<em>Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX</em> (IV)

Literatura, crítica, socialismo, anarquismo, revolución: A Francia de finais do século XIX e inicios do XX (IV)

0 comentários 🕔12:00, 11.Mar 2015

PRINCIPIOS DO SOCIALISMO

ANATOLE BAJU

Prefacio: Jules Guesde.
Librairie Léon Varnier Éditeur. París, 1895

A JULES GUESDE

Honorábel cidadán,

Vostede, o loitador infatigábel, para quen a propagación da idea socialista é un apostolado, vostede, que nós respectamos sobre todo como un pensador e un letrado, quixese que vostede presentase ao gran público internacional, que o coñece tan ben, este modesto ensaio de síntese social.

Cos meus recoñecementos,

A. Baju.

París, 18 de abril de 1895

======================

CARTA-PREFACIO
________

Caro Cidadán,

Acho, como vostede, que a sociedade capitalista é o medio máis deprimente que existiu nunca para a Arte e o Artista, industrializados e lanzados ao estado de mercadoría. E, como vostede, sei que, lonxe de ser un retorno, mesmo momentáneo, á barbarie, o triunfo do socialismo dará lugar a unha explosión de todas as potencias artísticas da humanidade. Comparado con el, o Renacemento palidecerá.

Os seus Principios do socialismo teñen como obxectivo facer compartir esta dupla convicción aos interesados, a ese mundo de literatos, de pintores, de escultores, de músicos que non ten conciencia do seu rebaixamento actual e é solidario cos mercadores do Templo contra os seus liberadores do proletariado en marcha.

Poida vostede triunfar e persuadir á moitos que a súa emancipación e a emancipación do Traballo son unha e a mesma cousa!

Non digo a todos porque, máis particularmente autómata, o cerebro do Artista segue e non precede.

Mais se separa do bloque reaccionario aínda que só sexa unha puñada de Soldados e os une á Revolución, non perdeu nin o seu tempo nin o seu esforzo.

Reciba a miña viva simpatía.

JULES GUESDE

París, 8 de maio de 1895.

PRINCIPIOS DO SOCIALISMO

I.- Dos obxectivos do home.

Para que un sistema social pretenda a perfección, debe reunir nos seus cadros os homes de todos os países, conducilos aos seus obxectivos presentes e preparar os seus obxectivos futuros.

Cales son, xa que logo, eses obxectivos, é dicir, cal debe ser o obxectivo dos nosos esforzos? É para gozarmos ou para sufrirmos que vivimos? Os curas e os filósofos oficiais afirman que nacemos para as privacións, para as dores, e que debemos resignarnos á nosa triste sorte. Nós permitirémonos expresar aquí unha opinión diferente: vivimos para o completo desenvolvemento dos nosos órganos e das nosas facultades intelectuais, nunha palabra, para a satisfacción de todas as nosas necesidades. Tendemos a un estado de benestar absoluto. O que debemos reclamar para a hora presente é un pouco máis de felicidade e o que debemos procurar para o futuro é a felicidade integral.

En que consiste esta felicidade? Na plenitude dos nosos gozos materiais? Non, sen dúbida. Semellante concepción da vida daría como resultado un egoísmo groseiro. Cada individuo, ao ter en si a medida do máis grande ben, illaríase de todos os outros, non habería entre nós ningunha corrente de simpatía: o pracer dos sentidos localizado nos órganos non se comunica. Ademais, os apetitos teñen un límite: arrastran con eles a saciedade e o noxo. Unha vez satisfeito o bandullo, a besta non aspira a máis nada.

É necesaria unha cousa superior para arrancar os homes á escravitude dos sentidos e para os manter en comunicación constante, un sentimento máis puro, menos egoísta e cuxa intensidade medra en razón da cultura intelectual: o ideal da perfección absoluta. O amor ao Belo é innato no noso fondo, cadaquén o posúe nun grao ou outro. Non existe ninguén que non experimentara unha emoción máis ou menos forte perante algúns espectáculos grandiosos da Natureza ou perante as obras mestras do xenio, e que non intentara comunicalo a alguén do seu medio. Porque aquí radica o carácter esencial deste sentimento de ser común ou comprensíbel a todos, é dicir, eminentemente social.

Un sistema preocupado polo obxectivo dos homes debe, por tanto, esforzarse en desenvolver neles o ideal estético, que é o modo máis elevado de felicidade. Ao convidalos a praceres comúns que non coñecen nin o límite nin o fastío, suprime o antagonismo dos intereses, ensínaos mesmo a se amar uns a outros na obra da Natureza. Finalmente, subtráeos á materialidade das cousas, vincúlaos á vida ao lles inspirar o desexo sempre novo de coñecer o Mellor: ábrelles unha porta ao Infinito.

O ensino relixioso sentiu con razón a necesidade dun ideal. Mais o seu está invalidado pola ciencia. É un prexuízo que unicamente os curas teñen interese en conservar. O Máis Alá é unha desas hipóteses gratuítas, unha desas audacias a priori das que os filósofos se servían expor as súa sociogonías. Os que manteñen aínda o pobo nesta inxenua ilusión son os primeiros que nunca o terán.

O pracer estético, pola contra, non é unicamente unha esperanza. É real, inmediato. Trátase de facelo gozar ás xeracións novas. Mesmo provisoriamente, nunha débil medida, é verdade, os fillos dos labregos e dos obreiros poden concibilo. O mestre só ten que lles facer sentir a poesía da natureza, a harmonía das cores, a melodía dos sons; facerlles comprender o prezo e a beleza dun traballo acabado, inspirándolles o horror polas imperfeccións, no canto de seren manobras, quererán converterse en artistas.

A Arte non consiste unicamente en construír unha frase irredutíbel, en colorear unha tela, en cicelar un bloque de mármore: está en todos os oficios, en todas as industrias. Cada tipo de traballo supón un ideal, é dicir, un modelo do que os homes poden facer de mellor. O carpinteiro, o albanel, o labrego teñen necesidade dunha educación estética, igual que o pintor, o poeta, o músico. Cadaquén na súa esfera pode soñar a perfección absoluta, nutrir a súa imaxinación con esta idea, alimentar a súa actividade cerebral, gozar: o que atope os planos máis marabillosos será ao mesmo tempo o mellor obreiro.

A Arte, que procura este gozo superior, puro e desinteresado, é a máis alta expresión da felicidade. Imos procurar en que condicións pode alcanzar o seu máis alto grao de cultura, porque a felicidade é o noso obxectivo común.

II. – A Arte e a Vida.

Pedimos desculpas por citar aquí o fragmento seguinte dun artigo aparecido coa nosa sinatura en L’Événement do 13 de abril de 1891:

«Se consideramos a arte como o fin supremo da vida, é na ciencia que queremos procurala, non na Revelación.

»Para nós, a Arte é a Toda Ciencia, é unha relación numérica que a intuición fai algunhas veces descubrir, máis que está determinada por leis matemáticas que se trata de formular. Reprochóusenos querer rebaixala ao nivel das multitudes ignorantes: erro ou prexuízo. Son as multitudes que queremos elevar ás concepcións artísticas máis nobres, porque para nós non hai homes superiores: só hai homes inferiores.

»Ao ser o sentido estético o modo máis elevado do gozo e ao participar do funcionamento regular dos outros sentidos, para asegurar aos todos os homes o desenvolvemento completo, debemos reclamar para cada individuo a plenitude dos gozos materiais. É, para a humanidade enteira, a idea do vello adaxio latino: mens sana in corpore sano, que debemos realizar. Así, o socialismo, que un dos prexuízos reinantes afirmaba que era a negación da Arte pola Arte, sería, pola contra, a vía directa, o medio, a afirmación».

A facultade pola que concibimos unha obra de arte non é particular, resulta da harmonía perfecta de todas as outras. A saúde do corpo e a tranquilidade do espírito son indispensábeis ao artista. Un home débil e a sufrir, presa das preocupacións da existencia material e algunha vez vencido pola fame, pode ter fermosos movementos de indignación ou de rebelión: é rapidamente reducido á imbecilidade, á inercia, á impotencia. Hoxe só existen raros privilexiados, nacidos cunha fortuna considerábel, que podería con proveito ocuparse da Arte pola Arte. Todos os que non teñen a seguridade de mañá son os mercenarios do Capital. Desde o momento en que teñen necesidade do produto das súas obras para viviren, non actúan en completa independencia, non teñen o dereito a se reclamaren da familia dos puros e incorruptíbeis estetas.

No que respecta á cuestión de sabermos se as cousas da arte deben ser exclusivas duns poucos ou do dominio da colectividade, non a formularemos polas razóns que xa demos e que desenvolveremos máis adiante. Sen pretendermos crear unha xeración de artistas, queremos que todos os homes sexan capaces de concepcións artísticas, que poidan sentir o Belo, aprecialo, degustalo e que, se non lles prace a todos producir obras, teñan cando menos a virtualidade.

Para chegarmos a este resultado é indispensábel crear un estado social en que cada individuo ache, co máximo de benestar posíbel, os medios de cultura intelectual sen os cales non pode alcanzar o seu pleno esplendor.

III. – Do mellor estado social.

Está cientificamente demostrado que dez homes a traballar e a vivir xuntos, polo feito da asociación e da división do traballo, producen máis e gastan menos que dez que actúen individualmente. Cen nas condicións dos primeiros valen máis que dez grupos de dez; mil máis que dez grupos de cen. Porque isto é verdade, porque, a menos de actuar de mala fe, ninguén pode negalo, paremos de nos esgotarmos loitando uns contra outros e unámonos para formar unha soa asociación. É a nosa vantaxe. Grazas aos progresos incesantes do maquinismo, así como á utilización dos brazos desocupados, teremos unha suma de benestar superior á da medio dos burgueses traballando só unha media de catro ou cinco hora ao día. É igualmente certo que despois de perfeccionamentos que se albiscan na ferramenta industrial, a duración deste traballo será reducida á metade: disporemos cando menos de vinte horas de descanso ou de lecer que disporemos para os nosos gozos intelectuais. É necesario, por tanto, substituír a nosa sociedade individualista por unha sociedade solidaria. Nunha palabra, e aquí reside a propia definición do Socialismo, é necesario deixar de loitar pola vida e organizar a LIGA POLA VIDA.

IV. – A Lei das Sociedades.

Este sistema social ten como base a igualdade.

Ao non poder ser autosuficiente o home está forzado a se asociar. Por tanto, a sociedade é un contrato: ao ser impotentes cada un de nós reducido aos nosos propios recursos, debemos ser forzosamente iguais. Collede o home máis forte e o máis intelixente, separádeos de todos os outros, que farán? Nada. Débiles e fortes somos tan útiles, tan indispensábeis uns como outros: é por tanto xusto que teñamos as mesmas vantaxes nunha asociación á que achegamos todo o concurso da nosa forza muscular e da nosa intelixencia.

Se non se trata a todo o mundo en pé de igualdade, a multitude dos débiles ten o dereito a dicir ao pequeno número dos fortes: «Rexeitamos asociarnos convosco». Mais, en realidade, non hai nin débiles nin fortes. Este é un prexuízo que os ricos espallaron para xustificaren a explotación dos pobres: hai que facer xustiza. Primeiramente, non é verdade que os que posúen, gobernan, gozan, sexan, nunha palabra, os máis fortes, os máis intelixentes. Hai entre o pobo miles de homes sans de corpo e de espírito aos que só lles falta un pouco de cultura para igualalos en todos os puntos, senón superalo. Logo, se hai desigualdades de forza física e de aptitudes ao traballo, son o resultado dunha mala organización social. O progreso, que tende a facelas desaparecer, vólveas inapreciábeis na obra colectiva de produción. Non é nin xusto nin humano invocalas a favor do principio da separacións das clases. O pastor non dá o mesmo pasto a todas as súas bestas sen se preocupar se esta reporta máis ou menos que aquela? Non teñen necesidade de que as axuden na súa infancia, na súa vellez e nos períodos de enfermidade? Máis se examina esta cuestión, máis se ve que todo se equilibra mediante compensacións, que todos os homes son iguais. Finalmente, se existen uns que son un pouco máis fortes que os outros, o seu deber é traballar polos débiles, non oprimilos!

É en virtude do principio de igualdade que se constituíron as sociedades primitivas. A máis antiga forma de asociación é a familia, da que todos os membros eran iguais baixo a autoridade paterna. As reunións de familias formaron a continuación os clans, tribos ou colonias, baixo a dirección dun xefe elixido en razón da súa forza muscular ou da súa experiencia da vida. Mais o pai ou o xefe, aínda que investidos de autoridade, non tiñan ningunha vantaxe sobre os outros societarios: facíase unha partición igual de todas as rendas da terra, dos produtos da pesca ou da caza e dos despoxos da guerra, a Lenda do Vaso de Soisson testemuña que Clovis, rei dos francos, non tiña, fóra dos exercicios militares, ningunha superioridade sobre os seus soldados.

A vida das primeiras idades ofrecía demasiados riscos. O home forte, despois de despoxar os outros, era a miúdo sorprendido e despoxado el mesmo por catro ou cinco débiles unidos contra el. É para igualar as oportunidades da vida que uns e outros formaron unha sociedade. O forte díxose: «De que me serve a miña forza se dous débiles me poden matar?». E dixo a estes: «Unámonos, traballemos xuntos e compartamos o froito do noso traballo». É, xa que logo, un pacto de igualdade que se concluíu. Se non é observado, permanécese no estado de anarquía.

As engrenaxes da sociedade primitiva eran abondo simples, os da nosa son máis complicados. A extrema división do traballo e a intervención da máquina transformaron a vida social. É aquí que aparece a ciencia económica. Que se compraceu en envurullar a gusto, mais que, en realidade, é máis simple do que se imaxina. Radica enteiramente sobre este principio:

Para producirmos o que é necesario para o mantemento dun individuo, é necesaria a colaboración directa ou indirecta de todos os membros da asociación.

O profesor, o labrego, o soldado contribuíron á construción desta casa: este mantendo a orde pública, o outro fornecendo pan aos albaneis que a fixeron, e o outro instruíndoos. Pódese afirmar outro tanto de todos os traballadores. Por tanto, non debe haber desigualdade nos salarios, porque todos os concursos son igualmente útiles, porque é tamén tan indispensábel ter pan e ser instruído como ter vestidos e unha casa. Se se paga ao zapateiro menos que a outro obreiro, é que podemos pasar dos zapatos, ora, isto non é verdade: preguntádello aos Señores Burgueses.

Por que, xa que logo, existen retribucións desiguais? É que os mellor retribuídos gastan máis forza ou habilidade que os outros? Nada diso. Na xeneralidade dos casos son, pola contra, os máis fortes e os máis hábiles quen gañan menos. O pedreiro, que fai o traballo máis penoso, o mineiro, que corre os maiores perigos, son os máis infelices de todos os traballadores. A única causa da desigualdade dos salarios é que diversas categorías de individuos queren vivir do traballo doutros. Non hai nada máis: se houbese igualdade non habería explotación posíbel.

COMO TRABALLAMOS TODOS PARA A ASOCIACIÓN E NON É POSÍBEL QUE TODOS TEÑAMOS O MESMO OFICIO, TODOS OS TRABALLOS TEÑEN UN VALOR EQUIVALENTE: PRODUCIMOS TANTO UNS COMO OUTROS, o médico como o albanel, o xastre como o químico. Debemos por tanto recibir un salario igual e correspondente á suma de traballo fornecida individualmente. Desde o momento que un de nós emite a pretensión de consumir máis do que produce, hai evidentemente desequilibrio: é necesario que os outros traballen para el.

Representamos mediante 5 francos a produción cotiá dun home. Se lle pagamos a un funcionario 20 francos, é unha cantidade de mercadorías equivalente a 15 francos que pode consumir sen producila. Naturalmente, é necesario que os outros traballadores provean esta produción, e como por diversas razóns non poden producir máis (15), retéñense estes 15 francos dos seus salarios en forma de impostos. Quince deles só gastan 4 francos e prívanse así do necesario para procurar o superfluo a un privilexiado. Igualmente, o industrial e o comerciante, ao realizaren beneficios cotiáns de 30, 40, 100 francos, deprecian en notábeis proporcións o salario do obreiro, un polo emprego da máquina no seu proveito, o outro polo acaparamento das mercadorías. Esta constatación condúcenos á definición seguinte:

Quen consome máis do que produce é un burgués.

Mais, dirase, a desigualdade dos salarios é desexada polos mesmos obreiros. E certamente quérena, como noutrora querían señores, curas e reis, como hoxe queren a guerra contra homes que non coñecen, que nunca viron; como mañá quererán todas as calamidades que lles praza pedir aos xornais. Existen contradicións máis significativas aínda: mesmo socialistas, retribuídos a razón de 0,80 francos a hora, indígnanse de que un ministro cobre 25 francos polo mesmo tempo, mais achan perfectamente lexítimo que un zoqueiro e un varredor cobren 0,40 francos ou 0,60 francos! Isto só proba unha cousa, que aínda non se fixo a educación social.

En resumo, ninguén pode subsistir senón é mediante a asociación, e todos os concursos teñen a mesma utilidade, non existen traballos nobres nin traballos viles, por tanto, tampouco a xerarquía nos salarios. Todos os traballadores deben recibir os mesmos cartos pola mesma unidade de tempo. Ningunha distinción entre o arquitecto e o albanel: son tan indispensábeis un como outro na construción dun edificio. Se existen ocupacións máis ou menos penosas, mais ou menos vantaxosas, deben darse mediante rotación ou mediante sorteo, nunca mediante favor. É a fatalidade, ninguén ten o dereito de se laiar.

Así, ao ser admitida como principio fundamental da nosa sociedade a Igualdade matemática, a aritmética substituiría con vantaxe o Código e mesmo a Moral.

V. –Da Igualdade. (16)

Obxéctase que a desigualdade actual das fortunas e dos salarios resulta da das intelixencias. É verdade que ningún home se semella perfectamente a outro, tanto no físico como no moral. Nacemos mesmo con fondas desigualdades. Mais isto é unha consecuencia da nosa mala organización social. Está cientificamente demostrado que, mediante unha educación e un réxime uniformes continuados a través de varias xeracións, chegariamos progresivamente, non á igualdade rigorosa, senón ao nivel medio máis elevado que sexa posíbel alcanzar. Suprimiremos así as monstruosas desigualdades que existen hoxe e que fan de tantos millóns dos nosos semellantes seres máis veciños do animal que do home civilizado.

Podemos, por tanto, formular ousadamente este principio: todos os homes son iguais.

Con efecto, por que na actualidade non alcanzan todos o mesmo desenvolvemento físico? É porque un naceron de pais sans e outros de pais enfermos; porque uns son educados na abundancia e outros na miseria.

Por que non teñen a mesma intelixencia? En razón dos atavismos ou dos herdos, algunhas veces circunstancias fisiolóxicas da concepción. É, sobre todo, porque non recibiron a mesma educación e non gozan da mesma saúde.

Que nos sexa permitido refutar un erro que serviu de base á filosofía de Darwin. Segundo este, a Natureza é a medida do máis grande ben, o struggle for life, ao ser o esmagamento do débil polo forte a súa lei xeral, as desigualdades de toda clase son fatalmente irremediábeis.

Non é verdade que a Natureza sexa a medida do máis grande ben. Se fose así, só teriamos que sobrevivir, viviriamos en estado salvaxe como os outros animais. É, pola contra, porque a achamos insuficiente, imperfecta, que nos reunimos en sociedade. Non é, por tanto, para nós unha regra inmutábel. O papel da Sociedade consiste precisamente en rectificala, atenuando as desigualdades nefastas que son causa da debilidade duns e da imbecilidade doutros.

A Igualdade non está na Natureza, está no progreso da Ciencia, na organización e funcionamento do mellor estado social. Non sería necesario imaxinarse que, polo feito da institución do réxime colectivista, os que están hoxe ao nivel dos animais van converterse subitamente en homes intelixentes. Vítimas dunha ascendencia degradada, continuarán a ser o que son e a súa posteridade inmediata non será moi superior. O progreso maniféstase máis lentamente. Mais é evidente que despois de cinco ou seis xeracións, todas as diferenzas de forza física e de intelixencia serán reducidas ao mínimo.

Non se trata de afirmar que os homes serán sempre desiguais porque sempre o foron: non se conclúe o futuro co pasado. E ademais non hai enigma na natureza: ninguén se produce sen causa. Por que esta desigualdade? Para acreditarmos nela hai que admitir a existencia dun Deus creador caprichoso e lunático. Como, pola contra, o mundo é obra dunha forza fatal, sempre idéntica a si mesma, non hai razón para que uns nazan con calidades que os outros non teñen. Se isto se produce tan a miúdo é que a orde inmanente das cousas sufriu unha perturbación; xa sinalamos algunhas. A ciencia social ten por obxectivo procurar as outras e previlas.

Ao preconizarmos a igualdade das condicións, da forza física e da intelixencia, velaí como a comprendemos. Sabemos que é provisoriamente unha utopía, mais unha longa, unha observación polo miúdo dos fenómenos sociais fainos crer que mañá se realizará, porque presidiu a concepción primordial dos clans e das tribos, porque é inseparábel da idea mesma de sociedade.

VI. – Método pedagóxico.

A toda sociedade corresponde unha pedagoxía. Os homes de Estado dignos deste nome coñecen ben o poder da educación, saben que é a base e a garantía das institucións dun país. Ningunha transformación seria nas ideas e nos costumes se realiza sen ela. O home fica o que é, mais se fai do neno o que se quere. Apelamos aquí á competencia de todos os verdadeiros pedagogos: os alumnos dun Mestre son semellantes a eses vexetais nacentes que se curvan cara ao sol e medran nesta posición. Polo efecto do costume, do ambiente, do adestramento, son dirixidos cara a obxectivos determinados. Podemos, por tanto, formular este principio:

«As sociedades son os que os gobernos queren que elas sexan: só se cometen os delitos que se queren reprimir».

Só hai os vagabundos, ladróns e asasinos que a educación e as necesidades da vida fixo tales. Pretender extirpalos da sociedade por medio do cadafalso e a prisión é tan ridículo como querer secar o Sena con botellas furadas. Pierre roubou porque non tiña traballo e porque tiña fame, pode ser condenado a todas as penas imaxinábeis, nada lle impedirá a Paul imitalo desde o momento en que se ache na mesma situación. Non é o ladrón a quen hai que castigar, son as causas do roubo que é necesario eliminar, dito doutro xeito, empezar polo principio.

Se queremos unha sociedade igualitaria debemos preparala. Para isto collamos todos os nenos, desde a máis súa tenra idade, antes de que contraian malos costumes, deámoslles a todos os mesmos coidados, a mesma comida, a mesma instrución. Contrariamente ao que se practica hoxe, construamos as nosas escolas fóra das vilas, en fermosos campos, onde o ar é puro e a vida tranquila. Numerosos pavillóns, inmensas salas de ximnasia, patios e xardíns, con aulas ao ar libre, bibliotecas, museos de toda clase e o conxunto encerrado por un vasto muro forme unha cidade de nenos.

Rapaces e rapazas, mesturados sen distinción de sexo, reciben a instrución integral, calquera que for o traballo ao que estean destinados. Máis o home está instruído, máis produce: é por tanto para nós do maior interese prodigar a ciencia a cada individuo.

Eduquemos a todos os nenos como fillos dunha mesma nai, para vivir as vantaxes da asociación universal, non para devorarse entre eles como algúns animais. A tarefa do Profesor consiste en vixiar neles o desenvolvemento regular das facultades intelectuais, en preservalos de accidente, en lles facer comprender as vantaxes da solidariedade. É fácil ensinarlles a Moral: o Ben é un acto harmónico co obxectivo xeral. Desde o momento en que razoan, fan necesariamente o Ben, o mesmo que a auga segue a pendente, porque teñen interese, porque o Ben é a consecuencia dunha organización perfecta.

Este método pedagóxico producirá a uniformidade da saúde física, dos costumes, da instrución e, consecuentemente, das intelixencias. O internado absoluto é a mellor preparación para a vida social. Os nenos non ven as discordias, os odios ou os celos de seus pais, e o seu afecto, no canto de ser comprimido no círculo estreito dunha familia, esténdese a todos os que o arrodean. Ao conservaren a consciencia da súa personalidade, perden todo sentimento de individualismo, porque saben que a súa felicidade está na da colectividade. En resumo, a Escola é para eles unha pequena sociedade, unha aprendizaxe da vida.

O noso programa de estudos comprende os coñecementos indispensábeis ao home civilizado. Común aos dous sexos, divídese en catro partes: Literatura, Ciencias, Historia, Artes agradábeis. Cando se seguiu completamente, a instrución fundamental acabou. Os nenos alcanzan dos doce aos dezaoito anos. Entón comeza o ensino profesional e especial. O que debe cultivar a terra estuda agricultura; o mecánico segue cursos suplementarios de física, de xeometría, de mecánica; o profesor afonda a Literatura e a Pedagoxía. Mais, pedreiro, contábel ou médico, cada un posúe un fondo de instrución igual, a única diferenza radica na especialidade da profesión escollida. Un albanel, un carpinteiro saben falar ben, son elegantes, tan ben educados como un enxeñeiro ou un arquitecto: nos salóns, é amábel e espiritual, fala das cousas da Arte o discute as cuestións científicas. Despois das súas horas de traballo, fai algunhas veces versos ou pintura. En fin, ten todas as calidades: saber, urbanidade, delicadeza, gusto, porque a Escola llo ensinou todo.

VII. – Contabilidade social.

O goberno socialista non é máis que unha vasta contabilidade, gobernar é facer a suma de producións e repartila por igual entre os obreiros. É calcular o número de horas de traballo que cadaquén debe á asociación, número sempre variábel segundo haxa escaseza ou superabundancia. É estabelecer compensacións para os oficios máis ou menos penosos, é impor a cada cidadán unha tarefa en harmonía coas súas aptitudes, a súa forza ou a súa saúde.

Unha Comisión de científicos ou Academia é encargada deste reparto. É ela quen vixía tirar o mellor partido dos recursos comúns, é dicir, fornecer a maior suma de benestar contra un mínimo de traballo. Nomeada por sorteo ou rotación, exerce a autoridade: é o goberno. Os homes que a compoñen poden, en rigor, ter opinións distintas, que pensen branco ou negro non modifica en nada o resultado dunha operación aritmética. Como non gozan de ningún privilexio e non deben nada ao favor, non teñen necesidade de compraren as consciencias para se manteren no poder. Ao estar baseada a sociedade na igualdade, reciben o mesmo que os outros cidadáns. Traballan por tanto necesariamente para o benestar xeral, porque do seu depende o da colectividade.

O diñeiro é suprimido e substituído por cartillas individuais de traballo e de consumo que fan imposíbel calquera tipo de tráfico. O comercio converteuse nun cambio de produtos entre as diferentes partes da poboación, non dá lugar a ningunha perda como a ningún proveito. Ao ser a propiedade colectiva, non hai nin disputas nin procesos, xa que logo, tampouco maxistratura. Un reparto igual de todos os produtos entre todos os individuos dos dous sexos suprimiu a Miseria dun lado, o Luxo desenfreado do outro, causas naturais de todos os crimes e de todos os delitos. Tampouco hai necesidade de prisións. O Mal é unha anomalía tal que aquel que o cometese estaría forzosamente enfermo. Mais se se unise a outros seres no fondo perversos, incorrixíbeis –o que parece incríbel coa educación nova– deberíase internalos en hospitais e coidalos como alienados.

Grazas a estas simplificacións e a outras que non podemos enumerar aquí, obtense coa diminución das horas de traballo un aumento considerábel da felicidade material. Do progreso da Ciencia resulta finalmente a felicidade intelectual, que é complemento da outra e que todos poden gozar, porque teñen á vez o tempo e os medios.

Este sistema social leva en si o carácter da perfección, como todo o que se basea no Número, é eterno, definitivo: un problema só ten unha maneira de ser xusto.

VII. – Táctica.

A sociedade da que acabamos de indicar as grandes liñas só pode ser, cando menos provisoriamente, un ideal, mais había que definila exactamente para que se saiba o que queremos. Velaí o obxectivo que debemos alcanzar. Porque hai dúas cousas que considerar no socialismo: o presente e o futuro; o provisional e o definitivo. Os que inscriben hoxe no seu programa a abolición da propiedade individual, a supresión dos patróns, etc., arríscanse a non seren comprendidos mesmo polos interesados. Estas reformas están subordinadas a unha evolución moral aínda non realizada. Abonda reclamar as que son inmediatamente realizábeis, simple atenuación do mal, é verdade, mais que son a preparación obrigatoria dunha transformación radical.

Pola forza mesma das cousas, o Socialismo toma nos nosos días unha extensión considerábel, todo o mundo está tentado de se chamar socialista: uns porque sofren, outros porque é a moda, os burgueses para explotalo. Baixo pena de ver o noso partido desviarse do seu obxectivo, só debe admitir homes honestos e resoltos. Non é necesario que, co pretexto de reformas ou filantropía, os recentemente chegados poidan chamarse dos nosos. Son socialistas os que loitan pola constitución da propiedade colectiva, a igualdade dos salarios e a entente ou fusión das nacionalidades. A aceptación sen reservas destes tres puntos é a marca coa que se os recoñece: os outros non o son. Desafiemos sobre todo a eses medio socialistas que se din de acordo connosco nunha parte soamente do noso programa. É máis ou menos como se admitisen os dous primeiros libros da xeometría e non os outros, que son a consecuencia daqueles. O Socialismo é unha ciencia, un sistema integral que é preciso aceptar ou rexeitar en bloque.

O socialista só pode exercer unha acción eficaz a condición de non ter ningún dos prexuízos que combate na sociedade burguesa. A súa palabra só adquire autoridade se el mesmo é un home de ben, se hai conformidade plena dos seus actos coas súas teorías. Debe por tanto imporse á confianza pública mediante a elevación do seu carácter e a dignidade dos seus costumes.

Home dos tempos futuros, é un exemplo vivo de todas as correccións. Benevolente e afábel, eclípsase diante dos outros, escoita en silencio aos seus adversarios porque os xulga vítimas do erro máis que de mala fe. De humor sempre igual, fica tranquilo diante das inxurias, inaccesíbel a todos os sentimentos baixos e viles, tales como a cólera, os celos, a vinganza, o odio. En todos os actos da súa vida só ten por móbil o interese xeral. Finalmente, é honesto diante da súa consciencia, diante dos homes e algunhas veces diante do Código.

Ten o deber de nunca falar mal dos outros socialistas, mesmo daqueles dos que se podería queixar. En toda ocasión dá probas de abnegación, de sacrificio e subordina a súa conduta ao interese do partido.

En principio, debe considerar como inimigos a todos os que non son socialistas; pode, no entanto, tratar ben os homes de tendencias progresistas, en caso de necesidade preferilos aos outros conservadores, sen por iso aliarse con eles. Mais hai un partido co que non pode ter nada en común, do que debe desconfiar como da peste: é o socialismo (?) cristián ou caritativo. Dezaoito séculos de barbarie probaron que non se pode esperar nada do cristianismo: para que levar a experiencia máis lonxe? Por outra parte, este socialismo é o contrario do noso: nós queremos o dereito á existencia, non a piedade dos ricos.

Respecto ás reformas das que falan os políticos en procura de acta, aínda que sexan as máis das veces ilusorias, o socialista debe ocuparse das que son un camiño cara ao seu ideal. Mais hai unha que debe preconizar con ardor, sen tregua nin descanso até que a obteña: é a Instrución integral, porque sen ela o socialismo é unha utopía.

Que evite impulsar a Revolución violenta, isto sería non soamente inútil, senón daniño ao desenvolvemento do seu partido. O pobo ten unha educación demasiado individualista para aceptar neste momento o réxime socialista. Unha proba disto sería o sinal de novas Vandées (17) e só desembocaría nun aborto. É pola Revolución mental que hai que comezar. Cando esta estea feita, a outra estará moi preto de selo.

Se, non obstante, hai acontecementos que non prevemos: guerra estranxeira, bancarrota do Estado ou folga xeral, que conducen a determinar unha insurrección, nós deberemos intervir sen dubidar en nome da orde e apoderarnos do poder. Mais, se esta eventualidade se produce, como non nos será posíbel aplicar inmediatamente o noso programa na súa integridade, será necesario, baixo pena de abdicación, realizar desde a nosa chegada as indispensábeis reformas seguintes:

Instrución integral do pobo.

Constitución da propiedade social pola supresión gradual da herdanza e funcionamento da Comuna económica.

Transformación en servizos públicos dos monopolios actuais e de todos os oficios que atinxen a alimentación, o vestido, etc.

Fixación dos salarios e da duración de traballo polas Cámaras Sindicais.

A Federación de Cámaras Sindicais, soberana en materia de traballo, está encargada de asegurar o reparto entre todos os traballadores.

Hospitalización dos inválidos e dos anciáns.

Estas reformas son unha transición, unha preparación para o Estado social que soñamos. Sen envorcaren de enriba a abaixo a organización actual, nin provocaren resistencias desesperadas, garanten finalmente o dereito á existencia e fan desaparecer a maior partes das monstruosas desigualdades que caracterizan a sociedade burguesa. Porque na espera da hora, talvez afastada, en que o pobo estará maduro para a aceptación do Socialismo, non debe haber miles de individuos que continúen a se privaren do necesario e morreren de fame.

Mais enténdase que este programa é provisional, que sinala unicamente a primeira etapa cara ao obxectivo que nos propomos alcanzar. O que queremos é a igualdade entre todos, o fin da explotación e da escravitude, porque en tanto que un home reteña un céntimo do salario de outro, este será escravo daquel. Estas cousas hai que dicilas ben alto. A política socialista exclúe calquera clase de maquiavelismo. Os Socialistas deben dicir todo o que pensan e pensar todo o que din. Como non esperan da súa propaganda ningún proveito ilexítimo, non teñen nada que disimular.

É preciso que se saiba que, se aman a súa patria, isto non implica para eles o odio ás nacións estranxeiras. Son solidarios cos seus irmáns de Berlín, de Roma e de outras partes, e oporanse á guerra por todos os medios, porque a guerra entre pobos civilizados é a negación do progreso. A súa consigna é: paz a todo transo.

Porque é certo que a ignorancia e os prexuízos son os principais obstáculos para o estabelecemento da orde nova que todos os que teñen fe no futuro se improvisan en conferenciantes, teóricos, profesores. Que persigan o erro até os seus derradeiros refuxios, que fagan a luz onde hai tebras, que abran os ollos á fe cega e inconsciente dos infelices, a burguesía desaparecerá desde ese momento sen que haxa necesidade de combatela.

IX. – Da Liberdade.

Entre os prexuízos a destruír, o da Liberdade está en primeira liña. Quérese que o home sexa libre, que teña unha alma autónoma, exenta de calquera influencia fisiolóxica. É o dualismo antigo: dun lado o espírito, do outro a materia, pódese fustrigar o corpo, mutilado, a alma non fica afectada. O noso libre arbitrio exércese sen violencias: temos o poder de escoller entre o que se conveu en chamar o Ben e o Mal. Os filósofos oficiais afirman que posuímos esta liberdade moral. «Preséntanme dous louis, di o Sr. Jules Simon (Le Devoir, p. 15) e dinme: “Velaí o que escollería. É que non me xulgo perfectamente libre de escoller o outro?… Propoño a alguén que pense que non son libre que aposte contra min mil escudos, un millón, cen millóns, que no espazo dunha hora erguerei tres veces a man. Quen aceptará a aposta? Estes feitos perfectamente simples teñen o mérito de estabeleceren da maneira máis irrefutábel a crenza na liberdade humana, etc.».

Velaí coa axuda de que miserábeis argumentos os sofistas burgueses demostran un principio que serve de base á súa filosofía. Ter a facultade de escoller entre dúas cousas rigorosamente idénticas, erguer a man dereita ou o pé esquerdo, quen non percibe a inanidade de semellante demostración? Existe no mundo algo máis pueril, máis grotesco? Señor Jules Simon, foi collido en flagrante delito de nadería e de sofisma. Pero os animais tamén teñen a facultade de se mover en tal sentido, se lles peta. Poden mesmo axitar o seu rabo á dereita, á esquerda… Atreveríase a afirmar que son libres por iso?

Non se escolle entre dúas cousas rigorosamente idénticas: cóllese a primeira que se topa. Se as cousas non son idénticas, cóllese sempre a que parece máis vantaxosa. Se non collemos a mellor é que sabemos que nos enganan ou que facemos un sacrificio momentáneo na esperanza dun maior ben no futuro. Se o bébedo arruína a súa saúde ao beber licores perniciosos, é que, na súa ignorancia, só ve o gozo inmediato. Se o traballador economiza en previsión do futuro, é que ao prezo dalgunhas privacións espera procurarse un longo período de descanso e de benestar na súa vellez. Non é verdade, como se pensa comunmente, que o home poida escoller entre dúas accións diferentes: movido polo instinto do benestar e da conservación e baixo a influencia do seu herdo, da súa educación, do seu ambiente, só se determina polo que é, ou polo que acha el que é, do seu maior interese (18).

Non existe a liberdade. O home só pode facer o que fai. Pranzini, por exemplo –aínda que perfectamente libre camiñar co pé dereito ou co pé esquerdo–, coa educación que recibira, o medio no que vivía, as necesidades que se creara, só podía desembocar en asasinatos. Se o home fose libre, sería unha causa, sería Deus a carón de Deus. «Ora, non hai no universo, di Spinoza, máis que un único principio, unha substancia única, da que todos os seres só son as manifestacións ou os modos». «O mundo está rexido por leis invariábeis, afirma Kant, unha causa libre sería unha derrogación da orde xeral, escaparía ao fío condutor destas leis e causaría a anarquía». Bastantes argumentos contra a liberdade: abondaranos dicir que é un dogma ao ser a razón impotente para entregar a idea aos non a encontran no fondo da súa consciencia.

As teorías científicas de Darwin e de Haeckel non deixan subsistir nada deste postulado groseiro. O espírito non é distinto da materia, e a resultante, é un con ela. A alma é o movemento do corpo e este movemento está determinado por necesidades materiais, influencias de clima ou de ambiente. O home que ten fame rouba antes de morrer de inanición. E non pensedes que realiza este acto voluntariamente: a miúdo loita contra a súa educación, contra o seu herdo, mais non lle é posíbel facer outra cousa, obrigado que está a obedecer á inefábel lei do bandullo.

Non nos erguemos só contra o libre arbitrio individual, negamos tamén o libre arbitrio dos grupos. O todo non pode ser superior á suma das partes. A colectividade, como o individuo, sofre a acción dos fenómenos cósmicos e de certas correntes de ideas que non pode deter. Francia, por exemplo, achouse, en 1870, despois dun concurso de circunstancias imprevistas, na necesidade de declarar a guerra a Prusia. A situación económica, a consecuencia dos últimos feitos da historia, as esixencias da diplomacia, todo a empurraba irresistibelmente, fatalmente, e non lle era posíbel evitar o conflito como á cortiza lle é imposíbel ficar inmóbil en medio da corrente que a arrastra.

Así, lonxe de ser libre, o home é, pola contra, dependente de todo o que o rodea. Debe, por tanto, coordinarse cos individuos da súa especie segundo as leis da harmonía xeral ou da socioloxía. Mais, entón, que entendemos por Liberdade civil e política? O poder de derrogar esta orde e de actuar á súa vontade sen ter en conta os intereses dos outros. Forzade ao patrón a lle dar un salario remunerado aos seus obreiros, impedide ao financeiro acaparar os recursos públicos, ao político enriquecerse ao gobernar os seus semellantes, uns e outros dirán que non son libres, berrarán que os perseguen. Nunha palabra, o que se chama Liberdade é a tiranía de outrora, é a explotación, é a escravitude, é o dereito a asasinar. Que os sofistas republicanos ou anarquistas, partidarios desta liberdade individual, non nos falen de limitala, é dicir, de facela igual para todos: se é limitada, é que non existe.

Baixo un réxime socialista non existe liberdade individual (19). Non pode ser que haxa homes que corren para a esquerda mentres que os outros van para a dereita, porque todos teñen só un obxectivo: o aumento do benestar xeral; porque un rigoroso método científico, ao consideralos como unidades de valor iguais, axúntaos de cara á formación dun todo harmónico e completo.

A Liberdade é a base da sociedade burguesa, é ela quen xera o individualismo, é dicir, a absorción por algúns individuos de todo o resto da humanidade. Que os nosos mozos socialistas se enchoupen ben desta idea que é a negación da igualdade social.

X. – A propiedade (20).

A idade de propiedade é unha desas manifestacións perigosas do individualismo ou da liberdade que é necesario destruír a calquera prezo. Segundo a etimoloxía, propius semellaría indicar algo que nos é propio, que nós creamos, que nos pertence. Ora, podemos crear unha cousa que non existe? Nós só podemos transformar materiais que están na natureza e, consecuentemente, non pertencen a ninguén. A apropiación polo traballo é a máis lexítima? Un home só pode construír unha casa, unha fábrica, etc.? E se puidese, é el quen creou as pedras de que está feita, os camiños por onde as pasou, as ferramentas de que se serviu? Evidentemente non, calquera obra, calquera construción pertence á Sociedade, porque supón a colaboración presente e anterior da colectividade. Mesmo a ciencia que posúe un individuo non podería ser da súa propiedade: é o resultado dos esforzos colectivos de cincuenta xeracións, é o patrimonio da humanidade. Creei eu todas as pezas do libro que escribo? A idea que expreso é exclusivamente miña? Eu mesmo só son un reflexo do pensamento dos sabios que lin, unha emanación do medio social no que vivo. O que digo, suxeríuseme. A miña idea, por persoal que semelle a algúns, só é unha consecuencia, unha suma de unidades ideicas, unha síntese de ideas comúns a todo o mundo. Non existe propiedade rigorosamente individual, nin mesmo dun alfinete: todo é a obra común e pertence a todos.

É a teoría da unidade do eu que volve o dereito de propiedade aparentemente lexítimo. Con efecto, supomos o noso eu distinto, independente de todos os outros e sempre idéntico a si mesmo, concluímos a súa autonomía e recoñecémoslle facultades creativas. Consecuentemente, asimilamos os obxectos que sufriron unha modificación pola influencia da nosa vontade, considerámolos como atribucións, extensións ou maneiras de ser do noso individuo. Ora, o noso eu non é un, é complexo, é dicir, formado por unha multitude de eu anteriores e contemporáneos.

Para destruírmos a idea de propiedade, é toda unha filosofía que é necesario minar pola base. Non hai eu no sentido que se lle dá a esta palabra. Todos os seres mestúranse, confúndense, transfórmanse eternamente baixo a acción ininterrompida da Vida; non pode haber entre eles límites ou solución de continuidade. Sexa cal for o grao de desenvolvemento a que poidan chegar e a forma en que se reconstitúan, animal, planta, mineral, non cesan de vivir. É sempre o mesmo alento vital que circula na natureza e todo o que existe forma parte integrante da alma universal.

Nestas condicións, non é eu, é nós o que hai que dicir. Se o demostramos claramente, fixemos xustiza ao prexuízo da propiedade individual.

XI. – A Instrución integral.

A Burguesía, coa mala educación que nos deu, embrollou de tal maneira os nosos espíritos, falseou de tal xeito as nosas concepcións, que as nosas ideas máis claras e máis simples nos aparecen escuras e complicadas. Acaparamos facilmente as riquezas da terra, é dicir, a nosa parte e a dos outros e estimámonos perfectas honestas xentes. Mais se un dos infelices que frustramos intenta quitarnos soamente aquilo que necesita para non morrer de fame, tratámolo de canalla, de bandido e non achamos nada máis natural que envialo á cadea por violar a nosa propiedade!

Son milleiros os prexuízos desta índole que constitúen o fondo da moral clásica e forman o principal obstáculo á chegada do Socialismo. Porque o noso máis temíbel inimigo non é a Burguesía: somos nós, é a nosa ignorancia. Os Burgueses sábeno ben. Así manteñen o pobo nun estado de inferioridade intelectual que lle impide reivindicar os seus dereitos. Cando miles de axitadores socialistas percorrían a provincia e preconizaban a socialización da propiedade, os campesiños e os obreiros non actuaron porque non vían claro e porque non se camiña na noite. Ai! Os que morren de fame non sofren mesmo do estado social actual; non sofren porque para sufrir hai que sentir, hai que ter consciencia do seu mal. Semellantes a membros paralizados, estes infelices sofren o seu destino coa pasividade das cousas. E como se quere que aspiren a un estado mellor, eles, que nunca tiveron máis que esta concepción da Xustiza social?: é necesario que haxa pobres a fin de que haxa ricos!

Que os socialistas os persuadan: só se pode chegar á instauración do réxime igualitario coa igualdade da instrución. Mentres exista o ensino primario para uns, o ensino secundario e superior para outros, haberá forzosamente dúas categorías de cidadáns. Os fillos do pobo, que permanecen na escola xusto o tempo para aprender a leren os xornais burgueses, só poden converterse nos clientes dunha aristocracia de Letrados. Os que adquiren a instrución integral formarán sempre as clases dirixentes. Todos os outros, iletrados e ignorantes, pertencen ás clases dirixidas: son os explotados.

Gobérnase mediante a superioridade intelectual: a forza obedece ao pensamento. Por outra parte, a historia está aí para corroborar esta afirmación. Cando en 1789 a Burguesía substitúe á Nobreza, é porque ela lle era superior en saber e intelixencia. Como querer que hoxe un proletariado ignaro, cego, inconsciente poida substituír unha clase que posúe todas as luces e que dispón de todos os recursos! É ilóxico, é imposíbel. Certamente, a Igualdade social é inevitábel e próxima. É o fin do proceso universal: efectúase todos os días baixo a acción incesante das civilizacións: cada vez que se realiza un progreso, desaparece un privilexio. Mais o seu resultado completo será a obra da Igualdade intelectual, e é esta que debemos realizar en primeiro lugar, porque, na orde invariábel dos feitos, a causa precede sempre á consecuencia.

Os Burgueses pretenden que se todo o mundo está instruído ninguén quererá traballar. Mais non descobren todo o seu pensamento, hai que ler: ninguén quererá traballar para os outros, é dicir, deixarse explotar. Nisto teñen razón. É precisamente porque estamos cansos de traballarmos para eles que demandamos a igualdade de instrución. É necesario, por tanto, que os socialistas intenten obter do goberno esta instrución integral sen a cal non podemos facer nada. O Ensino primario é un engano: madurece o home para unha explotación vantaxosa. A Escola comunal e o Liceo perpetúan os odios de clases que queremos destruír: substituámolos pola Escola social onde todos os nenos sen distincións serán educados segundo os principios da Igualdade e da Fraternidade.

Que non se diga que faltan os cartos para executar esta grandiosa obra, xa soñada polos homes da Convención. Áchanse miles de millóns para que aprender aos mozos a se bateren e a se mataren, acharanse facilmente algúns centenares de millóns para instruílos, para elevalos á dignidade de homes!

Son os Consellos socialistas que deben comezar a completaren a obra do ensino primario. Poden, pola creación de cursos complementarios e de Escolas primarias superiores, realizar case o ideal para certo número de nenos. Infelizmente, as experiencias deste xénero que se fixeron até hoxe non produciron os resultados que podiamos esperar. As Escolas primarias superiores fornecen á Sociedade, en grande parte, futuros explotadores moito peor que os propios Burgueses. Existen, no entanto, remedios para este estado de cousas. Non podemos indicalos aquí, mais estudarémolos nun próximo libro titulado A instrución integral.

Que todos os socialistas viren, xa que logo, provisionalmente os seus esforzos para o lado da Instrución. É a idea revolucionaria por excelencia, a idea grande, xusta, inatacábel –mesmo legal!–, a panca que servirá para envorcar o vello mundo.

XII. – Literatura socialista.

Digan o que digan e fagan o que fagan, a evolución social prodúcese coa fatalidade da pedra que cae. A extensión dos monopolios, a centralización dos capitais, a aglomeración dos traballadores, o progreso do maquinismo: todo a anuncia. Os propios Burgueses, arrastrados por unha corrente de forza irresistíbel, son algunhas veces os promotores inconscientes das reformas próximas. Estes Xudeus, estes Financeiros que, nunha inmensa rede de sucursais, aprisionan todo un territorio do que drenan o ouro para as súas caixas, que fan? Materializan esta revolución que temos o deber de intelectualizar.

É mesmo de prever que a Sociedade capitalista se afundirá antes de que a reforma mental se realice, antes de que o pobo non estea maduro para unha nova orde de cousas. É a nós a quen pertence preparar os espíritos, abrilos ás ideas socialistas liberándoos de prexuízos hereditarios. Por todas as manifestacións do pensamento, Pintura, Poesía, Escultura, Música, os artistas deben esforzarse en faceren comprender ao pobo as sublimes belezas que hai no socialismo e facerllas amar.

Independentemente da instrución dada nas escolas, é a literatura a que exerce máis influencia no mercado das ideas. Infelizmente, non existe até hoxe, propiamente falando, literatura social. Ningún dos que se exerceu neste xénero tivo a visión integral do obxectivo a alcanzar. Uns extraviáronse no Romantismo, outros envisgáronse no Simbolismo ou especializáronse no Romanismo, a maioría, finalmente, non fixo máis que tatexar algúns pensamentos confusos nunha lingua informe.

A característica desta arte literaria é a simplicidade, a orde, a precisión. É case unha lingua matemática. Nada persoal aparece: o pensamento socialista non porta nin a marca dos tempos nin a pegada dos lugares: é simple como a natureza, universal como a cifra.

Os escritores socialistas esquecen demasiado isto. No seu celo de apóstolos, descoidan case sempre a Forma. Equivócanse. Se unha idea non se expresa na irredutíbel fórmula que lle é propia, é que o autor non a domina completamente e, xa que logo, é inintelixíbel ao lector.

Que os que loitan pola realización da nosa idea, mediante o libro, o teatro ou nos xornais non teñan, por tanto, máis que un obxectivo: a Forma. É a condición esencial do éxito. O día en que o Socialismo se formule dunha maneira precisa, integral e definitiva, estará preto de triunfar.

XIII. – Chamamento á Mocidade.

Mozos, vós, cuxa alma ardente está sedenta de Gozo, de Xustiza e de Amor, vide a nós, darémosvos estes bens preciosos. A sociedade burguesa comprímevos e esmágavos, as vosas facultades xenerosas non alcanzarán nela o seu desenvolvemento completo. O espectáculo do sufrimento irrítavos e amárgavos até o punto de vos dar ás veces o fastío pola vida. Vós que acreditades aínda no Ben, vide ao Socialismo, xogade intrepidamente o voso papel nesta grande gloriosa epopea. Non é a loita por un home só, por unha casta ou por unha nación: é a loita pola Humanidade. É polos pobres, os ignorantes e os débiles de toda a terra que combatemos. Polos os vellos rompidos polo traballo, polos nenos que van cos pés nus no inverno e o frío fai chorar, polos parias de toda orde para que teñan un lugar como os outros no banquete da vida.

Grazas á Ciencia construímos máquinas marabillosas que substitúen os nosos brazos e os centuplican. Forzamos o chan máis árido a se converter en fecundo; acercamos as distancias, furamos montañas, inzamos vales, nunha palabra, vencemos a natureza. Coas riquezas inmensas que dispomos, poderíamos todos ser felices, porque a terra produce felicidade para todo o mundo. Pois ben, un obstáculo oponse á felicidade universal, este obstáculo que non podemos vencer e que nos fai perder o beneficio dun século de progreso, é o corazón do home ou máis ben é o egoísmo da Burguesía (21).

O burgués é o máis feroz dos animais. Cando menos o tigre, o lobo, o chacal, a hiena, unha vez fartos, cesan de perseguiren as outras bestas ou de lles disputaren a súa presa, o burgués non se contenta con satisfacer todos os seus apetitos, necesita o superfluo. Peor, quere, esixe que miles dos seus semellantes sexan privados do necesario: goza co sufrimento dos outros. Certamente, ten o dereito á felicidade como os outros, mais non ten o dereito a facernos sufrir. A nosa queixa contra el non parte dun sentimento de celos: o que lle reprochamos non é que sexa feliz, senón impedir que nós o sexamos.

A Nobreza feudal tivo durante séculos, é verdade, a humanidade na máis abxecta das servidumes, na máis deprimente das miserias, mais ela non podía asegurar o benestar de todos, o progreso da ciencia e da industria non llo permitía. A burguesía non ten esta escusa, o que a Nobreza non puido facer ela pode realizado: só ten que querelo. É, por tanto, culpábel, porque podendo facer o Ben fai o Mal.

O que é particularmente odioso é que tendo consciencia da súa infamia, procura atenuala mediante hipócritas lamentacións sobre a sorte dos infelices. «Quixera axudar os obreiros, di, mais son tan bébedos, tan ignorantes, tan preguizosos, que non se aproveitarían das miñas axudas». Certamente, o pobo tomado no seu conxunto é malo, mais, coa educación que recibe, só pode ser o que é. Se fose bo, sería unha anomalía: é o que fixeron del. Que se lle dea a instrución integral e os medios de existencia e converterase en mellor.

Isto a Burguesía sábeo ben, mais non quere mellorar a condición miserábel dos traballadores, pola contra, oponse a todo o que eles intentan facer por si mesmos co obxectivo de se elevar. Cada vez que, empurrados polo instinto do benestar e obedecendo á lei superior do progreso, queren saír da súa abxección, a burguesía masacrounos implacabelmente: Xuño de 1840, Maio de 1871, Fourmies en 1891 (22).

Mozos, é contra esta casta maldita que vos convidamos a loitar. Sen dúbida a tarefa é ingrata e perigosa, mais é grande e digna de homes de corazón. Burlaranse de vós aqueles mesmos cuxos intereses defendedes, seredes atacados polos ignorantes que a Burguesía amotinará contra vós. Unha alta recompensa pagaravos estas amarguras: a satisfacción do deber cumprido.

Aos que se burlen de vós responderedes: nós loitamos pola Xustiza, non é un persoal político o que queremos cambiar, son as malas institucións que queremos facer perfectas. Todas as nosas aspiracións están contidas na fórmula seguinte:

«A Felicidade integral do individuo na da colectividade».

Se este principio é verdadeiramente o criterio co que informades todos os vosos actos, posuídes a tripla definición da Arte, da Moral e da Política, é dicir, a máis vasta síntese á que nunca os homes chegaron. Tedes a clave da grande harmonía.

Mozos, non é necesario que a humanidade fique estacionaria pola mala vontade dalgúns. Mais é pola ciencia que a liberaredes. Con traballo e perseveranza! Nada é imposíbel ao home. Realizaredes as grandes cousas que nós soñamos. Quizais logredes inscribir nunha fórmula de álxebra, intelixíbel a todos, o principio xerador dos seres que a ignorancia dos pobos chamara Deus?

NOTAS
(15) Existe unha media de produción cotiá que ninguén pode superar. Se esta media está fixada en 5 francos, un home dunha forza e dunha intelixencia extraordinarias podería talvez producir até o valor de 7 francos, pero nunca iría máis alá. Por tanto, se un comerciante, un industrial, un funcionario, producen ou gañan 20, 50 ou 100 francos por día, é co traballo de outros, é porque gozan de privilexios, de monopolios ou se serven de medios que a sociedade pon á súa disposición.
(16) Proclamar a igualdade das intelixencias é enfrontarse cun dos prexuízos máis fondamente arraigados no corazón humano. As xeracións presentes non queren, e mesmo non poden, admitir que os homes poidan converterse en igualmente fortes, igualmente bos, igualmente intelixentes. O espectáculo de oito mil anos de desigualdades de toda clase é máis forte que todos os razoamentos, mesmo que todas as experiencias. O espírito libérase dificilmente de semellante herdo. Con rigor, admitiríase que, baixo a influencia dun réxime uniforme, corpos igualmente sans puideran desenvolverse máis ou menos igualmente, mais que cerebros igualmente cultivados poidan adquirir unha suma máis ou menos idéntica de instrución, de educación, de intelixencia, velaí o que non se admitirá nunca. Pois ben, trátase de demostrar que o home é unha pasta que a educación modela a vontade e que lle dá a forma que lle peta. O neno nace nin bo nin malo, ten soamente disposicións boas ou malas, aptitudes diversas, nunha palabra, herdades. Mais a Educación ten o poder de anular ou desenvolver esas herdades, e é o que invariabelmente se produce. O neno da mellor familia, se é educado nun medio depravado, farase necesariamente perverso; igualmente, aquel que tivese na súa ascendencia os máis horrorosos malandros, converterase pola contra nun honesto home se é confiado inmediatamente aos coidados dun mestre hábil e sacrificado. Esta é unha regra que non sofre excepcións e que todos os verdadeiros pedagogos están dispostos a confirmaren.
Mais, velaí vir a obxección clásica dos dous irmáns que non se semellan. Un é doce, o outro malvado. Cruel enigma!, din os ignorantes, nunca impediredes isto.
Primeiro, non é verdade, ás máis das veces, que estes dous irmáns recibiran na súa familia a mesma educación. Quen non sabe que en moitos matrimonios os nenos están lonxe de seren obxecto dunha igual solicitude? Este ten o cariño do pai, aquel o da nai; un benefíciase de todas as caricias, o outro é o branco de todas as brutalidades. Ás veces o primeiro é o benvido, o querido, o neno mimado a quen se lle aguanta todo; o outro aparece, senón como un intruso, cando menos como unha carga, trátano rudamente, non lle fan caso até se desinteresar completamente del.
Mais cando a educación da familia foi exactamente a mesma para os dous, as influencias que reciben fóra son raramente as mesmas. Non ven sempre as mesmas cousas, non practican os mesmos xogos, non teñen as mesmas amizades, ás veces non teñen os mesmos mestres na escola e todo isto abonda para diferenciar profundamente os seus caracteres.
Mais, dirase, se a educación ten o poder de igualar os caracteres, isto non impide que individuos que non teñen a mesma intelixencia non poidan nunha converterse en iguais. Vexamos, que é a intelixencia? Ser intelixente é coñecer, sentir vivamente as diferentes calidades das cousas, é combinalas, separalas, estendelas, restrinxilas, comparalas e determinar as relacións. Dunha maneira máis xeral, é comprender os seus verdadeiros intereses, é sacrificar unha satisfacción presente para unha vantaxe real no futuro; é tender ao noso obxectivo social.
Non se nace intelixente, devense pola educación dos sentidos e pola instrución: calquera individuo que ten o cerebro ben conformado, que ten o corpo san e que non ten accidentes nefastos, se é cultivado, converterase en intelixente necesariamente. Sen dúbida, en razón dos herdos e dos temperamentos, uns comprenderán mellor e desenvolveranse máis rápido, mais os outros chegarán ao mesmo fin; tardarán un pouco máis todo, eis todo.
É, por outra banda, o que se produce regularmente en todas as escolas. Sobre unha clase de cincuenta alumnos, hai vinte e cinco que avantaxan os seus camaradas e que poderían superar con éxito o seu exame de fin de curso. Mais conservade os vinte e cinco retrasados un ano, dous de máis se é preciso, presentaranse ao mesmo exame co mesmo éxito. Só é unha cuestión de tempo.
A intelixencia é antes de nada unha función do cerebro, depende do xogo regular dos órganos, dos coñecementos, do ambiente e mesmo da alimentación que se fai. Nunha sociedade individualista como a nosa, onde cadaquén educa e instrúe os seus fillos ao seu xeito, é moi natural que inflúa desigualmente aos homes; mais nunha sociedade colectivista onde todos nos nenos, vestidos e alimentados da mesma maneira, serán educados segundo os principios dunha educación metódica e completa, a actual diferenza das nosa facultades intelectuais non deberá, non poderá producirse.
Á parte dalgúns individuos, tales como os idiotas –a penas un sobre cen– vítimas de acidentes fisiolóxicos, sostemos que todos os homes poden converterse máis ou menos en igualmente intelixentes. Esta afirmación corroborámola por experiencias.
(17) É dicir, sublevacións das clases subalternas manipuladas polas clases dominantes (ndt.)
(18) Obxéctase que, se non somos libres, non teriamos esas máquinas marabillosas que transforman o mundo, nin esas obras de artes que son a admiración dos séculos, que, finalmente, nos sería imposíbel realizar, mesmo esperar o estado de benestar xeral que o Socialismo promete. Pois ben, é precisamente porque non somos libres que todas esas cousas se producen. Se fósemos libres, poderían non producirse. Mais tendemos á felicidade tan irresistibelmente como a pedra tende ao centro da terra: velaí porque se efectúan os progresos que constitúen esa felicidade e por que o Socialismo, que é para nós o derradeiro termo do Ben, se produce dunha maneira tan fatal como a caída dos corpos.
(19) O home só pode ser libre en estado de natureza. Desde o día en que se asocia, aliena a súa liberdade individual ou, máis ben, subordínaa aos intereses da colectividade e só pode gozar das liberdades permitidas pola asociación. Sociedade e liberdade individual exclúense. Unha sociedade comercial, financeira ou outra, sería posíbel se cada un dos seus membros fose libre para dispor ao seu xeito do seu traballo ou dos seus capitais? O mesmo acontece nas sociedades humanas: se ninguén coñece máis regra que o seu capricho, é a anarquía máis completa. Non obstante, na sociedade colectivista de mañá, o home será máis libre do que o é actualmente. Fóra das súas horas de traballo poderá facer todo o que lle pete. Hoxe só os burgueses teñen algunha liberdade. Os traballadores están encadeados á fábrica da mañá á noite, e os que non traballan están pegados ao chan porque non teñen cartos.
(20) A Burguesía ten como costume presentar os socialistas como inimigos da propiedade individual. Fuxide destes revolucionarios, di aos campesiños e aos ignorantes, queren quitarvos o voso campo e a vosa casa. A verdade é que o noso ideal é a socialización de todas as riquezas sociais. Mais no estado actual non temos porque estar a favor ou contra a propiedade, tampouco estamos a favor ou en contra da caída dun corpo lanzado ao espazo. A expropiación é un fenómeno económico debido ao progreso da grande industria. Efectúase todos os días, quéirase ou non. É evidente, como dous e dous suman catro, que un obxecto do que se fabrican poucas cantidades é máis caro que un obxecto de fabricación máis abundante, que unha ferramenta rudimentaria non pode competir contra unha ferramenta perfeccionada, que o cultivo parcelario é aniquilado polos países de gran cultivo, que, nunha palabra, os pequenos capitais son arruinados polos grandes. En virtude deste principio, todos os pequenos comerciantes, os pequenos propietarios, os pequenos industriais, serán fatalmente absorbidos polos grandes capitalistas. Só é unha cuestión de tempo: todos os días hai quen sucumbe nesta loita desigual. Si, os propios pequenoburgueses serán sucesivamente desposuídos e lanzados ao proletariado: é a lei do progreso. Abride os ollos e mirade arredor vosa, vedes cantas familias noutro tempo ricas están hoxe na miseria. Canta xente instruída, estudantes, avogados, médicos, etc., son reducidos a mendigar algún modesto emprego que mesmo non encontran. Infelices a quen o seu odio ao socialismo cega, son eles quen nos acusan de querer expropialos! Mais somos nós quen expropiou o pequeno comercio de París en proveito dun centenar de grandes estabelecementos? É que nós baixamos o prezo do trigo até tal punto que o campesiño non pode vivir de cultivar o seu campo? É que nós, mediante o emprego de máquinas poderosas, suprimimos as iniciativas individuais e empurramos cara ás cidades os habitantes do campo?
Non é preciso ser ignorante ou de mala fe para nos acusar de querer expropiar. A expropiación faise todos os días, faise mesmo e sobre todo en proveito deses grandes burgueses que finxen defender a pequena propiedade. A maior parte dos que teñen algunha fortuna e viven hoxe desafogadamente están destinados á quebra, á ruína: os seus fillos irán engordar o exército dos sen-traballo e as súas fillas acabarán tristemente na corrupción e a prostitución. É un destino e que ameaza a todos e que non poden evitar. O día en que o Socialismo trunfe, non haberá necesidade de expropialos: estarano desde hai moito tempo.
(21) A Burguesía divídese en dúas partes: a Burguesía filosófica, á que pertencen os pensadores dos séculos dezaoito e dezanove, todos os homes xenerosos que perseguen a realización da emancipación humana. E a Burguesía do diñeiro, a burguesía dos arribistas, numerosa, poderosa, rapaz, egoísta: é desta última que nos ocupamos aquí.
(22) É dicir, a Revolución de Xuño de 1848, en que a burguesía masacrou os obreiros que protestaban polo peche dos talleres nacionais. O masacre dos partidarios da Comuna de París. E o asasinato de nove obreiros, e trinta e cinco feridos, cando a tropa disparou contra unha manifestación obreira pacífica, o 1 de maio de 1891, en Fourmies, vila industrial de Francia (ndt.).

NOTA SOBRE A FOTOGRAFIA DESTE ARTIGO: procede de Wikimedia Commons.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *