<em>Tertúlia revisitada</em> (VII)

Tertúlia revisitada (VII)

0 comentários 🕔14:00, 18.Mar 2015

Revisión de Tertúlia, de Xoán Castro,

editada por Xavier Alcalá

a partir dos documentos orixinais do autor

O ABRIGO DO SOL – Capítulo 5º

A agente Müller

¡Remen! ¡¡Remen!! –os gritos saíron do corazón da Úrsula, quen comprendeu polo oído o que sucedera, o peor que lles podia suceder. Os índios non perdoaban, eran mestres da argúcia; sabian esperar, agardaban dias ata que a presa estaba a tiro. Canto máis esperaban, máis gozaban disparando as frechas.

Diante dela o corpo do engeñeiro Brito ia-se escorando, vencendo. O luar deu para que os ollos da muller distinguisen a variña e as plumas da frecha no costado do infeliz. Sorte a dela e dos outros, porque algún projectil máis dera na canoa ou pasara-lles por cima.

Concentrou todas as suas forzas no remo, en cravar a pá nos rizos de auga que levantaba o vento. Viu que Ribeiro, á proa, dobraba o corpo sobre as pernas para diminuír o tamaño do albo: el tamén comprendera o que pasaba. Polo Corcovinha non se preguntou: sentia o impulso do seu remo á popa; era home do mato e ben saberia como lle dificultar o labor a un arqueiro.

Continuaban a sentir-se frechas, mais Úrsula calculou que estaban a salvo. Só unha casualidade faria que acertasen os índios enfurecidos polo sacrilégio dos intrusos; e non eran de tribo canoeira, nunca pola auga vasta e perigosa perseguirian os sacrílegos.

O corpo vencido do engeñeiro desequilibraba a canoa. Úrsula deixou de remar, pousou o remo, agarrou a mochila do Brito, tirou por ela. O torso do home seguiu a mochila, a cabeza caeu entre as pernas dobradas de Úrsula. Entón oíu a pregunta do Corcovinha:

¿Ainda vive?

Ainda alenta –respondeu ela; e no médio da noite viu-se de dia escoitando o pai falar de velenos. Os índios, dicia o doutor Müller, non tiñan coñecemento científico, como tampouco tiveran os romanos, mais si coñecemento empírico. Durante miles de anos, por casualidades, foran descubrindo os efectos dos zumes das plantas que paralizaban o sistema nervioso e facian morrer a caza e os homes inimigos…

Andar a remo de noite era un grande perigo. O rio irritado polo vento da seca non era un limpo espello do luar, non deixaba ver os troncos e os camalotes que arrastraba a corrente. Árbores derrubadas durante a época de chúvias podian virar a canoa; nos enredos de plantas flotantes viajaban animais malvados, coma as cobras, que mataban por matar.

Ribeiro, a remar poderosamente, conduciu a canoa para unha lomba de area longe das barrancas onde se iniciaba a floresta. Fijo-a varar e saltou para asegura-la. O Zé Corcovinha saltou tamén e empurrou. Cando a sentiron ben trabada no areal, achegaron-se á muller e ajudaron-na a transportar o ferido ao lado da lomba onde quebraba o vento. Deixaron-na ao coidado del e volveron á canoa polas armas e a comida. Nun tempo mínimo figeran un oco na area que encheron de paus secos.

Prenderon-nos e á luz da fogueiriña viu-se o rostro sumido do engeñeiro. Agonizaba, a pezoña figera efecto.

Vultos, armas, o piloto sentado, de pernas cruzadas na area, a fumaren tabaco fino… Ela arranjaba a melena, média solta; el rañaba a barba, que se lle apoderaba do rostro claro. Entre os dous, ben vigiada, a mochila do Brito. O garimpeiro mantiña-se de crequenas, fumando cigarro de palla e facendo girar os ollos na cara mulata, dirigindo-os ao moribundo, ao lume e á mochila de inmenso valor.

O capitán Emílio Ribeiro aclarou a gorja e falou nun ton acorde á grave circunstáncia:

Nas incursións en territorio inimigo sempre pode haber baixas, desaparecidos e mortos; pero trata-se de que o maior número de efectivos volva á base… O Leô desapareceu e o engeñeiro Brito anda na fin… Pero nós temos que regresar á vila. Alí faremos as partes do botín, e cadaquén irá para o seu destino. Supoño que a Walkíria me acompañará no hidro á capital. Vostede, Zé Bento, ja me indicará o que quere facer… Agora o importante é repormos forzas, comendo e durmindo esta noite, porque temos por diante jornadas de moito remar. Aínda que o vento ajude para subir o rio, imos contra corrente.

Houbo un siléncio na lomba de area que permitiu escoitar o rumor do rio varrido polo vento firme da noite, os saltos dos peixes na tona da auga e a mestura de berros e cantos dos animais da selva tras do canal. Ribeiro achegou-se a Brito para lle tomar o pulso.

Imos ver como facemos con este coitado –reiniciou conversa–; porque na vila…

Na vila, nada, Emílio –Úrsula buscou entendemento nos ollos claros do piloto–. Pensa mellor o que facemos cun cadáver dentro dunha canoa durante dous ou tres dias.

O mellor era deixarmo-lo aquí –terzou o Corcovinha baixando os ollos.

¿Aquí? –espantou-se o capitán español.

Conviña andarmos ligeiros, capitán, que o Faca Longa nos leva moita vantage.

O Zé ten razón, Emílio –apoiou Úrsula–. Nada impide que ese home chegue á vila antes ca nós e que alá os garimpeiros nos fagan un recibimento ajeitado para ladróns de diamantes… É máis: propoño-vos que non volvamos alá; que sigamos rio abaixo, cara ás aldeas de pescadores.

¡Iso nunca! ¡Non vou deixar o meu hidro abandonado! –estalou o piloto, en canto botaba a man á pistola.

Os ollos azuis da gringa e os acibechados do sertanejo chiscaron e brillaron á luz da lumieira. Por segundos as miradas cruzaron-se. Mais as bocas non se abriron. Non lle discutiron ao dono da aeronave a intención de recupera-la. O hidroavión podia facilitar unha viage para alén mesmo da capitaliña, quizais ata a grande cidade á boca do rio, onde ninguén sabia de ninguén nin lle preguntaba do seu pasado.

Ao raiar do sol, o Zé espertou os compañeiros cun café feito nas brasas atizadas. Beberon-no e foron facer as suas necesidades. Despois subiron ao máis alto da duna no médio do rio e cavaron, cavaron, cavaron cos remos: a conciéncia mandaba-lles evitar que as alimárias descubrisen o corpo de quen fora o engeñeiro e profesor Álvaro Mendes Brito, especialista en jacementos de uránio.

Con boa luz, Úrsula fotografou o cadáver a mostrar claramente a frecha que ninguén tentara arrincar-lle en vida, pola inutilidade de o facer, e que agora servia para explicar a sua morte. Fotografou a cova do enterramento e o que desde ela se via, “várias referéncias” segundo lle exigiu Ribeiro. Sacou a frecha do costado do defunto, e os homes depositaron-no no seu leito derradeiro co projectil fatal. Ollaron-no os tres en siléncio: alá ficaba, cor de cera, con barbiña branca e lentes. O Zá Corcovinha persignou-se e murmurou calquera pregária sibilante, o aire a escapar-lle polos espazos dos dentes que lle faltaban. Pugeron por cima do cadáver canta madeira atoparon polo areal, e de novo usaron as pás de remar…

Remar. Remar rio acima, ainda que o vento batese de costas. Por sorte o piloto e o garimpeiro entendian-se e o avance ia-se producindo. Pero as horas pasaban, a suor era constante e con ela viña a sede, que mal se mataba coa auga quente do rio.

Ben, ben… De maneira que vostede é filla do finado doutor Müller –o pensamento levou a Úrsula a un despacho secreto, fronte a un home de secreto ofício–. A vida está chea de casualidades, señorita. Debo dicir-lle que sempre tiven unha grande admiración polo seu pai, como a teño por todos os científicos que se atreven a romper os moldes. A relación con el viña-me de longe, ¿sabe? A nós interesaban-nos as suas publicacións e el mostraba interese por facer traballo de campo no Brasil. O noso convite foi o que o salvou cando as cousas se pugeron imposibles para os ários que non aceptaban a superioridade da raza do Führer… En fin, ja teremos tempo para conversar. Agora, seja benvida ao noso Servizo, Úrsula. Non só o pai se sacrificou polo noso país senón que a filla está disposta a facer sua a pátria de acollida…”.

O coronel Jorge Amoreiras figuraba como militar retirado, directivo dunha empresa de topografia e geodésia, profesor da universidade. Era un grande observador dos índios, antropólogo por necesidade; sabia o que era andar entre persoas que, como os indígenas, non entendian –nin aceptaban– a existéncia doutras diferentes a elas. Tiña un objectivo vital, recoñecer fisicamente o país que viña sendo case un continente. “Non se pode facer pátria cando aínda hai partes do noso mapa nacional coa marca de TERRA IGNOTA”: aquela frase de Amoreiras deixou a agente Úrsula Müller convencida da importáncia do seu traballo.

Terra ignota, onde os civilizados se negaban a entrar pacificamente. As grandes selvas tiñan algo en común cos mares: facian á gente sentir-se pequeniña, a penas bicho que tenta sobrevivir. Por unha delas andaran o doutor Müller e a família…

Chap, chap, chap, as pás entraban na auga para venceren a corrente. Non se podia parar. Úrsula sabia que tanto o garimpeiro como o piloto, ja avisado, compartian con ela o receo de que o Leô Faca Grande tivese escapado ás frechas dos índios e fose capaz de avanzar máis rapidamente ca eles polo rio, manejando a canoa ligeira. Poderia estar remando para aquela vila de buscadores, a preparar-lles unha celada. Era un erro volver cara alí, por recuperar o avión bonito do capitán español. Arriscaban-se de máis por dar-lle satisfacción e pola posibilidade, innegable, dunha fugida veloz para tan longe como quigeren.

¿Quen era Ribeiro? Segundo o Brito, un antifascista coma el. Ribeiro loitara no bando republicano durante a guerra civil de España e despois coa RAF contra os alemáns. Licenciado de armas, viñera facer as Américas coma tantos ex-combatentes europeos.

Úrsula coñecia-o do cabaré; ja era cliente asíduo cando apareceu o Brito. Ela non recibira aviso do Servizo para vigilar o español; mais si para controlar o portugués pois habia sospeita de que explorase a favor dos rusos dando cara de face-lo só para a Pan-American Isotopes. A PIDE portuguesa daba-o como agente comunista. Mais non tiña madeira para iso: eufórico á volta do recoñecemento aéreo das lagoas, deixou-se sacar información do achado; deixou-se “traballar” tan ben que logo aceptaba que unha cabareteira peculiar o acompañase á descuberta da Cidade dos Césares.

Se el falou nesa noite, ela tamén o fijo: contou-lle a sua vida entre os índios; asegurou-lle que coñecia aquel treito do rio como poucos civilizados. Se el sabia lendas de ouro e diamantes, ela tamén, oídas aos pais, aos mineiros, aos cazadores de caimáns, aos própios índios.

Nunca unha noite sen durmir lle dera á Úrsula para tanto. Nunca jamais teria imaginado que a conducise ao Abrigo do Sol.

As costas molladas de suor do Emílio Ribeiro foron-se escurecendo segundo o sol se afundia na floresta. Ao final, a Úrsula só via a sombra do piloto perfilada contra o poñente.

Entre lusco e fusco atoparon unha lomba de area onde pasar a noite. Estaban exhaustos, os músculos de médio corpo esgotados; os do outro médio, adormecidos. Cando aseguraron a canoa, non lles quedaban forzas nos brazos para sacaren os vultos, nin gobernaban as pernas bambas.

Úrsula tomou o mando. Dijo-lles aos homes que se aliviasen e repousasen, que ela prepararia todo. Como así foi. E cearon baixo a bóveda infinita das estrelas, sentindo a auga correr e o vento agitar as árbores da costa próxima. Non falaron máis que para as necesidades de comer, uns restos de fariña e carne en lata que lles quedaban…

Fumaron os últimos cigarros da jornada, sempre en siléncio, cadaquén cos seus pensamentos baixo as estrelas e o luar que declinaba. Ao pouco os homes roncaban, interrompian-lle os pensamentos á Úrsula. Ela recordaba a sua emoción ao descubrir a oquidade que só podia ser o Abrigo do Sol, polo que viviran apaixonados o doutor Müller e os seus colegas brasileiros, europeos e ianquis. As bágoas viñeran-lle aos ollos lembrando o pai, a mai, os irmáns, as vidas na Alemaña, nas aldeas dos indígenas, nas grandes cidades do Brasil. Non tiña saudades da Alemaña, ámbito nebuloso da memória infantil, polo que os pais sufriran moito. Eles falaban de mortos, de gente querida morta na guerra, nunha guerra que non daba rematado… Úrsula e os irmáns tiñan saudades da selva cando estaban na cidade; e dos cines, os parques e os internados cando estaban entre os amigos índios, no rio, nos claros das aldeas, na escuridade perenne do mato.

O doutor Klaus Müller, ¡que grande home fora! Agora a sua filla devecia por lle contar como dera co Abrigo do Sol tan buscado: de casualidade, unha casualidade louca, nunha expedición estúpida, na que se metera para informar de dous sujeitos que merecian ficha do servizo secreto ao que ela pertencia.

Mais non poderia informar o pai porque o pai non existia. El transmitira aos fillos que a vida é o que se vive; e a alma, unha función do cerebro. Non hai alma nin vida despois da morte.

Úrsula sempre se revelou contra a imposibilidade de comunicar algo de grande valor aos que morreran. A mai cria en Deus, e nos anjos. Os amigos índios, nos espíritos. Ela non podia crer en nada que non fose demostrable.

Nesa noite non tiña sono mália a canseira. Prendeu un cigarro máis e imaginou a carniceria a suceder nese momento na breña, a inmensidade de seres que deixaban de vivir porque outros os mataban para come-los: a cadea trófica…

O Zé e o Emílio roncaban, paraban de roncar, volvian face-lo, e unha vez máis pensou no fácil que é para un inimigo guiar-se ata os que dormen roncando. Aínda ben que no Servizo se ensinaban técnicas para evitar ese perigo…

¿Que ia facer coas fotos do Abrigo do Sol? Teria que preguntar-lle ao coronel Amoreiras. Trataba-se dunha descuberta importantísima, que o Servizo habia de facilitar a quen conviñese máis ao Goberno. Imaginou unha expedición brasileira adiantando-se a calquera doutra nacionalidade. Ou quizais unha partida internacional para lle dar máis empaque.

¿E que ia facer co botín?

Iso era un sério problema, o máis difícil ao que se enfrontaba Úrsula. O Brito figera unha observación acertada: no Abrigo debeu haber unha liña de ouro e diamantes encaixada na rocha, a lucir cando lle dese o sol do médio dia. Alguén a desprendera e os índios que ultimamente tiñan por sagrado o lugar non souberan recolocar a peza de ouriveria. Adoraban os anacos deitados sobre plumas.

Era un problema. Úrsula arrimou-se á fogueiriña e avivou-na cos paus que a sua man alcanzou pola area. Recostou-se, a cabeza na mochila, os ollos a procurar as estrelas que escintilaban máis intensamente. Quedaba-lle claro que tivera un fallo de actuación: emocionara-se tanto coa marabilla do Abrigo do Sol que correra a proclamar a descuberta. Non explorara pola sua conta. Permitira que un garimpeiro ávido coma o Leô Faca Longa dese co expólio…

Non lle viña o maldito sono, aínda que, polo menos, os músculos se lle estivesen a recuperar. Non durmia pois sabia que non ia poder resolver sen violéncia o enguedello en que se metera. Por iso non durmia. Alén da violéncia que albiscaba na fugida do Faca Longa, das trapelas que lles puidese preparar, ¿como acadaria ela o tesouro que aqueles roncadores ian defender con todas as suas forzas?

Coma luz sideral que se amplificase no seu cerebro, unha idea fijo-lle erguer o lombo da area, apoiando-se sobre os cóbados. Pouco lle custaria coller a mochila que custodiaba o capitán derreado, mete-la na canoa e lanzar-se á aventura da noite a favor da corrente. Nalgunhas aldeas de pescadores habia enlace do Servizo, e mesmo rádio para comunicar coa central.

Mais non se atreveu. Non se atrevia, ao imaginar dous homes abandonados nun areal baixo o sol inclemente. Na académia do Servizo ensinaran-lle que, por veces, cómpre non reparar nos médios e nos sacrifícios; mais, con todo, a parte do cerebro que actuaba como alma dicia-lle que ja fora dabondo a morte do engeñeiro Brito (quizais dobre agente, sempre daniño para o país, mais, de calquera forma, un pobre home).

Ando ledo, moi contento; e preocúpame porque a felicidade é “uma gota de orvalho numa pétala de flor”. Sei que “estar feliz” non é “ser feliz”, benditos verbos dos romances ibéricos. O meu estado actual pode virar noutra cous; mentres dura a ledicia algo sempre se está a fraguar en contra dela.

¿Que se andará fraguando contra a miña estupidez vital neste momento?

Onte abusei da empresa e imprimín un bo pedazo da novela, para repasala na casa. Esta tarde cachei a Ana lendo as resmas de papel pixama con notiñas a man. Seica lle gusta a historia do Abrigo do Sol; pero recordoume o dito brasileiro: “Se melhorar, estraga”. Di que teño que andar con coidado, que repaso de máis, en exceso, que púo e repúo á fartura.

Mais valorou como decente o meu empeño infeliz de formigar coas teclas e o bolígrafo e concluíu que “todos temos dereito ao noso cuarto de hora”, referíndose a que ese texto se poida converter en algo que demostre o talento de quen o escribiu. Caleille que me conformaría con moito menos dun cuarto de hora: cun cuarto de minuto, o que tardase o secretario do xurado en pronunciar o nome da novela gañadora…

Completei a segunda parte de xornada de traballo, distraído dos meus deberes, ardéndome o cu no asento en canto na mente se me cruzaban flashes da novela inconclusa; vinme progresando polas veas líquidas, marróns, da floresta verde. No fondo da miña alegría idiota destes momentos está que me vexo progresar, dúas ou tres páxinas ao día, con tempo dabondo como para rematar a historia e entregala a tempo para o concurso.

Hoxe tiñamos acontecemento literario na cidade: presentación (resesa)dos ‘Soños’ do Mourín, onde sempre, no ateneo, onde todo acontece; e para alí saín alegremente. Ía como nos tempos do bacharelato, das reválidas, seguro da miña preparación. Sabía que me ía topar cos outros competidores, aos que podo superar. Andando rúa, vendo corpos desexables en roupa lixeira de tarde longa, embebedei co aire e nun delirium tremens vinme recibindo o premio, mesmo recibindo unha das escasas críticas do pontífice máximo. “Na prosa de Xoán Castro –escribiría o Barros– nótase a seguridade, o trazo rápido, económico, de quen recrea ambientes coñecidos. Con todo, sorprende a súa imaxinación pois, aínda que o sabemos viaxado, o mozo Castro dificilmente puido experimentar as aventuras de ‘O Abrigo do Sol’ perdido na selva amazónica”…

No local do ateneo presentíase grande acontecemento cultural con cámaras, magnetófonos, cadernos e bolígrafos, e unha chea de exemplares de ‘Memorias dos soños idos’ nas mans dos devotos de Alberto Mourín. A xente esperaba diante do salón de actos, mirando ás veces para dentro del con medo de quedar sen sitio. Os directivos da culta institución ollaban os reloxos. Un deles aproveitaba a presenza de xornalistas para facer declaracións sobre o programa de actividades e o “compromiso social desta vetusta institución”.

En silencio, sen saudar, furei a masa de público pasando lista. Buscaba os membros da tertulia do Barlovento. Tardei un pouco en dar con eles. Vin a muller do Lantaño (o Pepe ultimamente non aparece por non se topar cos desviados ao PSOE); divisei algún membro da nosa asociación cultural fiordesa e masoquista, a señora de sempre coa perruca e, desta volta, con varios libros do Mourín baixo o brazo… Por fin localicei o Cameselle, imitando a Unamuno no vestir (non na figura, claro: afeitadiño e sen lentes); despois a Xulia dando parola a unha especie de armario con pernas que podía ser anatomicamente muller (ao enxergala lembrei o de ‘A destrución política da lesbiana’); despois o Abeliño Souto, pequerrecho, barbudo, a pontificar para un grupo de mocetes imberbes… Do Horacio, nin rastro.

Horacio Pereira estaría apertando con forza no traballo dun dos seus cartafoles novelísticos, soñando co premio.

Quizais o mesmísimo Ferrín podería estar batendo teclas de máquina. “250.000” era unha cifra linda ata para un poeta da pólvora e magnolias.

E o Alberto Mourín retrasábase, tal vez para cumprir co rito teatral dos desexados: a demora, a expectación, a especulación dos que esperan…

Por fin oíronse rumores indicativos de que viña chegando. A xente movimentouse para o salón de actos ollando cara atrás á cata dunha mínima visión do Alberto entre o rabaño. Eu andei firme, busquei un bo sitio preto do corredor e reserveille outro ao Luís pondo a chaqueta sobre o asento contiguo ao meu.

Cheo absoluto, xente de pé. O Mourín, alto e ben portado, a barba recortadiña, polo neck e traxe de pana malia o bo tempo, pipa no peto alto da chaqueta, dirixiu á parroquia un estreito e belo ollar gris, como de miope que se negase a levar lentes, e sentou entre dous tipos baixiños do ateneo, acólitos do sacerdote prominente. Estalaron flashes, acendeuse a luz potentísima da cámara de televisión, o Alberto apertou máis os ollos. O presentador rompía xa cunha longa ladaíña biográfica: profesión centrada na literatura, vocación literaria temperá, formación francesa, obra, premios, crítica e traducións. Eu, corroído de envexa, seguía tan concentradamente a descrición adulatoria que non me decatei de como alguén se movía ao meu lado, como se ía acomodando. Ata que me bisbou na orella:

–O que non conta o nacho ese son as macacas que o Mourinciño fixo no seminario.

Era o Luís…

O anfitrión concluíu citando o Barros: “En todas as xeración literarias xorde unha figura que as vai representar. É algo natural, propio da condición humana. En cada grupo de persoas destaca un guieiro que leva o facho, que ilumina os demais, que lles abre camiño no percorrido vital conxunto. No caso da narrativa nacida nos anos 60 neste país, a contrafío, a contra réxime, o portador do facho é Alberto Mourín”.

O noso guieiro indiscutible rompeu logo a falar con seguranza absoluta de quen se sabe el mesmo, circunstancias e consecuencias baixo control. Alguén que acabase de tomar terra alí, sen saber máis, podería coidar que estaba nunha velada literaria nun ateneo de verdade. Ata a vestimenta social-demócrata do Alberto facía pensar na Europa.

Sufrín oíndoo, babándome por aquela seguridade. O Mourín estendíase, espraiábase en cada “punto biográfico” tocado polo presentador. Concluíu que na nosa narrativa hai unha “profunda crise de imaxinación”. Exemplos maxistrais coma os dos autores de ‘Merlín e familia’ ou ‘La saga-fuga de JB’ parecían ter servido de pouco. Aínda ben que os dous grandes mestres estaban en idade de seguir a ensinarnos.

No punto final fixouse na tradución. O noso idioma necesitaba de obra importada, recreada por mentes de escritor. El estaba a traducir ‘Alice in Wonderland’.

–Moita cara ten –comentou o Luís a media voz–. Son capaz de facerlle unha pregunta en inglés, a ver se me entende.

Oín o comentario pero non o remoín. O Alberto non fala inglés pero tanto me ten. O importante era o que dixo de traducir e recrear. Plaxiar non ten por que ser copiar. Pode ser recrear…

Sobre o meu pensamento, o directivo loador do ateneo agradecía a lección do orador, salientaba a valentía da súa obra rompedora en tempos de férrea censura, e convidaba ao coloquio. Axiña se erguían os brazos, e deulle a palabra á máis rápida de todos os presentes, a Xulia da nosa tertulia, voz berrona de profesional do slogan:

–Coido que hai que esixirlle ao Mourín moitas explicacións, como o seu vencello con grupos de poder controlados pola CIA, e como o seu empeño en prostituír o idioma instituíndo o castrapo como forma literaria, deturpando así…

Xa non atendín a máis. O Luís ao meu carón rebentaba de risa e eu sentinme solidario co Mourín por reacción á torpeza da Xulia, capaz de crer que a CIA se preocupase pola nosa pequenez nunca recollida en mapas serios, e incapaz de entender que o Alberto fai arte reflectindo falas e pensamentos dos personaxes no patois fiordés en que discorren.

Na súa contestación, o atacado esqueceu a mantenta o referente á CIA e centrouse no castrapo: só o introducía no espazo mental dos personaxes, nunca no reservado á lingua do narrador. Gustei da resposta, que derivou a que os narradores somos á vez intérpretes dos nosos personaxes.

Mentres o Alberto respondía á Xulia, armárase barullo entre a xente. A discusión sobre o castrapo pasou ao público. Había enfrontamentos, diálogos alleos á presenza do autor convidado. O Valcarce greñudo e o Cameselle atilado abandeiraban as posturas máis distantes, lusófila e enxebrista. O Mourín, de brazos cruzados, gozaba contemplando a pelexa desde a elevación da tarima.

O anfitrión viuse obrigado a levantar e voz para pedir “atención cara a outros aspectos da rica personalidade do noso hóspede”. A tropa calou aos poucos, con algunha frase solta, repetida, acesa… Viñeron logo varias preguntas civilizadiñas a cerca do realismo, realista e máxico. O Luís preguntou se o Mourín reflexionara sobre o feito de que a súa obra recoñecida como clásica, ‘Memoria dos soños idos’, en boa parte fose dun punxente realismo cando el propugnaba a exaltación literaria do máxico.

O Alberto, botando a man ao cabelo, repasándoo, coa vista xa absolutamente perdida, confesou que el é escritor, que ten vagas ideas do que vai escribir cando “presente” unha obra, e que unha forza superior á súa vontade o vai arrastrando a encher follas. Mesmo pensaba que os personaxes e as circunstancias preexistían na tinta. Por iso, ás veces tiña receado de mudar de bolígrafo cando andaba cunha historia. O escritor, cando se decide por un tema, debe vivir na expectativa do que poida nacer do seu instinto.

Estiven a piques de erguerme para aplaudirlle.

A señora da perruca confesouse “amante (literaria, enténdaseme ben)” do noso grande escritor na flor da vida, “exemplo de intelectual comprometido”, e preguntoulle se, logo de tantos anos de represión, aínda en 1978 non estariamos a ver pantasmas de censura.

O Mourín foi poético: “Unha longa noite de pedra deixa espíritos marcados, mentes na escuridade”. A súa experiencia cos exiliados españois en Francia é que esas persoas non dan crida a liberdade da democracia en España. O noso deber é consolidar a libre expresión, demostrando a cotío que contra a palabra non hai armas. Velaí os versos do cantoautor portuense Manel Freire: “Não há machado que corte a raíz do pensamento / porque é livre como o vento, / porque é livre, / porque é livre”.

Aplausos. A emperrucada rompía as mans…

Entón, ¡horror!, o Abel Souto ergueuse para tomar a palabra. Proclamou que compartía as sospeitas da compañeira que falara en primeiro lugar sobre a pertenza do Mourín ao enguedello da CIA. En Galicia si hai censura, a que impoñen os ianquis contra o marxismo; e abusos, e roubos, dentro do sistema literario que administran os axentes occidentais da guerra fría. Ía dar explicación:

–No pasado concurso da Vieira de Prata, e son datos claros, compañeiros, pedín que me devolvesen o meu orixinal non premiado… Pois ben, aquí vos teño a carta –amosábaa–. É unha carta dos organizadores dicindo que lles falta a fotocopia do orixinal enviada ao membro do xurado señor Mourín. O señor Mourín seica ten por costume non devolver as copias dos orixinais que lle entregan para xulgar. E ¿por que? Pois porque para facer novela hai que ter historia como base, e nada mellor que coleccionar historietas que nunca se van publicar. Así ninguén poderá acusar de plaxio a quen se aproveite delas. É máis, compañeiros: évos ben doado detectar unha historia con zume a espremer e torpedearlle o dereito á publicación. Nas deliberacións do xurado insístese en que non ten valor literario e, daquela…, para o peto.

Silencio tenso, que rompeu o literato profesional dirixíndose serenamente ao afeccionado:

–Se non che importa, á saída dásme o teu enderezo. Debo ter eses orixinais do premio da Vieira pola casa da aldea.

Entón o Cameselle acusou o Mourín de acaparador de éxitos.

–Todos esperamos que xa non presentes ningunha obra a ningún concurso: algunha faragulla deberá quedar para os demais –concluíu.

O Alberto calou, dignísimo.

Eu agora xa me sentía totalmente ao lado do “exemplo de intelectual comprometido”; porque ninguén é absolutamente ruín, como o marxismo do Abel Souto non é absolutamente bo.

Tal vez para evitar máis impertinencias, os do ateneo cortaron o coloquio: era tarde, o noso grande autor tiña que volver á casa.

Erguémonos. O Luís foi contundente:

–Non sei como aturas estes nachos na tertulia. O Cameselle á cada día máis parvo. Non se dá conta de que o Mourín xa non xoga na liga rexional. ¿Que carallo de presentarse a un premio galego? O seu é publicar en francés…

A xente apelotonouse fronte á mesa para pedir autógrafos. Eu non tiña libro pero achegueime ao Alberto, moito; precisaba estar preto del, xuntar ao seu desprezo o meu desdén polos escritoriños sen visión.

–¡Home, Castro! –descubriume no pelotón, ergueuse, coa man fixo un xesto de paciencia para os que lle tendían os libros, arrimou a cara á miña desde o outro lado da mesa– ¿Como che vai, ho? Precisamente onte estiven a falar do plan editorial co Xermán Barros e mirouse o de ‘O mirto e os loureiros’. Váiseche publicar. O Barros vai en Montevideo, nunhas xornadas históricas sobre o Consello de Galicia. Á súa volta ímosche escribir –e baixou a voz–: Se queres a miña opinión, tes que expurgar o principio da novela. É lento de máis. De todos xeitos, é unha obra con base. Ti tes cousas que contar.

Desconcertoume. ¿Non lle dixera ao Pepe Lantaño que ‘O mirto’ era puro documentalismo, un chumbo do carallo? Demorei en responderlle, incomodísimo, sentindo o hálito dos seus devotos na caluga.

–Pois moi agradecido polo que me dis, Alberto. Outro amigo criticoume o mesmo. Voume pór logo a peneirar o principio dese texto… –despedinme, sabendo que non o vou facer porque a miña cabeza non está no noso impaís, nas realidades de ‘O mirto e os loureiros’, senón moi lonxe, moito: no cárcere verde que o Amazonas atravesa e alimenta.

Terceira parte de Tertúlia revisitada,

Na que se volve falar do hipotético plágio d’O Abrigo do Sol, e de pelejas literárias, decéncias e indecéncias, en 1984.

Para: ferminx47@yahoo.com Enviado: domingo 21/7/2013 2:41

CC:

Asunto: Revelacións sobre o prémio

En primeiro lugar, ¡Arriba España!, que é como cómpre saudar-se hoje na España vomitiva que goberna o FAEScismo opusino.

En segundo, guión desta nota:

  1. Grandísima putada que, definitivamente, non veñades,
  2. Comentários teus e do Luís sobre ‘O abrigo do sol’,
  3. Aclaracións sobre o pasado e o presente respecto a ‘Tertúlia’.

Home, si que é unha desgraza que sejades uns ianquis da merda sen dereito a vacacións coma os europeos, pero comprendo a Peggy: ten que ajudar a filla co pequeniño, e punto.

Vós figestes moi ben en volverdes para os Estados Unidos, porque isto é un morredoiro. Aí queda esperanza de vida: a gente nova ten fillos e vós tedes netos a idades normais. Se a Peggy ten que ir botar-lle unha man á Carmela, pois terá que ir; e ti irás con ela ensinar-lle algo aos teus netos grandiños.

Nós, ja sabes dos matrimónios onánicos dos nosos rapaces; e, se miras arredor, ainda ves gente á que lle volven os fillos á casa, por divorcios ou porque non atopan traballo e non teñen vergoña e corage para iren traballar en calquera cousa. Hai dias figemos contas e, entre catro amigas da Ana, con once fillos en total, só unha ten un neto…

Non é carallada o que che dijo o Luís sobre A banda das chinesas. Vou escribir esa novela con toda a mala baba, con todo o veleno, que poida juntar. E non te rias, que non estou longe da realidade. Mira que o Torito do PSOE já tivo unha conselleira que tiña duas “fillas” importadas do Reino Medio.

A narración vai ao estilo de ‘O Radiolar’:

Estamos en Fiórdia. Pasados os anos, Centrália concede-lle a autonomia mais o país sofre novas ameazas. Unha delas é o andazo de onanismo que deixa vellas as fiordesas para cando queren empreñar. Daquela, optan pola importación de nenos exóticos…

E, volvendo ao noso, é unha putada que non veñades; pero ja vos iremos visitar. O verán está bo e eu, co neopreno, ando a nadar canto quero. Non imos a Creta, que as praias galegas son unha sucesión de marabillas. Reservamos parte de vacacións de verán para irmos a Boston cando mellor vos acaia.

Putada maior cá anterior é non podermo-nos juntar ti e eu co Luís para irmos ver o escándalo que lle van montar no 25 de Jullo en Compostela ao Mari Ano, ao Frijolito e demais tropas; porque a gente anda-che moi encabronada, moito. Aquí afunde todo: non quedan caixas de aforro, os do naval andan a raña-la, o de Pescanova é un empório dinamitado… ¿Que dirian o “Pais Cornide” e outros vellos contemplando a onde lles levaron as ilusións os fillos? Pero verás como ningún deses fillos vai dar cos ósos na cadea…

Ben, falemos de O abrigo do sol. Resumindo, o Luís e ti pensades que volvo caer na vella tentación de Tertúlia: introducir enteiro o texto da novela “novelada”, intercalado entre os anacos da principal.

Certo. Recoñezo-vos que non son capaz de afastar de min a necesidade de contar a história de novo, doutro jeito, con personages que ja non son os que foran na primeira versión, con novas aventuras provocadas por novas circunstáncias.

¿Por que me meto neste enguedello?

Por culpa do medo á morte.

Si. Escoita:

Pola noite necesito pousar a orella na almofada coa imaginación acesa, trasladando-me moi longe, a fantasias longíncuas. Desde hai tempo algo non funciona ben no meu cerebro. Se polo dia caio durmido en calquera ocasión, a plena luz (nun asento de avión ou nun sofá da casa), na escuridade nocturna da cama gaño medo de perder a consciéncia e nunca máis a recuperar. Dá-me pena de min mesmo, de me despedir de min própio. Por iso preciso jogar a que o sono me apañe no medio de soños de aventuras.

Mellor seria tomar algo para durmir, pero sei por experiéncia que todas esas parcalladas son adictivas. Para evita-las reescribo O abrigo do sol, plagiando-me. É un divertimento terapéutico. Outra cousa é que me digades que a nova versión é unha merda, que non paga a pena seguir con ela.

Finalmente, dis que o establishment se pode encabronar comigo. Se hai trinta anos non me importou, menos agora, cando son un vello.

Paso-che a seguir o texto que me pedias. É da Falecida Nosa Terra (aquí todo falece, fenece e perece) e ten data de 12 de novembro do 84.

O retallo que gardei está feito un desastre, entre amarelo e marrón. Por tanto non che mando copia dixitalizada senón texto. Explorei-no, pasei-lle o lector de caracteres e retoquei-no.

Velaí:

DISCUTIDO PREMIO PARA ALBERTO MOURÍN

Unanimidade do xurado sobre as deficiencias lingüísticas da obra gañadora

Malia os problemas que arrastra de orixe, consolídase o Premio Concellos de Galicia de Novela Longa. As achegas dos concellos (25.000 pesetas por participante) vanse recibindo con atrasos, fican contas por pagar, mais séguese adiante. E aumenta notablemente o número de orixinais recibidos.

A edición de 1984 vai pasar á Historia non só polo aumento do número de concellos participantes e de autores que optan ao galardón senón pola polémica que levantou a súa apertada concesión a unha obra de Alberto Mourín. Esta obra enfrontouse (pois enfrontamento houbo) á outra finalista, cuxo autor é probablemente Xoán Castro (do cal non hai confirmación, nin oficial nin particular).

Un acordeón ao vento, de Mourín, dividiu o xurado, que se vería obrigado a votar por falta de consenso, resultando gañadora dita obra por un so voto; e perdedora a que se presentaba baixo o lema de Tertúlia.

A decisión do xurado

Houbo polémica entre os membros do jurado, como se reflicte na acta do premio. Malia o apoio que Mourín tería dos representantes da Academia á hora da redacción da acta, estes deberon transixir co seguinte parágrafo:

O xurado mantén reservas canto ao nivel lingüístico da obra gañadora. O seu texto presenta tenteos e incorreccións xa afortunadamente desaparecidas da lingua culta galega, defectos que hoxe cómpre obviar a todo custo polo ben do noso corpus literario”.

O presidente do xurado explicou aos xornalistas que a decisión debía ser a favor dunha soa obra, sen posibilidade de ex-aequo. Tamén insistiu en que o xurado non entrara a valorar a normativa ortográfica usada polos autores das distinta sobras presentadas, “aínda que algúns optasen de maneira táctica pola norma académica. No caso da finalista non premiada, o texto aparece escrito con varias normas, da demótica á propia portuguesa”.

Segundo as nosas noticias, as deliberacións do xurado no intre final de elixir obra gañadora non foron sobre materia literaria ou lingüística, senón, en todo caso, política. A obra que se supón de Xoán Castro resultou ser moi crítica coa arañeira de contactos e favores entre políticos e “xestores da cultura” no país.

Unha decisión política

Un deses “xestores”, o académico e ex-conselleiro Mariano Cadórniga, desvencellándose do xurado do que formara parte, declarou que a tal Tertúlia “é unha provocación pois presenta a nosa cultura de forma esperpéntica”. Cadórniga citou publicamente a Xoán Castro, incumprindo así o regulamento do concurso, pois este obriga a devolver aos autores os exemplares non premiados, sen seren abertas as plicas.

Segundo comentarios recollidos por esta revista, de persoas en contacto con diversos membros do xurado, Tertúlia caricaturiza sen piedade o sistema político-cultural. Por unha banda pon á vista relacións ocultas e por outra desafíao cun asunto que vén de lonxe en todos os ámbitos culturais: o plaxio.

Puidemos coñecer que polo texto circulan moitos personaxes dos mundo da cultura e da política, algúns cos seus nomes reais e outros con nomes figurados mais doadamente identificables. O filtro irónico que usa o autor para retratalos foi o que levantou bochas.

Tampouco gustou no ámbito da cultura oficial que o texto aparecese escrito con diferentes normativas lingüísticas, mesmo recoñecendo que o autor as usa de forma coherente en distintos momentos da narración.

Un futuro best-seller

Visto o que aconteceu, fícalle despexado o camiño á finalista para dar un claro best-seller. Moito máis respectuosos có señor Cadórniga, os membros do xurado partidarios de Tertúlia, sen nunca mencionaren o posible autor, xa sinalaron a conveniencia de publicar a obra, e máis as súas virtudes. Un deles expuxo que “Tertúlia fai retrato dunha realidade inmediata, ruín, da que o autor foxe cara a outra, afastada, épica, penetrando en espazos nunca antes trillados polos autores galegos”.

O ruxerruxe sobre o acontecido vai in crescendo, ao tempo que aumenta a demanda de fotocopias do Acordeón de Alberto Mourín e da Tertúlia de –posiblemente– Xoán Castro. Mais todo apunta que os autores non vaian facilitar adiantos, nun caso á espera da necesaria revisión lingüística e no outro quizais por preparación dunha estratexia de defensa da obra “ofendida”.

A Alberto Mourín sorprendeuno a noticia do premio en París cando ditaba un curso sobre a galeguidade da obra de Cela. Desde alí atendeunos amablemente, sen querer entrar na polémica extra-literaria. Deu mostras de estrañeza sobre a consideración lingüística feita polo xurado acerca do seu texto e explicou que “con Un acordeón ao vento fixen unha aposta definitiva polo elemento máis distintivo da narrativa galega de sempre: o realismo máxico. Quixen facer homenaxe especial a dous grandes mestres, Cunqueiro e Torrente”.

En fin, o tempo dirá como resultan as apostas dos autores. Oxalá que a polémica xere non un senón dous best-sellers. Desde aquí a nosa felicitación aos organizadores dun premio, o dos Concellos, que medra sobre alicerces firmes, capaces de superar os tremores da polémica.

De novo, fin de cita, camarada. Pero non fin de castigo. E sigo explicando-che máis do que nunca demos falado de todo, quizais pola vergoña que me produce:

Como che dicia, repara na data desa crónica. Ti ja non estabas aquí, carallo (ja se acabara a tua paciencia, ja se esgotara a da Peggy, ja me abandonaras, maldito ianqui).

¿Como teria feito eu a seguir dese pau se contase contigo para decidir novos pasos? Non o sei, pero evitei dar-che a malleira por carta ou por teléfono.

Contei co Luís. Aos dous ferveu-nos o sangue pensando na jogada académica a favor do pupilo dos Doutores da Lei. Imaginamo-lo en París, en plenitude de beleza masculina, cabelo ondulado, barba sedosa, polo, tweed, pipa, cheiro a tabaco e colónia. Recibiria o aplauso das alumnas adoradoras de Cela, faria declaracións para Le Monde

A Ana dijo-me que publicase a novela ja, ainda que fose pola miña conta, nunha imprenta calquera. Pero o Luís recomendou-me calma, siléncio, esperar a ocasión. El ia-se mover dentro do mundo do teatro á procura de algún editor encabronado cos repartidores de jogo.

Despois veu o que veu, máis castigo, máis burla…

Pero iso deixo-cho para outro momento, que a madrugada avanza.

Deixo-te camiño da cama, e dos soños sen sono que, pouco a pouco, conducen a durmir. Vou soñar esperto que ti nunca te volveras a América e que me incitaras a facer-lle un atentado con bombas fétidas ao parviño do Cadórniga; que mesmo llo figeramos; e que foramos pintar con spray a fachada da académia tabernaria:

Vaca sagrada, publica, publica;

a min nin sequera me abres a plica…”

Apertísimas, e memórias do Avelino (que agora se nos vai meter á Medicina Legal, ja que non pode seguir capando con bisturí e lentes de cirurgián. Tamén che contarei destes avances).

Para: ferminx47@yahoo.com Enviado: terza 23/7/2013 23:21

CC:

Asunto: Máis sobre os prémios

Caralluda a diferenza horária entre as dúas bandas do Atlántico: mentres eu durmia, madrugada de domingo adiante, ti ceabas e pasabas a ler o correo e responderme.

Home, tes toda a razón. Tropecei dúas veces na mesma pedra. Visto na distancia e no tempo, iso que dis encaixa: o segundo pau que levei non foi tanto polo do plágio posible como pola mofa aos sacerdotes da cultura. Para disimularen, ceibaron os cans do plágio a ladrar, pero o que tentaban era asustar os editores.

Ao Luís sempre lle pesou o ter-me convencido de que arriscase enviando o texto ao concurso de Edicións Totais despois de manda-lo ao dos concellos. Ora, temos que pór as cousas no seu sítio. Deron-se coincidéncias.

El atopara o Cotelo en Barcelona, nunhas jornadas de teatro galego alá, e pasara-lle un original da Tertúlia. O Cotelo non tardou en chamar-me dicindo que dera a ler a novela (ao Basílio, claro), que tivera moi bo informe e que a publicaba.

Pero tamén me chamou o home dos whiskies madrugadores, interesadísimo, co engado palabreiro que correspondia ao caso: “Non che podo asegurar que che damos o prémio porque eu non son o Lara, e o premio Totais non vai ser de pantalla coma o Planeta, pero podes presenta-la confiado”. Iso foi o que me dijo; e confiei nel, e cagamos o asunto definitivamente.

A Ana encolleu de ombros (e non debeu face-lo, hóstia) e o Luís deu-me a malleira con que tiña que lle dar á novela unha oportunidade máis, que a gente de Totais, como o Cotelo, só miraban vender, con calidade, pero vender. Que a sombra do Barros non era tan longa.

Máis abaixo paso-che unha crónica que non ten desperdício. Figen con ela como estou a facer con todo canto retallo de jornal en estado merdoso vou atopando. Digitalicei-no e, de paso, corrigin-lle algunha gralla ao jornalista, o Ramos, que é boa gente (e vou-llo mandar para avivar-lle as memórias de hai trinta anos).

Ora, preguntabas se tratei co Cadórniga logo da gatada que me fijo. A Ana prohibiu-mo. Andaba furiosa, repetia que o Pepe Lantaño estaba mal da cabeza, porque unha vez dijo diante de nós “Eu amo a Mariano Cadórniga”, cando o Cadórniga era un bobo, sempre a rir sen facer falta, cun riso co que ocultaba algo…

A verdade é que o infeliz fugia de min. Tiña medo a unha violéncia miña, e non só verbal. Coincidimos várias veces polas ruas do centro e sempre buscou unha esquina pola que dobrar. Nunha ocasión fijo-o empurrando a mulleriña sua, tan liviá, que traía de ganchete. Pouco me faltou para achegar-me a eles e dicir-lles que a cousa non era para tanto…

Nesa altura a el deberan-lle caer moitas, en público e en privado, por facer de voceiro dos tocados na soberbia, se cadra por se exceder nas atribucións que eles lle deran (o de mencionar o orixinal baixo plica como meu foi moita metedura de zoca).

Chegaban-me eflúvios do que largaba para defender-se. Ao pobre do Lantaño confesou-lle o seu temor a que ‘O abrigo do sol’ fose realmente un plágio, e o Lantaño dijo-llo á Ana. O amado Cadórniga tamén lle dijo ao Lantaño que eu inchara a novela principal coa secundária para cumprir co mínimo de páginas do concurso.

O señor académico debeu tardar un ano en falar comigo de novo; e sempre rindo, como se non pasara nada. Coitado.

¿E canto ao Mourín?

Pois fai memória, que diso algo falamos. Se non falla a miña, o mago do realismo mágico-galeguista daquela ja estaba de cheo no PSOE, ¿non? Ese era o momento de “galeguizar o PSOE” (e manda nabo a visión dos nosos prebostes).

O Alberto Mourín era un home de París-Madrid-Compostela, sempre feito un pincel, guapo, ben construído, o caciño da pipa a sobresaír-lle do peto da chaqueta, as Ray-Ban postas co mínimo raio de sol.

Publicaron-lle Un acordeón ao vento a fins do 84, polo Nadal; e logo llo publicaron en castelán. O carallán do Guerreja sevillano dijo que o lera con fascínio: “Esa novela me tiene fasinao”. O Mourín entrou no cupo de escritores periféricos que admitia a Caverna Madrileña con túnel ata Sevilla. Representaba Galicia. Non cabía en si. Irradiaba amabilidade e azos para todos.

En fin. Coido que fomos inteligentes, o Alberto e eu. Nin el leu nunca a miña Tertúlia nin eu lin a o seu Acordeón: desa maneira non podiamos opinar. Gardamos as formas. Cadaquén ao seu, entre bombeiros non pisar as mangueiras… Cando el mudou a dona de corenta anos por outra de vinte houbo quen o mirou raro (de enveja, claro) mais eu pugen-me ao seu lado, que carallo, que a calquera se lle pode cruzar na ruta diária “um cheirinho de mulher”. E de política non fijo falta falar: eu era perdedor (ex-PSG) e el gañador (PS ex-Obreiro E). De traballo, tampouco: eu á indústria e el á Literatura.

Nada. Nin comigo nin co Luís. O Alberto nunca máis fijo comentário de obra miña; nunca, tampouco, das aventuras teatrais do Luisiño. Só se permitiu un comentário –verbal– irrefutable: que o Luís parecía o meu alter ego…

E, Ferminciño, punto por hoje. Paso-che o da crónica de LVG de 15 de novembro do 84. Le-a e falamos. E prepara-te porque che mando ja, se cadra mañá, un novo lote de páginas da Tertúlia revisitada.

O primeiro premio “Edicións Totais”

ou a segunda parte do premio “Concellos de Galicia”

Xa se sabe que non hai premio literario sen polémica e a primeira entrega do “Edicións Totais de Galicia” tivo lugar entre discusións e comentarios de ton elevado: falouse de trato desigual e mesmo “covarde” para unha obra que levaba tempo a soar como gañadora.

Gañadora na repesca, pois, dada a proximidade entre o premio dos Concellos e o de Totais, pódese falar de que moitos autores mandaron os mesmos orixinais a ambos. Déuselle logo unha segunda oportunidade ás obras desbotadas no primeiro concurso, entre elas a finalista, que se coñecía polo lema de Tertúlia e se atribuía a Xoán Castro.

Sospeitosamente, non se nos quixo dicir cales foron as obras finalistas do premio Totais. A acta do xurado centrouse en loar Crime a dúas bandas, a gañadora, de Horacio Pereira, “obra que nace con vontade de marcar canon dentro dun xénero practicamente descoñecido no noso país: o da novela negra”. Tamén foron moi valorados o manexo de situacións entre Compostela e Buenos Aires, nunha trama na que o fío principal é a emigración, as idas e voltas, as posibles dobres vidas aquén e alén do Atlántico. “A formación arxentina do autor trae aires novos, cortazarianos e borgianos, ao noso sistema literario”, conclúe a acta.

Ora, xa á entrada no hotel onde o ían ter lugar os actos organizados por Totais (e onde o xurado se supuña encerrado nas últimas deliberacións), eran vox populi un título, Tertúlia, e un autor, Xoán Castro, quen axiña comezou a ser perseguido polos profesionais dos medios de comunicación, á procura dalgún comentario. As preguntas a Castro centrábanse sobre Un acordeón no vento de Alberto Mourín (ausente na festa de Totais, por razóns dos seus compromisos políticos), obra gañadora do premio dos Concellos.

Castro negouse e responder sobre os defectos de idioma detectados na obra de Mourín polo xurado dese premio, e tampouco sobre se mandara Tertúlia ao premio de Totais. Sen embargo foi implacable nos seus cualificativos acerca do comportamento do académico e ex-conselleiro Mariano Cadórniga, “un xurista que non sabe respectar leis e regulamentos, un home vello que non deu aprendido a ser discreto”. Referíase á revelación dun segredo: a relación entre o nome do autor e o pseudónimo con que fora presentada Tertúlia ao premio dos Concellos.

Xoán Castro admitiu que a novela presentada por el a ese premio (“cuxo titulo aínda non está decidido”) é unha crítica encol do mundiño dos concursos literarios, e que corren “fotocopias de fotocopias do texto, tan repetidas que algunhas xa son difíciles de ler”, do cal podiamos dar fe varios xornalistas presentes na improvisada roda de prensa co autor.

O fallo do xurado do Premio Edicións Totais fíxose público durante a cea ofrecida pola editorial. Producíronse reaccións propias do caso, como as olladas cara ás mesas onde se sentaran, afastados, o gañador e o suposto perdedor. Logo da entrega do galardón (e o cheque), e das palabras de Horacio Pereira e de Eloi Patiño, director de Edicións Totais, houbo movementos de saudación cara a Pereira e a Castro, e coñeceuse un novo detalle, filtrado do premio dos Concellos: a obra de Pereira tamén estivera nese concurso pero non dera chegado á selección previa á escolla de finalistas. Correu pois o comentario de que o premio dos Concellos e o de Totais se situaran en distintas dimensións da literatura en canto ás esixencias.

Malia as filtracións, o xurado do premio Totais mantívose hermético canto aos orixinais presentados e seleccionados. Os seus membros coincidiron en salientar a novidade que achega a obra de Pereira, unha novela de intriga que se le de seguido, e pode logo converterse nun produto moi rendible para a editorial. As descricións de lugares da Galicia territorial e da Galicia da diáspora, cos seus detalles precisos, fan ao lector mergullar en ambientes míticos, e todo isto sen tentacións chauvinistas. O autor soubo cambiar de rexistro estilístico segundo saltaba de ambientes. En Buenos Aires déixase arrastrar por Cortázar ou Bioy Casares; en Compostela, por Cunqueiro e Blanco-Amor.

Horacio Pereira mantívose elegantemente alleo aos comentarios que flotaban no ambiente do hotel. “Os premios teñen moito de lotería –recoñeceu–. Non sempre os gañan as obras que van pasar ao canon. Eu, coa miña, só pretendo divertir a xente, ao tempo que ensinar algo sobre as vidas dos que vivimos entre dous mundos. Galicia non se pode explicar sen Buenos Aires, nin Arxentina sen os galegos”.

Fóra fotocopias e adiantos de palabra, haberá que esperar a que se publiquen Un acordeón no vento, Tertúlia e Crime a dúas bandas. Haberá que lelas de vagariño e seguramente gozalas por separado, cada unha cos seus méritos, pois, se de algo podemos estar seguros, é que foron escritas con moi distintas intencións, mais por tres autores con oficio.

Temos a sorte de contarmos con eles, como con outros que non tiveron a fortuna –seguindo a idea exposta por Horacio Pereira– de veren a súa obra chegar ao final da carreira de obstáculos que é un concurso literario. Tempo ao tempo.

O que importa é que Edicións Totais soubo reunir a pasada noite un impresionante número de persoas da Universidade, da Moda, da Arte e de todos os movementos creativos do país arredor dun premio literario. Iso é síntoma de normalidade e progreso, do que deberiamos estar orgullosos.

Para o ano, informou Eloi Patiño, sobe a dotación do premio de Edicións Totais e procurarase chegar a un acordo de datas co premio dos Concellos. Dúas boas intencións polas que foi aplaudido o anfitrión da gran festa da cultura deste novembro de 1984.

Para: ferminx47@yahoo.com Enviado: domingo 28/7/2013 2:22

CC:

Asunto: Desastres maiores

Si que impresiona, si, o vídeo do descarrilamento do Ave en Santiago. Mais non adiantemos nada sobre as causas, Fermín, que nós somos homes formados nas Ciéncias, e precisamente do ramo do control electrónico. Só che digo o que lles estou a dicir a todos: se un avión, con toda a complexidade de interactuación home-máquina que ten, é dirigido por piloto e copiloto, ¿por que carallo non levan piloto e copiloto os trens que “voan” sobre carrís?

En fin, deixemos que as cousas se vaian esclarecendo. Ora, ten razón contundente o Avelino no feito de que esa desgraza serviu para que “o fato de maricóns que presiden o Mari Ano e o Frijolito” evitasen as queimaduras que lles ian facer o día 25. Todas as organizacións nacionalistas foron comunicando a suspensión de actos contra o frijolismo masianista logo de saberen o que acontecera… E o que me pareceu de vómito foi que aparecesen no hospital o Bobón Puigmoltó das Muletas e a Innobre Cornuda Grega, e despois o Bobín e a Fictízia e demais preas polos arredores… Maldito Impaís que só serve para ser notorio nos desastres.

Escarallei-me co que dijo un locutor da BBC: “Santiago de Compostela, capital of semi-autonomous Galicia”. Os pailáns do PPoder, se cadra, ainda entenderon a frase (seica o Millán Ma Mon, cuñadísimo do Mari Ano, fala inglés).

Sumando, houbo dous desastres: o ferroviário, con tantas vidiñas rotas; e o político, porque non se lles puido mostrar os dentes á canalla PPoderosa.

E imos ao noso, á lea que se armou coa Tertúlia e os dous concursos aos que mandei. Vejamos:

A publicación á que te refires é ja do mesmo mes de novembro do 84. Tes razón. Mais non debemos acusar de fillos de puta aos da ANT por esa nota ilustrada. A cabronada deles viria despois. Tranquilo, que ja falaremos desa parte da história.

O primeiro que publicaron os meus “amigos / inimigos” da Defunta Nosa Terra titula-se “Tertúlia de Xoán Castro / Anaco da polémica novela finalista dos premios Concellos de Galicia e Edicións Totais”.

Recollen a descrición do desastre da sesión académica en que o “Pais Cornide” leu o seu chumbo sobre Teixeira de Pascoaes. Vaite ao texto de Tertúlia e relé desde “Chamoume o Lantaño para me recordar que o Pais Cornide presentaba hoxe o seu pelouro filolóxico na caixa de aforros coa asistencia da academia en pleno” ata que o Joán se farte e se larga.

Para máis INRI, figeron a montage arredor dunha foto do Lobato na que a figura central é o Barros de perfil, a durmir descaradamente rodeado de vellotes. Enriba da foto pon:

Publicamos neste número un anaco breve de Tertúlia, polémica novela de Xoán Castro, texto que foi finalista nos premios de narrativa longa dos Concellos de Galicia e de Edicións Totais. Esta obra leva camiño de se converter nun best-seller antes da súa publicación formal, grazas ás fotocopias dela que circulan polos mundiños culturais do país.

Embaixo do retrato do Barros a sonequear, a redacción de ANT aínda engadiu lume:

O autor desta novela sen desperdicio insiste en que as identificacións feitas polos lectores entre personaxes da súa ficción e persoeiros da vida real non son responsabilidade del senón dos propios lectores. Lida a obra, cómprenos dicir que “calquera parecido coa realidade… non é casualidade”.

Como ves –insisto–, ata aí todo ben con ANT. Ora, daquela várias bandas contrárias ian gardando munición para mellor momento, e mesmo esperaban que a revista lles dese cancha.

¿A miña relación cos académicos? Home, ti mesmo: salvo con don Ricardo ou co Salvador… Cos outros nada, porque ja rebentara todo por culpa da normativa. Eles venceron-se ao dialectalismo enxebrista da merda. Non soportaban que houbese gente con visión espazo-temporal. Non admitian que existísemos.

¿E co Pereirázar? Outra vez falsidade, como co Mourín. Felicitei-no polo prémio de Totais e el insistiu na tertúlia, ata fartar-nos, sobre os infinitos casos en que obras eran rejeitadas en editoriais ou en concursos e, con todo, chegaban a conformar o canon. Eu nunca lin o seu Crime a dúas bandas. El, coma os demais da tertúlia, leria e releria a miña novela, probablemente inchando o peito ao se ver representado.

Pero nunca me dijo nada; non foi coma os outros tertulianos. Sobre todo non foi coma o traidor que se lanzaria sobre min nas páginas de ANT…

Seguiremos, que me é tardísimo. Mira a miña hora.

Mándoche aí outro anaco de Tertúlia revisitada. Espero feedback e correccións.

¡Arriba España!

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *