Entrevista a Xosé Bocixa

Entrevista a Xosé Bocixa

0 comentários 🕔14:40, 25.Fev 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a música? E que supõe o trabalho audiovisual?

- Xosé Bocixa: O certo é que a música fai parte da miña vida desde o mesmo nacemento… De cativo, nas Encrobas, naquel universo tan miúdo formado por labregas e labregos que vivín, traballaban e comían da terra os contos tradicionais, as lendas arredor de estadeas ou as Santas Compañas, e a música era o entretemento estrela. Lembro que ao rematar as ceas, logo dunha xornada de traballo común entre persoas da aldea, sempre había “cántegas”. Miña nai Carme sempre me cantou moito desde pequerrechiño e transmitiume a paixón por cantar. Ela e todas esas persoas que armaban unha festa cunha botella de anís como único instrumento. A min adoitaban pedirme que cantase nas mallas, cavas, ramos… Cando non tiña gañas, pois ás veces un cativo non funciona co ritmo dos maiores, pasaban a gorra e daquela cunhas moedas xa me convencían. O señor Ché da Casagrande, ante a insistencia da súa dona, a Señora Pepa, de que eu cantase, cantoume unha peza moi potente a modo de regueifa: “tres barcos van pola terra,/ tres barcos van polo mare,/ tres van carghados de merda/ pra quen me mandou cantare”. E a señora Pepa da Casagrande deume o peso prometido a pesares do contido da letra… :). Aquela estrofa foi sempre a miña salvación cando non quería entrar na “grea”. Lembro tamén o cuarteto de Queixas, presente en todas as festas, as mulleres coas pandeiretas…

Ocorreu que na adolescencia mudou o meu concepto e paseime ao rock animado por un grupo de “desertores” da tradición. Nese momento pasamos a ser na aldea carne de comentarios, pois aínda non se entendía ben a nosa “estética”, o noso “estilo” nin a nosa “actitude” daqueles finais dos 80. Pobres nais, o que tiveron que oír no ruxe ruxe da aldea durante os primeiros anos! Quedamos pillados polo rock e cada vez disfrutamos máis… O inicio era menos serio, con ambición exclusivamente festeira e protestona, sobre todo co que ocorría no noso entorno e o que viviramos de nenos (asalto do capitalismo nas Encrobas, destrución paulatina do val pola mina de Fenosa, Sogama). Como en calquera barrio industrial de calquera cidade do mundo, queriamos denunciar ese espolio capitalista coa chantaxe política, clerical, etc. Nos últimos 15 anos, a música pesa máis… cancións máis arranxadas, coidadas para disfrute noso e de quen queira oílas. Non sei canto duraremos como banda pero musicalmente estamos máis vivos que nunca. En abril presentaremos o noso décimo traballo. Nunca o imaxinariamos.

A miña chegada ao audiovisual foi algo parecido… Con 20 anos xa retellabamos de maneira afeccionada con cámaras de HI 8. Pasaron os anos e sentín a necesidade de desmontar moitas mentiras e contar a “miña” versión, a “nosa” versión dos feitos acontecidos nas Encrobas e chegou A Ceo Aberto. As Encrobas, co apoio dun equipo de xente recén saída da Escola de Imaxe e Son. Foi o noso primeiro traballo profesional. Mon Moares (único con moita experiencia como montador), Roi Gil (sonidista hoxe moi activo) e Ben Díaz (xa un nome moi coñecido na ilumicación de espectáculos e cámara) realizamos o que creo é un bo traballo con medios mínimos. Sen un peso e asumindo todos os gastos de rodaxe, levámola a cabo e afortunadamente, e co apoio de Xosé Zapata, puidemos emitilo na TVG, o que supuxo a recuperación do que gastara en comidas, materiais, combustibles, luces… e puiden compensar un mínimo o esforzo daquel equipo. Hoxe a política da TVG é unha vergoña, non apoian o máis mínimo os traballos realizados en Galicia sen subvención ou con ela, a tarifa que ofrecen pola emisión é ridícula… é vergoñento. Non hai nin un programa que inclúa os documentais e curtas excelentes que aquí se realizan, non hai un programa onde se visibilice a creación musical de verdade, nin musical nin do resto de artes. Condensan todo en programas comodíns nos que se falan da túa curta dous minutos podes darte cun canto nos dentes!! Os profesionais da televisión pública están encerrados entre catro paredes!

Desde ese documental armeime coas miñas propias cámaras e xa non as volvín soltar!

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

- Xosé Bocixa: Eu creo que poden existir tantos procesos distintos como creadoras de arte. Tamén os procesos son diferentes dependendo do que persigas coa obra, dos obxectivos que a creadora se plantexa! As persoas soemos ser demasiado ambiciosas e egocéntricas.

Para min un traballo persoal, unha creación independente, non é o mesmo que un encargo cunhas liñas a seguir ou se pretenden compracer os gustos dunha época ou sector concreto. O que hoxe pasa desapercibido dentro de trinta ou cen anos pode ser unha obra de culto, pasou moitas veces na historia da arte.

Hai moitos procesos de creación e moitas ideas do que é arte ou non é! Eu valoro unhas cousas e ti outras. Podes estar creando algo sen a intención de que sexa valorado como arte. Xa se sabe… que é arte e que non? Hai quen busca so estética, hai quen busca comunicar ideas, hai quen mestura todo… e tamén hai quen só busca un produto para concurso… esa arte sublime e suprema que logo ten unha presa de incoherencias para min inaceptables.

Volvo á miña infancia, naquel paraíso destruído a xente falaba da arte: “Mira que arte ten para tecer cestos e paxes, arte para cultivar o trigo, arte para pescar no río… :). O termo artista úsase, ás veces, como se formases parte dunha caste de privilexiados dotados dunha maxia especial na que eu non creo. A arte vén das técnicas, da aprendizaxe, da ilusión… e o proceso é moi persoal. Para min é actitude, filosofía, valores, loita, denuncia. É moi doado ser artista ao servizo do poder… e iso abunda. Tamén abundan os artistas á marxe, afortunadamente! No audiovisual unha boa idea non sempre abonda. Desafortunadamente, moitas veces fan falla cartos que só uns poucos (en masculino xeralmente) “conseguen” ou teñen. Outras teñen que conformarse coa boa idea realizable con poucos medios. No meu caso fago traballos por encargo, que é do que vivo, podendo ter máis ou menos arte. Levo a cabo algunha idea persoal en solitario, sen medios, co único fin de comunicar ideas, visión de personaxes, do mundo… e recollo moito material que eu considero interesante conservar sen máis pretensión. Se para min é interesante gardar unha tronada… enlatada queda. Se me motiva montar 8 minutos homenaxeando a Rosalía de Castro, fágoo sen máis.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou poderia ser- a relação entre a música e outras artes (fotografia, literatura, artes plásticas, etc.)?

- Xosé Bocixa: Sen son somos persoas xordas, mudas! O son é o corazón dos nosos sentidos… creo eu. Sen a música non existe a harmonía. Por tanto, son e música teñen que ir da man da imaxe, aínda que son totalmente independentes e libres. Por suposto, tamén teñen que existir eses momentos para ser xordas ou cegas! Poño por caso música e cinema, pero o mesmo acontece coa fotografía, literatura, pintura… por moita música que lle metas a una exposición plástica é básico que haxa dominio da técnica, das cores. Mais unha música pode levarte a outro plano ollando una escultura. Coa música podes voar.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?

- Xosé Bocixa: Se Bocixa com busto Moncho Valcarce fotografia de Distrito Xermarteño que falar de referentes debo facelo das persoas que coñezo, e as que coñecín ou non e me impactaron pola súa actitude vital de solidariedade. Persoas cos seus defectos, mais humildes, solidarias e con espírito rebelde, de denuncia. Eu podo falar de Moncho Valcarce. Curiosamente un crego a pesar de que eu son ateo. Claro… logo sempre estás influenciado por obras que te impactaron e sen sabelo reproduces. En música, en audiovisual…. todo ten influencias anteriores e quen o negue minte. Inventar é moi complicado, evolucionar é outra cousa. A min se unha música ou un documental me din ou me transmiten algo, e me fan descubrir ou reflexionar, estou satisfeito. Se non… non me interesa.

- Palavra Comum: Que pessoas e formas criativas reivindicarias por não serem suficientemente (re)conhecidas (ainda)?

- Xosé Bocixa: Estamos na mesma situación que comentara antes. Hai persoas creando constantemente. Centos, millares… o que ocorre é que nos médios aparece só un número limitado de nomes e obras, esas que se ven apropiadas precisamente porque teñen ese nome e eses medios potentes para realizárense. Hai xente que se busca a vida e arrisca para crear unha obra que chama a atención e entra nese circo mediático dos “grandes”, pero eu non creo nese espectáculo. Iso non quere dicir que sexa negativo destacar cun traballo, ao contrario. Os primeiros documentalistas filmaron o seu entorno, acontecementos e paisaxes da vida cotiá. Eu reivindico esa filosofía de falar do universal desde o cercano. Aínda que hoxe é máis doado ir ao outro lado do planeta e traer unha obra “distinta”. A ficción e o documental hoxe están moi mesturados e eu prefiro esa forma de creación a partir de realidades cercanas. Moitas produtoras potentes descartan esas obras de realidades próximas porque ao poder non lle interesa. Reivindico eses autores e autoras que apostan polo que cren interesante á marxe do poder, á marxe dos cartos, que no fondo non valen unha merda.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua galega (e a sua relação com a Lusofonia)?

- Xosé Bocixa: A Lingua Galega arrastra unha situación preocupante desde hai anos. O gran mal que se lle fixo durante décadas de ditadura franquista é a base deses problemas. Crearon grandes complexos a varias xeracións que sendo galego-falantes criaron os seus fillos e fillas nas cidades en castelán, ben por medo, ben por complexo ou mestura das duas. Logo, co Estatuto, sempre tiveron o poder os reaccionarios, que nada ou poco fixeron por reverter a situación, e no momento actual, como desde a escola non se tomen medidas, mentres non existan campañas de longo percorrido coordinadas e ben pensadas para facer partícipe á sociedade do perigo real de desaparición do galego nas rúas, nas empresas, nos medios de comunicación… non chegará a solución que agardamos. Non se poden subvencionar con cantidades millonarias certos medios de comunicación e menos se me traducen ao castelán as miñas declaracións! A lusofonía é clave e debe de terse en conta nesas campañas…. mais non só para manter viva a lingua, tamén para a expansión de negocios no ámbito empresarial, cultural, etc.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a música hoje -e para a cultura, em geral-?

- Xosé Bocixa: Eu considero que a creación ten que ser libre e non deixarse guiar por modas impostas polos monstros que fan da cultura o seu gran negocio exclusivo, e por tanto afogan a cultura de base, a cultura popular, a cultura para minorías. Se eu creo música ou documentos audiovisuais non o fago cunha estética que me pareza vai ser máis comercial, senón cunha estética que a min me guste e me satisfaga. Non son amigo das postas en escena para deixar á xente coa boca aberta. Se Zënzar fai un concerto, precisamos un escenario digno, equipamento técnico digno, cancións dignas e público digno de escoitalas! Non temos que disfrazarnos nin ensinar o pirolo para que che publiquen a foto!

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Xosé Bocixa: Vou paso a paso e máis que proxectos de grande envergadura busco o día a día, a diversidade, na música, no audiovisual e na propia vida familiar, social, cultural. No inmediato, á marxe do profesional que me dá de comer, estou traballando con Paco Gallego no documental Estruturas, que vai establecer un diálogo entre o medio, o territorio, a paisaxe e o ser humano. Un traballo que realizamos a catro mans cunha cámara e un micro, sen máis, corpo a corpo.

Na miña cabeza anda desde hai anos un proxecto sobre pasado e presente do rock galego, sobre o movemento da insubmisión ao exército español e que quedou daquel movemento antimilitarista e pacifista… e mil historias máis que poderiamos contar se houbese recursos e interese por parte da televisión pública, que só produce entretemento e lixo e di non a un programa de documentais galegos a un custo digno e asumible.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Xosé Bocixa: É un deses espazos que existen grazas a persoas que, desinteresadamente, divulgan e comunican. Gustaría de ver un grande proxecto no que se involucrasen todos os sectores da cultura: creadores, distribuidores, receptores…

Encrobas: A ceo aberto.

Unha muller que pasa, homenaxe a Rosalía de Castro, ás Encrobas e a todas as persoas desafiuzadas. Gañou o Ciclo de Curtas a Rosalía en 2014.

Curta musical de Zënzar dirixida por Paco Gallego e realizada por X. Bocixa, cunha peza cuxa letra é de Xosé María Díaz Castro. Aparecerá no novo disco do grupo.

Estruturas, documental en construción de Paco Gallego e Xosé Bocixa.

NOTA: a fotografia superior foi feita por PilarK. A que se pode ver no interior da entrevista por realizada por Distrito Xermar.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *