<em>Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX</em> (I)

Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX (I)

0 comentários 🕔12:05, 11.Fev 2015

Debido a circunstancias que non veñen ao caso, despois de publicar a tradución de textos de crítica literaria de Paul Lafargue e de crítica teatral de Stéphane Mallarmé, ocorréuseme que podía ser interesante traducir ao galego toda unha serie de textos e panfletos franceses do século XIX atravesados todos por un fío, tenue, iso si, mais por fío que, en última instancia, os une ou ata uns a outros. Ese fío está conformado polo binomio literatura/política… e de fondo, a crítica como arma do socialismo, ou doutros movementos políticos, como o anarquismo, o liberalismo radical, etc.

Un dos escritores máis curiosos, descoñecido fóra de Francia, e en Francia atreveríame a afirmar que só coñecido polos especialistas tanto en movementos de vangarda o XIX como en literatura socialista ou pro-socialista, é Anatole Baju.

Quen foi Anatole Baju? Nacido en 1861 e morto en 1903, foi un dos primeiros en reivindicar como estandarte o termo «decadente», e con este título fundou en 1886 a revista Le décadent littéraire et artistique, que durou até 1889 e tivo dúas xeiras pouco diferentes entre si, pasando a partir de 1889 a denominarse simplemente Le Décadent. O seu escrito «Aos lectores», que abre o primeiro número da revista, está considerado como un dos primeiros manifestos literarios franceses do XIX, xa que se publicou uns meses antes que o de Jean Moréas, Manifesto do simbolismo, publicado en Le Figaro en setembro de 1886.

Neste «manifesto», entre outras cousas, pódese ler: «A decadencia política déixanos fríos. Continúa, por outra parte, a facer o seu camiño dirixida por esa seita sintomática de politiqueiros cuxa aparición era inevitábel nestes tempos corrompidos.

«Absterémonos da política como dunha cousa idealmente infecta e abxectamente desprezábel», o que, por outra banda, estaba moi en consonancia coa actitude da maioría dos escritores franceses daquel tempo, ou ben apolíticos (sic) ou francamente reaccionarios, debido ao pavor que lles entrara despois da sublevación obreira de marzo-maio de 1871, sublevación coñecida como a Comuna de París. Con todo, dous anos despois deste «manifesto», Anatole Baju, no número 10 de Le Décadent, 2ª serie, do 1-15 de maio de 1888, publica un primeiro artigo: «Boulanger hué par la jeuneusse française» [O xeneral Boulanger apupado pola mocidade francesa], no que, respondendo a Maurice Barrès, declara a Boulanger un perigo tanto para Francia como para a democracia e a cultura. No número seguinte volve á carga: «Boulanger, c’est l’ennemi», no que Baju defende a figura do demócrata radical Léon Gambetta e volve atacar implacabelmente ao xeneral. Mais non se deteñen aquí os ataques a Boulanger por parte de A. Baju: no número 27 (15-31 de xaneiro de 1889), en «Le Général Boulager et la littérature», ao atacar aos que afirman que Le Décadent se fixo «boulanguista», despois de ironizar sobre os ministerios que «coparán» os escritores, acaba o seu artigo dicindo: «O Sr. Boulanger, na nosa opinión, completa a serie de laureados da imbecilidade popular, tratarémolo como aos seus conxéneres Paular, Coquelin e Francisque Sarcey [escritores atacados e odiados polos decadentes]». Baju, que en 1886 afirmara que se abstería da política, dous anos despois enfróntase ao fenómeno Boulanger, un populismo amalgama de elementos variados no que caeron, tamén, diversos socialistas franceses, entre eles Paul Lafargue, que cedo, porén, se deu conta do seu erro. Baju non caeu nunca nese erro, fatal tantas veces para a democracia e o movemento obreiro ao longo da historia dos séculos XIX e XX (e, talvez, o que levamos do XXI): a teima de certas esquerdas de pensaren que os inimigos dos nosos inimigos son os nosos amigos. O que conduciu a unha serie de catástrofes das que aínda hoxe é difícil recuperarse. Baju, apolítico en principio, e aínda que comece como liberal radical, tiña, como se di hoxe, un fino olfacto democrático, ese que tanta falta fai en momentos de confusión.

Mais a fuxida cara a adiante, esta vez no bo sentido da palabra, por parte de Anatole Baju –e de toda unha serie de escritores que se mencionarán noutras entregas– non se detén nunha defensa da democracia e da República: no número 31 da revista, o penúltimo, Baju escribe unhas «Orientacións», de clara dirección socialista, e nas páxinas centrais, «A dirección» –é dicir, Baju, como non querendo comprometer a ninguén máis, lembremos que o «manifesto» do decadentismo Aos lectores está asinado pola Redacción– publica un chamamento: «Á mocidade Socialista»:

«Ao fundarmos Le Décadent tiñamos a esperanza de facer del algún día un órgano literario e político. Até o presente ocupámonos exclusivamente da literatura unicamente para combater o vello prexuízo dos artistas: A Arte pola Arte. Certamente, non somos inimigos da Arte, mais queremos, esiximos que a Arte teña un obxectivo, é dicir, que sirva para a propagación da Idea. É que a nosa admiración por eses sonetos marabillosamente cicelados que non significan nada, non é senón unha variación da idolatría antiga? Ao estimarmos a Arte no seu xusto valor pensamos que é digno da mocidade letrada preocuparse pola solución inminente dos grandes problema sociais. Hoxe a política invade todo: nobres, burgueses, campesiños, obreiros, todo o mundo ocúpase dela. Que de máis natural! Estamos nunha época de transición, nunha época de tormenta e de inquietude na que ninguén sabe o que acontecerá mañá. En semellantes momentos, teimar en querer facer unicamente literatura sería illarse do mundo, secuestrarse no deserto e abdicar de calquera dirección intelectual.

Nós, que sempre pensamos que a mocidade non podería decaer sen se interesar polas cuestións sociais das que depende o seu futuro, chamamos a todos os escritores mozos desexosos de veren a Revolución seguir o seu curso normal.

Duplicaremos o formato da nosa Revista, consagraremos 16 páxinas á parte literaria e outras tantas á política sen por iso aumentar o seu prezo. Será como un suplemento gratuíto ofrecido á nosa antiga clientela e que, desde ese punto de vista aínda, está lonxe de prexudicar a parte literaria.

Que todos os que teñen queixas a exporen contra a sociedade actual veñan a nós, serán acollidos coa máis viva simpatía.

A dirección».

No número seguinte e último de Le Décadent, o 32, 1-15 de abril de 1889, aínda non se non realiza esa transformación, nunca se realizará. Anatole Baju pasa a colaborar en diversas revistas como L’Événement e outras e en 1891 inicia a súa militancia no Partido Obreiro Francés, fundado por Jules Guesde e máis Paul Lafargue, o xenro de Marx. Segundo a lenda, a famosa frase de Marx «Eu non son marxista» díxoa despois de Guesde se autoproclamar tal cousa. Segundo outras fontes, Marx tamén engadía o nome do seu xenro. O Partido Obreiro Francés foi un máis dos partidos franceses que se denominaban socialistas, só en 1905 se uniron todos baixo o nome de Partido socialista francés-SFIO (Sección francesa da internacional obreira), feito que, por certo, Baju non chegou a ver, xa que morrerá dous anos antes, á idade de corenta e catro anos.

Nesta primeira entrega damos ao lector a tradución de varios textos de Baju: o «manifesto» Aos lectores, e os folletos A escola decadente, A anarquía literaria e, finalmente, os seus Principios do socialismo. Coa lectura dese manifesto e destes folletos, por orde de publicación, o lector percibirá claramente o camiño realizado por Baju, un camiño non exento de dificultades, de voluntarismo, de sinceridade absoluta, de confusión, de inxenuidade, de erros de magnitude, etc., mais tamén de certas «iluminacións», non no sentido benjaminiano, senón no físico: é dicir, a acción dun misto prendido nun cuarto escuro: deixa ver, por un segundo, o contorno do cuarto e das cousas que o poboan e logo, de novo, a escuridade.

O camiño de Baju foi seguido por outros moitos escritores, uns cara ao socialismo, outros, curiosamente (?) case sempre os máis «grandes», cara ao anarquismo, outros abalan entre anarquismo e socialismo, e outros, aínda, entre anarquismo, socialismo e… sionismo. E outros, finalmente, renegan despois de militaren no anarquismo ou no socialismo. De todos eles, e dos problemas que puxeron enriba do tapete e que aínda non se solucionaron ou continúan a gozaren da actualidade máis rabiosa, falaremos en próximas entregas.

AOS LECTORES (1)

Disimular o estado de decadencia ao que chegamos sería o cúmulo da insensatez.

Relixións, costume, xustiza, todo decae ou, máis ben, todo sufre unha decadencia inelutábel.

O home moderno é un ser insensíbel.

A sociedade disgrégase baixo a acción corrosiva dunha civilización delicuescente.

Refinamento de apetitos, de sensacións, de gusto, de pracer; neurose, histeria, hipnotismo, morfinomanía, charlatanismo científico, schopenhaurismo a morte, tales son os pródomos da evolución social.

É sobre todo na lingua que se manifestan os primeiros síntomas.

A desexos novos corresponden ideas novas, sutís, matizadas, até o infinito. De aí a necesidade de crear vocábulos estraños para expresar tal complexidade de sentimentos e de sensacións fisiolóxicas.

Só nos ocuparemos dese movemento desde o punto de vista da literatura.

A decadencia política déixanos fríos. Continúa, por outra parte, a facer o seu camiño dirixida por esa seita sintomática de politiqueiros cuxa aparición era inevitábel nestes tempos corrompidos.

Absterémonos da política como dunha cousa idealmente infecta e abxectamente desprezábel.

A arte non ten partido; é o único punto de reunión de todas as opinións.

É a ela que seguiremos nas súas flutuacións.

Dedicamos esta folla ás innovacións fatigosas, aos audaces estupefacientes, ás incoherencias de 36 atmosferas no límite máis recuado da súa compatibilidade con estas convencións arcaicas etiquetadas co nome de moral pública.

Seremos as vedettes dunha literatura ideal, os precursores do transformismo latente que rilla as capas superpostas do clasicismo, do romanticismo e do naturalismo; nunha palabra, seremos os mahdis clamando eternamente o dogma «elixirizado», o verbo demasiado quintaesenciado do decadentismo triunfante.

A redacción.

Anatole Baju

A ESCOLA DECADENTE

Léon Vanier, Éditeur des Décadents, París, 1887.

A ESCOLA DECADENTE

Discutíuselles aos Decadentes o poder de crearen escolas. Preténdese que son anomalías lamentábeis e, por tanto, impotentes para todo tipo de producións. Mesmo apelouse a algúns energúmenos da elucubración e da incoherencia para probar, mediante os seus esconxuros, que a existencia dos Decadentes en tanto que escola é unha simple farsa e non paga a pena falar deles.

Teño o deber imperioso de non deixar propagarse máis tempo os clamores blasfematorios que incurábeis escribas fixeron chegar até os nosos oídos, aínda que eses ruídos só sexan unha consecuencia natural da existencia da escola e unha innegábel proba da súa vitalidade.

Os Decadentes teñen un xefe seguido por toda unha pléiade de escritores mozos, unha estética nova, un editor e, mesmo, lectores. Que máis é necesario para constituír unha escola?
Este movemento literario non data de hoxe: Baudelaire podería ser denominado o verdadeiro precursor. Áchase en As Flores do Mal o xerme de todas as belezas que admiramos e sobre todo a idea que presidiu a concepción da escola decadente.

Verlaine e Mallarmé, que se poden considerar como os únicos iniciadores, teñen máis de vinte anos de exercicio un e outro na ocupación do novo xénero de escribir.

E Rimbaud, este irmán intelectual de Verlaine, case divino pola lingua, arrebatado tan novo á Arte, morto, din uns, rei dunha tribo salvaxe, din outros, ou talvez… quen sabe? Rimbaud non produciu As primeiras comuñóns despois de 1871?

Como se ve, esta literatura no chegou sen preparación, como eses criptogramas velenosos que nacen non importa onde nunha noite de tempestade. É obra do tempo. A súa xestación foi longa e a súa eclosión debía producirse inevitabelmente no momento en que se produciu. Se non apareceu antes é porque o Naturalismo non dera aínda toda a medida da súa paixón polos obxectos baixos, vulgares ou repugnantes.

É no mes de agosto de 1885 que os meus amigos e máis eu, fartos desta literatura venal, estéril e plana en que se ilustra Zola, e que fai as delicias do burgués sen alma, lanzamos en nome de todos os que se interesan nas Artes un formidábel berro de alarma que repercutiu mediante todos os ecos a través dos dous Mundos.

Nun obxectivo de universalización do Belo, por vez primeira quizais, compadecéndonos da aberración da masas, dignámonos a pór ao alcance do público unha folla que foi como o santuario da Arte: Le Décadent, sen abdicarmos no entanto das altas prerrogativas do sacerdocio do que eramos conscientes. A proba, honorábel para o noso sacrificio, é a máis brillante afirmación da imposibilidade material, manifesta, patente, de romper algunha vez a atracción da lama na pupila das multitudes. Temos o orgullo de vermos a nosa tentativa circunscrita ao mundo intelectual, de voarmos tan alto que o resto da humanidade non nos comprendeu, só puido percibirnos.

Como consagración da nosa obra, recollemos os sarcasmos da ignorancia hostil a calquera magnificencia, porque non intentamos nada que non levara a pegada do belo, orixe e ben de toda moralidade.

Non podo facer aquí a apoloxía da Escola decadente, nin mesmo a refutación dos argumentos que se dirixiron contra ela. Propóñome, simplemente, dicir o que é, os seus obxectivos e os seus medios, prohíbome absolutamente o uso do eloxio ou da censura para só dar un relato imparcial, un resumo histórico e non unha obra máis ou menos interesada de ataque ou de defensa.

Falarei tanto sen modestia como sen orgullo: a modestia é propiedade dos vaidosos ou o peor dos orgullos, o orgullo enmascarado, e acho que o orgullo só é un defecto cando se vai albergar na alma dunha mediocridade. Teño a convicción de colaborar nun grande movemento literario, direi o que penso, nin máis nin menos, porque acredito na súa utilidade.

ANTES DE NÓS

Este século que está a declinar vira nacer a máis inmoral das literaturas. Especie de enciclopedia impersoal cuxo espírito de minuciosa análise é o seu único mérito, o Naturalismo, verdadeiro espello desta sociedade democrática que nunca tivo ningunha elevación nas ideas. Non podía ter. Como escritores que non pensan poderían distraer un instante o seu espírito da materia? Para eles o mundo só é unha inmensa máquina automática e os homes que o habitan manequíns estúpidos que obedecen a influencias psicolóxicas inelutabelmente fatais.

Era a literatura desta triste época de nivelación intelectual a morte, onde todo o que leva a pegada do pensamento é considerado como un insulto por esas plebes que non perdoan e que sofren menos pola súa propia abxección que pola altura dos que os superan.

Condenado á monografía das cousas, o Naturalismo fixo as delicias dos que son incapaces de veren ou de sentiren a non ser mediante os seus sentidos.

Por un intre algúns fanáticos deste xénero puideron crer irremediabelmente aniquilada a idea baixo a invasión da materia, e as multitudes patexaron de alegría coa lectura dalgunhas repugnantes descricións, proba manifesta de que todo o seu ideal xace unicamente na materialidade das cousas.

Esta literatura só podía ser efémera: non representaba a civilización. Os seus excesos e as súas tendencias pornográficas fixeran inevitábel a reacción que se opera hoxe. É á Escola decadente que estaba reservada a honra de triturar o Naturalismo e de crear un gusto mellor que xa non estivese en contradición directa co progreso moderno.

A LITERATURA E OS COSTUMES

A Vida é a gran xeradora de todas as literaturas. É ela quen determina os movementos do Pensamento: vede as outras evolucións literarias, todas son a consecuencia dun cambio de costumes ou dunha transformación social.

Como nada se estanca perpetuamente e como o progreso imprime á vida unha dirección continua cara adiante, a cada etapa da sociedade corresponde unha nova forma literaria. Os homes serían impotentes para eternizaren calquera literatura. A pesar de todo, lograrían comprimir a idea nova, o fastío polo pasado, a ansiosa espera do descoñecido abondarían para provocar estes cambios de forma.

É que a literatura é a alma da sociedade. Reflicte todas as súas ideas, é máis que a carne, máis que o sangue: é o alento que lle dá expresión de vida.

Os monumentos non conteñen unha pegada tan fiel e tan forte da característica dos tempos. O pensamento escrito abraza toda unha época, resume todas as tendencias e a orixe única desta vida vivida, vivinte, palpitante que amamos e que nos axita até o fondo do ser mediante eléctricas e vibrantes conmocións.

O Naturalismo foi a imaxe exacta desta sociedade bastarda falsamente chamada republicana; represéntaa tal como é. Os que o atopan esaxerado non deben máis que reparar na nosa época da que non fai máis reflectir os vicios sen esaxeración. É a verdadeira literatura destes tempos de latrocinio onde, sen freo, sen goberno, os homes de todas as clases, torturados polo bandullo, se abandonan aos seus instintos de brutos, ao chou, como os emperadores romanos cos seus escravos co fin dalgunha monstruosa e abominábel orxía.

Mais hoxe recoñécese. Sábese que os apetitos dalgúns serían domados máis vilmente pola fame que polas vituallas: cada un recupera o seu rango e o mundo o seu antigo equilibrio. Unha mesta somnolencia de impotencia e de fastío espállase sobre a terra. O home honesto, exasperado polo triunfo do Mal e vencido pola omnipotencia dun destino hostil, abátese de cansazo, de torpeza e de noxo.

Unha literatura nova, correspondente co estado mental da sociedade, debería ser a consecuencia desta situación de espírito e da separación das clases.

SPLEEN MODERNO

A nosa época non está enferma, está fatigada, está, sobre todo, enfastiada. As máis nobres tentativas de filantropía fracasaron pola falta daqueles mesmos aos que esas tentativas mellorarían o seu destino. Cantos homes, ao impulsaren a abnegación até o desprezo da promiscuidade, traballaron para a felicidade da humanidade e non tiraron máis que apupos.

Todo o que se fixo para elevar o nivel moral e intelectual das masas ficou sen resultado. Estraña sociedade do futuro! A aristocracia non fará máis que afinarse día a día no progreso da civilización, mentres que as clases inferiores, ao se envileceren máis, descubrirán todas as clases de infamias posíbeis e ignominias descoñecidas.

Fronte a estes lamentábeis sucesos, o home intelectual sente un fastío profundo e o spleen incurábel, inevitábel, asáltao, tritúrao como a bóveda dunha igrexa que lle caera no lombo. Oh!, este spleen non é o dos emperadores aburridos de poder, de mulleres e de orxías: é máis negro, máis intenso, máis irremediábel, porque conduce a maldicir a existencia, a chamar á Morte e a desexar a Nada!

Non se debe inferir do que precede que o home moderno é triste, pesimista na acepción da palabra. Pola contra, é alegre ou, se non o é realmente, sabe abdicar as súas soberanas tristezas fronte a este mundo por demasiado superficial. Vencido pola fatalidade, sabe que a súa ferida é mortal; pero máis forte na súa derrota que o vencedor que o rompeu, rexeita o seu mal ao fondo da alma e agáchao baixo aparencias de alegría, desafío sublime que lanza ao destino para mostrar que pode aniquilalo mais que é impotente, que non pode facerlle perder o seu indomábel e temerario orgullo!

É no illamento, e mesmo nas multitudes, cando o pensador, ao facer abstracción dos seres materiais que se moven ao seu redor, se abisma na soidade do seu espírito nunha contemplación sintética do mundo, que este spleen inmenso, tan terríbel, o invade e o forza a manifestar aspiracións cara á Nada, humillantes para el, deshonrosas para a divindade. Oh!, entón sofre intensamente desta doenza atroz cuxos efectos son tanto máis terríbeis canto as causas son descoñecidas, ou, talvez, mesmo nin existen.

Diante desta proba da súa impotencia, ao ver a súa intelixencia fatalmente triturada pola engrenaxe dun destino estúpido, enfastiarase da vida, e a repugnancia que sinte ao existir no estado de autómatas movido por un poder cego tradúcese nos seus escritos e dá á literatura decadente esta forma grave ou alegre, pola que exhala a amargura das súas queixas ou a ironía amarga do seo intolerábel desespero.

O DECADISMO (sic)

A literatura decadente sintetiza o espírito da nosa época, é dicir, o da elite intelectual da sociedade moderna. Non podería entrar en xogo, cando se trata da Arte, a multitude, que non pensa e que non pode ser contada numericamente. O alto público intelectual, o único que conta e cuxos sufraxios son unha consagración, ten tamén moitas desas emocións facticias, desas excitacións groseiras, desas convencións banais dun mundo imaxinario que as últimas literaturas realizan para estimularen os sentidos.

Está canso de toda a confusión romántica e naturalista que fascina ás veces a imaxinación mais que é impotente para facer cesar o entumecemento do corazón.

O que quere é a vida. Está sedento desta vida intensa tal como a fixo o progreso, ten necesidade de se saciar. Quixera condensar nunha soa, a súa, numerosas existencias de homes, extraer o zume, facer vibrar nel todos os estremecementos. Por unha contradición curiosa, mais que explica, no entanto, o efecto de desespero, a necesidade de vivir é a característica desta época na que semella adquirir a sombría e espantosa certeza da Nada.

A literatura decadente proponse reflectir a imaxe deste mundo esplenético. Só ten en conta o que interesa directamente á vida. Só unha síntese rápida ao dar a impresión dos obxectos. Non pintar, facer sentir; dar ao corazón a sensación das cousas, ben mediante construcións novas, ben mediante símbolos que evoquen a idea con máis intensidade pola comparación. Sintetizar a materia, mais analizar o corazón.

Tal é o programa tan simple e en moita harmonía coa vida moderna. Hoxe que o home viu todo, que sabe todo, que experimentou todas as emocións, ten un desexo desenfreado de sensacións novas. Agora que examinou as partes, é necesario considerar os conxuntos.

Coa marcha vertixinosa das cousas, ten necesidade de gozar en pouco tempo. Non pode xa ler longas novelas de aventuras con descricións interminábeis.

Que lle importan os heroes inverosímiles? É un home. Que lle fan as descricións? Ten no peito un corazón inerte que ten necesidade de vibrar. O que quere é ese estremecemento da vida cuxo contacto electriza a súa.

Os escritores penetrados do espírito deste fin de século deben ser breves e narrar as loitas íntimas do Corazón, a única cousa que interesa ao home, que non coñece, que non coñecerá nunca, porque o corazón humano é tan vasto como o Infinito.

É triste dicir, mais a humanidade non podería volver a algúns tipos xenéricos movidos polas mesmas regras, a obedecer ás mesmas influencias. Igual que todos os homes se semellan pola forma mais difiren polos trazos, igualmente para pintar todos os corazóns serían necesarias tantas monografías como individuos.

A Eternidade, o Corazón e o Infinito son tres cousas que o home nunca poderá afondar completamente, tres misterios que desafiarán eternamente a Ciencia e que son a proba irrefutábel da impotencia humana.

O DECADENTE

É inzados destas ideas que Maurice du Plessys e máis eu decidimos fundar unha publicación que axuntaría os escritores en que se manifestan tendencias para a nova forma literaria.

Había pouco que coñecía a M. du Plessys, por mediación do Sr. Lucien Leroy, o noso amigo común, que nos presentou un día de festa en Saint-Denys.

Rapidamente estivemos en comuñón de ideas. Reunimos na miña casa algúns dos nosos amigos e decidimos a creación dun xornal.

Non era todo.

Seguiu unha longa discusión para darlle un título. Cadaquén achegaba ao seu. Para dar satisfacción a todos os fundadores, vin o momento en que sería obrigado publicalo sucesivamente co título preferido de cadaquén, se este modo de publicación non nos parecese que era daniño para a venda.

Finalmente todo o mundo se resignou e acordamos que o xornal se chamaría Le Décadent.

Este título, que é un verdadeiro contrasentido, impúñasenos. Velaí porque o tomamos.

Desde hai algún tempo os cronistas parisienses, e especialmente o Sr. Champsaur, designaban ironicamente os escritores da nova escola co alcume de decadentes.

Para evitarmos as malas interpretacións que esta palabra pouco atinada podía facer ao noso respecto, preferimos, para acabarmos, tomala por bandeira.

Todos estivemos encantados de superarmos os obstáculos desta maneira e non se pensou máis que en se pór á obra.

A empresa non deixaba de ter os seus encantos, mais estaba inzada de dificultades novas e non previstas. Non nos faltaban nin coraxe nin iniciativa, só nos faltaban os cartos.

Ao primeiro chamamento dos nosos amigos, a copia do primeiro número estaba feita. Foi entón cando tivemos a certeza de que non abonda ter colaboradores para publicar un xornal, mesmo literario: necesítase tamén, e sobre todo, un impresor.

Pois ben, non encontramos en todo París un home abondo apaixonado pola arte para costear a publicación de Le Décadent!

Non obstante, era unha idea que levabamos en nós e esta idea estivemos a piques de vela perecer no seu xerme porque nos era imposíbel calquera sacrificio monetario.

Non podiamos resignarnos ao abandono de proxectos dos que xa considerabamos a súa realización como unha especie de deber sagrado, e pasabamos a maior parte do tempo a trazar as combinacións que superarían rapidamente a falta de cartos para apuntalalos. Pasan os días, as semanas, logo os meses e nada, sempre nada, nunca nada. Ah!, se a fortuna viñese cando se dorme… mais a fortuna é unha prostituta que só se entrega a homes máis depravados que ela mesma!

Coñeceramos xa os ásperos noxos, os desesperos sen saída das almas ardentes que se comerían o universo e que están condenadas fatalmente á inercia polos desfalecementos do corpo. Felizmente, para fuxirmos deste pesimismo glacial, tiñamos coidado de purificarmos o noso espírito na auga lustral dos xerros de cervexa ou nos vasos de absenta, doce consolo que nos recompensaba amplamente da aprehensión dun diluvio futuro.

Finalmente, ningunha providencia viña axudarnos, comprei quilos de carácteres, de caixas e unha prensa manual. Subín todo ao meu cuarto da rúa Lamartine, ao sexto andar, peza por peza, ás costas do conserxe que non aturaría na casa a instalación dunha imprenta clandestina. Cadaquén axudou un pouco e todo se fixo nunha noite.

Mais o día seguinte era eu obxecto dunha vixilancia activa por parte de todos os inquilinos. Víranme levar cousas que disimulaba. Todo o mundo mirábame cunha cara sinistra: debían pensar que facía contrabando, pouco tranquilo para a seguridade do edificio.

Á noite seguinte púxenme a montar a prensa, mais o ruído impedía durmir á miña veciña. Exasperada por non poder pechar o ollo, a boa muller veu petar á miña porta. Estaba furiosa. Conseguín non obstante engaiolala e facerlle prometer non se queixar mediante un cento de tarxetas.

Non era todo, a veciña de abaixo –felizmente non tiña enriba– veu á súa vez, cansa de berrar e de golpear co mango dunha escoba o teito para me facer calar. Apostrofoume da máis violenta maneira. Ao ver o meu material, caeu en síncope:

– É un obradoiro de ferreiro!, dixo. Vai facer caer o piso sobre min!

Foi presa dun verdadeiro pánico e miraba a un dos meus colaboradores que tomaba por obreiros.

Non quería volver deitarse no temor de que a máquina lle caese sobre o nariz. Estaba tan inquieta ao vela que se obstinaba en quedar e Pladet despregaba inutilmente todos os recursos da súa dialéctica para lle probar que podía durmir tranquila.

Só conseguimos que se fose desprazando a máquina, que se atopaba xusto enriba da súa cama, e prometéndolle que non nos moveriamos o resto da noite.

Fun obrigado, para apagar o ruído, a facer un tapiz con toda a lencería e os vellos traxes que tiña. Facía a composición durante a parte avanzada da noite, pola mañá a compaxinación e ao anoitecer a composición.

Os nosos primeiros números fixéronse sen esforzo. Pouco experto na arte da tipografía, ignoraba que era necesario bañar a composición para a compaxinación e continuamente tiñamos paquetes de pasta.

O que sempre nos incomodou foi a insuficiencia de carácteres. Moitas veces falta un tipo de letra. Unha vez, a caixa dos a estaba case baleira e Paul Pradet tiña que compor aínda un artigo de sesenta liñas. Estiven obrigado a procurar sinónimos a case todas as palabras que tiñan a.

O que era sobre todo intolerábel era a calor do verán. Os teitos de zinc reverberaban os raios do sol sobre a nosa bufarda e facían do noso cuarto unha pequena estufa na que, para resistirmos, era necesario un gran consumo de bebida e traballar case completamente nus.

A pesar destes inconvenientes, Le Décadent progresou rapidamente. En menos de quince días foi coñecido de todo o París intelectual. A tiraxe cedo foi insuficiente e foi necesario recorrer a unha grande imprenta.

Toda a prensa francesa e estranxeira ocupouse do xornal, e a crónica parisiense viu a ocasión dunha excelente ganga. Algúns inxenuos xulgaban descubrir en nós indicios de mistificación (fumisme), puxéronse a proclamalo en voz moi alta, mais non tardaron en calar, temendo non ter a honra do seu descubrimento.

O mercado literario de Le Décadent non variou moito, aínda que aceptaramos como colaboradores homes que non representaban de maneira ningunha a idea decadente. Fomos xenerosos: convidaramos a todo o mundo. Era, sen dúbida, unha equivocación, porque moitos caeron nun exceso completamente oposto ao noso. É así que vimos imaxinarse de boa ver ser decadente desfigurando as palabras ou envorcando a composición das frases.

O bo siso público fixo xustiza, é verdade, a estes indelicados innovadores, mais non deixou menos de caer sobre nós unha censura xeral por lles dar a razón de ser.

Le Décadent foi un órgano aberto a todas as intelixencias. Cadaquén foi libre de desenvolver as súas teorías, por contraditorias que fosen coas nosas. O noso xornal representou a escola en xeral: simbolistas, verlanianos, mallarmeanos, quintaesencistas, etc.

Asombra talvez ver tantos grupos diferentes na escola decadente, mais non podía ser doutro xeito nunha época en que todo é matiz e en que os matices mesmos teñen até submatices imperceptíbeis.

É certo que sen a creación de Le Decadent a maior parte destes grupos non existirían nunca, foilles necesaria a protección desta folla poderosa para se desenvolveren comodamente.

O primeiro que se manifestou, o que semellaba máis serio polos homes que o compuñan: Gustave Kahn, Jean Moréas, Paul Adam, Édouard Dujardin, Gaston Dubreuilh, creou un órgano interesante: Le Symboliste, do que só se publicaron tres ou catro números.

Este xornal representaba unha fracción dos Decadentes independentes, é dicir, que aínda que non vinculado nin a Verlaine nin a Mallarmé non deixaba de ter o seu carácter eminentemente persoal. La Vogue, revista fundada polo Sr. Léo d’Orfer e dirixida polo Sr. Gustave Kahn era aínda un dos seus principais órganos.

O Sr. René Ghil quixo tamén crear unha folla independente exclusivamente reservada aos Simbolistas e que nomeou impropiamente: La Décadence. Por outra parte só apareceron algúns números.

Todas estas publicacións prosperaron desde o punto de vista da publicidade, mais o día en que Le Décadent foi suspendido, por razóns que darei máis tarde, todas desapareceron ao mesmo tempo e non deixaron unha lembranza durábel máis que na memoria dos seus comanditarios.

Mentres nacían e se murchaban na sombra estas follas efémeras, polo ruído que se fixo arredor nosa, nós demos a ilusión dunha tiraxe de cincuenta mil exemplares, cifra inusitada até este día nos fastos do xornalismo literario. Ningún xornal deste xénero foi máis espallado, tanto publicado en Francia como no resto do mundo.

NOTA
(1) Este texto, co que inicia a súa andadura a revista Le décadent littéraire et artistique, aínda que asinado pola redacción é da autoría do director, Anatole Baju, e está considerado como un dos primeiros manifestos literarios franceses. Apareceu no nº 1 da revista, do 10 de abril de 1886. (ndt.)

NOTA SOBRE A FOTOGRAFIA DESTE ARTIGO: procede de Wikimedia Commons.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *