Baleirado de novelas

Baleirado de novelas

0 comentários 🕔12:30, 15.Abr 2015

O baleirado de novelas consiste, simplemente, en coller unha novela e reproducir a primeira liña ou frase (até o primeiro punto, seguido ou á parte) e a última (liña), desde o último punto e seguido, ou inicio de frase, até o punto e final. O produto, curioso. No medio, a novela, boa ou mala, xenial, mediocre ou infumábel, que escribiu o autor. Na reprodución, un espazo en branco (ou con puntos entre parénteses ou corchetes) que cada lector pode encher ao seu gusto, coa novela que escribiu o autor ou a novela que el se imaxina, pode imaxinarse e, mesmo, pode escribir. Ás veces tamén un exercicio máis gozoso, e lúdico, que ler a novela que se baleira.

Velaí uns poucos exemplos, tirados de novelas galegas ou traducidas ao noso idioma.

STENDHAL (1783-1842), A CARTUXA DE PARMA, Vigo, Editorial Galaxia, 1996. Trad.: Germán Palacios.

O 11 de maio de 1796, o xeneral Bonaparte fixo a súa entrada en Milán ó mando daquel xove exército que acababa de pasar a ponte de Lodi, e de mostrarlle ó mundo que despois de tantos séculos César e Alexandre tiñan un sucesor.

[…………….]

As prisións de Parma estaban baleiras, o conde inmensamente rico, Ernesto V era adorado polos seus súbditos, que comparan o seu goberno ó dos grandes duques de Toscana.

________________________________________

GUSTAVE FLAUBERT (1821-1880), MADAME BOVARY, Vigo, Editorial Galaxia, 1994. Trad.: Antonio Pichel.

Estabamos no estudio cando entrou o director, seguido dun «novato» traxeado de festa e dun bedel que traía un pupitre.

[…………….]

Acababa de ser condecorado coa cruz de honra.

________________________________________

ANDRÉ GIDE (1869-1951). SINFONÍA PASTORAL, Vigo, Edicións Xerais, 1990. Trad.: Leandro García Bugarín.

A neve, que non deixou de caer desde hai tres días, impide o paso polos camiños.

[…………….]

Quixen chorar, pero sentía o meu corazón máis árido có deserto.

________________________________________

JAMES JOYCE (1882-1941). RETRATO DO ARTISTA ADOLESCENTE, Santiago, Edicións Laiovento, 1994. Trad.: Vicente Araguas.

Alá noutros tempos, e moi bos que eran, había unha vaca que facía mu baixando pola estrada, e esta vaca que facía mu e que baixaba pola estrada atopou un rapazoliño a quen dicían o neno da casa.

[…………….]

Devanceiro meu, antigo artífice, ampárame agora e sempre.

________________________________________

VICENTE RISCO (1884-1963). O PORCO DE PÉ, in Obras completas I, Vigo, Editorial Galaxia, 1995.

Na posguerra, don Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a alcalde.

[…………….]

A música emprincipiou outra tocata.

________________________________________

ALFONSO R. CASTELAO (1886-1950). OS DOUS DE SEMPRE, in Obras 1, Vigo, Editorial Galaxia, 1999.

A tía Ádega vive nunha casa pequerrecha, sempre ben encaleada, cunha balconeta de madeira, antre dúas fiestras xenelas e unha porta de dúas follas.

[…………….]

Era unha soia verba, escrita con letras grandes e mouras:

¡PROTESTO!

________________________________________

RAMÓN OTERO PEDRAYO (1888-1976). ARREDOR DE SI, Vigo, Editorial Galaxia, 1970. 2ª edición.

Nacía, ca mañán, a terra de Ávila.

[…………….]

Pois a Galicia tamén comeza a ser outravolta historia desque adeprendéu os camiños para atopar a súa conciencia e deixou de andar, como unha cega, arredor de si.

________________________________________

EDUARDO BLANCO AMOR (1897-1979). A ESMORGA, Buenos Aires, Editorial Citania, 1959.

Non señor, non lle foi eisí como está nese papel que leron, que os papeis teñen conta do que lle poñen enriba, anque non foi moito o que entendín.

[…………….]

Ó menos, esas eran as súas verbas.

________________________________________

CAMILO GONZÁLEZ SUÁREZ-LLANOS (1931-2008). COMO CALQUERA OUTRO DÍA, Vigo, Editorial Galaxia, 1962.

Daban as doce e media.

[…………….]

Era unha boa frase, díxose Anselmo.

________________________________________

XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN (1938). ARRABALDO DO NORTE, Vigo, Editorial Galaxia, 1964.

Diante miña hai unha fiestra, ou millor dito, un chinelo cadrado de carta e medio de lado, cun único cristal.

[…………….]

Eu vexo como ti fuxes e sei que non has voltar, e sei que as túas indagacións no arrabaldo do norte terminaron no fracaso.

________________________________________

XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ OCA (1942). A FUXIDA, Vigo, Edicións Xerais, 1980.

Metéranme nunha peza sórdida e estreita: Catro baldosas por catro era toda a extensión que podían abarcar os meus pasos.

[…………….]

Hoxe pecho as páxinas do meu manuscrito e séntome, no escuro deste cabozo, para nunca mais pensar.

________________________________________

LOIS DIÉGUEZ (1944). A CANCIÓN DO VAGAMUNDO, Santiago, Sotelo Blanco Edicións, 1986.

Din os de aí enriba que queren chocolate.

[…………….]

– Outra vez con iso, berraba carraxenta.

________________________________________

ALFREDO CONDE (1945). MEMORIA DE NOA, Vigo, Edicións Xerais, 1982.

Curiosa nación a que me deu a orixe e longo e deloirado camino que astra eiquí me trouxo, cheo de cancións dunha música que agora non recordo e abondosa aquela de lendas que non se poden contar se non é, precisamente, co obxecto da miña desmemoria.

[…………….]

Nunha hora ou quizais nun pouco mais fun levada á sala de partos; meu pai estaba alí e quixen que entrara comigo e alí estivo, falándome, secándome a suor cun pano e colléndome da man mentres eu, Noa, boto o meu fillo ó mundo.

________________________________________

FERMÍN BOUZA ÁLVAREZ (1946). MEMORIAS DO DIAÑO, A Coruña. Edicións do Rueiro, 1980.

O sol de outono achégase á fiestra, recela no cristal e pasa, desacougando ó tigre de papel, que é o gato, o bárbaro doméstico.

[…………….]

O gran cabrón.

________________________________________

VÍCTOR F. FREIXANES (1951). O ENXOVAL DA NOIVA, Vigo, Editorial Galaxia, 1988.

¡Tempo de Entroido!

[…………….]

Amén.

________________________________________

SUSO DE TORO (1956). CALZADOS LOLA, Vigo, Edicións Xerais, 1997.

Ah, non sabe ninguén canto me tarda o irme.

[…………….]

Se cadra era certo que aquilo que viramos no ceo pola noite era un sinal bo.

________________________________________

MANUEL RIVAS (1957). EN SALVAXE COMPAÑA, Vigo, Edicións Xerais, 1993.

Había trescentos corvos peiteados polo vento.

[…………….]

E de seguida ordenou con temeraria vontade: ¡A contravento!

________________________________________

XURXO SIERRA VELOSO (1969). LICOR DE ABELÁ CON XEO, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco Edicións, 2006.

O escritor Francisco Reboreda conduce o seu Seat Ibiza branco pola autovía A-52 a unha velocidade media de cento vinte quilómetros por hora.

[…………….]

Palmira comprende por fin o significado dun misterioso concepto do que falaba o seu defunto marido: a xustiza poética.

________________________________________

PEDRO FEIJÓO (1975). A MEMORIA DA CHOIVA, Vigo, Edicións Xerais, 2013.

Moitas foron as horas de soidade que botei en silencio baixo a choiva pensando en todas estas cousas, moitas as que pasaron antes de me poñer por vez primeira en pé, só e co coitelo na man.

[…………….]

En Barcelona.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *