Entrevista a Xulio Álvarez García

Entrevista a Xulio Álvarez García

0 comentários 🕔15:20, 18.Mar 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a Arquitectura?

- Xulio Álvarez: Unha linguaxe artística en permanente revisión, un reto revitalizante pra o sentir, preguntas no ar, concerto e desconcerto, ilusión e desilusión. Un enorme ser vivo que, ás veces, agroma con abraio entre nós e que é imposíbel coñecer en toda a súa infinda ambigüidade.

Falo da Arquitectura coma obra de arte. Non me interesa a Arquitectura entendida coma derivada da construción e o negocio. Dende cativo, eu sempre fun educado na ensoñación.

Sigo o acontecer do Deseño Arquitectónico dende hai moitos anos. Ás vegadas apréixoo, enténdoo; noutras empostas váiseme entre certas carraxes disimuladas. Xa hai tempo que deixei de procurar respostas contundentes pra definir e proxectar a Arquitectura. Cando aparece, a natureza construída obra un milagre e eu non sabería definir como se produce.

- Palavra Comum: Que aspectos da Arquitectura reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos na sociedade?

- Xulio Álvarez: Existe un enorme descoñecemento da Materia Intelectual que dá vida á Arquitectura. Hai unha grande distancia entre o micromundo cultivado na disciplina e o resto da sociedade. A xente enténdea fundamentalmente en termos de gosto persoal, e isto tradúcese na aparición masiva de paisaxes artificiais inzadas de acenos plásticos á moda do lugar e do momento, argallando unha escena puramente insubstancial.

A Arquitectura intelectualizada é vista en moitos casos coma petadura persoal incompatíbel co bo gosto. O bo gosto dominante é o que suxiren sutilmente os estamentos vencellados á produción edilicia (empresas de materiais, construtores, promotores) e ten que ver coa cultura da falsidade e a aparencia, na que está mergullada maoritariamente ista sociedade. O fenómeno atingue a todas as clases sociais, mingua nos tempos de crise e arrequece nos de bonanzas. O diñeiro e máis as novas tecnoloxías son as principais armas destrutivas nista escena queimada.

Chamo polo respecto social á independencia da Arquitectura coma disciplina artística. Amo profundamente, entre outras naturezas artificiais, a emocionante paisaxe exterior das instalacións industriais da Refinería da Coruña (aínda que preferiría que se adicasen a outras angueiras), as formas exactas de moitas Arquitecturas Navais, os retallos de sorprendente frescura dalgunhas Arquitecturas tradicionais, a fachada cáseque atea da Santa Clara Compostelá ou a sorprendente verdade do museu coruñés de Arte Sacra. Non podo aturar o balcón á nada.

- Palavra Comum: Quais são as características próprias da Arquitectura galega e com que outros modelos nos comunica?

- Xulio Álvarez: A2015 03 Xulio Álvarez 2 Arquitectura Tradicional ten algo que ver coa Arquitectura Naval. Proas á auga e ao vento. Formas puras, ocos mínimos, cobertas xustas. Arquitectura Europea ao pé da Corrente do Golfo. Coma cáseque todo o xenuíno, gosta e non gosta, e así é coma moitas das rehabilitacións acoden a salvar a embarcación pra furar no casco e logo varar o barco no deserto da indefinición.

A Arquitectura Galega Contemporánea bebe da escena arquitectónica internacional e, nalgúns casos, aporta algún aceno local de señardade implosiva. Mandan as mensaxes visuais en formato físico ou dixital que chegan de todo o mundo e que dictan maioritariamente o devir criativo. A fotografía condiciona a Arquitectura e isto é un problema importante porque prioriza a ollada lambriqueira e tende a converter o pensamento esculcador nun doce manierista.

- Palavra Comum: Como é a tua visão da Arquitectura actual? Que caminhos achas conveniente transitar nestes tempos?

- Xulio Álvarez: Existen pinceladas de boa Arquitectura en todos os países. Tamén no noso. E iso malia o rexeitamento dominante que o convirte nun fenómeno illado sen a máis mínima transcendencia social. O groso da produción edilicia serve só ao beneficio empresarial e á entrambilicada ilusión colectiva. Só se pensa no lugar en termos lucrativos, de borra e fachenda. A enorme carga lexislativa que regula a pegada construtiva pretende unicamente poñer orde no xogo especulativo. Pensemos que se as normativas construtivas e urbanísticas tivesen fasquía de retroactividade histórica, desaparecerían cáseque por completo as cidades históricas e sería imposíbel a existencia de moita da Arquitectura que nos define. Isto é abraiante! Manda absolutamente o Capital e o fenómeno do espazo coma xerador de lucro incesante.

Niste panorama atolaxado non sei doutro camiño a seguir que non sexa o da Resistencia Criativa motivada no compromiso e a paixón pola arte de construír con emoción e conmoción.

- Palavra Comum: Que importância tem no teu trabalho o diálogo com a tradição cultural, a ecologia e a sociedade?

- Xulio Álvarez: Pra min, o único diálogo posíbel é co lugar e a súa historia, coa contorna na que se ubica o Proxecto. O novo edificio intervén coma unha peza escenográfica máis nun teatro preexistente. A obra representada pode ter unha forte compoñente ecolóxica ou tradicional e, nise caso, cómpre ser respectuosos con isa vocación. Noutros moitos casos non existe obra e o teatro está arrasado. Niste suposto paga a pena dialogar só coas luces e sombras do paradiso criativo.

A tradición cultural, a ecoloxía e as aparentes necesidades sociais serven en non poucos casos de cínica xustificación pra aloumiñar intervencións politicamente correctas e perfectamente prescindíbeis á hora de arrequecer a cárrega de calidade arquitectónica do lugar habitado.

- Palavra Comum: Fala-nos dos teus gostos culturais e artísticos (música, literatura, artes plásticas, etc.). Sentes que há vínculos ocultos ou explícitos entre as artes e a Arquitectura? Quais seriam, nesse caso?

- Xulio Álvarez: SintoMuseo da Terra de Melide moito de teimudo conforto coa música vella galaico-irlandesa, coa revolución mental de Bach, coa irreverencia espacial de Le Corbusier, co sublime xogo vital de Joyce e coa permanente primavera emocionada de Manuel Rivas; pero gosto sen distinción de calquera produción artística na que albisque calidade criativa.

Interésame moito o mundo cultural galego e os seus autores. É un tesouro que cómpre aloumiñar sen acougo. A paisaxe criativa galega é incribelmente interesante e vizosa. Trátase dun tobo ecolóxico sorprendente. Xorde na esquecida horta de atrás dunha sociedade de palmeiras frías e barcos plantados, e medra sen se brizar en base á súa propria seiva, combatida até a vergoña polos que lle negan sistematicamente a auga e o Sol.

A Arquitectura é unha das linguaxes artísticas máis esquecidas. A súa relación coas demais é moi problemática. Non estou dacordo cos que pensan que a Arquitectura abrangue, dalgún xeito, todas as outras artes. Non o fai. Conviven dun xeito natural e interactivo dende unha absoluta independencia, e cando se achegan explicitamente a nivel conceptual ou sensitivo, cáseque sempre perde, por descoñecemento, a Arquitectura.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Xulio Álvarez: Pra que a Arquitectura poida aparecer, cómpre que exista un cliente receptivo, unha empresa entendida e unha postura proxectual coidada e valente e, na maoría dos casos, ista conxunción é imposíbel. A xente, en xeral, non entende nin asume as formas intelectuais da Arquitectura, e ista xurde á contra e cando lle cadra. Agora mesmo estou, coma sempre, a argallar a posibilidade dalgún outro milagre.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Xulio Álvarez: É un produto cultural sorprendentemente atractivo. Dignísima achega ao universo do pensamento. Paisaxe amábel e interactiva. Casa aberta e motivadora nun entorno desesperantemente ermo, e á que lle desexo mil sementes produtivas.

NOTA: desde Palavra Comum agradecemos a entrevista a este grande arquitecto, autor, entre outras obras, do desenho actual do Museo da Terra de Melide, magnífico espaço que, evidentemente, recomendamos encarecidamente visitar.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *