Entrevista ao músico Pedro Lamas

Entrevista ao músico Pedro Lamas

0 comentários 🕔16:20, 08.Abr 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a música?

- Pedro Lamas: A música é para min un espazo emocional no que mergullarme, explorar, descubrir, xogar e mesmo afogar, pero do que sempre extraio unha experiencia persoal enriquecedora.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

- Pedro Lamas: Hai moitas perspectivas que conflúen e das que non sempre un é consciente, pero entendo a creación como unha necesidade natural que te impulsa na procura dalgo do que non estás plenamente seguro. O camiño que un percorre nesa busca é a verdadeira esencia da creación no meu caso.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou poderia ser- a relação entre a música e outras artes (literatura, artes plásticas, fotografia, etc.)?

- Pedro Lamas: Entendo toda manifestación artística como un vehículo de expresión susceptible de ser compartido desde diferentes puntos de vista, e por tanto non estimo fronteiras que delimiten o potencial de comunicación de calquera proposta que bote man de diferentes linguaxes, sexan coñecidas ou estean aínda por explorar.

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos?

- Pedro Lamas: Non sabería precisar. Son unha persoa moi curiosa e foron moitas as propostas creativas (musicais e non musicais) que dalgún xeito me puideron marcar na miña experiencia persoal. Como músico, non sempre é a música a fonte da que un espera extraer un motivo para expresar algo novo e por iso tento empaparme de todas as experiencias das que participo (activa ou pasivamente) nun sentido amplo.

- Palavra Comum: Que músicas/músicos reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?

- Pedro Lamas: Creo que é preciso reivindicar a figura de moitos músicos referenciais na transmisión do noso legado musical e que non son suficientemente coñecidos. Lamentablemente é un dos males dos que adoecemos habitualmente e que me produce unha grande tristeza. Hai apenas unhas semanas morreu Manuel Viqueira, outro dos grandes gaiteiros que deu a nosa terra, e do que sen dúbida non demos a conta necesaria.

- Palavra Comum: Que peso tem nos teus trabalhos a tradição musical galega?

- Pedro Lamas: A música tradicional de Galicia é a miña permanente fonte de inspiración. Tanto como intérprete ou como compositor é unha referencia ineludible e da que trato de aprender recorrentemente.

- Palavra Comum: Que aportou para a tua criatividade o trabalho com crianças? Conta-nos as tuas experiências nesse sentido?

- Pedro Lamas: Os nenos son un reflexo instantáneo da veracidade dunha mensaxe artística. Como mestre de música tradicional podo comprobar que a relación dos máis novos coa música está desprovista de moitos dos artificios dos que nos valemos no mundo adulto, e que en moitos casos tinguen unha determinada expresión dunha certa impostura. Esta idea fai que en moitos casos me cuestione a validez de determinadas propostas en que estou a traballar.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a música hoje?

- Pedro Lamas: A música debe recorrer todos os camiños posibles. Hai tantas músicas como músicos, tantos camiños como persoas dispostas a percorrelos. A sociedade non é inmutable e a música está ligada a ela. Non me atrevo a pronogsticar os seus derroteiros.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Pedro Lamas: Afortunadamente estou inmerso nun grande número de proxectos de xeito simultáneo, algo que me estimula enormemente. Cada proxecto debe ser significativo para min, e tento concentrar os meus esforzos coa perspectiva singular que cada un deles require, pero sempre coa máxima implicación. O proxecto actual sempre é o máis importante, pero a actualidade depende dos meses e ás veces mesmo da semana ou do día.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Pedro Lamas: Supón un punto de encontro para xente interesada noutros mundos presentes pero moitas veces alonxados das esferas cotiás. É un bálsamo contra a indiferenza.

Introito (Pedro Lamas para a Nova Galega de Danza). Interpretado en directo pola Orquestra de Jazz de Galicia o 15 de decembro de 2010 no Pazo da Ópera da Coruña.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *