción, nos servizos ou na industria en cidades e vilas, mais que manteñen a súa vivenda no medio rural, paréceme un aspecto con características propias que vale a pena analizar.

- Palavra Comum: Que caminhos achas conveniente transitar nestes tempos para o desenvolvimento rural? Qual seria para ti um modelo ideal para poder ser implementado e podermos chegar a ele?

- Xoán Carlos Carreira: Creo que hai que iniciar un novo camiño. Cara onde? Non é doado contestar, porque, como di o profesor Oliveira Baptista: “agora não há modelos, mas só caminho”. Sen embargo, podo apuntar tres ou catro ideas ou aspectos que, ao meu entender, se deberían ter en conta nesta nova época.

A primeira é ser conscientes de que o paradigma agrario cambiou. Que hoxe, para moita xente no mundo, a agricultura familiar é un valor. Así pois, aquilo que na segunda metade do século XX nos puido parecer atrasado e fóra da historia, no século XXI pode ser unha das nosas fortalezas. Aquela repudiada agricultura minifundista de Galiza, parécese moito ao que hoxe en día se considera agroloxicamente ideal. E a agroecoloxía é unha das opcións de futuro.

A segunda consideración é que a agricultura é un servizo publico. Ninguén dubida que a sanidade ou a educación son servizos públicos que temos que pagar cos cartos de todos. Mais por que se pon en cuestión que unha actividade que cubre a nosa necesidade máis básica, a alimentación, sexa un servizo público? Máis aínda: préstanse, como todo o mundo comeza a recoñecer, unha serie de servizos á sociedade (nomeadamente servizos ambientais), que, en moitos casos, os mercados non son quen de valorar economicamente (por exemplo, a conservación da biodiversidade, das tradicións, da paisaxe, …). Así pois, é fundamental a concepción da agricultura como servizo público que toda a sociedade debe contribuír a remunerar e que debe estar baixo o amparo da administración para asegurar á/ao consumidor/a alimentos sans, de calidade (e que poida pagalos) e á/ao produtor/a un medio de vida digno. Se isto está claro xa se atopará a maneira de facer unha política agraria axeitada.

A terceira é que hai que dar prioridade á consecución da soberanía alimentar. Ningún país terá futuro se depende do exterior en sectores claves como a alimentación dos seus habitantes ou o subministro enerxético. Neste contexto, cómpre prestar atención á pluriactividade das casas de labranza e a esa agricultura invisíbel de tempo parcial, porque xogan un papel fundamental.

En cuarto lugar cómpre unha resposta equilibrada para todos os sectores que hoxe conviven no rural: a agrogandaría intensiva, a agricultura familiar, as actividades non agrarias, o forestal, os/as meros/as residentes, etc. Probablemente necesitan políticas diferenciadas, pero ningún sector debe ser esquecido e, sobre todo, non se pode caer no erro de dividir o agrario en dous sectores incomunicados entre si: aqueles/as que se dedican a producir intensivamente e en cantidade de xeito “economicamente” eficiente e aqueles/as que se dedican a conservar o medio.

- Palavra Comum: Que aspectos do sistema agrário reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos na sociedade?

- Xoán Carlos Carreira: Creo que xa está contestado en preguntas anteriores. Habería que recoñecer o servizo que a agricultura ou a sociedade rural en xeral presta á sociedade tanto na produción de alimentos como na conservación de solos, biodiversidade, paisaxe, tradicións, cultura, e mesmo o idioma. Ademais, deberíase reivindicar a contribución da agricultura invisíbel das casas para diminuír a nosa dependencia alimentaria a través da produción de alimentos non contabilizados pola economía oficial. Sen ela, a nosa situación desde o punto de vista da soberanía alimentar sería aínda máis catastrófica.

- Palavra Comum: Que importância consideras que tem o diálogo com a tradição cultural, a ecologia e a sociedade?

- Xoán Carlos Carreira: É fundamental. Un modelo agrario diferente que se insira nos novos paradigmas agrarios só pode existir se é un proxecto do conxunto da sociedade. Depende moito do noso papel como consumidores/as, da importancia que lle deamos aos nosos sinais de identidade, ás tradicións, á paisaxe. Depende da importancia que lle deamos á conservación do noso patrimonio e da nosa riqueza natural para vindeiras xeracións.

Se a sociedade no seu conxunto non se implica nun proxecto deste tipo, o mais probábel é que se impoña a concepción dunha agricultura como negocio, produtora de cartos (que non de alimentos sans para a poboación do país) fronte a un modo de entender a vida e a sociedade que representa a agricultura campesiña.

- Palavra Comum: Que pegada tem deixado, do teu ponto de vista, o sistema agrário com as artes (literatura, música, artes plásticas, etc.)?

- Xoán Carlos Carreira: Nun país que ate moi pouco era unha terra con maioría de poboación rural, dedicada á agricultura, é lóxico que teña deixado unha pegada importante. Algunhas das obras literarias máis significativas da nosa literatura recollen temáticas e valores da sociedade rural. A música tradicional está moi relacionada cos labores agrícolas e co seu ritmo.

Mesmo hoxe en dia, os valores e a concepción da vida que existe na sociedade rural está detrás de moitas obras aparentemente creadas desde unha visión urbana.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Xoán Carlos Carreira: Paréceme unha iniciativa interesante, un espazo para a reflexión e intercambio de ideas. Vivimos nun mundo onde cada vez hai máis xente disposta a ofrecer aos demais as súas ideas e as súas obras. É importante e necesario un lugar de encontro para visibilizalas e compartilas. Moitas veces isto xa é unha grande achega, noutras será necesario, despois da chuvia de ideas, algún xeito de buscar puntos de encontro que permitan actuar e transmitir ideas á sociedade.

Xa gosto do que hai e non se me ocorre nada que propoñer sobre iso.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *