Entrevista a Manuel L. Rodríguez

Entrevista a Manuel L. Rodríguez

0 comentários 🕔14:00, 01.Abr 2015

- Palavra Comum: Que supõe para ti a poesia e a literatura?

- Manuel L. Rodríguez: Máis que unha forma de vida, un xeito de ollar a vida. O ser humano non sería tal sen arte en xeral e sen literatura en particular.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária?

- Manuel L. Rodríguez: No meu caso é algo que leva bastante tempo. Comezo creando o libro (o marco), e despois cada unha das pezas (os poemas) que integran ese total. O proceso de factoría dos poemas é relativamente longo. Gústame a perfección estética (algo imposíbel de acadar, por outro lado) e a precisión.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (plásticas, música, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?

- Manuel L. Rodríguez: Paréceme un tema ben interesante. Desde hai un ano estou traballando con Manuel Maríño (membro da banda de rock 7 LVVAS) no proxecto NON SOMOS NÓS, no que mesturamos poemas meus do “Antítese nativa” cos temas máis relevantes dos “lvvas”. Asemade tamén estou (xunto con outra xente) na fase de creación dun poemario con fotografía… alén de diversas colaboracións con outros poetas e artistas.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde qualquer ponto de vista)?

- Manuel L. Rodríguez: Gústame a experimentación, mais tamén a calidade (o traballo que hai detrás de cada obra artística). Se trasladamos isto ao que poderían ser os meus referentes, quedo, en especial, coa narrativa de Yukio Mishima e Alejo Carpentier, por exemplo; coa poesía de Manuel Antonio, Auden, Sédar Senghor ou Cesare Pavese. En escultura, e alén das xoias clásicas e antigas (Grecia, Roma, Mesopotamia, Exipto…), teño especial predilección por Giuseppe Penone: ese modelo de “arqueoloxía natural ou vital” que tanto me serviu en certos poemas.

- Palavra Comum: Que poetas e formas criativas, em geral, reivindicas por não serem suficientemente (re)conhecid@s?

- Manuel L. Rodríguez: En xeral todo aquilo que, desde a diversidade, garda a suficiente calidade. Existen escritores/as (e artistas) cun traballo intensísimo detrás que non acaban de entrar no “escaparate”.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural hoje -e para a galega, em particular-?

- Manuel L. Rodríguez: É necesario que o creador tome a renda do seu propio acontecer creativo.

Esteticamente considero que se debe coidar máis a forma (en todas as artes). A poesía debería ter en conta, case na súa totalidade, ao receptor (lector), e iso pódese conseguir, nunha grande parte, coidando a comunicación desde a estrutura do texto máis que polo seu contido.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência como editor (Acha Escrava) e da trajectória do Colectivo Sacou

- Manuel L. Rodríguez: A experiencia como editor (que non como “publicador”) é moi positiva. Moi traballosa tamén. Así como queres que as túas obras saian perfectas (dentro do humanamente posíbel…) entendes que a xente que publica na túa casa tamén o desexe. “Acha Escrava” naceu sen vocación de lucro. Publicamos pouco, mais tentamos darlle moito pulo aos nosos libros: lanzamentos, recitais, etc.

Ao Colectivo Literario Sacou débolle case todo (culturalmente falando). Foi a miña escola. Alí aprendín a escribir (os membros de Sacou eramos os primeiros en criticármonos, corrixir, pulir… os textos uns dos outros). Aínda lembro certas críticas, desas que doen, vidas de amigos que máis tarde supuxeron un paso adiante.

Non eramos condescendentes, nin amábeis. Eramos duros. E é certo; amolábanos cando algún dos membros (ou membras) do grupo publicaba algo que considerabamos “malo”. Era case algo persoal.

Hoxe en día, ollas aquilo que ficou escrito n´A(s) Caramuxa(s) (voceiro de Sacou) e ves que, efectivamente, quedaba moito camiño por andar, moita técnica que aprender. Eramos moi novos. Estabamos comezando.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Manuel L. Rodríguez: Seguir escribindo poesía, sobre todo (co libro que actualmente teño enriba da mesa levo sete anos). Está previsto que NON SOMOS NÓS regresemos nesta primavera con novas actuacións e, por suposto continuar co labor editorial en “Acha Escrava” que, a pesar de levar un ritmo lento… vai seguro.

Desde o ano pasado botei a andar “A lanzadeira de Alcor” (entidade sen ánimo de lucro para a organización de actos culturais: lanzamentos de libros, mostras de arte, encontros de poetas, etc.)

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Manuel L. Rodríguez: Con toda sinceridade direi que son un fervente seguidor de Palavra Comum. O que máis gustaría sería ver como o proxecto segue adiante.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *