<em>Noites malva no Whisky club (Poemas da melancolía) III</em>

Noites malva no Whisky club (Poemas da melancolía) III

0 comentários 🕔13:00, 18.Mar 2015

XIII

A túa presenza era unha sombra sinuosa no club.
Reflectía luz.
E o peso do cristal da miña copa menos fráxil ca ti.
Ameite por iso. Por ese ser do teu ser, de non ser
senón sopro e caricia.
Enredadeira pálida, que na penumbra malva
danzaba swing. Cinguida a min.

XIV

Sempre bebo os pousos da túa ausencia
no último licor que contén o meu vaso.
Hai tempo, moito tempo, non apareces polo club.
Mais o sinal dos teus beizos
aínda fica gravado
no borde da miña copa.
Acompañándome.

XV

Abandonouna sen máis, despois de ela entregarlle
sete anos de amor coas súas noites sen alba.
Ficaba rota…
Para estañar a súa dor, aplicouse unha norma.
Aprendéranlla nun obradoiro literario, ao que asistía puntual
todos os venres ao atardecer.
“Mellor mostrar que explicar”.
Aplicándose a norma, xamais lle pediu contas.
Nin reprochou o seu desdén con palabras.
Por economizar, non verteu nin unha soa bágoa.
Nin sequera deu mostras de odio
nas labaradas de cólera, que por dentro a incendiaban
e iluminaban a malva escuridade, a íntima penumbra do club.
Limitábase só a remexer cunha infinita calma
os cubiños de xeo do seu vaso de licor.
Co lapis de escribir
os poemas amargos.

XVI

Algunhas noites as lámpadas fallaban no whisky club.
Agonizaban lentas, cun estertor tremelucente.
E, nos momentos sen luz, soaban risas quedas, saloucos e murmurios…
Bicos de papoula polo aire. E había un tránsito de mans apresuradas,
Un tintinar de copas, fugas simultáneas de siluetas
que ían e viñan de acó para aló.
Logo un potente asubío. E unha lanterna fendía as sombras
movéndose na escuridade, ronsel de lúa.
Rastro máxico.
Presenza e luz
de vagalume.

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *