A man

A man

0 comentários 🕔13:40, 22.Abr 2015

De como empezou esta historia, créanme, non sabería dicilo. Pode que comezase en metade do meu sono, aínda que lles podo asegurar que neses momentos estaba eu ben esperto. Si, foi unha luzada, un lampo, o que de súpeto me fixo abrir os ollos… Digamos que foi máis ben unha premonición… Sentino no corpo… Axitoume os sentidos… Moi inquieto, empecei a suar frío… E o corazón batíame coma un tambor desaforado na caixa do peito… Entón, ao reflexo desa luz violenta, que iluminou con brillos sinistros os escuros recunchos da alcoba, vin aquela man… Colgada do aire estaba… Créanme, teñen que crerme! Era unha man! Unha man rota, decateime ao momento, pois nin sequera tiña puño… E cos dedos apertaba, apertaba moito un coitelo ensanguentado… Sen soltalo, íase achegando, achegando amodiño a min, ao tempo que deixaba un ronsel vermello polo cuarto… Si, era só unha man.. Unha man pálida, inquietante… Tratábase dun pesadelo? Podía ser… Mais non, señores! Asegúrolles que aquilo era unha man… Unha verdadeira man de carne e óso… Como a miña… Vina con toda claridade, igual que vexo agora, coa luz que inunda esta sala, a todos vostedes, señorías. Mais volvendo ao rarísimo suceso que me trouxo ata aquí… Pechei con forza os ollos, crendo que a man ía desaparecer… Cando os volvín abrir, ela seguía alí… Avanzaba, movíase cara a min, guiada por un propósito… Mandaba… Detrás da man, xúroo polo máis sagrado, non había corpo ningún… Pode algún de vostedes pensar que a unha man saída da nada, que navega, digamos polo aire, a guíe unha humana e sinistra intención? Pois daquela man, de seguida, percateime, si!! Se cadra aparecéuseme por mandato do diaño, quen, despois de todo, nunca descansa e, aínda que non o pareza, vén sendo do máis humano que existe… E por riba, créanme!, a man aquela tiña voz… Dicía cousas que non entendín; xúroo!! Teño por certo, que era cousa de bruxaría… A man falaba por mediación do demo… Con aquela xerga estraña botouse a min… Non sei como pasou… Puxo o coitelo, eu non quería collelo, xuro que non, non quería! Púxoo teimuda na miña man… Sen querelo agarreino… A folla estaba tinxida de vermello… O sangue, que aínda pingaba, manchou a colcha, as sabas, púxome perdido… Entón erguinme asustado e, co coitelo na man, que por máis que o intentei, non podía soltalo, non, non podía…, corrín ao cuarto dos cativos… Corrín… Corrín… Eu non fixen nada, xúroo! Xa estaba todo feito… Eu non fixen nada máis que berrar, berrar con desespero, cando vin aquilo…

Sobre o autor / a autora

Chelo Suárez

Chelo Suárez

O mellor don con que fun bendicida ao nacer foi cunha sede infinita de libros. O gusto por respiralos e lelos, tan pronto aprendín a ler. Poeta e narradora, dedícome a crear universos que conxugan o realismo e a maxia.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *