<em>Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX</em> (II)

Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX (II)

0 comentários 🕔11:00, 18.Fev 2015

OS ESCRITORES DE LE DÉCADENT

JULES BARBEY D’AURÉVILLY

Barbey é grande! Pretender probalo suporía que se pode dubidar. É tan inútil no sentido de que non se proba unha cousa que se explica por si mesma, evidente como a luz do día, patente como a decrepitude deste fin de século. A indiferenza ou o desdén das plebes por este grande home, que proba máis brillante e máis segura do seu vasto xenio! Porque vivimos nunha época de corrupción e de abxección tal, que o odio e o desprezo convertéronse no criterio único do talento.

Está nos nosos costumes: no futuro un triunfo non será completo en tanto non provoque as aclamacións da elite tan restrinxida do mundo intelectual e as difamacións da multitude dos pillabáns.

O conde Barbey d’Aurévilly apiádase abondo da humanidade para non inquietarnos dos xuízos que poden facer sobre el.

Cristián, é con Péladan o derradeiro escritor do Cristianismo, sostén este antigo edificio relixioso que se afunde e que a aurora do século XX non achará de pé.

Destino estraño o desta relixión e que me leva a crer que unha especie de fatalidade plana por enriba do propio Deus! Mentres que as outras crenzas morren por falta de voces, esta, no seu declive, produciu o máis colosal pensador de todos os séculos e de todas as nacións.

Experiméntase non sei que sentimento de admiración ao ver este xigante do pensamento encarnizarse na defensa dunha idea á que os asedios do egoísmo contemporáneo comunicaron os xermes da morte.

Jules Barbey d’Aurévilly non é un decadente, lonxe de nós o pensamento de acaparalo, mais é con Baudelaire o digno precursor deste movemento de psicoloxía e de síntese profundas cuxa ollada sintética é capaz de abrazar a natureza enteira.

É o único escritor deste século. Á parte de Verlaine, ninguén se lle pode comparar. Victor Hugo, que pasa no entanto por un xigante, comparado con el só é un anano. Barbey elévase por riba de Victor Hugo como este por riba do resto da humanidade.

PAUL VERLAINE

Verlaine é o poeta do Corazón.

Ninguén entregou cunha graza tan infinitamente suprema, á parte dos sentimentos xerais perceptíbeis a todos, as múltiplas e delicadas emocións da alma, inapreciábeis para a parte inculta da humanidade. Os seus versos, íntimos e profundos, teñen algo do estremecemento da vida.

O home de corazón inmenso ao que lle foi dado sentir e reproducir tan exactamente as emocións máis fortes como as sensacións máis fugaces, por unha desas fatalidades inherentes á natureza humana, debía tamén aceptar, como proba das súas altas facultades, todo o que a vida ten de horríbel, de repugnante e de negro.

Non intentarei narrar os seus accidentes. Só el pode narrar as fases dolorosas da súa existencia e é capaz de comunicar ao lector o horror desta sociedade maldita que o esmaga coa súa brutalidade de ignorante, a el, tan doce, tan débil, tan sabio. Sería tamén unha tarefa demasiado pesada para min. Verlaine, sen dúbida un día realizaraa. Para que expor a súa miseria diante dun século que non sabe senón rir e que só admira as mediocridades berronas e que só ten corazón para as prostitutas?

Por outra banda, Verlaine é máis grande que o mal, porque vive e o tolera aínda. Se quixese curar, ten o remedio nel e tería a forza de aplicalo, máis forte que eses escravos que morrían a consecuencia dos malos tratos ou as contusións das cadeas, non abandonaría á dor física ou á fame unha grande prerrogativa que só lle pertence a el.

Cando, impotente para superar o seu noxo, efectúe a liberación suprema do seu xenio, sen dúbida acharase entre os papeis íntimos esa autobiografía vingadora que estigmatizará no Futuro o oprobio do século XIX. Si, merece que murche esta época nefasta que ve a Verlaine na palla e a Boulanger no pináculo: o xenio descoñecido e o berrón aclamado. Que tempos! Un home que non fixo nada superar en reputación militar ao primeiro Bonaparte. E no entanto, que diferenza! Un fai a súa publicidade a canonazos en todos os campos de batalla de Europa, o outro, vulgarizando a súa fotografía e facéndose lanzar polos xornais de París.

Felizmente Boulanger, que é obra da publicidade, morrerá polo xornalismo: Bonaparte caeu en Waterloo, el caerá por un artigo de Albert Millaud, de Edmond Deschaumes ou talvez de Henri Rochefort (2).

Quen sabe se, por orde de Deus, non é para o seu castigo que este infeliz século está condenado a aclamar eternamente mediocridades por descoñecer o máis grande poeta de todos os tempos: o Mestre, Paul Verlaine.

MAURICE DU PLESSYS

Paralelamente aos dous Mestres, Paul Verlaine e Jules Barbey d’Aurévilly, paira Maurice du Plessys nas altas rexións da Arte contemporánea. Novo e case virxe de toda clase de producións, non é menos unha especie de Atlas a levar sobre o seu lombo o ceo tempestuoso do mundo decadente.

Un volume non abondaría para examinarmos a fondo este espírito complexo que se prega a todas as innovacións da modernidade.

Gentleman da literatura, é como tal que o presenta ao público máis larpeiro das súas excentricidades que capaz de apreciar as súas obras.

É unha desas glorias do noso século XIX feitas de publicidade, de xestos e de ruído, e tanto máis sólidas canto non descansa sobre nada. Como só teñen causa no propio individuo, a Crítica non pode atacalas e duran tanto como home cuxa cabeza aureolan.

Non se pode dicir que non fixese nada: é un dos fundadores de Le Décadent. Como Sócrates non escribiu nada, mais como Sócrates pensou. Que importa que non producise nada se o seu pensamento fecundo guiou os nosos colaboradores e apoiounos contra o desfalecemento nos horas terríbeis da loita?

A súa colaboración redúcese a tres ou catro artigos de estética ou pezas de versos. Quixera
producir máis, mais o seu incurábel desprezo da escrita impedíalle coller a pluma.

Cando nos prometera un artigo, no temor de que o forzasemos a executalo inmediatamente, gardábase moito de se presentar nas nosas oficinas antes de que o número da semana aparecese e de que el non o vise exposto nos bulevares.

Ateo e fanático da relixión, M. du Plessys, segundo a súa pintoresca expresión, só é apto para non facer nada. A humanidade prodúcelle piedade. A súa alma paternal ten aspiracións cara á Nada e soña cataclismos que, ao destruíren o universo, abolirían o sufrimento.

Como Sócrates ama o Belo: Onde está o Belo está o Ben, di, e ten razón. Se o Belo non é sempre o Ben, é raro que non limite cunha das súas partes.

M. du Plessys cóidase fisicamente de maneira case feminina. Esvelto e delgado, ten nos seus movemento a flexibilidade ondulante da serpe. Apaixonado polo esmalte e o veludo, achega na disposición do seu aseo un coidado tan minucioso que se diría un pequeno monumento que camiña.

Orgulloso e encurvado sen a menor rixidez, foxe cara aos ceos, onde as súas olladas van perderse, a súa fronte desmesuradamente ampla ten o meneo das cocottes e a desenvoltura dos pallasos e pousa o pé coa arte suprema das sabias danzarinas.

Tan forte como Don Juan, ningunha muller se lle resiste. Dise que un día, ao atopar unha rapaza dunha beleza sedutora, púxose a mirala cunha ollada concupiscente. O que ela desexaba, foi cara a el, díxolle que tiña necesidade e que, se a quería socorrer, ela estaríalle agradecida. M. du Plessys tendeulle á rapaza unha moeda e saudouna afastándose. Lamentou moito esta muller que amaría, mais non podía decentemente posuíla porque a socorrera.

No fondo é bo e caritativo: os seus raros escritos son o espello da súa alma.

Este amasador de ideas e verdadeiro almirante do VERBO é dunha fraqueza extrema. Un día un dos nosos amigos encontrouno brincando sobre a exigüidade dos seus papos.

– Sempre está enfraquecendo?

– Non, respondeu Plessys, espiritualízome.

OUTROS COLABORADORES

Quédame por enumerar sumariamente os outros principais colaboradores. Son numerosos. Só podo citar o seu nome a falta de espazo para analizar as súas obras.

Stéphane Mallarmé é o primeiro que respondeu ao noso chamamento. Deunos varias pezas en prosa ou en verso. O seu talento é demasiado universalmente apreciado para que haxa necesidade de eloxialo.

René Ghil prestounos axiña o seu concurso. Le Décadent vulgarizou os primeiros extractos de Traité du Verbe, xa aparecidos en La Pléiade de Darzens. Demos aos escritos deste mozo, poeta de xenio, a maior publicidade posíbel. Máis tarde o Sr. René Ghil separouse de nós e non dubidou –o que é moi humano– en publicar contra nós un artigo intencionadamente hostil.

Paul Vorsin, excelente poeta lamartiano (3), forneceunos durante toda a duración da nosa publicación pezas de versos exquisitos.

Delphin de Girard, que agacha baixo este pseudónimo un dos máis grandes nomes de Italia, é o amigo do precedente e forneceunos varias pezas de versos máis ou mesmo do mesmo xénero.

Albert Aurier, tan dono do seu talento para a prosa como para o verso, deunos nos dous xéneros pezas nas que se sente un alento ardente e unha inspiración potente.

Rachilde, autora de varios libros un pouco ruidosos, tales como Monsieur Vénus e La Marquise de Sade, escribiu para Le Décadent algúns contos bastante apreciados.

Jean Lorrain, hoxe redactor de L’Événement, deu a Le Décadent a primicia dalgunhas pezas deliciosas que forman o volume de Les Griseries.

Ernest Raynaud, o amigo de Verlaine e de M. du Plessys, chegado demasiado tarde canda nós, só nos forneceu unha peza, este poeta mozo, de gran talento, colaborara xa en Lutèce, xornal dirixido por Lé Trézenick. Era coñecido por varias pezas de versos e por algúns extractos de Le Carnet d’un Décadent. Vai publicar proximamente Les Chairs Profanes, poesías, e Deux Ménages, novela de costumes parisienses.

Moïse Renault, laureado do último concurso rabelesiano, forneceunos varios contos ou artigos de estética que gustaron bastante.

Cazals, que debutara polos retratos de Paul Adam, Jean Moréas e Gustave Kahn, acabou por facer as reportaxes literarias de Le Décadent.

Non falei de Paul Pradet que comezara a publicar en La Grande Rulotte e que nos abandonou no número trece. Este feroz compoñedor de Le Décadent (e tamén o redactor en xefe) que, ao faltar un día carácteres enviou un rapaz a buscar catro cadelas de t á imprenta veciña. O revisor tipográfico, xulgando ser gracioso, enviou o neno a unha tenda de comestíbeis onde lle deron, naturalmente, catro cadelas de té.

Os outros colaboradores que só podo nomear son:

Charles Évendal, Thiernesse, Jacques le Lorrain, Gaudefroy, Miguel Fernández, Malaro de Corné, Noël d’Auray, Louis-Pilate de Brinn’Gaubast, Paterne Berrichon, Gaston Bertram, Schiroky, Henri Leprince, Georges Hepp, D’Orfer, Stuart Mérrill, Édouard Dubus, Oscar Méténier, D. Denfert, Auguste Dupont, Charles Darantière, Jehan Sarrazin, Pop, Henri de Villars, Jules Boubert, Merky, Henri Le Brun, Lorand, François Carny, Gaston Moreilhon, J. Noro, Em. Rouard, André de Bréville, Jules Laforgue, Gustave Kahn, Jean Moréas, Charles Vignier, Jean Ajalbert e Paul Adam.

A PRENSA E LE DÉCADENT

A prensa parisiense contribuíu nunha ampla medida á vulgarización da idea decadente, non exclusivamente co fin de aclimatala ao gran público, senón, pola contra, para impedir que se gustase das obras dos nosos mestres. Temeu que as poboacións, unha vez embriagadas pola dozura dos ritmos decadentes, non puidesen xa liberarse deles. Era, sen dúbida, unha equivocación, porque os propios decadentes tomaran precaucións para previrse contra todo exceso de popularidade.

Os escritores da nova escola, para conservaren a súa independencia completa, teñen necesidade de ignoraren absolutamente a opinión pública. Non deben depender máis que de si mesmos. Se tivesen que contar cunha clientela, poderían esquecer as altas preocupacións da Arte para compraceren os gustos dalgúns. Ou embriagados por unha moda efémera, abandonaríanse a producións demasiado abundantes e, por tanto, estériles. Un exceso deste xénero sería para eles un escollo que deben evitar, e pode dicirse que neste caso a hostilidade da Prensa os secunda, admirabelmente. Até aquí, non teñen ningunha queixa desde o punto de vista comercial, porque son sempre os que escribiron menos os que gañaron máis.

A prensa parisiense, se non puido facerlle ben tampouco lle fixo mal. Divulgou as súas teorías para se moquear, para divertir a unha galería hostil ás súas expensas e sobre todo por esa eterna necesidade do Novo neste París onde se aburre un tan rapidamente. Que un Pranzini (4) ou un Boulanger intempestivos xurdiran nesta época, ou que o incendio da Opéra-Comique chegara no momento da publicación de Le Décadent, relegaron rapidamente as cuestións da arte ao segundo plano para só se ocupar destas catástrofes.

Sería inxusto pola nosa parte reprochar aos xornalistas parisienses non nos tomar en serio: hai as necesidade das existencia e a clientela do xornal. A maioría non viu na nosa tentativa outra cousa que unha broma e sei que lles foi penoso tratar á lixeira semellante manifestación do pensamento. Se o nivel intelectual do gran público fose máis elevado, moitos nos aclamarían ou entrarían nos nosos rangos.

Amo facer esta xustiza á prensa parisiense, que, no fondo, nos comprendeu perfectamente. Por outra parte, en ningunha época se vira no xornalismo, aínda que demasiado sacrificado á información, un número tan grande de cronistas espirituais, de panfletarios acerbos ou de críticos eminentes. A suma de espírito dispensado cada día é enorme: por todas partes pensamentos, novos e profundos, palabras que noutrora serían dignas de permanecer e que hoxe desaparecen en vinte e catro horas no remuíño do pasado.

Nunca, dígase o que se diga, esta inmensa lexión de xornalistas parisienses fora tan brillante. Case todos están dobrados de filósofos e pensadores e teñen no seu activo obras dun talento indiscutíbel e ademais todos son os depositarios deste espírito francés e deste vello verbo galo que estabelecen a nosa superioridade sobre o xornalismo estranxeiro.

Le Décadent, na súa aparición, concentrou sobre el toda a súa atención. O primeiro que deu a alarma foi o Sr. Édouard Grauce, redactor en xefe de Le Journal de Saint-Denis, que escribiu un artigo fulminante en que nos denominaba «velliños mozos».

O Sr. Édouard Norès, de La Patrie, foi un dos primeiros que se ocupou de nós neste xornal, así como o Sr. Robert de la Sizeranne. O Sr. Édouard Norès testemuñounos a súa simpatía até o Salón dos Incoherentes, onde expuxo un soneto de cores encadrado de titulares do noso xornal.

O Sr. Sutter-Laumann, de La Justice, consagrounos tamén varios folletóns deste xornal onde non nos aforraba as críticas máis amargas.

Os Srs. Jean Séméac de Le Voltaire, Cabriat de Le Figaro, Deschaumes de L’Événement, Mermeix e Clovis Hugues de La France, Georges Montorgueil de Paris, Paul Alexis de Le Cri du peuple, Paul Saulière de L’Estafette, Albert Dubrugeaud de L’Écho de Paris, etc., consagráronnos alternativamente a miúdo artigos irónicos pola forma mais no fondo sempre espirituais e cheos de simpatía.

Moitos outros xornais tales como Le Matin, L’Intransigeant, La Nation, La France Libre, La Liberté, L’Autorité, Le Soleil, Le National, Le Petit Journal, Le Pays, Le Siècle, Le XIXe. Siècle, La République Française, La Paix, Le Français, Le Journal des Débats, Le Monde, L’Univers, La Croix, Lutèce, Le Pilori, La Jeune Garde, Le Tintamarre, etc., así como unha cantidade de xornais de provincia e do estranxeiro contribuíron a dar á literatura decadente o eco que merecía.

Case todas as revistas tamén deron a súa nota menos ruidosa neste gran concerto publicitario. O Sr. Charles Larivière, sobre todo, salientou por un artigo malvado en La Revue Générale, que era felizmente compensado por unha parodia divertida dun soneto do Sr. René Ghil.

O Sr. Charles Fuster, o mozo director de La Revue Littéraire et Artistique, de Bordeos, hoxe en París, tamén escribiu algúns artigos sobre os Decadentes que reuniu no seu volume Essais de Critique. Pero estaba demasiado afastado de París e só nos vía opacamente: as súas apreciacións non teñen, por tanto, toda a precisión necesaria.

O Sr. Jules Lemaître, o eminente crítico de La Revue bleu, actualmente en Le Figaro, falou de nós en diferentes ocasións. Infelizmente, intenta demasiado facerse o gracioso e non percibe o que hai de serio.

Nunha palabra, toda a prensa acolleunos simpaticamente e, á parte dalgúns escribas que non contan, houbo unanimidade en recoñecer que a Escola decadente é unha escola nova.

A prensa estranxeira tamén se fixo eco do ruído formado arredor de nós, mais poucos xornalistas estranxeiros nos comprenderon. Só Xavier de Carvalho, redactor d’A Provincia, puido consagrarnos crónicas que non pecaban nin polo coñecemento do tema nin sobre todo polo espírito.

CONCLUSIÓN

Do que se acaba de ler dedúcese que non pode dubidarse da existencia da escola decadente. Existe porque a combateron e saíu vitoria da loita. Os nomes de Verlaine, Ghil, Mallarmé, du Plessys, etc., son unha proba irrevogábel. E non podemos citar nomes, senón tamén obras. Que se lea Les Fêtes Galantes, Amour e Parallèlement (5), o Traité du Verbe (6) e Tout l’Oeuvre, de Maurice du Plessys que aparecerá proximamente, daranse conta, por pouco que se saiba, de que esta literatura non se semella a ningunha outra.

Unicamente a transición do Naturalismo á literatura decadente é, talvez, demasiado brusca. É máis que unha evolución: é unha revolución. A maioría dos xéneros, noutrora honrados, caeron en desuso. Longos poemas que nunca acaban, denominados de poesía descritiva, xa non se escriben e lense aínda menos. Parece que o extremo límite das pezas de versos decadentes se reducise ao soneto. As novelas que eran antes de doce volumes, logo de catro, despois de dous e finalmente dun só, tenden a se condensar na amplitude dun conto. O teatro, que fixera as delicias dos pobos infantís, desaparece completamente. Será extremadamente raro no futuro achar un poeta decadente amortallado baixo as ruínas da Opéra-Comique. Para nós o teatro é a vida ou cando menos o circo, son as catástrofes, os incendios, a execución dos condenados, a súa tortura nos tribunais, en fin, todo o que pode facer vibrar en nós as cordas usadas dunha sensibilidade demasiado debilitada.

Todo isto é a escola decadente.

Agora deuse o impulso, nada podería deter este movemento artístico que promete ser fecundo en obras mestras. Desexo soamente aos nosos artistas mozos que calen os seus rancores persoais en beneficio da Arte. É a equivocación da maioría deles desgarrarse entre si, ou conspirar o silencio arredor dalgúns. Que saiban que o que é verdadeiramente superior non coñece obstáculos e non se ofende por nada. Só os homes mediocres se ofuscan co que os arrodea e imaxinan que non poden brillar porque lles fan un gran baleiro.

NOTAS
(2) Xornalistas parisienses. O de «talvez de Henri Rochefort» vén a conto, porque Rochefort, excomuneiro reconvertido en antisemita e antidrefuysard, foi un dos paladíns xornalísticos de Boulanger (ndt.).
(3) É dicir, con influencias ou seguidor do poeta Alphonse de Lamartine (ndt.).
(4) Asasino moi famoso naqueles anos (ndt.).
(5) Fêtes Galantes, Amour e Parallelement, obras de Paul Verlaine (ndt.).
(6) Traité du verbe, de René Ghil (ndt.).

NOTA SOBRE A FOTOGRAFIA DESTE ARTIGO: procede de Wikimedia Commons.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *