Entrevista a Nelson Quinteiro

Entrevista a Nelson Quinteiro

0 comentários 🕔14:00, 04.Mar 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a arte, nas diferentes formas que tens experimentado até agora?

- Nelson Quinteiro: “A creación artística é caprichosa. Non entende de boa mesa nen de amores correspondidos. O artista é un buscador de simas, de límites, de riscos, de elementos que irrumpan na súa vida e interiores coma quen abre as xanelas ó vento nun día de temporal”. Este é un fragmento do prólogo de Babel. Canto de Sereas, unha das miñas máis recentes creacións. Neste texto fago unha reflexión do arte e da figura do artista como unha raza estraña. “A fame agudiza o enxeño, e ás veces é por iso que padezamos de anorexia. Unha inanición buscada. Unha ascética desexada”. Enlazando con figuras como Baudelaire e Verlaine e o seu exemplo vital ou Oscar Wilde e o seu marabilloso prólogo a O Diario de Dorian Gray, eu son dos que mantén unha visión da arte bastante espartana. Corpo e alma forman as dúas caras dunha mesma moeda. Ó mesmo tempo que as creacións, creo de ben ter un corpo pero sobre todo un alma, unha filosofía de fondo, unha materia gris sobre a que repousar. Todo compón as pezas dunha serie de sistemas que entran en interacción e dos que hai que coñecer os mecanismos, resortes e interruptores para que a máquina funcione.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação cultural e artística?

- Nelson Quinteiro: Coido que todo tipo de composición e produto final (chámese obra teatral, traballo discográfico ou produción artística, que son os campos nos que teño traballado) debe ser, en si mesma, un proceso co seu propio inicio, nó, catarse e desenlace. O inicio debe ser unha inquedanza, un tema sobre o que falar, unha historia que contar. A partir de aí chega un traballo de documentación, estudo, reflexión interna, conversas. Do meu punto de vista, para que unha obra teña “alma” debe cimentarse nunha base filosófica deteminada. Hai que facer lecturas, escoller os autores, empaparse de pensamento. Por exemplo, baixo as augas de Varadas (2008), para min o meu primeiro e case que máis grande texto de verdade, nadan autoras como Hannah Arendt, Clarissa Pinkola e o seu Mulleres que corren con lobos, Eduardo Galeano (para min un referente transversal a todas as miñas creacións).

Logo viría para min unha seguinte fase á que eu chamo o “Máldito Láudano”, e na que me mergullo personalmente dun xeito case obsesivo e mesmo un pouco autodestrutivo. Trátase dunha ás veces metafórica, pero moitas literal, embriaguez dos sentidos de cara a facer brotar partes do subconsciente. Selección de músicas que me evocan os temas sobre os que vou traballar. Escoita compulsiva ata case vomitar. Viño. Paquetes de tabaco. Soidade. Illamento. Nese proceso é onde xorde o texto, que logo, moitas veces, nen eu mesmo recoñezo. O momento no que escribo tamén é importante. Por exemplo, en Varadas saía dunha relación amorosa moi tormentosa. En Babel estaba vivindo unha historia terrible de enfermidade dunha persoa moi achegada, en As Nenas Perdidas (2011) estaba a pasar unha fase de recomposición persoal.

Dende aí logo vén a interacción dese traballo coas persoas que van executar eses textos, que van interpretar eses papeis, e que cunha chea de preguntas van enchendo as lagoas, e que supoñen a auténtica “catarse” de identificar o ben e o mal, as razóns que levan ós seres humanos aos seus comportamentos. Aquí técese a historia real.

O desenlace é a posta en escea, a composición coreográfica, a iluminación, sonorización, promoción, produción e comercialización.

Todo é un proceso laborioso e con serias implicacións persoais. O tempo é un recurso escaso, e tomar unha ou outra decisión e implicación cos proxectos marca o que pasa polo medio. A túa vida.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, fotografia, artes plásticas, dança, música, etc.)?

- Nelson Quinteiro: Como ben sabedes, eu estudei Ciencias Políticas, e esa querencia pola multidisciplinariedade da que me impregnei nun momento moi importante da miña vida marca o meu concepto vital e tamén sobre os proxectos artísticos. Para min compoñen un todo, e como nesa teoría da cibernética de sistemas, todo compón unha engrenaxe ou metasistema na que cada peza é fundamental. Creo que quen vexa as miñas obras pode contemplar esa “alma” da que tanto falo. Unha pegada ou linguaxe personal que impregna todo.

- Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo?

- Nelson Quinteiro: O meu traballo ten dúas vertentes moi diferenciadas. A saber: un ying e un yang, o sol e a lúa, o masculino e o feminino. O máis tradicional enfrontado á ciencia ficción, ó retrofuturismo.

Por un lado está o teatro contemporáneo, ao que eu decidín darlle alma de cabaré. Aquí podemos falar de obras como Lerchas (2007), Varadas (2008), Cabaréncrise (2009), As Nenas Perdidas (2011) ou Babel. Canto de Sereas (2014). Nesta esfera de obras o discurso de xénero, a sexualidade, a sensualidade, o fetichismo, o xogo como valor a recuperar na vida, a reivindicación da muller e do feminino, o peterpanismo como actitude tamén para as nenas, a imaxinación como crisol para a transformación, entran sempre en xogo. A violencia. O poder. A dominación. A autoridade. E o sexo como un elemento fundamental nestes catro factores. É un discurso profundamente antipatriarcal, anticlerical, queer, bizarro, pero sempre dende unha estética e sensibilidade profundamente delicada. Para estas creacións o meu particular “láudano” son escritores como Federico García Lorca, Eduardo Galeano, Michael Ende, John Barry, cineastas como Buñuel, Saura, Almodóvar, Won Kar Wai, Bigas Luna, Eduardo Médem, músicos como Lhasa de Sela, Dominique A, Chavela Vargas…

Por outro lado está o traballo ao que poderiamos chamar “neotradicional”, no que entran espectáculos como As Mans Perdidas (2009), Danza e Contradanza (2010), Brancas (2011), Gharbo! (2012), o disco Orquesta Gharbo! (2013), o espectáculo de rúa Azul. Manifesto vangardista (2014) ou mesmo a performance #Habitante (2014), que son espectáculos tremendamente masculinos e sobre a masculinidade. Aquí fago un traballo de vangarda sobre o canto, a danza, as artes e oficios ou a identidade tradicional galega. Interésame o aspecto intrahistórico, repensando autores como Bertolt Brecht ou Michel Foucault, pero sobre todo o testemuño daqueles que tomaron a identidade galega dende outro prisma. Manoel Antonio. Isaac Díaz Pardo. Luís Seoane. Urbano Lugrís. Maside. Colmeiro. Cunqueiro. E, por que non?, Berrogüetto. Mercedes Peón. Marful. Leilía. Projecto Trépia.

- Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade hoje?

- Nelson Quinteiro: A reconstrución dun tecido cultural e artístico despois da vendetta e xenocidio de baixa intensidade sufridos nestes últimos anos van facer deste traballo unha loita titánica. Como diría Huidobro, hai que construír o presente cos mesmos taboleiros rotos, coas mesmas pedras derruídas. Mais vai ser difícil, porque a profesionalidade artística, a día de hoxe, está quebrada. Estamos a pasar fame, literalmente. E moita precariedade, ninguneo e humillación. Vai ser difícil. Haberá que ir a modiño.

O primeiro paso está nas mans da cidadanía. Cómpre unha auténtica revolución electoral para remover aos imbéciles e escuros, e adoptar outras políticas públicas que aposten os cartos de todas e todos en crear tecido cultural, profesionalidade, postos de traballo, emprego cultural en condicións dignas, creación de público empregando as ferramentas da contratación, a consolidación de espazos e escenarios onde visibilizar o noso traballo de tanta calidade. Hai que reconquistar os medios de comunicación e difusión pública para facer presentes a riqueza cultural de aquí. Hai que crear estrelas, divas, motivar o fenómeno fan. E sobre todo exportar. Investir en universalizar o noso traballo. Coido que por cada euro que se gaste nestes pasos recuperaremos cinco de maneira indirecta.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Nelson Quinteiro: Pois para min Palavra Comum é un medio espectacular para a creación e visibilidade dunha intelectualidade galega tremendamente formada e cun talento incrible, en todos os eidos. É un novo “irmandades da fala” comprometido coa língua e cultura galegas. Un punto nodal, un punto de encontro que crea vencellos firmes e sólidos. É un grande traballo. Gustaríame ver Palavra Comum en versión escrita nas bibliotecas, nas aulas, nas librarías, nos quioscos. Gustaríame que fose unha empresa quen de dar postos de traballo, emprego, PIB. Estamos tan faltos desas cousas nesta terriña…

Brancas. Itinerario Escénico Urbano (2011).

Master Class Cabaret, da Compañía Femme Fatale (2013).

Canto de andar o camiño, de Orquesta Gharbo! (2014)

NOTA: a foto de Nelson Quinteiro é de José Luís Rua.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *