Entrevista a Baldo Ramos

Entrevista a Baldo Ramos

0 comentários 🕔13:30, 11.Mar 2015

- Palavra Comum: Que supõe para ti a literatura?

- Baldo Ramos: Para min a literatura é un xeito de ver, máis ca un xeito de escribir. Esta visión da literatura leva emparellada unha actitude persoal, non pretendida, pero inevitábel. Unha actitude de certa distancia coa maquinaria comercial da produción literaria. Por iso o meu territorio literario non o concibo fóra da poesía. Nel un está bastante a salvo das ambicións de chegar a un público masivo, compracente e consumista de literatura. Aínda que está moi ben que exista este tipo de produción literaria, que é a que permite que o negocio da literatura sexa rendíbel, o meu traballo nunca sufriu as tentacións deste reclamo.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística (num sentido amplo)?

- Baldo Ramos: Poda e enxerto, iso é a creación, escribín nun libro-catálogo que editara a galería Sargadelos de Ferrol hai agora sete anos. Contención e equilibrio, por un lado, e experimentación, por outro. Non crear para, senón crear por. Por pura necesidade de dar coas portas de acceso a una casa que pretendemos, por todos os medios, facer habitábel. Esa casa que nos acolle da intemperie do tempo e das cicatrices que deixa en nós.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou para onde deveria caminhar- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, artes plásticas, etc.)? Como é a tua -relevante- experiência nestes âmbitos?

- Baldo Ramos: Coido que nos últimos tempos se teñen dado moitas experiencias, e moi interesantes, a partir de diferentes diálogos e confluencias entre artes, aínda que, quizais pola excesiva especialización e certa miopía na recepción, non sempre se valoran de xeito integral e por iso a súa consideración tende a ser parcial e reducionista. Pero penso que, aos poucos, con achegas que, aínda resultando minoritarias, resulten atractivas, o público irá progresivamente tendo maior cantidade de referentes para poder xulgar estes diálogos que, de primeiras, non sempre resulta doado descodificar ou valoralos sen prexuízos.

No meu caso, a pintura é unha experiencia que ten enriquecido a miña escrita. Xa non podería entender os dous traballos de xeito disociado. Pero nos últimos tempos, a pintura proporcióname uns espazos de maior liberdade á hora de experimentar que a poesía non me ofrece de partida. De aí que moitos dos meus proxectos literarios, ultimamente, nazan ou se desenvolvan, dalgún xeito, superpostos á plástica. Porque é aí onde sinto que a experiencia poética se abre a espazos novos de maior interese para min nestes momentos.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde todos os pontos de vista)? Quais deles reivindicas por não serem suficientemente (re)conhecid@s?

- Baldo Ramos: Interésanme os artistas que traballan cara a dentro, ensanchando as lindes dunha dicción interiorizada e inconfundíbel, dunha plasticidade propia, allea a modas, convencionalismos ou intereses oportunistas. Carson, Gamoneda, Maillard. Rothko, Nóvoa, Chillida.

Respecto da segunda cuestión, e por atender só ás nosas letras, poetas maiores como Manuel Vilanova, Álvarez Torneiro ou Pilar Pallarés aínda esperan no purgatorio o beneplácito dos de arriba e dos de abaixo. Con Torneiro isto parece que xa empeza a cambiar, e non foi sen tempo. É unha mágoa que certos escritores, cunha obra extensa e cunha traxectoria tan recoñecíbel, non vexan recompensada na vellez a súa contribución persoal ao patrimonio literario do país. Cando menos, vendo editadas as súas obras co rigor que merecen, tanto aquí coma fóra, e estudadas a fondo.

Predecíao Charles Simic nun libro do 89: “The time of minor poets is coming. Good-by Whitman, Dickinson, Frost””

- Palavra Comum: Tens feito uma indagação profunda na caligrafia como meio de expressão. Fala-nos do que tens descoberto nessa linha de trabalho…

- Baldo Ramos: A caligrafía en Occidente é unha arte pouco estimada, case poderiamos dicir que marxinal ou menor. En Oriente, na China ou no Xapón, a caligrafía é a arte por excelencia, sempre a medio camiño entre a poesía e a pintura.

Ao fío desta idea, e non por snobismo orientalista, que disto xa falara Horacio, a poesía enténdoa como pintura lexíbel e a pintura como palabra ilexíbel. A palabra como exercicio de abstracción na linguaxe, non como un relato, e o trazo como exercicio de abstracción na plástica. Forma e baleiro acompasando a dicción, as modulacións dun discurso sen vontade de imporse, sen pretensións de significar nunha única dirección.

No meu caso, os procesos de experimentación, tanto na poesía como na pintura, téñenme levado ata un punto de converxencia na caligrafía, onde se materializa un complexo exercicio de abstracción da linguaxe levado ao extremo. Un lugar de acollida para quen estea disposto/a a facer ese camiño de desposesión, de despoxamento, ou como se lle queira chamar.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Baldo Ramos: É obvio que a literatura galega na actualidade ten unha vitalidade que seguramente non tivo nunca. Pero a sociedade non termina de conectar con ela, unhas veces por descoñecemento e outras por desconfianza. Imaxino que entre todos teremos que ir aproximando eses espazos de contacto, tan distantes en moitos casos. E aí todos temos cousas que aportar, non só os poderes públicos, que neste sentido deberían ser os primeiros en dar exemplo e planificar todo tipo de iniciativas de normalización cultural, indo ás necesidades de raíz, intervindo a pé de rúa e, dende logo, dende a idade primeira, na que os nenos deberían formarse sen prexuízos sobre o seu patrimonio lingüístico e cultural. E neste ámbito, dende logo, eu, que son pai de dous pequenos, vexo que as carencias son enormes.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Baldo Ramos: Literariamente, con Cartografía do exilio, dou por rematada unha etapa, un tempo na miña escrita. Agora mesmo non teño ningún libro individual en galego pendente de ser editado. Si teño dúas obras que no seu momento escribín en castelán e que revisei nos últimos meses, pero non me teño molestado moito por buscarlle unha saída editorial. Nelas fala unha voz que quedou soterrada polo camiño que percorrín nos últimos 13 libros que escribín na lingua que sinto como propia: dende Raizames, escrito entre 1999 e 2000, ata Palabras para un baleiro, escrito en 2008.

O único traballo poético que espera ser editado é un libro escrito a dúas mans, hai agora un par de anos, co poeta alemán Franck Meyer, amigo dende os anos 90, cando o coñecín nas aulas da Facultade de Filoloxía en Compostela. Sairá nos vindeiros meses en Positivas.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Baldo Ramos: Vexo que Palavra Comum nace con ambición de pluralidade, de diálogo, de innovación. Como un espazo aberto, mestizo, interartístico.

Non son quen para dar consellos, pero tirando do fío desa mestizaxe, Palavra Comum podería servir de ponte e intercambio coas culturas peninsulares, coa intención de dar a coñecer fóra o que facemos aquí e de coñecer mellor aquí o que se está a facer fóra. Percibo que tedes posto o enfoque na contemporaneidade portuguesa e, neste sentido, todos os intentos de coñecer mellor o que se coce no país veciño serán poucos. Deséxovos moita sorte nesta andaina que sei que nace chea de ilusión e bos proxectos, e longa vida.

NOTA: a fotografia que acompanha esta entrevista é de José Ángel Hernández Gómez.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *