Fragmento de <em>Feitizo de sangue (As Crónicas de Landereina)</em>, de Sabela González

Fragmento de Feitizo de sangue (As Crónicas de Landereina), de Sabela González

0 comentários 🕔15:00, 08.Abr 2015

A saga das Crónicas de Landereina está a piques de chegar ao seu fin. Estou a traballar no volume que pechará a triloxía e vimos de presentar, no mes de febreiro, a segunda parte, Feitizo de Sangue. Son moitos anos de traballo e é emocionante achegarse á fin, poder amosar a historia completa que levo tanto tempo rumiando nos miolos. Velaquí as primeiras liñas de Feitizo de Sangue:

Feitizo de Sangue – Capítulo 1: Valo amañar

“O son dos cascos do cabalo marcaba un sólido compás sobre o carreiro enlamado. Ao galope, Breihm avanzaba seguro e decidido, aferrado a aquelas rendas roubadas coas mans pálidas e coloradas ao mesmo tempo, con carraxe, con pena e, sobre todo, con présa. A pesar da súa enorme estatura, o home de roupas escuras e faciana desgastada cabalgaba con inesperada lixeireza a través do agoirento bosque, acirrando o seu improvisado corcel, non máis ca unha besta roubada unhas horas atrás mentres pastaba con tranquilidade nun prado veciño. Por un intre, Breihm pensara se deixar unha nota ou, se cadra, algúns cartos para compensar a perda do pobre labrego ao que pertencía, pero se algo era seguro era que non lle sobraba o tempo e preferiu pensar que, se o home o soubese, estaría orgulloso de que o seu animal formase parte dunha nobre misión.

SenSabela González ilustración moito éxito, Breihm intentaba convencerse de que o era. Unha misión nobre. Os seus miolos buscaban argumentos que sustentasen a nobreza dos seus actos mentres a vexetación se desfacía nun lóstrego verdecente ás beiras do camiño cara á ría de Urd, pero a dúbida e a culpa comíanlle o pescozo con forza e a cada pau seco que crebaba baixo os cascos do cabalo o seu corazón semellaba querer afogalo, castigalo polo que fixera. Aínda lle parecía ulir ao seu redor o carbón ardente en que se convertera a cabana dos seus amigos, queimada a mans daquela traidora á que agora, tarde de máis, coma sempre, pensou, arrepentíase de ter amado. Mesmo se xa era imposible albiscar a columna de fume tras as árbores e os neboeiros que ía deixando ás súas costas, o fogar de Cátaba e Bunm ardía xunto á praia e ardía na súa mente, na que repicaban as palabras de Cátaba unha e outra vez. “A miña filla está en perigo e ti valo amañar”, dixera, con tanta ira e tantas bágoas como lle cabían no corpo. “Valo amañar”, dixera, abrindo un oco profundo en Breihm, un oco que se encheu de medo mesturado coa culpa dun home covarde que agora intentaba, tarde de máis, coma sempre, desfacer o seu agravio.”

Son blogueira dende 2005. O proxecto comezou como O Café das Letras e co tempo foi mutando e orientándose de xeitos, se cadra, un pouco dispares. A día de hoxe, as cousiñas que vou creando e facendo teñen o seu lugar na Gramática de Corpos, remodelada nun dominio propio por aquelo de centralizar proxectos. Alí atoparedes proxectos de ilustración, coma estes e poemiñas e escritos, coma este.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *