<em>A dimensión nacional no século XXI</em>, de Miroslav Hroch

A dimensión nacional no século XXI, de Miroslav Hroch

0 comentários 🕔15:40, 08.Abr 2015

Miroslav Hroch (Praga, 1932) é catedrático emérito de Historia da Universidade de Praga e un dos teóricos máis recoñecidos da nación e do nacionalismo no panorama internacional. É autor, entre outros, de Social Preconditions of National Revival in Europe (1985; a primeira edición, en alemán, 1968) e Das Europa der Nationen. Die moderne Nationalbildung im europäischen Vergleich (2005). En catalán está publicado o seu libro La naturalesa de la nació (Afers-PUV, 2002).

A xeración de máis idade aínda se lembrará. Eran os tempos, xa hai medio século, en que era inherente aos intelectuais «progresistas» dubidar, con certa arrogancia, do sentido do «nacionalismo» e considerar a nación como unha construción artificial. Mediante as manifestacións antinacionais un podía presentarse, segundo as posicións políticas que mantivese, quer como membro independente da elite intelectual, quer como defensor ardente do internacionalismo proletario. Mais unha e outra eran posturas provocativas e marxinais enfronte da tendencia central dominante.
Hoxe, na época da globalización dixital, a situación é completamente outra. Actualmente é inherente á tendencia central –cando así o semella no ámbito político– dubidar da nación, rexeitar como cousa de soñadores inxenuos ou como unha manipulación sutil a simple mención dos valores nacionais, definirse como individuos libres e sen vinculacións, abertos ao mundo, etc. Quen non circule por este carreiro será, no mellor dos casos, obxecto de ironías como «nacionalista» túzaro ou toliño e, no peor, acusado de populista sedento de poder e, talvez, será situado nas coordenadas da extrema dereita. Dalgunha maneira, o amor pola patria xa non forma parte das «virtudes cívicas».
Talvez podemos entender e desculpar esta simplificación no caso de xente que aínda está marcada, ben que sexa indirectamente, polos horrores da última guerra mundial. Polo que respecta ás xeracións máis novas, esta interpretación é insuficiente e cómpre procurarmos raíces máis fondas. Para avanzarmos na análise será necesario «deconstruírmos» a argumentación do paradigma antinacional e preguntármonos que quere dicir este termo de nación (e, xa que logo, tamén o de nacionalismo) que se emprega con tanta desenvoltura.
Mais antes temos que lembrar outra experiencia cotiá. Na linguaxe da política de moitos estados europeos a palabra nación e os adxectivos que dela se derivan teñen aínda un uso positivo. Os políticos falan de intereses nacionais, da nosa competitividade (nacional, enténdese), da unidade nacional ou ben da solidariedade da nación. Aínda máis forte e claro aparece o uso da terminoloxía nacional na vida cotiá, sobre todo no deporte, naturalmente, mais tamén no trato cos «estranxeiros», nos mitos de alcance nacional, que non todos, nin de lonxe, pertencen só ao noso pasado. O «nacionalismo banal» ou, mellor dito, a identidade nacional faise presente cunha condición máis ou menos positiva. E isto, paradoxalmente, tanto nas capas populares como nas elites.
Todo isto dá a entender que talvez as voces antinacionalistas mencionadas non foron tan eficaces e non triunfaron na medida que xulgaban. Suponse que son mainstream, mais en realidade a cousa non afecta ao conxunto social, senón como moito a segmentos moi concretos da sociedade, como xornalistas, sociólogos ou escritores. Trátase, acaso, doutro síntoma (non sería o único) do afastamento dos intelectuais respecto da sociedade? Mais, a fin de contas, isto baséase nunha observación de carácter máis ben superficial que non nos permite xeneralizar. Cómpre irmos paso a paso.
Existe, de todas as maneiras, un problema heurístico previo. Como podemos pensar o futuro da dimensión nacional no século XXI cando achamos visións tan contraditorias sobre a nación, sobre a súa situación actual, con valoracións e percepcións tan afastadas? E, por outra parte, como poderiamos medir hoxe a presenza ou a ausencia, a forza ou a debilidade da identidade nacional? Sería completamente imperdoábel se aceptásemos converternos en prisioneiros das palabras. De ningunha das maneiras debemos pensar que os termos nación ou nacionalismo responden, en diferentes situacións e países, a conceptos coherentes e carentes de ambigüidade e que reina un consenso xeral no que respecta aos seus contidos. Por iso teriamos que esclarecer estes conceptos en dous niveis ou aspectos.
En primeiro lugar, convén sabermos que significa realmente a realidade social, política e cultural designada con estes conceptos, é dicir, como se caracterizan, como se entenden e se interpretan hoxe estas entidades definidas como nacionais.
En segundo lugar, ten interese pescudar até que punto a visión ou a interpretación actual da identidade nacional, do «nacionalismo», é diferente do que no pasado se designaba con estas mesmas palabras, naquel pasado no que se formaban tanto o termo nación como a comunidade que designaba.
Porque unha das carencias máis perigosas do noso presente antihistórico é que non sabe (e acha que non é necesario sabelo) en que condición xurdiu a nosa realidade e tamén os termos que caracterizan esta realidade. Hai outra carencia, estritamente ligada con esta, que é a incapacidade ou a escasa vontade de distinguir matices. Así, desígnase coa mesma palabra un arco moi amplo de fenómenos abondo diferentes en razón da súa historia, da memoria colectiva, da composición social, etc. Todo aquilo que dalgunha maneira evoca a nación, é nacionalismo. Moi simple e moi fácil! Aplícase no campo da vida real e do pensamento un tipo de simplificación que talvez sería admisíbel, ou mesmo recomendábel, nunha canción pop ou no manual de instrucións dun ordenador, mais que ten consecuencias perigosas no campo da política.
Temos na Europa actual, en primeiro lugar, unha serie de estados antigos que son case que uniétnicos, que posúen unha vella cultura en lingua «propia» desde a idade media e que caracterizan esta lingua e esta cultura como «nacionais». Os seus membros considéranse con naturalidade absoluta franceses, ingleses, suecos ou holandeses, e son recoñecidos tamén como tales desde fóra. Aínda que historicamente exaltaron con orgullo o seu idioma (e en parte aínda o fan), ninguén lles reprocha ningún etnonacionalismo, senón que son considerados como exemplos dignos e válidos dun civic nationalism de carácter progresista.
Recoñécense tamén como nacións, en segundo lugar, as que hai aínda 200 anos non o eran mais que se constituíron grazas a un movemento de cariz nacional consciente e decidido, como comunidades con lingua propia, elites propias e estado propio.
En terceiro lugar, están as nacións que conseguiron a estatalidade nacional despois da descomposición do bloque soviético e que se converteran en comunidades definidas por unha lingua e un pasado comúns. Estas dúas categorías chámoas «pequenas nacións», onde a palabra «pequena» non ten ningunha connotación cuantitativa, senón de cariz cualitativo e referente á orixe. É moi sintomático que, unha e outra vez, estas pequenas nacións sexan consideradas como o produto «típico» do ethnic nationalism, é dicir, pobos cuxos déficit no terreo dos dereitos civís teñen a ver co seu «nacionalismo» (e non co contexto ou con causas de carácter social e estrutural). De todas as maneiras, a existencia das pequenas nacións ou dos pequenos estados nacionais non é considerada de ningunha maneira evidente e mesmo «conforme a lei» tampouco a ollos dos seus propios membros.
En cuarto lugar, tamén determinadas comunidades (ou as súas elites) que non acadaron un estado propio aspiran a un status de nación (ou a esta denominación): son as nacións sen estado. Móvense moitas veces á marxe do recoñecemento como nacións e son caracterizadas desde fóra como comunidades étnicas ou movementos rexionalistas. En inglés a palabra «nación» vai ligada á idea dunha existencia estatal antiga e por iso non se pode atribuír neste sentido status de nación a esta clase de comunidades (os flamengos, os galeses, os cataláns, etc.). En alemán ou en checo, en cambio, non teño ningún problema para lles atribuír o carácter de nacións ou de movementos nacionais. Deberiamos ter presente esta diferenza semántica tamén noutros contextos.
Esta diferenciación, que pode semellar máis ben trivial, obríganos a estabelecer unha esixencia de tipo metodolóxico: cando hoxe se fala de nación e de nacionalismo hai que preguntarse a continuación a que clase de nación, a que categoría de nación, se fai referencia. E naturalmente tamén á inversa: é importante saber a orixe, a raíz, dunha determinada actitude cara á problemática nacional. Como membro dunha «pequena nación» podo entenderme mellor sobre asuntos relacionados coa dimensión nacional con colegas que tamén forman parte de pequenas nacións que coa maioría dos membros de estados nación «antigos». E pola súa parte, os membros destes estados nación achan moitas veces unha linguaxe común nos comentarios irónicos sobre as pequenas nacións.
Até agora fixemos referencia ao cariz diversificado das comunidades definidas como nacións e dos sentimentos coñecidos como nacionalismo. Mais sería necesario tamén analizarmos que esferas da vida se teñen presentes cando se consideran e se emiten valoracións sobre as nacións. Fálase de nacionalismo no contexto político onde a cuestión do poder ten unha importancia central? As grandes palabras dos políticos, como soberanía, secesionismo ou autodeterminación, parecen indicalo, mais estas non son case nunca consideradas como «nacionalistas». Que lles importa aos políticos, o seu poder ou a nación? E de maneira semellante preguntámonos de que falan cando se destaca, no discurso nacional, os intereses nacionais no terreo económico, combinados con frases sobre a competitividade, o aumento do produto nacional ou o crecemento.
Aínda que nestes dous casos o adxectivo «nacional» se repite e se emprega como a cousa máis natural do mundo, hai que preguntarse cunha certa dose de escepticismo se por ventura non se tratará máis ben de asuntos estatais (deixando de lado a loita polo poder político) e de intereses de grupos económicos. Que ten a ver coa categoría «nación» a loita por máis beneficios? Non se trata en ambos casos máis ben de simples pretextos para defenderen intereses parciais?
A un político dun estado nación estabelecido ninguén lle reprochará nada se fala de intereses económicos nacionais, mesmo no marco das enfáticas declaracións de solidariedade da Unión Europea. Neste terreo da retórica económica e política do poder a dimensión nacional semella lexitimada. Ora ben, se as mesmas palabras saen da boca dun político dunha pequena nación, non hai dúbida de que será rexeitado a continuación como un nacionalista cego e retardatario. A distancia entre a retórica e mundo dos intereses reais que se agachan detrás desta retórica, podería dar lugar a un proxecto de investigación altamente produtivo. Por outra parte, non é ningunha novidade: esta distancia existía tamén nos séculos XIX e XX.
Quen se dedicou desde hai moitos anos ao complexo proceso de formación nacional en Europa, non pode deixar de pensar que a preeminencia outorgada actualmente á política e a economía como elementos motores ou precursores do nacional é completamente esaxerada. Como se se puidese reducir a nación á loita política ou á competitividade económica! E ademais estas esferas –a política e a economía– poden igualmente promover procesos nacionais integradores ou desintegradores. Ou é que non ficou nada do espírito de solidariedade e da cultura da época «clásica» das nacións? As raíces históricas e o legado histórico das nacións europeas –unha peculiaridade europea– baséanse na singularidade cultural, que era considerada como un valor, e na solidariedade entre os membros da nación que se emancipaban á vez como cidadáns iguais en dereitos. Os políticos falan raramente do patrimonio cultural nacional e da aptitude para competir neste terreo da cultura. E podemos entendelo, porque o intercambio tanto interno como internacional, por exemplo en ámbitos materiais como o vestir e a alimentación, ten moi a miúdo como obxecto os bens de consumo de carácteres supranacionais. O rendemento que pode dar neste campo a cultura estritamente nacional é máis limitado.
Até aquí falamos de palabras, de termos, e o seu contexto, a maneira de introdución –talvez un pouco longa, mais non obstante necesaria– á reflexión sobre a dimensión nacional no século XXI.
Abordaremos agora, por tanto, o problema de fondo: que perspectivas ten a nación actualmente? Intentaremos responder en tres niveis diferentes e a partir de tres coordenadas de importancia capital.

RELACIÓN COA DIMENSIÓN «SUPRANACIONAL»
Esta dimensión represéntaa hoxe sobre todo o mundo globalizado, mais hai cando menos un século que xa se puidera observar. Deixando de banda os cosmopolitas a título individual, que xa desde a época da Ilustración se definiron en oposición á nación, a negación máis importante do nacional ten orixe no movemento socialista, a comezar polo Manifesto comunista e até chegar á superación da «nación» que proclamaba a doutrina soviética. A posición socialista partía do axioma segundo o cal o «nacionalismo burgués» é egoísta e o «internacionalismo proletario», en cambio, solidario. O proletariado mundial, que non tiña patria, tiña que enfrontarse á burguesía mundial. No século XXI esta clase de internacionalismo, naturalmente, está superada, mais pódese tirar algunha lección do seu afundimento. Na nosa época de globalización, a visión marxiana fíxose, non obstante, realidade, cando menos en parte: xa non existe case un proletariado, mais apareceu unha «burguesía» global representada polo famoso «1%» dos mega-ricos que dominan o mundo a través dos bancos, as bolsas, etc. Esta nova clase dominante é supranacional, non ten realmente patria, ou, mellor dito, a súa patria vén determinada polo eslogan ilustrado ubi bene, ibi Patria (de preferencia, nos paraísos fiscais).
A globalización, evidentemente, limita cada vez máis a soberanía política e económica das nacións. Mais isto non significa, de ningunha das maneiras, que a identidade nacional estea condenada automaticamente á desaparición. O panorama é abondo máis complicado e pode expresarse a través dunha fórmula simplificada que confirma a experiencia dos últimos anos. A identidade nacional debilítase se a globalización é percibida como factor de prosperidade, mais fortalécese (e pode dar lugar, chegado o caso, a un nacionalismo) se a globalización é percibida como un factor de crise. Naturalmente, hai que preguntarse quen ha de ser o portador ou o soporte desta identidade. A opinión maioritaria dos sociólogos é que o é a clase media ameazada de empobrecemento. É moi significativo o feito de que na maioría de reflexións sobre o tema da nación versus a globalización se argumenta nas coordenadas do poder político e a distribución dos bens de consumo.

RELACIÓN CO REXIONALISMO
Aínda que non existe ningunha definición consensual da rexión, acéptase en xeral que a rexionalización (hoxe promovida tamén oficialmente) tende á debilitación das identidades nacionais. Isto non sempre fora o caso no pasado: pola contra, supúñase que a identidade nacional reforzaríase a partir dunhas identidades rexionais e locais que se complementaban. Unha identidade rexional, o rexionalismo, pode non proporse o desprazamento da identidade nacional dentro dun estado nacional, mais pode actuar como barreira contra un nacionalismo agresivo. Ora, este é o caso só cando se trata de rexións dunha mesma nación. A relación co estado configúrase dunha maneira totalmente diferente cando este é multiétnico, polo que o movemento rexionalista pode converterse, en determinadas condicións, en movemento nacionalista, como é o caso en España e Gran Bretaña. Onde se sitúan, xa que logo, os límites entre un rexionalismo inocuo nacionalmente e un rexionalismo «separatista»? Dicir das nacións sen estado que son un simple rexionalismo foi, de sempre, unha táctica dos gobernos dos estados multinacionais.
Neste contexto haberá que ter moi presentes dous aspectos e os enfoques metodolóxicos conseguintes. De primeiro, o feito de que precisamente estas nacións sen estado se definen sobre todo polos trazos culturais compartidos, que son menosprezados polos estados nacionais. Na medida en que non pasan da cultura (e da solidariedade interna), as elites destas nacións formulan escasas ambicións políticas e son aceptábeis, até certo punto, a ollos das elites estatais e de goberno. Ora ben, cando reclaman igualdade de dereitos en termos políticos, ábrese un conflito, porque demandan aos gobernos centrais que renuncien a unha parte do seu poder. En segundo lugar, trátase dunha loita de identidades, mais estas identidades poderían non ser excluíntes. Pódese ligar unha identidade rexional morava cunha identidade nacional checa, unha identidade rexional dálmata cunha identidade nacional croata, pódese combinar unha identidade étnica katsuba cunha identidade nacional polaca, así como unha identidade nacional galesa cunha estatal británica e unha identidade nacional catalá cunha estatal española. Naturalmente, este dualismo pode racharse e transformarse en secesión. É unha cuestión aberta. Talvez é aínda válida a regra, xustificábel historicamente con datos empíricos, segundo a cal as rexións nacionalmente definidas viven en paz dentro dun estado multinacional mentres as elites rexionais-nacionais comproban (ou fanse a ilusión de) que o poder central lles pode ofrecer determinadas vantaxes. A independencia non sería entón un asunto ligado á cultura nacional, e tampouco unha consecuencia necesaria da existencia nacional, senón o resultado das ambicións políticas e de poder dos que mandan.

A SOLIDARIEDADE INTERNA DAS NACIÓNS
Esta cuestión ten a ver coas relacións no ámbito da vida individual, sen dúbida o máis importante para a formación e mantemento da nación. Porque unha nación só existe se os seus membros se identifican con ela. Na situación actual non existe o perigo de que esta identificación desapareza totalmente, mais é evidente a tendencia, xa mencionada, da debilitación dos sentimentos nacionais, que se manifesta na falta de solidariedade interna, etc. En sentido contrario, poderíase evocar a gran vaga de entusiasmo nacional e de solidariedade da poboación alemá a raíz da reunificación do territorio nacional despois de 1989. Non obstante, de verdade tivo a primacía a dimensión nacional? Ou, máis ben, esta gañou forza só en combinación coa euforia derivada da caída do sistema soviético?
Coñecemos diversas investigacións sobre as opinións arredor da propia nación, sobre os estereotipos que se refiren aos «outros», mais todo isto baséase soamente en manifestacións verbais. Como se pode saber canta xente estaría hoxe disposta a sacrificarse pola propia nación sen esperar nada a cambio? Hai diferenzas entre nacións, neste punto? Canta xente descarta un traballo mellor pagado e marchar a outro país ou ao outro lado do océano, expatriarse, porque se estima mais ser útil á patria, á nación? E aínda se resulta que cada vez son máis os que marchan, sería unha proba da redución ou dun esvaecemento da identidade nacional? Neste terreo, a política da Unión europea semella claramente orientada a fomentar o brain-draining das nacións máis pequenas e pobres. Demasiadas preguntas, demasiadas inseguridades para fixar un pronunciamento claro sobre o futuro da nación.
Hai que traballar, xa que logo, con indicios indirectos, que nos permitirían en principio falar dunha debilitación da nationnes (R. Brubaker). Para concluírmos, mencionaremos algúns. O primeiro é o individualismo, promovido con moito pulo polo neoliberalismo: non existe a nación, tan só unha sociedade de individuos que optan e deciden libremente cada vez. A rational choice xoga un papel capital. O segundo é a falta de acontecementos vividos conxuntamente de maneira directa, que eran tan importantes na época «clásica»: o contacto, as relacións, teñen lugar agora por medio de Internet e sabemos que algúns movementos de protesta puideron xurdir por este camiño (mais con obxectivos, como se ve, de carácter negativo). Podería funcionar Internet tamén nun sentido de integración nacional? Como podería transformarse a percepción dunha realidade virtual en decisións e accións orientadas nacionalmente?
E en terceiro lugar, pódese observar unha desproporción moi grande entre a euforia de masas nacional e o sacrificio ou a dedicación individual en beneficio da nación. Proliferan as grandes celebracións dos éxitos deportivos nacionais, mais cantos palacios de deportes se construíron mediante doazóns e colectas de carácter nacional? Era así como no pasado se atendía ao financiamento de escolas ou teatros nacionais, e tamén a construción de monumentos nacionais.
E neste contexto hai que sinalar que a identidade nacional se apoia cada vez menos sobre a vivencia de comunidade de cultura. Son moitos os factores que inflúen: ausencia de materiais nacionais na cultura, fragmentación da cultura, substitución das vivencias persoais no terreo cultural por un medio tan impersoal como Internet, o afastamento dunha alta cultura exclusivista dos gustos das masas, que se converten cada vez máis en anacionais a través da americanización.

A MODO DE CONCLUSIÓN
1. Calquera manifestación a propósito da nación no século XXI debe ter presente as tres situacións nacionais diferenciadas: os vellos estados nacionais, as pequenas nacións e as nacións sen estado.
2. Non se pode confundir o fenómeno europeo da «nación» coa nación e o nacionalismo» extraeuropeos.
3. A nación europea e o «nacionalismo» (mellor dito: a identidade nacional) que vai aparellado ten diversas facetas e ámbitos de proxección, sendo os máis importantes o político, o económico, o cultural e o comunitario-solidario. Hai que ter moi presentes estas diferenciacións nas reflexións ligadas á valoración ética do «nacionalismo».
4. Mentres que os dous primeiros ámbitos de proxección –o da política e o da economía– foron no pasado, e aínda hoxe, maltratados e empregados como pretexto para loitas de poder e ansias posesivas, os outros dous constitúen o legado humanista da formación clásica das nacións en Europa.
5. Nin o nacionalismo político nin o económico están ameazados polas tendencias que marcan o século XXI. Moi ao contrario, as previsíbeis crises sociais e económicas determinarán a súa intensificación. Canta máis inseguridade hai na sociedade, máis forza de atracción toman as proclamas «en nome da nación».
6. En cambio, é precisamente o legado humanista da nación o que está, infelizmente, condenado a desaparecer se se afonda aínda máis no neoliberalismo triunfante e a mercantilización da cultura que implica. Esta tendencia está especialmente marcada alá onde as nacións estabelecidas desde hai moito tempo xa non necesitan da súa cultura para se autoafirmaren. En consecuencia, a cultura nacional perde non só o soporte político, senón tamén o soporte material dos poderosos.

En síntese, tamén no século XXI o «nacionalismo» será como o deus Xano, de dupla cara. Cal das dúas sobrevivirá? Do que expuxemos aquí derívase que as condicións relativamente máis favorábeis para a supervivencia ou o mantemento dos valores nacionais positivos (entendidos como cultura e solidariedade) se dan nos grupos e movementos de tipo nacional que se orientan aos valores culturais e solidarios da dimensión nacional: as nacións sen estado e, talvez, algunhas das pequenas nacións. Por outro lado, temos tamén en potencia a cara escura: podemos observar outros compoñentes nacionais mobilizadores alá onde as elites políticas –polos motivos que for– se consideran ameazadas ou desprazadas nas súas apetencias e pretensións de poder e, xa que logo, tocan o tambor nacionalista. Neste caso, porén, os valores positivos da dimensión nacional estarían máis ameazados que nunca.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *