Intervención foto-poética Os camiños da brétema e entrevista a Vicente Ansola

0 comentários 🕔14:30, 11.Mar 2015

Cando Vicente Ansola chegou á Pontenova, só buscaba unha casa para restaurar. Non coñecía aínda o rumor do rego de Reigadas ó seu paso pola fraga nin sabía que esta, a Fraga de Reigadas, é un dos últimos bosques atlánticos costeiros que quedan en Europa. Tampouco coñecía Vilaeimil, Vilaboa, A Hermida, Vilarmide, Vilarxubín, Bogo, Sampaio e tantas outras aldeas a ocupar as ladeiras do que un día fora o concello de Miranda. Sobre todo, non coñecía a néboa. Non podía imaxinar que cando esta sobe do Eo e dos regos que o alimentan para cubrir co seu manto casas, cabozos e hórreos, as cores suavízanse, os olores incorporan a textura da auga e un universo de seres chegados do principio dos tempos saen a comprobar que o seu mundo aínda segue en pé.

Cando Vicente Ansola chegou á Pontenova, intuiu as sombras que a realidade proxecta e, mochila ás costas e cámara en man, tomou a decisión de transitar os camiños da brétema. Así foi como atopou ós seres que a habitan. Coñeceu a Rogelia, Marcelino, Atilano, José Benito, Xoana, Evaristo, Cristina, Soledad, que lle abriron as portas da casa para contarlle as historias que agochaban entre as pedras das paredes, á espera de que alguén quixese escoitalas. As historias dun mundo, o seu, que se desploma lousa a lousa dende eses tellados que a néboa tapa. E Vicente entendeu que cada fotografía sería un acorde do canto de cisne dunha tribo que entendía os ciclos da lúa e contaba a terra por ferrados e fanegas.

O fotógrafo berrou imaxe a imaxe que o rural galego morre e no espazo aberto da Porta Verde do Sétimo Andar resoou a súa voz. Conscientes de que con el se esvaece a cerna do pobo que somos, decidimos acompañalo no berro. Verso a verso a apuntalar as vigas que sosteñen casas centenarias, palabra a palabra a fiar as olladas dos seres que se agochan entre a néboa.

Vicente Ansola, Vicente Ansola maletaRosa Enríquez, Miguel Ángel Alonso Diz, Rochi Nóvoa, Alfonso Láuzara, Patricia Sánchez Abeal, Neves Soutelo, Iolanda Aldrei, Xosé Iglesias, Marta Pedrosa, Xosé Manuel Abeledo, Paco Souto, Miguel Mato, Miguel Alonso, Pili Mera, Manolo Pipas, María José Fernández, Ramiro Vidal, José Estévez: entre todos definimos os Camiños da Brétema. Un proxecto de intervención foto-poética que pretende crear un espazo de confluencia de poesía, fotografía e tamén música xirando en torno á realidade rural galega, ó valioso patrimonio cultural que as nosas aldeas atesouran e, sobre todo, ás mulleres e homes que aínda viven nelas, gardiáns e gardiás que son da nosa memoria colectiva.

O sábado 14 de marzo, ás 18:00 horas, no Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n, C. P. 27001, de Lugo), terá lugar a intervención con esas voces poéticas, a fotografía de Vicente e a música de Miguel Alonso e Green Label. Alí vos agardamos!

María José Fernández López.

ENTREVISTA A VICENTE ANSOLA

- Palavra Comum: Que é para ti a fotografia?

- Vicente Ansola: A fotografía é o meu pasado, o meu presente, o meu futuro, a miña amiga, a miña compañeira, a miña cómplice, despois de 38 anos aínda non nolo dixemos todo entre nós, seguimos descubríndonos devagar. Algunhas veces pensamos que debemos separarnos, de vivir cada un a vida polo noso lado, mais finalmente soa a música e volvemos estar xuntos tomándonos unha pinta nalgunha aldea do norte: Eire, Galicia, Asturies ou País cántabru.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística, em geral, e com a fotografia em concreto?

- Vicente Ansola: Sempre me sentín un retratista e nunca desexei dar o paso á consideración do termo artista. É un apelativo que me merece demasiado respecto para alguén que como eu tan só pretende reivindicar a recuperación e conservación da arquitectura popular nalgunhas aldeas e os costumes dos seus habitantes.

Cando estou nas miñas aldeas lucenses síntome moi ben: a vida detense. Sempre desexei conxelar o tempo. Trato de aprender da sabedoría popular e as tradicións, que nalgún caso temos xa esquecido e perdido para sempre.

Ir a Vilaeimil, a capital dos “pobos das néboas”, é un erasmus rural, un impresionante desfile de hórreos e cabozos na “Caenlla”; coñecer “os pobos das néboas” no concello da Pontenova: Vilaeimil, Machuco, Vilargondurfe, a aldea de Bogo -xa practicamente en ruínas, bombardeada polo olvido-, alén de Vilarxubín, a xoia esquecida do “Rural Art”, son leccións inesquecibles de arquitectura popular.

O proceso do meu traballo é moi sinxelo: só trato de contar coa cámara as pequenas cousas que sucederon nestes lugares, e que son a verdadeira historia de Galicia.

Partindo desta premisa, e unha vez descartado, cando menos no meu caso, o termo “Artista”, as miñas fotografías e o meu traballo case sempre son froito da improvisación, desorde, e un sistema algo ácrata e asilvestrado que leva a miña vida.

- Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual se deveria procurar- entre as diversas artes entre si, e delas com a própria Vida? Quais são os teus referentes?

- Vicente Ansola:Vicente Ansola costureira A relación é total e os procesos crativos sempre interactúan e se enriquecen coa aportación de novos medios de expresión. No meu caso, a música é parte importantísima do meu traballo. Sempre revelo as fotos con moita música.

Fotograficamente falando Robert Doisneau é un dos meus principais referentes.

- Palavra Comum: No teu trabalho destaca um diálogo mui potente com o mundo rural. Qual é a sua situação, ao teu ver, hoje, e que perspectivas consideras mais interessantes para o seu futuro?

- Vicente Ansola: O rural é a universidade das orixes, mais, desafortunadamente, coido que en xeral non importa demasiado á maioría da sociedade o que suceda nas aldeas, nomeadamente se son pequenas e con poucos habitantes. Creo que son un inxenuo soñador incapaz de aceptar a realidade que me rodea.

Algúns amigos que viven en aldeas dinme sempre: “Isto rematou, aquí non quedará nada nin ninguén”.

Eu tento convencelos de que Galicia non pode deixar caer xoias como Vilarxubín. Mais pasa o tempo e paréceme que son eu o que está equivocado.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência na exposição que se inaugura este 14 de Março…

- Vicente Ansola: Estou moi agradecido ao colectivo “A porta verde do sétimo andar” por deixarme fusionar as miñas imaxes cos seus magníficos poemas e textos. Creo que para min este é un privilexio máis dos moitos que Galicia me concedeu nestes últimos anos. Agardo que as miñas fotografías aporten, cando menos, un plus de cariño e respecto para as nosas aldeas.

- Palavra Comum: Que projectos tens e quais gostarias de chegar a desenvolver?

- Vicente Ansola: Nestes momentos non teño ningún proxecto en concreto. A verdade é que se non me emociona algo, non podo disparar. Agardo encontrar axiña algo para poder continuar o meu camiño de retratista: “O retratista de Vilaeimil”.

NOTA: as fotografias do artigo pertencem a Vicente Ansola.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *