Entrevista a Xosé García Rodríguez

Entrevista a Xosé García Rodríguez

0 comentários 🕔13:00, 25.Mar 2015

- Palavra Comum: Qual é a situação do sistema agrário galego hoje?

- Xosé García Rodríguez: Hai uns días, tiven ocasión de entrevistar a Xoán Carlos Carreira e Emilio Carral co gallo da publicación do seu libro O pequeno é grande (Através Editora) e ambos coincidían en que vivimos un punto de inflexión no que aínda estamos a tempo de recuperar a esencia da nosa cultura agraria, un punto no que esa recuperación resulta vital para seguir a sermos un pobo cun fondo vencello na terra que foi, dende tempo inmemorial, unha das trazas máis definidoras da nosa identidade. Dende que a agricultura dos países ricos foi seducida polos cantos de serea da Revolución Verde, bébeda de petróleo e profesando fe nunha mal entendida modernidade, aparcamos no desprezo e no esquecemento os sistemas agrarios tradicionais para crear a nosa propia burbulla alimentaria: fortes investimentos públicos e privados en mecanizar, facer concentracións parcelarias, construír infraestruturas para producir cada vez máis alimento con menos terra e con menos labregos e labregas. O resultado está á vista. O agro galego foi o sector que viviu a reconversión máis brutal, a anos luz doutras que ocuparon máis primeiras planas nos xornais e nos informativos, como a do naval. Só no sector lácteo pasamos, en poucas décadas, de 100.000 a 10.000 explotacións; coa fin do sistema de cotas, a partir de abril, a previsión é que na Galiza rematemos con menos de 1.000 granxas de leite. Estamos a falar de centos de miles de postos de traballo, da desertización e abandono do noso territorio, da dependencia absoluta do exterior para poder alimentarnos e dunha perda cultural irreparable ligada á terra da que case ninguén fala e que ningún dicionario atesoura: a da microtoponimia. A nomenclatura de cada regato, de cada carreiro, de cada anaco de agra, morre canda a xente máis vella das aldeas, cando non é literalmente esnaquizada pola concentración parcelaria. Outro tanto está a acontecer coa perda dos cultivos propios de cada bisbarra: onde tiñamos castes de hortalizas e froiteiras adaptadas a cada microclima, a cada substrato edáfico, agora impóñense unhas poucas sementes fabricadas pola industria.

Fronte a esta agricultura apocalíptica, está a cultura agraria tradicional enriquecida polo intercambio de saberes que propicia a globalización, unha agricultura baseada en pequenas granxas familiares cuxa prioridade é unha produción de alimentos diversa, con xente asentada no territorio, respectuosa co entorno e portadoras dun orgullo que vai máis alá da remuneración -case sempre inxusta- obtida polo traballo feito. Felizmente, está a xurdir un movemento de xente nova e non tan nova que retorna ao campo ou que dá continuidade a unha profesión labrega herdada da familia dende paradigmas radicalmente alternativos aos do produtivismo oficial. O que agora está a ser unha opción de vida, de conciencia, será, nun futuro cada vez máis achegado, unha necesidade forzada por realidades ineludibles como o esgotamento dos recursos petrolíferos (peak oil) que farán imposible o alto nivel de mecanización actual ou absurdos como importar alimentos de países a miles de quilómetros da Galiza, cando se poderían producir aquí mesmo; ou exportalos a lugares onde tamén poderían cultivalos sen problema.

Volvendo ao comezo, eu son optimista e creo que, tanto por mor das circunstancias como polo medre dunha conciencia cada vez maior de que a agricultura debe dar unha viraxe radical de rumbo para volver ser unha actividade esencial que nos forneza de alimentos e estruture os territorios, neste punto de inflexión que vivimos a Galiza labrega volverá ao rego do que non debeu ter saído.

- Palavra Comum: Que características próprias tem e com que outros modelos (europeus, americanos, etc.) nos comunica?

- Xosé García Rodríguez: Por desgraza, o modelo agrario predominante hoxe na Galiza é un modelo intensivo e produtivista, baseado nos monocultivos e na alta especialización, que aplica os principios do neoliberalismo á produción de alimentos e que se basea nunha relación feudal de vasalaxe dos labregos e das labregas con respecto a esa nobreza sen rostro que son as grandes industrias e multinacionais. Trátase dun modelo baseado na dependencia absoluta da clase labrega: dende o crédito concedido polo banco para mercar a maquinaria que permita producir cada vez máis para poder subsistir gañando cada vez menos; a unha dependencia cada vez maior e máis cara de fornecedores de insumos como abonos, sementes, enerxía, concentrados para alimentación animal, etc. Como na Idade Media, non é posible zafarse da relación de vasalaxe, pois cómpre traballar para pagar os créditos. A pirámide complétase cunhas relacións comerciais tamén de pura vasalaxe, nas que os alimentos se venden en orixe a prezos de miseria para maior lucro das industrias que os procesan e das grandes distribuidoras -hipermercados, supermercados- que llos venden á cidadanía. O sistema actual é unha xigantesca sambesuga sen relación coa terra que vive de chucharlle o sangue a quen a traballa e ao groso dunha cidadanía que segue e seguirá a ter a necesidade biolóxica de alimentarse para vivir. Todo bendicido e lexislado por unha clase política tamén vasala deses poderes económicos. Nisto, a agricultura oficial é moi semellante en América ou Europa, alén de diferenzas notorias como a estrutura da terra.

Por certo, todo isto só é posible porque se está a soster cos cartos de toda a cidadanía na que, posiblemente, sexa a maior estafa da historia: a Política Agraria Común (PAC). Só no período 2007-2013, a Unión Europea gastou 862.000 millóns de euros en axudas da PAC. Se os labregos e labregas poden vender os alimentos que producen a prezos que, moitas veces, nin sequera cobren o custo de producilos, é porque as súas contas cadran grazas a estas subvencións. Eses cartos públicos son os que fan posible que a industria e as distribuidoras paguen prezos de miseria en orixe e maximicen os seus lucros vendendo aos consumidores e consumidoras con marxes que, moitas veces, superan o 1.000% nalgunhas hortalizas. Nada disto acontecería se os poderes públicos regulasen o mercado e obrigasen a pagar prezos dignos en orixe, prohibindo vender por baixo dos custos de produción. Chámanlle libre mercado, pero só no Estado Español esa “liberdade” custou 5.000 millóns de euros no período devandito, o meirande dos cales foron parar a familias labregas tan necesitadas como a Casa de Alba, Ebro Foods, Domecq e Osborne, Nutrexpa ou García Carrión.

- Palavra Comum: Que caminhos achas conveniente transitar nestes tempos para o universo agrário, num sentido amplo?

- Xosé García Rodríguez: Precisamente o camiño alternativo ao descrito na anterior resposta e que, paseniño, vai gañando máis forza a nivel global. Un camiño que está a trazar un movemento internacional, que é a Vía Campesina, no que tamén se suma a Galiza a través do Sindicato Labrego Galego. Un camiño que ten por meta horizontes como a agroecoloxía (non confundir con agricultura ecolóxica) ou a soberanía alimentaria.

E, para transitar este camiño, a agricultura debe comezar a ser entendida non como unha actividade propia dos labregos e das labregas, senón como un labor esencial para a sociedade que debe implicar á cidadanía no seu conxunto. Cada vez somos máis conscientes de que este camiño debe ser andado da man da cidadanía ou, en caso contrario, serán poucos os pasos que poidamos dar. A cidadanía debe elixir o sistema agrario que prefire: o predominante, que nos está a envelenar silenciosamente, a destruír o tecido socio-económico que mantén con vida o medio rural, a fomentar o abandono da terra para que sexa pasto do lume, ou a deixar as nosas agras en mans das industrias enerxéticas, madeireiras e da celulosa; ou un modelo agroecolóxico que nos forneza de alimentos saudables a través de métodos sostibles, que xestione o territorio co mesmo equilibrio e sabedoría que empregou a nosa xente devanceira e nun medio rural vivo e habitado.

E como decide a cidadanía? A través dun acto que, hoxe en día, pode ser revolucionario: mercar. Somos nós, e non a clase política ou a publicidade das grandes industrias e corporacións, quen optamos por un sistema ou outro a través da compra de alimentos. Sei que o máis cómodo é entrar nun supermercado e facer a compra da semana; pero paga a pena investir un pouco máis de tempo e achegarnos ao pequeno comercio, aos mercados locais e ás feiras para adquirir alimentos frescos directamente a quen os produce ou reducindo ao mínimo os intermediarios. Algo tan sinxelo podería desencadear unha auténtica revolución, e mesmo crebar o sistema, se fose unha opción maioritaria da sociedade. De aí que na persecución deses horizontes dos que falaba antes, a agroecoloxía e a soberanía alimentaria, sexan vitais as alianzas entre os labregos e as labregas e a cidadanía.

- Palavra Comum: Que aspectos do sistema agrário reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos na sociedade?

- Xosé García Rodríguez: Primeiramente, o papel obvio de fornecedor de alimentos, algo que semellamos ter esquecido. A Galiza, país que dende tempo inmemorial tivo organizado o seu territorio para ser autosuficiente na produción de alimentos, hoxe non só é unha nación sen estado, senón que ademais é absolutamente dependente do exterior para alimentarse. Nin sequera somos autosuficientes na produción de leite, pois producimos menos produtos lácteos dos que consumimos e iso que temos a metade das explotacións do Estado. Un pobo que non é quen de alimentarse é extremadamente vulnerable. Se cadra, unha das eivas do nacionalismo galego e, por extensión, da nosa clase política, é non apostar con suficiente forza pola nosa soberanía alimentaria. Bótase moito de menos un apoio político amplo á produción de alimentos na Galiza. Medidas tan doadas como a compra pública de alimentos, isto é, fornecer as cociñas dos hospitais públicos ou dos comedores escolares con alimentos labregos, producidos principalmente por granxas do entorno onde se consuman, serían un revulsivo para o noso medio rural.

Outro aspecto do sistema agrario maioritariamente obviado é o seu rol esencial no equilibrio ecolóxico. Desgraciadamente, a agricultura intensiva e industrial da que xa falei é o que a xente asocia a sistema agrario. E é certo que esa agricultura predominante contamina, é moi agresiva cos ecosistemas e desestrutura o territorio. Pensemos que, nas últimas décadas, a nosa estrutura territorial foi remexida a pracer, coa conivencia dos gobernos da Xunta, até chegarmos ao caso actual. Este foi un dos poucos eidos onde as autoridades permitiron, ano tras ano, ilegalidades flagrantes como a forestación ilegal de terras agrarias para lucro e beneficio de empresas como Ence. Así, a Xunta permitiu, a pesares dos miles de denuncias e de violarse a lei, que a xente plantase eucaliptos e piñeiros en terras agrarias, onde estaba e está prohibido facelo. Deste xeito, tróuxose o monte a carón das casas, e con el a fauna salvaxe, de paso que se lle privaba ás granxas de base territorial para alimentar o gando e, en moitas parroquias, se lles obrigaba a optar por unha alimentación intensiva a base de pensos por serlles imposible facelo con pastos naturais.

Sen embargo, antes de todo este caos, o territorio galego, fortemente humanizado e organizado pola agricultura, era un territorio moi equilibrado, coas agras para producir fundamentalmente alimentos; e os montes, o meirande de propiedade comunal, para cultivos forestais e para ser auténticos santuarios para a fauna salvaxe e a biodiversidade. Aínda que, cunha visión un tanto limitada, hai quen lle bota á agricultura moitas das culpas dos desequilibrios ecolóxicos que padecemos hoxe en día, eu reivindico o papel esencial dos labregos e das labregas como garantes dos nosos ecosistemas. Non se trata do problema xerado por unha actividade profesional, senón das consecuencias de ter adoptado un modelo agrario estraño á nosa cultura e errado.

- Palavra Comum: Que supõe para ti a literatura e a arte?

- Xosé García Rodríguez: A pouco que indague na miña relación coa literatura e a arte, vexo que o meu achegamento a elas parte dun utilitarismo egoísta. Poñamos por caso a poesía. Dende o comezo, para min a poesía foi sobre todo escrita, un escrutar a miña conciencia, a exploración dos territorios descoñecidos da miña alma. Sempre utilicei a poesía como unha ferramenta de autocoñecemento, do mesmo xeito que técnicas de meditación como o zazen. A través da palabra, verbalicei espazos innominados do meu ser que estaban a ser centrais na miña vida e sobre os que pouco ou nada sabía: o amor, a saudade, as raíces, o propio devir biográfico e o ronsel de lembranzas que debuxa a miña historia persoal, o espazo ocupado no mundo e a miña relación con el… Isto explica que, dende sempre, tivese certa dificultade para ler a poesía escrita por outras persoas. Non estou a falar dunha dificultade para descodificar os textos, senón dun sentimento de refractividade que me fai sentir escasa atracción por escritos que non sexan os meus propios, a non ser que teñan algo útil que achegarme para esa busca interior da que falei. Creo que son un bo lector de poesía, que son quen de sentir unha fonda empatía e comprensión cos poemas que leo, pero para iso debo superar primeiro a aversión á propia lectura. Dende ese punto de vista, nunca me interesou demasiado o achegamento á poesía como obxecto artístico, e hai autores que teñen influído máis en min a través da súa biografía que a través da súa obra. Por outra banda, sempre que, por obriga, participei nun recital poético ou presentei un libro, tiven que enfrontarme a unha forte sensación de rexeitamento. Particularmente, preciso ter unha atmosfera de recollemento e silencio para ler poesía; non concibo a súa lectura e comprensión sen ese contexto previo, da mesma maneira que non me serve para iso un recital poético. Baixo esa lente, cústame ver que poida haber ninguén que ache a máis mínima atracción por unha poesía como a miña que, dende a súa radical subxectividade, só pode ter interese para min.

A miña breve incursión como artista plástico tamén foi tan utilitarista como prosaica. Tras completar os estudos de Cerámica Artística na Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón, de Lugo, montei un obradoiro para traballar como oleiro, e nos tres anos de estudo nunca sentín o máis mínimo interese por facer escultura. E velaquí me tedes hoxe, vivindo como artesán da palabra, escribindo a cambio dun salario e exercendo esa profesión tan enxalzada como vilipendiada que é o xornalismo, tentando ser útil co meu oficio ás persoas que me rodean e confían en min.

- Palavra Comum: Como entendes (e praticas, no teu caso) o processo de criação artística?

- Xosé García Rodríguez: Como un xermolo que rebenta dende un humus longamente madurado, un vómito de sangue sobre a neve, a taxidermia da consciencia.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Xosé García Rodríguez: Os proxectos que enchen e rebordan os meus traballos e os meus días compártoos coa miña compañeira, Soqui, e chámanse Breixo e Cibrán. Dende que unín a paternidade ao meu traballo como xornalista, carezo de tempo para a escrita literaria e a duras penas rabuño algúns minutos diarios para ler. Vexo a literatura como algo afastado, ligado ao pasado, unha nostalxia do que foi e o desexo do que me gustaría que volvese ser, unha latencia que agarda por un espazo vital para encarnarse.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Xosé García Rodríguez: Palavra Comum é a revista cultural da que me tería gustado dispoñer cando aínda dedicaba unha parte da miña vida á literatura, un espazo de expresión e de intercambio moi necesario para construír a nosa cultura e para construírse un mesmo como escritor. Eu nunca tiven demasiada fortuna neste aspecto. As revistas literarias ás que teño enviado poemas respondéronme con silencios, do mesmo xeito que algún autor consagrado a quen lle teño confiado os meus versos. Tampouco existían foros nos que intercambiar información, saberes, opinións; e non axudou o feito de estudar a carreira universitaria fóra de Galiza. Todo iso fixo que o meu devir literario, vivindo como vivo afastado das grandes urbes, fose un devir illado da intensa vida cultural que se desenvolvía en cidades como Compostela con experiencias como Letras de Cal. Dende ese punto de vista, foi moi importante para min, cando comezaba a dar os primeiros tatexos como escritor, unha rica correspondencia que mantiven con Rafa Villar, a quen coñecín por compartir con el un galardón nun certame poético e quen demostrou unha beatífica paciencia contestando aos apaixonados desvaríos de alguén que, coma min, estaba a descubrir demasiados mundos en moi pouco tempo. Despois, tiven a fortuna de gañar algún que outro premio literario que incluía a publicación da obra; en caso contrario, continuaría a ser un autor inédito. De aí a importancia de espazos de expresión como Palavra Comum, xa que fan posible compartir afinidades sen a obriga de compartir espazos físicos, poder ser un poeta montaraz que foxe dos recitais e dos cenáculos literarios sen perder, por iso, o contacto coa vida cultural.

NOTA: este é o perfil do autor na Wikipédia.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *