<em>Vilareda</em> (I), por Xosé de Cea

Vilareda (I), por Xosé de Cea

0 comentários 🕔13:30, 15.Abr 2015

Começamos a publicação semanal do poemário Vilareda, de Xosé de Cea. Agradecemos ao autor que tenha escolhido a Palavra Comum para dar a luz este livro inédito.

PRÓLOGO

Xosé Vázquez Pintor
Setembro 2012

“Un lóstrego. A definición máis oportuna. A voz do profundo. En breve. En sempre. Recibín o libro aínda inédito e xa me sabe para moito tempo, coma un doce que se molla nas ulideiras, dende todas as distancias. Vilareda é a palabra dos bagazos que dan poesía de noso, sentida, autente; grafada na memoria; posuída dos adentros.
Sentín ese fulgor, esa inxesta de memoria que non resiste sen dar fe. Xosé de Cea soubo labrar un poemario fermoso e útil nos refachos que mellor acaen nestas horas de densos saramagos.
A toponimia de Rumín, Mourices… “con tanta memoria confinada / en cincuenta ferrados / …en cincuenta xeracións podrecendo na terra. / Tanto sedimento acumulado / ter por raíces / unha foxa común”.
E a avoa Filomena: “…daquel día, / canda neno, / en que te vin espida, / coa melena ceiba, / inmensa / acariciando as cadeiras / que romperon augas / sobre a herba dos prados. / Así te lembro: / verdadeira, / indómita, libre. / So ti / e non aquela”.
E avó Francisco: “Na prata mortecida / do seu reloxo de peto…/ “En paz descansen”. “Se algún día te deixas caer / pola igrexa de Vilareda / mira onde pisas, / non vaia ser que tripes / a pouca memoria que nos queda./
No paraceo seguen as pegadas en ben xuntas de NaiPai (HerminiaAndrés). Eses rostros que son couto de universos de cadaquén quen máis de noso e para sempre amor. Velaí o fillo herdeiro dando voces, xeito, cariño e obra feita na Lingua que resiste, que resucita, que perdura porque, coma en séculos, “Sempre foron mans de muller / as que amasaron con tacto leitoso / a cadencia insomne do sangue”.
E o padal da TerraMar (en xunto), que tanto nos ocupa, resiste á par dos séculos: “porque a Nocilla / non daba disimulado / o beixo totalitario / do pan centeo”.
Lonxe e perto. A emoción pode. A tribo está.”

***

en Vilareda gurgulla un murmurio de lagoas abolidas, de cinzas afogadas en salmoira, o lixiviado de quen naceu cos ollos enterrados en vida, cunha bostela de terra neses ollos desterrados da vida

en Vilareda; pouco máis deixou esa terra exterminadora de limos que un feixe insurrecto de luzadas estivais -ás veces lle asubío desesperanzadas melodías, coma quen trata de domesticar a voraz indolencia dun lobicán, a voraz tristeza dun can de palleiro

en Vilareda; os palleiros, os curutos apromados de traballo comunal ata as alturas máis voluptuosas, de cotío reverberadas co tremor de inaprensibles avelaíñas, atarefadas en trazar raiolas de palpitar humano, de fragrante, mística suor, comechón dun farelo ubicuo que incita a reclamar auga do pozo

en Vilareda; un pozo do que extraer esa auga tan subterránea, tan mineral, pero resurxente, taquígrafa do laio carricento, ludroso, das pedras, un só pretende que lle insuflen certa hidropisía en aurículas e ventrículos, forzar un latexo inmorredoiro, manchar de cotián o misterio da resurrección

en Vilareda; porque se a El lle abondou o po da terra e un sopro, que alento non haberá nestes espectros en corozas de lama, que alento non haberá para avivecer o núcleo incandescente dos derradeiros remoles acantonados diante do brutal asedio da borralla

en Vilareda; e danos igual a vasteza das hordas: temos trepias, gramalleiras, musculados foles, arquitectos erguendo planos da única torre posible, unha esqueira de costelas soñadoras, dormentes, punto de fuga e luz, incenso vertical para exhalar os nosos anceios

en Vilareda; e si, tamén temos o callo que fermentará en sólido nutricio o desamparo das estrelas, riremos cos seus brúos ledos, pero custodiamos un aceno adusto para desenmascarar o simulacro das constelacións –ceo, inferno, caerán baixo o mesmo esquecemento que eles mesmos nos quixeron infrinxir a nós

en Vilareda; o esquecemento en Vilareda, lagoas abolidas en terra enterradora, sen máis valedor que este ouveo mestizo, aferrados á vibración húmida das lembranzas, e non contamos marabillarnos diante do milagre, non con estes beizos que só claman pola xustiza do perenne, sabemos que toda combustión ten un fin, unha fin, pero estas mans han moldear a cumprida satisfacción de ambos, de ambas, un queixo incorruptible nesta ámboa de barro que nos alimentará polos séculos dos séculos a

nós

en Vilareda.

I

TOPOS

Les eaux immobiles évoquent les morts, parce que les eaux mortes sont des eaux dormantes(1)

Gaston Bachelard

Para as almas é morte converterse en auga, para a auga é morte converterse en terra. Pero da terra nace a auga e da auga a alma

Heráclito

Sei do silencio escuro, fiel e mesto
que agurgulla do fondo da Lagoa:
un salouco longo e subacuático
feito de lama mol e inconsistente
como o fume calado da lembranza

Manuel María

Heráclito dixo:
cando as almas morren
vólvense auga,
e morre a auga
cando se volve terra.

Daquela,
cando enterramos unha lagoa
estamos a matar á morte.

E se da terra
nace a auga,
e da auga,
as almas,
(fragmento 39 de Heráclito)
sempre que matamos á morte
creamos vida,

coma se neste trolleiro
que nos engule
couber a mínima esperanza
de sermos fonte.

Rumín, Puricelas

Os meus recordos
teñen por nome
Rumín,
Puricelas.
As vacacións estivais
daquel neno criado en Barcelona
botando pestes
por bañarse nunha tina,
polos tres quilómetros
ata o único váter posible,
porque a Nocilla
non daba disimulado
o beixo totalitario
do pan centeo.

Quen me ía dicir,
trinta anos despois,
esta busca con inútil desespero,
tanta borralla
e ningún anaco de raíz viva,
nada para termar
dun triste espantallo
que teima en ler,
analfabeto de nostalxia,
nos trazos deixados
polas aves migratorias
nesta leira erma
empozada
de invernos.

Padrón

Pertenzo a unha tribo
cuxa memoria estiña
en vizosos fentais
abafantemente barrocos,
abafantemente arames retortos
canda a ferruxe do inverno.
Cadea perpetua de inverno
para a memoria da miña tribo
nesta chousa de Padrón
entre Rumín e Mourices,
Vilareda,
Palas de Rei,
disque Galiza,
con tanta memoria confinada
en cincuenta ferrados
como tanto esquezo hai
en cincuenta xeracións
podrecendo na terra,
en tanta terra
como a que houbo que arrastrar
no pulso botado contra a lagoa,
mai cos seus brazos de nena na terra,
rastros e rastros
de terra arrastrada
con enterradora paciencia de bois
e soños de braña en verde brama;
e tamén pai cos seus brazos de neno
baixando a maza coma un raio
para fender pedra na canteira,
tres pesetas a hora,
oito horas ao día,
mellor que coidar ovellas.
Tanta pedra e tanta terra cumpriron
para enterrar a memoria morta
dos meus devanceiros
que só herdei
a danza do trigo
coa cadencia lenta
das aves migratorias en bandada,
a bendición dos alimentos
baixo a protección do souto,
e un achado:
a conciencia ule
como a terra mollada trala choiva,
ese ir aos bosques
para non descubrir ao morrer que non vivira (2)
e, en definitiva, que
o que sabe non fala
e o que fala non sabe
(3) .

Para que, entón, cavar máis
nestes cincuenta ferrados
de memoria esponxiforme
crucificada de asfalto
e liñas de alta tensión,
na braña
baixo a sombría tristeza dos chopos,
no foxo a xestas
da esgotada canteira,
na leira empalada de piñeiros,
no arume a relar
interminablemente
os farrapos
da nosa saga?

A Lagoa de David

Encho os pulmóns de terra.
Cómpreme toda a terra,
que me valla a terra
ata o máis profundo
da Lagoa de David,
que me valla a terra
tras violar o seu hime
custodio de segredos,
o seu hime de lidro
e follas podrecidas de ameneiro.

Inmune aos velenos inoculados na infancia:
serpes aladas,
sapos e píntegas,
vacas trolladas,
encoros microscópicos de náusea
dos que non acho rastro
nestes sedimentos
de lama e desmemoria.

Máis ben
unhas mans bretemosas
condensadas no limo.
As mans de David,
o da lagoa.
Esas mesmas mans
que mataran a un home.

Aquela morte,
todas as mortes,
a morte,
caeron nun paciente mergullo de omisión:
descompuxéronse en lívido estrume
para que ninguén
puidese xuntar
as sílabas
do innomeable.

Dixeron:
ecosistema,
humidal,
hábitat,
atentado contra a natureza.
Pero ninguén deu xuntado
as sílabas precisas.
E os que as sabiamos pronunciar,
quen as mantiñamos enmudecidas
nos máis fondos estratos da lagoa,
mutilamos a nosa lingua,
9afogamos a nosa gorxa
no estrondo
do primeiro remolque de terra.
Un tras outro,
sepultaron aquel latexo podre
baixo a complicidade
da nosa expectación.

Cumpríanos saber
se o peso de tanta terra
levaba canda si
algún indicio
redentor.

Belesar

O progreso
tivo a forma
dunha degoladura
de chapapote quente
no eido de Padrón,
dunha hemorraxia
pola que transitaron,
coa lentitude do cancro,
convois cargados de xigantescas turbinas,
toneladas de cemento

para coutar un río

o río

en Belesar.

E velaí que domearon as augas.
Enclaustradas nun curro,
obrigáronas a mover rodas
coma hámsteres parvos.
Só unha coartada
para asasinar
impunes
o sermos
río,
para perpetrar
un bretemoso holocausto
sobre aldeas mergulladas
en ácido de espanto,
desfeitas nun limo terminal
que foxe
inaprensible
entre os dedos.

Tanto sedimento acumulado,

ter por raíces
unha fosa común.

Camiño

Hai un camiño
en Vilareda
no que desembocan
todos os camiños.
O seu tramo final,
tras superar as casas de Moredo e Farruco,
transcorre despexado,
entre leiras,
ata chegar á igrexa,
ao cemiterio.

Deu igual
que esgrimisen ousadía
ou pacesen a vida
con herbosa resignación,
tanto deron
apostasía ou beatitude,
os meus fixeron
deste camiño
a súa derradeira viaxe.

Un cruceiro no adro,
xusto antes da aperta coa terra,
advertiulles que,
alén,
trala espesura de soutos e fragas,
o camiño seguía
para confluír
coa Lagoa de David,

coa enterrada
Lagoa de David.

NOTAS
(1)As augas quedas evocan os mortos, porque as augas mortas son augas dormentes”.
(2) Thoreau.
(3) Lao Zi.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *