Entrevista a Samuel Solleiro

Entrevista a Samuel Solleiro

0 comentários 🕔16:30, 04.Mar 2015

- Palavra Comum: Que são para ti a literatura e a música?

- Samuel Solleiro: Dúas formas de pasar o rato que, por épocas, ocupan un espazo na miña cabeza que seguramente non merezan. A rendibilidade económica puntualísima e moi relativa da música e a total falta de rendibilidade da literatura (falo sempre da miña experiencia), reducen ambas á función de vehicular a miña paixón, o que non é demasiado importante para o mundo (dado que, cuantitativamente, son cousas que moita xente sabe facer) pero non é pouco á hora de inventar unha cara para eu enfrontarme cada día a el.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística (em geral)?

- Samuel Solleiro: Non creo que exista a creación artística en xeral. Todo ten un aquí e un agora. Dito isto, habitualmente teño a necesidade de convencerme a min mesmo de que o que estou facendo haino que facer. Un pouco como se fose importante, aínda que non o sexa. Cos proxectos colectivos é máis fácil, porque tes a responsabilidade que adquiriches cos teus compañeiros e xa é un pouco como unha obriga. Cos individuais (literarios), todo é unha cadea de intentos e, habitualmente, fracasos, por crear unha rutina de traballo. Esa é, por exemplo, a causa de ter traballado máis o formato conto: non teño un particular interese neste formato como lector, pero ao final os proxectos esténdense sempre demasiado no tempo, e os máis fragmentarios son os que sobreviven.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre artes (fotografia, música, artes plásticas, etc.), e mesmo entre artes e vida? Como é a tua experiência nestes âmbitos?

- Samuel Solleiro: As artes son unha convención como outra calquera e, como tal, a relación entre elas é a que unha sociedade sancione como válida. En xeral, case todo o que soa a arte está connotado positivamente, e hoxe en día sempre é unha postura impopular a que defende as diferenzas entre artes, aínda que ás veces sexan bastante evidentes do punto de vista formal. Cando se fala, e fálase bastante, de relacións entre música e literatura, é un pouco como se fose de malas persoas, de fascistas, dicir que non son case a mesma cousa. E non son a mesma cousa. Non teñen moito que ver fóra de que a literatura utilice a linguaxe verbal e a música, opcionalmente, poida utilizala tamén. Pero na literatura a linguaxe verbal ten a responsabilidade de levar o ritmo, e na música non. É unha diferenza enorme. Despois, claro, sempre un pode encontrar nunha disciplina algo que lle dea unha idea para utilizar noutra, pero iso pode pasarche falando co veciño, vendo a televisión ou asistindo a unha pelexa nun bar. Non é algo exclusivo das artes, faltaría máis. Supoño que se che interesa a literatura e, a maiores, a mecánica, por exemplo, a ninguén lle importa moito que non relaciones ambas ou que non crees un continuum coherente con ambas. Lamentabelmente, a mecánica non me interesa.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde qualquer ponto de vista)?

- Samuel Solleiro: Aínda que os meus gustos como lector son máis eclécticos, e aínda que de todo se aprende, á hora de tomar referentes narrativos tiro polos escritores que dan transmitido unha sensación de equilibrio entre o banal e o importantísimo. Cando isto se logra, o resultado parécese sorprendentemente á vida sen que o contexto teña que ser necesariamente realista. Polo xeral, tamén me importa que a acción predomine sobre a descrición (ou máis ben, que a acción describa), que a linguaxe tire cara ao simple sen renunciar a un certo estilo e que se conceda un certo papel ao caos. Todo Coetzee, certa tradición realista estadounidense que vai de Salinger a Lorrie Moore ou Richard Ford, ou o experimentalismo moderado de Lydia Davis ou Gonçalo M. Tavares, por exemplo, poden ser posíbeis referencias a nivel de estilo, se se portan ben. Portarse ben significa, falando de creadores, non converterse en paladíns da autenticidade nin en artistas totais, ese perfil que tan nervioso me pon e que tanta vergoña allea pode dar. Vencido este obstáculo, todo se pode aproveitar, é un pouco como te colla. Fágolle ascos a poucas cousas na vida. En todos os ámbitos da vida, digo.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural hoje -e para a galega, em particular-?

- Samuel Solleiro: Interésame que a creación dialogue polos seus propios méritos cun público de persoas reais, falo de públicos que existen ou que poderían existir, por pequenas que sexan as escenas nas que se organicen. Para isto creo que é importante desvincularse das dinámicas de construción identitaria, e particularmente nacional, que tanto peso teñen e que carrean un repertorio de tics, temas, estilos e tabús máis ou menos fixos e esgotados, e producir obxectos culturais como se o único fin fosen os obxectos en si mesmos. Que tamén é moi naïf pensar que o son, pero non digo pensar que o son senón facer como se o fosen. A ver que pasa.

- Palavra Comum: Tens residido em Le Mans, França. Com que te quedas da tua experiência ali?

- Samuel Solleiro: Co tempo e co diñeiro: as únicas dúas cousas que na miña vida actual non abundan e que ás veces boto de menos. Polo demais, a vida en Le Mans era bastante aburrida e gris, e teño a sensación de que non era a miña vida senón a vida en xeral. Quizais as cidades en Francia estean máis especializadas nun perfil de residente concreto que as de aquí, e o perfil medio de residente de Le Mans creo que estaba moi concentrado en construír unha familia e noutras actividades polo estilo que a min non me interesaban.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Samuel Solleiro: Teño moitos proxectos comezados e moi poucos rematados. Non falo do eido musical porque aí son proxectos colectivos e máis ou menos públicos, pero cos que dependen de min só, prefiro non facer quinielas. Traballo como tradutor desde hai algo máis dun ano (en ámbitos infinitamente menos creativos do que me gustaría) e claro, cando o traballo consiste en teclear diante dunha pantalla, o último que che apetece facer cando tes lecer é seguir tecleando diante dunha pantalla. Seduciríame polo que ten de reto, e tamén de rareza, participar algunha vez en calquera proxecto de tipo creativo que estivese remunerado dalgunha maneira. Creo que outra vez estou dicindo cousas impopulares, pero non trato de reivindicar ou reclamar nada. É só que teño a sensación de que a cabeza che debe funcionar doutra maneira neses casos.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Samuel Solleiro: Non coñecía moito o sitio, está ben. Interésanme máis as entrevistas que a creación literaria pura, simplemente porque nunca vin esta última moi compatíbel coa experiencia online en xeral, e nos portais culturais amólame que se inclúa a creación como un contido máis, que é algo que en Galicia tende a facerse bastante e non sei por que. Non sabería enumerar o que me gustaría ver, parece un sitio suficientemente aberto como para que calquera cousa que me fose gustar ver e non vexa poida aparecer mañá ou pasadomañá.

NOTA: a fotografia que aparece nesta entrevista é de Alba Viñas, e provém do blogue do autor, dúas zebras.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *