Músicas de Auel 10. Rock n’roll lunático. Ugia Pedreira & Pierrot Rougier

Músicas de Auel 10. Rock n’roll lunático. Ugia Pedreira & Pierrot Rougier

1 comentário 🕔11:40, 18.Fev 2015

Moita xente gosta de ir pola montaña para estar soa na natureza, soa consigo mesma diante do xigante, da lentitude, do silencio. Ir á montaña para elevarse ata onde non se pode máis elevar. Na práctica, subir montañas tamén representa suor, dor nos pés, feridas, frío, calor extrema, falta de osíxeno, cambras, ampolas… Imos dicer que o que a alma puidese ver como unha peregrinación profiláctica, o corpo víveo como algo potente e mesmo violento. O noso corpo está deseñado para andar quilómetros e ver de lonxe, din os paleontólogos. Somos feitos para empregar o noso corpo. Así, cando a vida non permite moverse nada máis que nos ritmos profesionais e caseiros, podemos aínda ter a oportunidade de volver ser homo sapiens e sentir o equilibrio nas montañas.

Mais como facer cando o corpo non pode moverse de xeito “nomal” e cando a alma xa coñece un pouquiño do pracer, da éxtase, da paz e da felicidade? É o caso de Lua. A alma descubriu o humor, a alegría, a risa, a tenrura, a excitación, a curiosidade. Mais o seu corpo fica semi- incapaz de deixarlle investigar estas emocións de forma correctamente vertical ou sentada, autónoma.

Lua baila muito comigo desde que saiu do hospital. Como un pai responsábel comecei con cancións respeitábeis, con cantantes de voz doce e melodías alegres. Pola fin de cada canción Lua ten unha maneira particular e lindísima de expresar como viviu o baile feito, mostrando a súa experiencia do que vén de suceder. Pasa dunha cara de indeferenza a un sorriso inmenso en dirección á pantalla do ordenador de donde provén “la musique”, pasa dunha cabeza que cae a unha que se levanta, ou dun corpo pasivo a un corpo fervente que quere escalarme e mostra o seu xúbilo.

Teño que admitirvos agora orgullosamente que a miña filla gusta muito do rock n’ roll brutal, ese mesmo que lle daba medo ás nosas avoas. Como un dj respectuoso dos bailadores teño que dar o que o público pide. ;-) Así, hai algunhas semanas que vou buscando as mellores cousas para bailar do lado do rock e así sorprendela e variar: busco un rock «da hostia» para unha alma que voa nun corpo potente. E así bailamos hora e media cada día con énfase e paixón.

Teño a convicción de que o rock n’ roll lle axuda a ter ganas de medrar co movemento grazas á emoción que sae desta experiencia conxunta. A ciencia di que non hai aprendizaxe sen emoción nin pracer.

Tamén creo que lle axudou un pouco a socializarse para poder aguantar os saltos de risa dos adultos e a desfrutar das súas conversas apaixonadas, moitas veces lonxe dos intereses infantís.

Velaquí tendes estes tres exemplos de cancións que fan parte das súas preferidas nesta época. Que as desfrutedes a tope!

AC/DC – Thunderstruck

Un clásico do rock. Un son tremendamente potente, un bombo que marca o ritmo no peito, un baixo regular que marca a súa gravitación no espazo do baile, unha voz de home gato catártica, cambios de ritmos que vou utilizando para variar o movemento, baixadas onde ela cae con sorpresa nos meus brazos e subidas onde ela quere porse de pé sobre os meus ombros. Uso no baile esta rixidez rompéndoa (pés dereitos, brazos cruzados), espasticidade que lle provoca a súa enfermidade mais que neste caso lle permite erguerse e sentirse alta e mestra do mundo, como o alpinista na cima do cumio. Cando remata o último golpe orquestral Lu berra de pracer e comeza a mover as pernas con frenesí. Unha estimulación de alta voltaxe.

Body Count – Body Count

Unha canción que fala da violencia en Los Angeles: «16 nenos asasinados en guerra de clan esta finde, no meu barrio… ». Esta oración fai estalar a Lua de risa, non sei ben porqué. Ela gosta moito da voz de Ice-T, parécelle divertida, supoño. Quizais por ser máis rapeado que cantado ela se sinta na compaña dun home que só lle fala a ela. Ou talvez polo timbre de voz, non sei.

Body count – Evil Dick

Canción altamente sulfurosa para as orellas púdicas. «Evil Dick / Carallo mau» evoca o apetito sexual masculino e agasállanos cun solo feito á maneira dun orgasmo masculino. Que? O que fai este home? Dá isto ás orellas puras da súa pequena filla? Pois si, un día atrevinme a probar esta canción con Lua… e que sorpresa! Para ela non hai nada de moral intelectual ou social, iso son consideracións de adultos. Para Lua só hai enerxía. A sexual é a nosa enerxía máis potente, e para ela é só iso: «enerxia potente» . Movémonos con frenesí como nunha lavadora polo chan e cando acaba o solo nun silencio de dous segundos, ela dime á súa maneira «ohhh papi, guauuu, ha, ha, ha, manda truco!!!!!!!! » Con esa cara de felicidade e de sorrisos listos, sorrindo simpatiquísima de lado.

NOTA: Nestas dúas semanas nas que fun pensando sobre o artigo houbo un cambio na relación de Lua co baile. Os cambios son constantes, instantáneos, na vida con Lua. Son parte da aprendizaxe. A noite do 14 de febreiro desfrutou de calquera cousa que bailamos, non necesitou as súas voces preferidas e recoñecidas. Gozou do baile con papá independentemente da playlist.

Sobre o autor / a autora

Ugia Pedreira

Ugia Pedreira

(Galiza)

1 comentário

  1. 🕔 22:30, 19.Fev 2015

    Nena

    Hola!! ! Que bonitaaaaaaaa!!!! Esta preciosa lúa !! .
    Os recuerdo a las dos con muchísimo cariño, que buena gente conocí de la mano de Manuel , Chus y Rui , !!un lujo para mi, me gusta lo que escribes, yo, a estas alturas, y los 9 desbordantes años que tiene María, me quedo con su mundo fantástico y su forma de ver y hacer su vida, a ella también le encanta bailar, y en el suelo hace maravillas!! Jeje, mil besos y no dejes de escribir!

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *