Entrevista a Nando Lestón

Entrevista a Nando Lestón

1 comentário 🕔13:45, 15.Abr 2015

Esta é a torrencial entrevista do grande autor Nando Lestón, coluna de fogo que tomou forma humana em 1966 em Carnota, e segue iluminando as noites e os dias com toda a força da sua obra, enquanto bate o seu coração no centro dos sonhos.
Como se de uma onda luminosa se tratar, damos cabida a este diálogo onde as perguntas mergulharam nas respostas à procura de tesouros ocultos, agradecendo grandemente a generosidade do autor por partilhar conosco grande parte das suas navegações artísticas e vitais.

Gustaríame comezar e tamén rematar agradecendo a Ramiro Torres e aos seus compañeiros que puxesen en marcha esta revista dixital e que contasen comigo á hora de expresarme libremente, como debe ser ante todo neste territorio artístico no que outros galegos e eu tratamos de desenvolvernos.

Entendo pois que é este un espazo semellante ao das embaixadas, pequenos estados en calquera parte do mundo, soberanos e inviolables, illas no medio dun océano cabreado, e que intentan por enriba de todo ser libres e fieis á esencia do seu propio ser. A arte precisa dun espazo pero non ocupa lugar.

Ben, preguntarse que é a arte é coma preguntarse que é a vida; para onde imos, de onde vimos… pero penso, en realidade, que a estas alturas da historia do mono a case ninguén lle importa, excepto, loxicamente, e aínda así manteño algunhas reservas, aos artistas e a algunha xente inquieta. Acaso alguén se pregunta que é a medicina? A medicina ten como finalidade curar pero ante todo pon de manifesto que nos pomos enfermos, que somos fráxiles e que cos costumes adquiridos imos dereitos, dereitiños á enfermidade, e aínda así fumamos, bebemos, matamos, comemos merda empratada, palmeiras de chocolate, quilos de mochila escolar ó lombo, sapatos de taconaso: basicamente preferimos estar guapos que sans. Por iso a medicina que máis triunfa é a estética. Así que chegada esta estraña conclusión á perversidade da miña mente, pasarei por alto plantar unha sementiña no tema da saúde mental.

Acaso alguén coida que a xente vai pola vida observando que todo canto nos rodea é arte?

A arte para ser precisos está a estas alturas convertida na “puta do rei”.

Sen embargo, que é para min, que significado ten, é algo máis complexo e, aínda así, medra en min natural e espontaneamente, como unha fonte mana dunha rocha, abríndose paso dende as mesmas entrañas da terra; porque a auga vive na superficie e bebémola e lavamos con ela e vertemos nela, pero nace no fondo uterino da nai.

Así a arte nace fonda pero móstrase na superficie.

Na metáfora da auga encontro o significado pero non busco respostas, busco preguntas… As respostas, e muitas ao longo da historia, dánolas a filosofía.

Así que se alguén quer saber que é a arte que lea aos filósofos. Por outra banda, para encontrar as respostas hai que facerse as preguntas axeitadas, sen ánimo de mentirse.

MuitasNando Lestón Lobo de mar hostigado veces me preguntei por que Altamira supón, tantísimo tempo despois da súa creación, unha das obras de arte máis contemporáneas do mundo coñecido. Por que chegaron a afondar tanto naquela cova e traballar na escuridade. Vexo a Miguel Anxo, coa lus das candeas na Capela Sixtina, vexo a Barceló na súa interpretación das covas primixenias e vexo a distancia entre uns e outros co mesmo pensamento. As candeas son o lume e a lus do pensamento.

É pois a arte a lus do pensamento… nace por necesidade porque a palabra aínda non chegara ou non era dabondo ata que naciu a poesía e Gloria Fuertes e entón a palabra fíxose lus.

A arte é a pegada permanente da existencia, a forma perfecta como a célula, a condición ineludible para que exista algo menos banal que a propia existencia, a búsqueda da forma eterna cara o ser eterno, máis alá da vida cando esta non é mais que un bebé ou unha masa informe misturada coa terra que busca a súa derradeira forma.

A arte é o milagre do que non estaba e agora está.

A arte é unha manifestación elevada e refinada de comunicación humana, poderiamos vivir sen ela pero entón xa non seriamos seres humanos… seriamos outra cousa -e ó mellor tampouco non estaba mal.

A arte nace da imposibilidade do ser para ser posible e esta reverte todas as súas virtudes e coñecementos na sociedade ou grupo humano no que vive. É o grupo o que debe protexer a ese individuo porque ese individuo reverterá no grupo. Falo da arte, dos artistas. A arte é humana porque dubida, porque na dúbida reside a semente do acerto. Pero para iso hai que manifestarse sincero… sen prexuízos, non é este o lugar dos prexuízos… este é o territorio da incertidume. O mestre Cabanas ten falado de compoñer a partir do erro. A composición medra a partir, no meu caso, da primeira pincelada no branco, no frío e inestable branco que quer imperar sobre min a súa vacuidade. Mais eu, coma Cabanas, dou a pincelada errónea e constrúo toda a perfección da que son capaz de facer posible a partir dese “erro”, e pouco a pouco voume facendo coa verdade que vive en min.

Voltando ao símil coa medicina, podería deser que esta cura os corpos e a arte cura as almas. Pero incluso vai máis alá, porque posúe a liberdade perfecta, a de adentrarse en territorios decoñecidos sen medo ao espolio do público.

Hai uns cantos anos, nunha visita a Vigo, con motivo de estar organizando unha exposición, paseime pola Fundación Laxeiro para ver obra e reforzar un día máis a miña condición de artista “novo”. O estudo dos mestres fui mui importante no meu caso pois evidenciaba a través deles as miñas carencias técnicas, era un hostiazo de humildade que me situaba nun plano de mero continuador dun oficio no que tiña muito, pero muito que aprender. Miraba con ollo de lagarteiro as suaves e delicadas pinceladas, doces veladuras, tons carnosos, brancos imposibles, ceos mestizos, augas transparentes. Era capaz de pasarme horas mirando as mans pintadas dun aldeán, as roupas dunha campesiña ou a luz vidriosa dun ollo que miraba mais alá do cadro. Paseime media vida querendo parecerme ou posiblemente ser todos e cada un deses artistas que contemplaba e admiraba, e todo iso serviu para coñecer, mellorar, ser constante, curioso, implacable coa mediocridade, analítico, emocional, disparatado, vehemente no discurso artístico, valente… Todas as cualidades que se manifestaban nas pinturas e esculturas que estudaba. E un día atopeime comigo mesmo: xa non era ningún deles e era todos. A arte é a historia da arte, que é unha historia humana aparte. Ben, na Fundación Laxeiro atopeime fortuitamente co mestre Castillo (ao cal, por certo, lle adiquei anos máis tarde un cadro chamado ”Mártires da pintura”), que estaba montando a súa exposición, unha serie de pinturas e debuxos (debuxar é pintar pero con menos medios) magnífica. Unha das pezas da exposición era un vídeo no que se podía observar o proceso pictórico comezado dende un debuxo a carbón. Nel basicamente podía ver os trazos seguros da súa man ata que nun intre esta parou nun punto do lenzo, case todo el en branco aínda, e quedou suspendido sen ir para diante nin para atrás, sen separar a punta do carbón da tea. Despois duns segundos de “suspense” o trazo definiuse de novo con firmeza, longo e lixado pola materia que desprendiu o pau queimado. Eu quedeime pensando. Castillo quedou libre dunha xente que estaba falando con el e cando puden presenteime e pregunteille coa curiosidade dun inexperto, que era aquilo que acontecía cando a man paraba, como incerta, sen saber para onde ir.

- Ese xesto é a espera, a arte, un intre verdadedeiramente intuitivo onde a verdade se manifesta a pesar de min ou… de ti.- contestoume.
– Mestre, é que iso tamén me ten pasado e eu pensaba que non era máis que falta de seguridade ou pouca convicción.
– Nada máis lonxe, a arte ten a súa propia sala de espera, un lugar onde so estás ti. Se nese intre levantas o lapis é mellor que te adiques a outra cousa porque estás a punto de perder a oportunidade de ser ti mesmo, de marcar a diferenza de ser ti mesmo, e xa nada importa… nin Tiziano nin Goya nin Deus. Só ti.

Aínda Nando Lestón 20veñen comigo aquelas palabras, a todas partes veñen comigo. Aprender a crer en ti mesmo sen ser compracente cun mesmo. Porque a compracencia e o virtuosismo técnico semellan separados, pero son a mesma cousa sen a verdade pictórica, se non manifestan autenticidade, honestidade e beleza… calquera forma de beleza.

Pero se a min me preguntaran que é a arte eu diría:

Arte son as ondas do mar que rompen en fuliada, a humidade e soedade do bosque escuro, o intre no que o sol se pon e non o podo ver ata mañá e mañá chove, ese paso con graza irrepetible, o bico desesperado e eterno do que marcha, a mirada docemente panoca da miña filla, o salto do gato pretensado da mesa á cadeira, a escacharada sincera do bebé, a tenrura da enruga que non estaba onte, o berro do que chama por ti e ti estás detrás, mirando o berro, esa explosión, ese son que se esvaece invisible no aire que leva o teu nome.

Arte é a cadea de ADN que procurou a forma máis fermosa e sinxela.

Ben, en relación á creación cultural e artística eu separaría estas duas cuestións para, na miña opinión, non mesturar fabas con patacas. A cultura, tal como eu a entendo, vén sendo a “expresión per se” de calquera pobo, é deser… a cultura non é pensada senón que é transmitida, incorporando no seu paso ao longo da historia diferentes manifestacións das súas xentes, nas que as influencias do seu entorno inmediato son vitais. Así, a expresión cultural montañesa varía sustancialmente da expresión cultural mariñeira, aínda que por supervivencia teñan, loxicamente, confluencias.

A cultura é un contedor atemporal, camiña, incorpora, faise eco, transmite e aglutina todas e cada unha das experiencias dun colectivo humano. A experiencia artística é basicamente individual e é ese individuo “artista” o que incorpora elementos novidosos e ás veces cambios radicais á cultura masiva.

Ben é certo que o pouso cultural ten a súa influencia en artistas de tódalas épocas. No meu caso, por exemplo, direi que o meu territorio e a miña infancia son definitivos no meu pensar artístico… pero non me deixo atrapar pola miña cultura, porque, senón, me estancaría… a cultura é cultura porque progresa coas aportacións individuais e colectivas.

Podo deselo máis claro: cando aparece por exemplo a nasa coma xeito de “recolectar” marisco, todos os mariñeiros incorporan esta eficiente ferramenta e pasa a formar parte da “cultura” mariñeira ou do mar; sen embargo, eu incorporo a nasa ao pensamento artístico como elemento emocional e estético dando unha nova visión e utilidade a este “obxecto”. Estaba a nasa na cultura? Si, como elemento dun só uso. Fai un enfoque diferente dese obxecto unha nova aportación á cultura? Tamén.

Pode o Jazz existir sen Tete Montoliu? Si. Sae gañando o jazz coas aportacións de Tete? Contestade vós.

En definitiva, sen as aportacións individuais a cultura estáncase ou morre.

Nutrirse da cultura significa tamén enriquecela e, en ocasións, transformala. Picasso é o paradigma. Son pasos que se dan para diante humana e culturalmente e xa é imposible volver atrás.

Alguén de vez en cando dá un paso ou fai un movimento que involucra a unha parte da sociedade, e quizais neste intre globalizador tales movimentos dan paso a cambios globais que son definitivos, ben sexa unha guerra ou un teléfono móbil ou o trasplante de órganos; os cambios están dados e xa non hai volta de folla.

E para ser máis precisos neste tema de cultura e arte, direi que no caso de Beethoven, por exemplo, trátase dun artista músico; non cabe dúbida de que a música, como outras linguaxes artísticas, é unha manifestación cultural, pero dita manifestación pódese ver trocada polo individuo. Así, este poderoso artista influirá decisivamente na música que veña detrás: unha cousa é comer e outra alimentarse. A música é a comida e o nutriente ou alimento é BEETHOVEN.

A creación artística é fariña doutro muíño e ás veces obedece máis a unha contracultura (como é o meu caso) que á cultura vixente. Se alguén queima, eu constrúo e pinto; se alguén tira, eu recollo e transformo. Así que o meu proceso de creación artística baséase en buscarlle cinco pés ó gato e chega con que só llos vexa eu.

Existe Nando Lestón caracola(caixa de peixe)unha relación íntima e interna entre as diferentes manifestacións artísticas: todos son pai, nai e fill@s do mesmo pensamento. Declara Tete Montoliu que o feito de ler a Cortázar influiu decisivamente na súa obra e así poriamos muitos exemplos… musicalizar poesía como fixo Paco Ibáñez con Alberti, pintar música, etc. E non cabe dúbida de que muitos artistas estiveron implicados en cambios sociais e momentos definitivos da historia, aínda que muitas veces a súa retribución fui o exilio e un olvido programado polos poderes. Ao remate quedan algunhas esculturas olvidadas e cagadas polas gaivotas. Por iso o artista ou o intelectual é cada ves máis reticente á hora de dar a cara, pois tenden a deixalos “colgados” cando as cousas se poñen feas.

Pero, aínda así, esa implicación coas liberdades sociais e os dereitos é, en muitas ocasións, inherente ao artista, aínda que non en todos; menos mal.

O poder e a cultura non se levaron nunca ben e a prexudicada fui case sempre a segunda. Pero dende a observancia da sociedade civil isto importou ben pouco.

Fatiga falar de arte, pero nunca cansa faser arte, anque sexa para tocarlle a moral ao poder dos mediocres que non saben falar doutra cousa que non sexa como muda a economía cada cuarto de hora.

Matino en ocasións como comezou todo para manter a fidelidade. A música tiña paxaros, a arquitectura covas, a escultura a forma abstracta das rochas, a literatura da man do teatro, o cotián da convivencia; pero que pasou coa pintura e coa poesía. Por que contar a vida en silencio? E por que agora hai tanto ruído aí fóra? Pintar un bisonte… Para que… Maxia? Ao mellor só pintaban o que vían ou o que comían, porque esa é a historia da pintura. Costumismo e naturezas, vivas ou mortas. Pero por que aló no fondo do máis fondo… ao mellor por que chovía e borrábanse. Vai ti saber.

A resposta somos eu ou ti, que seguimos adiante con isto da pintura despois de miles de anos… algo terá, digo eu… algo de verdadeiro, de auténtico.. sen que medie o que pase na vida ó noso redor… só para diante, por necesidade, por deixar a pegada.

Na arte a esencia é a uva e o resultado é o viño.

Para ir rematando direi que o meu traballo mudou sustancialmente no verán de 2005 e 2006, cando queimaron as ladeiras do Monte Pindo, que nós coñecemos como Pedregal e o seu cumio, A Laxa da Moa.

BaixeiNando Lestón Lume vinte pinos queimados ata a cerna, esqueletos negros paralizados vitalmente nese intre de lume, e cuideinos, descasqueinos, pelei a súa casca, troncei pólas… e a madeira falou. A pintura virou tridimensional, rara, tribal e totémica; esquemática e primitiva no seu concepto… e fun felís. Aí naciu “Segunda pel”, exposta na Coruña e Santiago, e ía viaxar a outros lugares… pero chegaron os recortes.

Por iso xa non me sinto pintor amarrado ó lenzo, xa fun eu máis que nunca acariñando aquelas toradas que podrecerían no monte, e fun quen de tornar a morte en vida. O negro en cor. A madeira en pinoesculturas e o lume en amigo de novo, redimido daquel pecado. Xa non me considero só pintor, senón humilde compoñedor de cousas inservibles ó ollo, pero non á alma. Traballo nos tres habitares humanos, os bosques, os mares e as malditas cidades. Trato de salvar o inútil e trocalo en útil… arte útil. Porque o que diga que a arte é inútil é que realmente é un inútil.

Agora estou traballando en varas de camiñar… Dende o derradeiro lume limpo as ladeiras dun invasor e transfórmoo en compañeiro e amigo no que me apoio para andar camiño, onde me leve… sen présa, a paso de caracol. Espero e desexo que vexades a eses camiñantes coas miñas varas, unha a unha limpada e lixada. Pintada de cores ledas para deser… por aquí camiña xente que leva as varas do monte Pindo, dende O Cebreiro a Santiago… dende Santiago a Muxía e Fisterra, e dende a fin ou comezo, como se mire, a Roma, a Holanda, Alemaña, Francia. E gastarase a pintura coa chuvia e co sol e serán cada ves máis fermosas. O que levan en realidade é lume, e ese nin se gasta nin se apaga,porque está dentro, fondo.

HaiNando Lestón Árbore das chuches tempo entón, collín o meu territorio como campo de traballo. Quixera, como César Manrique, colaborar no seu desocultamento, pois Carnota tápase pouco a pouco de abandono e precisa dunha idea para camiñar cara un futuro certo. Carnota está pero non é. A viva expresión dunha estampa perfecta mingua. As paredes e correduiras do entramado carnotán son silveiras que ningún encantamento vai desfacer; é traballo de mulleres e homes dotar de nova contemporaneidade a súa presenza no mundo… Dóeme tanto que levei á miña filla para ser un máis, non un menos. Vexo sen maior asomo de compaixón como os modelos urbanos son trasladados ao rural galego, despoxándoo da súa identidade. Vexo bancos finamente deseñados e tallados en pedra, con aristas e ángulos puntiagudos, ferintes á paisaxe. Como non compadecerme deles, se son orfos nunha paisaxe suave e redondeada. Como non darse conta de que a nosa praia e o Monte Pindo son curvas invertidas que transitan mainiñas cara a Costa da Morte.

Pero a xente da cidade quer esa estampa de ficción de autenticidade, sentirse auténtico nun mundo ficticio, pero sen mollar man… mentres os pastores da vida cuidan de todo ata o próximo verán… Non vexo que veñades coller o lixo que tirades ao mar, pero queredes quitalo da vosa vista. Defendo a arte e a utilidade do pensamento artístico no rural… porque non todo son cruceiros, nin muíños nin cabaseiras… patrimonio abandonado por Patrimonio. Vergoña vos había de dar.

Remato como comecei, agradecendo infinitamente a Palavra Komum, ao meu compañeiro Ramiro e aos seus compañeiros que se afanan por manternos vivos e xuntos… Sempre vos leo aínda que eu sexa lento como un caracol. Ata sempre.

NOTA: todas as fotografias que acompanham a entrevista pertencem ao autor e à sua obra.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

1 comentário

  1. 🕔 23:07, 15.Abr 2015

    Nando leston

    Jracias.Maaaaaiiiiissss maaaassssaaaaaaaaaaaa

    Responder comentário

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *