A propósito de <em>Tertúlia revisitada</em>: Alberte Momán

A propósito de Tertúlia revisitada: Alberte Momán

0 comentários 🕔13:00, 25.Fev 2015

- Palavra Comum: Leste Tertúlia, de Xavier Alcalá, após ser publicada em 1985? Que aspectos destacarias da mesma?

- Alberte Momán: Debo recoñecer que non lin a novela daquela e aínda é hoxe que non chegou ás miñas mans. Pola contra, teño algún coñecemento da polémica suscitada ao redor dela.

- Palavra Comum: Como valoras a situação, na altura, do sistema literário galego e como a contemplas agora?

- Alberte Momán: Malia que aquel tempo me cadra un pouco lonxe, considero que hai cousas que pouco cambiaron dende aquela. Mesturado co sentimento de creación dun sistema literario propio, establecéronse daquela e anteriormente as bases dun mercado literario. Poucas inciativas eran as que se foron consolidando e poucas, así mesmo, as que estableceron un criterio do que era ou non publicable. Como acontece habitualmente, creáronse círculos máis ou menos pechados, de amizades con afinidades comúns. Círculos que, en moitos casos, fóronse colocando en posicións de certa relevancia en entidades tanto públicas como privadas. Este feito deulles acceso, por unha parte, a un maior prestixio persoal e da súa obra, e por outra, vinculounas ás entidades políticas que tiñan a capacidade de destinar recursos para os distintos proxectos editoriais. Esta situación deu pé a anos nos que a evolución do sistema literario se produciu de costas á sociedade lectora de facto ou potencialmente lectora. Os pobres criterios editoriais, dirixidos polas mesmas persoas, sen apenas renovación, enquistou un modelo en por si deficiente.

Coido que foron poucas as iniciativas que tentaron mudar ese modelo, abrindo o abano de posibilidades de escolla para a comunidade lectora.

Penso que foi a partir da última década, na que, sen rachar definitivamente cun sistema hermético, pechado en si mesmo, comezaron a aparecer iniciativas afastadas dos círculos culturais consolidados, e que pretenderon e pretenden mostrar unha visión renovada da cultura en xeral e da escrita en particular.

A crise económica e os conseguintes recortes en cultura, neste sentido, axudaron a facer abalar os alicerces do actual sistema literario, mais non deu derrubado as iniciativas empresariais máis consolidadas.

- Palavra Comum: Consideras que ontem e hoje seguem a existir capelinhas que repartem bastões e pequenos poderes?

- Alberte Momán: Coido que o sistema literario diferénciase pouco de calquera outro sistema ou mercado. O ser humano estableceu sistemas de medida básicos baseados na comparación. Para que poidamos considerar a ‘calidade’ dunha obra, debemos ter un abano máis ou menos extenso para establecer esas comparacións.

Se reducimos ao lector ou lectora a mera consumidora, vemos que precisamos de criterios sólidos para que, previamente á lectura, esta ou este poda decidir o obxecto de consumo. Para salientar distintas figuras dentro do eido literario, é preciso que haxa unha cantidade maior de autores e autoras que fican por baixo deste primeiro elenco.

Isto resulta interesante para o mercado literario, polo que, quen ostente a capacidade de establecer un criterio de idoneidade, ten a capacidade de escolla dos autores e autoras que formen parte do seu círculo de privilexio. O privilexio, xa non só de publicar, senón de recibir as atencións precisas para que unha obra pase a fronteira do anonimato. O mercado non pode asumir máis que o recoñecemento duns poucos ou dunhas poucas figuras relevantes. Está na esencia da súa relevancia, a existencia de quen non está a esa altura.

- Palavra Comum: Qual a eficácia da denúncia e qual a necessidade de actitudes mais equânimes que as descritas nesta obra para o âmbito da cultura?

- Alberte Momán: Os criterios editoriais de calquera entidade, pública ou privada, son sempre cuestionables, pero no caso de actividades empresariais son opacos e blindados a olladas externas, polo que non hai moito por onde tirar. A consecuencia directa disto é que a pobre elección de obras para edición redunda directamente na pobre elección de obras que chegan, especialmente, aos centros de ensino.

Ano tras ano, as principais empresas do eido, máis viciadas, son as que teñen maior capacidade para chegar aos principais canais de difusión, ben sexa mediática ou no campo da educación.

Para min, a aparición de novos proxectos, liderados por persoas que aportan visións distintas, pode chegar a abrir unha fenda dentro do actual sistema. Afastándose do eido literario estrictamente como mercado, pódese iniciar un proceso no que a creación de lectores e lectoras críticas sexa a prioridade. Sen necesidade de xerar unha confrontación directa coas empresas editoriais, senón incidindo en que sexa a propia comunidade lectora quen decida a liña a seguir, que non ten porque ser única, descartando todo aquelo que se afaste dos seus intereses. Todo isto, lonxe das inxerencias nas que o mercado incide por medio das estruturas que lle son propias.

Sobre o autor / a autora

Alberte Momán Noval

Alberte Momán Noval

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *