Carlos Maside, Luís Seoane e a definición da arte galega

Carlos Maside, Luís Seoane e a definición da arte galega

0 comentários 🕔14:30, 04.Mar 2015

Desde os anos da Guerra Civil até os cincuenta, o panorama artístico galego empobrécese fortemente, por razóns materiais, nun momento de miseria e autarquía, mais tamén por un ambiente social e cultural que anula calquera estímulo, cunha burguesía nada interesada na innovación e apegada a modelos de ostentoso e vulgar pseudoclasicismo ou rexionalismo. A pintura galega da primeira posguerra está moi mediatizada polo pobre ambiente creado polas consecuencias da contenda, pero tamén polas limitacións que no terreo artístico tivera o insuficiente proceso modernizador da preguerra, unha situación que non se comezará a superar até avanzada a posguerra, a pesar de intentos illados e moi meritorios de algúns artistas.

Os autores xa coñecidos antes do conflito seguen a súa obra mais con marcadas dificultades ou mesmo nalgún caso con clara involución, aínda que esta é menos evidente na pintura a respecto do que acontece coa escultura, onde o recuar estilístico de figuras como Asorey é ben rechamante.

Durante os anos que seguen á Guerra Civil, Carlos Maside traballa nun auténtico exilio interior, teimando no proxecto de trazar novos camiños na arte galega. As súas obras deste período, como A sesta (1950, Centro Gallego, Buenos Aires), Mercado (1950, colección privada, Santiago de Compostela) ou Lavandeiras (1953, colección privada, Santiago de Compostela) manteñen o vigor de composición e a expresividade do debuxo, mais agora cunha exaltación da cor e da luz. O seu experimentalismo formal lévao tamén ao terreo da ilustración, como as que realiza para as capas da revista Industrias pesqueras. Trátase de obras dun sintetismo e un tratamento da cor en bandas planas, moi na liña das súas experimentacións no período maduro da súa produción pictórica, nos anos corenta.

Cómpre lembrar que Carlos Maside fora unha figura decisiva na configuración da nova arte galega antes da Guerra Civil. A súa obra dos anos vinte parte do Castelao viñetista, pero acentuando o expresionismo, recibindo a influencia do expresionismo alemán, do gravado popular e mais da estampa xaponesa, referentes que están no ambiente pictórico do París que coñece en 1927 cunha bolsa de estudos. Cun forte compromiso socialista e galeguista e nun contexto social tan conflitivo como a Ditadura de Primo de Rivera e a II República, a arte de Maside atinxe obras de plenitude expresiva en gravados como La carga ou Ha pasado el orden. Desde as súas estampas de temas populares de finais dos anos vinte, Maside inicia un rigoroso proceso de pescuda dunha imaxe do galego que supera o tópico costumista, creando un modelo estético que por medio de formas esgrevias e plenas se inspira na escultura medieval e tradicional e que na súa rotundidade lembra o granito.

Luís Seoane comprendeu como ninguén o sobranceiro papel xogado por Maside na configuración dunha arte ao tempo nacional e universal e así llo manifestou ao propio Maside na correspondencia que ambos mantiveron a comezos dos anos cincuenta.

Carlos Maside e Luís Seoane Carlos Maside Lavandeirasson as figuras chave no debate sobre a fixación dun modelo de arte galega que se produce na posguerra. A correspondencia entre eles, un en Galiza e outro no exilio, os dous teimando na idea de trazar novos vieiros na arte galega, é ben ilustrativa deste momento. Ambos son conscientes de que a renovación anterior, que fora levada a cabo polo Movemento Renovador da Arte Galega precisaba dunha posta ao día, así o di Seoane en carta a Maside en 1952: “Galicia non pode escapar aos movementos artísticos universais”. O problema, percibido con lucidez na correspondencia entre ambos, estaba na orixe da renovación da arte, e en xeral da cultura galega, desde finais do século XIX; é o que podemos definir como supervivencia do paradigma romántico nas artes, cunha exaltación do popular, con fortes doses de anecdotismo. Nesta altura perciben que a temática acaba por condicionar as solucións formais.

Precisamente esta é unha das preocupación do Seoane do exilio, que opina que sobre todo a pintura é a procura de solucións formais. Así, comentando en 1951 cadros de Maside como A sesta (Centro Gallego de Buenos Aires) ou A gaiola (Museo Bellas Artes, Buenos Aires), ilustrativos da evolución final da obra do grande pintor de Pontecesures, afirma:

Nun e noutro cadro, o vigor da composición e a expresividade do debuxo, así como a exaltación da color e da luz, están presentes e ofrecen un camiño ben actual e inédito á nova pintura galega, reaccionando contra dun falso impresionismo que semella estar xeneralizándose a destempo e sen problemas, por iso é sobre todo falsa outra pintura de Galicia. Existen pintores que esquecen, probabelmente non o saben, que a pintura contemporánea está máis que nunca chea de problemas a plantexar ou plantexados e resoltos só ás veces, e que o seu valor actual reside, máis que noutros tempos máis ben próximos, na búsqueda da solución deles.”

Salienta a preocupación polos valores puros da pintura e o interese por definir a pintura galega, e é nese terreo onde se ve o punto de partida, que a súa propia evolución pictórica superará, esa fidelidade ao imaxinario popular, ese mantemento do paradigma romántico na arte que Maside irá abandonando na súa obra final e que Seoane irá deixando atrás na súa produción dos anos cincuenta e sesenta, sempre sen renunciaren ao referente da identidade nacional.

As referencias ao lirismo galego, aos estilos románico e barroco como definidores do “galego”, a soidade-saudade, foran teorizadas xa antes da guerra polos membros da xeración Nós: por Risco ou Otero Pedrayo, e para a nosa argumentación é particularmente explícito o Ensayo histórico sobre la cultura gallega (1932) de Otero. Velaí as palabras de Seoane, dirixidas a Carlos Maside, nas que se percibe esa liña argumental, evidentemente adaptada:

Estou seguro de que cando no porvir deba escribirse ou falarse sobre a pintura galega actual, que é a que primeiro conta como galega na historia da nosa pintura, será a túa obra a que amose novos camiños abertos, máis severidade no intento de dar unha expresión plástica a Galicia, porque non é o tema unicamente o que guía esa expresión, nin o acento lírico, nin o sentimento, senón ese algo románico e barroco, ou procedente de ambos os dous estilos misturados, que ven caracterizando o noso espírito, así como esa soedade comunicábel, ese algo individual nacido para o desenrolo colectivo, como na canción popular que distingue por exemplo a Rosalía.

E hoxe, transcorridos máis de cincuenta anos da morte de Carlos Maside, as palabras de Seoane manteñen toda a súa profundidade argumental, situando o pintor de Pontecesures como figura decisiva na conformación da arte galega contemporánea.

Carlos L. Bernárdez.

Sobre o autor / a autora

Carlos L. Bernárdez

Carlos L. Bernárdez

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *