<em>Tertúlia revisitada</em> (e XII)

Tertúlia revisitada (e XII)

0 comentários 🕔13:00, 22.Abr 2015

Revisión de Tertúlia, de Xoán Castro,

editada por Xavier Alcalá

a partir dos documentos orixinais do autor

Epílogo de Tertúlia revisitada,

No que Joán Castro Méndez documenta veleidades e misérias que moven a críticos literários e jurados de concursos

Para: ferminx47@yahoo.com Enviado: terza 22/1/2014 20:21

CC:

Asunto: Aventuras argentinas, Tertúlia e babas (malas) galegas

Boa noite, camarada. Non vai tardar a Ana en vir dicir-me que pare de lle dar ás teclas, que ja son horas de irmos para a cama; pero necesito escribir-che.

Ja estou de volta de Buenos Aires, malia que o avión se parou no medio da pista de Ezeiza cando o piloto lle ia dar gas. O home pediu desculpas e dijo que logo os mecánicos ian resetear (sic) o aparello e seguiamos. Ainda ben que non houbo que resetea-lo a 10.000 metros de altura… O caso é que perdín case un dia e por iso tardei en responder-che.

Estiven co Tommy, que che manda memórias. Fomos á estáncia onde fai o procesado completo da carne “ecológica” e deu-nos tempo a falar dabondo ollando para unha lagoa, fumando e mateando. Contou-me como lle roubaron a empresa de supermercados de carne, a punta de pistola.

A intriga é-che moi longa, pero resumo: “manifestantes” (pagos) asaltaron-lle oitenta supermercados en canto a policía ollaba a pillage sen intervir. Como o chefe de seguranza da empresa se moveu moito logo do ataque, raptaron-lle a muller e devolveron-lla coas mamilas cortadas. Ese foi o primeiro aviso de que ian polo Tommy e os sócios “gringos”.

Despois o sindicato dos camioneiros pujo-se a impedir que funcionase a logística e aí a empresa comezou a ir a pique. Daquela é cando o grande político que manejaba os fios chamou a capítulo.

Citou-nos (ao Tommy e ao director geral) nun dia de moita calor. Apareceron vestidos como creron que cumpria, con “remera” de manga curta, e os gardas figeron-lles pór unhas gravatas sobadas para entraren na sala onde os esperaba o chefe dos ladróns. Seica reina nun ministério do tempo do Perón, estilo fascista, todo grande e sólido. Alí, o Alí-Babá, ben trajeado, recibiu-nos con música gregoriana a encher un espazo decorado con estampiñas de todos os santos, os oficiais e os populares. ¡E cun revólver enriba da mesa!

Pensaban que lles ia pedir coima, e que cun millón de dólares saldarian a cousa, pero non: queria todo, “todo para el pueblo”. Tiñan que lle “transferir” a cadea de boutiques da carne a un fondo de investimentos “popular”. Non tragaron e un dia presentaron-se-lles nas oficinas da empresa uns pistoleiros cos documentos de transferéncia preparados, e obrigaron o Tommy a asinar, si ou si.

O fondo de investimento beneficiário só existiu para recibir a empresa e volve-la vender, a unha multinacional de alimentación barata. O Tommy calcula que o roubado se venderia por uns cincuenta millóns de dólares. Roubaron-lle quince anos de esforzos; pero el e os directivos da compañia, e as súas famílias, están vivos. Só se encarnizaron coa pobre da muller do director de seguranza.

En fin: un país bravo, canalla, onde a vida vale distintamente que nas nosas terriñas vellas e pobres. Un país cheo de mitos, onde gaña adeptos o culto ao Gauchito Gil, que, antes de ser degolado, lle dijo ao seu verdugo que o fillo lle ia enfermar, pero que lle rezase a el, que llo salvaria.

Agora ten santuariños pequerrechos ata nas estradas máis duras da Patagónia. Naquelas terras nuas, naqueles desertos durísimos, bandeirolas e casetiñas vermellas marcan lugares onde pararen os devotos a pedir grazas ao mártir gaucho e deixar-lle ofrendas de tabaco e viño….

Os meus colegas patagónicos están dispostos a entrar no projecto paralelo ao voso. Ora, insisten no do motor de explosión de hidrógeno. Non queren saber da células catalíticas. Pola nosa parte non hai inconveniente, ainda que vejamos a tendéncia ianqui moi cara ás células de conversión. Vós facede as vosas investigacións e seguimos co asunto.

A “capital do petróleo” –e do vento– recibe coma sempre, facendo que o avión pousado se agite sobre a pista por culpa dos refachos. Nada máis saír del un sabe-se nun mundo de aventuras, nun espazo de poeira, aire furioso, gente e animais raros. Traio material para outro novelón, desta volta sobre o “merengue” no que alí se meteron os galegos (franquistas ou non) e os alemáns (case todos nazis) entre 1935 e 1945. Ja vejo unha espécie de ópera do petróleo e o vento, con galeguiños arrimados aos que pensaban que ian gañar a guerra. As intrigas foron brutais, tendo en conta que as tres grandes petroleiras da época eran a alemá, a inglesa a e a holandesa.

Ja poucos galegos vellos van quedando, pero algún lembra os protagonistas de ‘Os catro jinetes do apocalipse’ en versión patagónica. A relación amarga entre alemáns, ingleses e holandeses seguiu moitos anos naquelas parages inhóspitas. Deron-me fotos dun sósias do Hitler. Seica ata os estertores do III Reich todos os alemáns se disfrazaban de caqui e andaban co brazo en alto desfilando diante do home, realmente moi parecido…

Ben. Falamos. Chamo-te e imos tratando do fundamental, o projecto, a joint-venture galaico-ianqui con argentinos ao fondo. Seria incrible que, despois de tantos anos, volvésemos coincidir en algo ilusionante. Ainda máis incriblemente delicioso se andarmos juntos polas “paisages eternas” –como lles chamaba Darwin– da fin do mundo austral…

Agora vaiamos ao que me dis da “novela fraccionária”:

Moi agradecido pola localización de grallas e a sugestión de cámbios a cursiva. Con todo, prefiro aceptar no galego, por exemplo, ‘jacaré’ ou ‘caboclo’ a marca-los como alleos ao código básico. O lector logo integra esas palabras pois resulta evidente polo contexto que se fala de caimáns e mestizos.

Canto ao do “território selvático inventado” que dis, ja sabes que ódio cousas como “Región” ou “Brétema” (nome bretemoso de lugar polo que seica se pelejaron dous vates galegos).

Observa que nunca nomeo os lugares maiores que se poidan identificar, nin fago unha descrición regional que obrigue a compara-la coas que aparecen nos mapas. Como moito, arrisco en “Serrinha” mais ese é topónimo que convive con outros do mesmo lugar nunca mencionados (mando-che ligazón).

E respecto aos das aldeas con nome de santo, abonda con andar por eses mundos e ver o que figeron os misioneiros. Tanto ten Santa Isabel coma Santa Irene ou Santa Apolónia. Primeiro habia un nome indígena, despois o que lle pugeron os cregos e, en moitos casos, un terceiro nome laico, estadual.

Ja hai moito que nas novelas evito os nomes de poboacións… ou os deixo ben claros. Nada de solucións intermedias nin de invencións, de Vetustas nin de Marinedas. Ou non ou si. Esta cidade miña –e tua, por moi emigrante que sejas– non parece mencionada en todo o texto, mais por iso non deixa de ser identificable cun pequeno esforzo de pesquisa.

Finalmente, desenterro dos arquivos unha mostra de capacidade crítica, e profunda visión de futuro, dun personage hai tempo desaparecido do Impaís Levitante ao que supoño que lembras. Pasaron trinta anos desde que tivo a visión sobre ‘o abrigo do sol’. Seica agora anda por Barcelona, e non ten cancha máis que nunha publicacionciña digital.

Se cadra, un dia mando-lle extracto de vendas de ‘O abrigo do sol’ na primeira versión, novela que “aburre” segundo el.

Pasa-o ben e non deixes de mover o projecto. Necesito ver-te e tocar-che, hóstia.

——————-Desde a soleira (Xulio de 1985) ——————-

X. M. Dacosta

A tertúlia de Xoán Castro

Nos últimos meses do pasado 1984 levantouse moita expectación sobre unha novela que parecía destinada a fracasar concurso tras concurso, cun empeño do autor que non debe saber iso de que “nunca segundas versións foron boas”. Corrían as fotocopias do texto e –cómpre recoñecelo–, lendo diferentes anacos do mesmo, un imaxinaba algo impactante, tecido con altas doses de iconoclastia e descaro. Mais, lida xa a obra completa, Tertúlia, pode haber mudanzas de opinión.

A obra de Xoán Castro foi finalista do premio de Edicións Totais pero acabou sendo publicada –con exquisito coidado– por un editor emerxente no panorama literario do país: Cotelo Arbo. Falouse de diñeiro, dun xeneroso adianto, do morbo que pode levar ás boas vendas, e agora, co libro na man, chega a sospeita de que o consello editorial do Cotelo non acertou.

Tertúlia é un exercicio de vontade ao que non acompaña o talento. Castro tenta mostrar unha historia de escritores e obras de xeito fraccionario, con textos que logo o lector vai unindo sen precisar de axuda. Corre nos primeiros anos da Transición, hai unha tertulia e un pequeno grupo de literatos que sobreviven nun ambientiño provinciano, parroquial se cadra, con mínimos logros e alegrías pequeneiras, temendo cambadelas doutros e mesmo deles, que se din amigos. Un premio de contía importante serve de catalizador para unha reacción común a todos os tertulianos: ás caladas preparan obra para competir.

Como diciamos, hai vontade narrativa, e sinceras pancadas aos clans que administran os loureiros, vacas sagradas e “cuxos sagrados”. Mais o resultado é mediocre. Ou os resultados, pois o texto ten dous relatos, o da vida cotiá do autor que está a realizar un plaxio e o da novela plaxiada.

No primeiro, Xoán Castro Méndez retrátase abertamente, e retrata persoas que converte en personaxes a penas con mudarlles os nomes. Non se lle poden negar retallos de texto moi ben realizados, con notables riscos de humor; mais con frecuencia desaproveita o momento do sarcasmo ou da tenrura, ou da mestura de ambos. Castro é frío, notarial, científico.

No segundo relato, a “novela interior” tampouco sobra emoción, nin emotividade. Hai demasiada descrición, ao estilo dos tempos en que o cine nin se soñaba; e sobra discurso, pensamento de personaxes. Querendo ser unha novela de aventuras, carece de acción e axilidade, as propias do xénero. Nalgún intre, aburre. Induce a facer como coas novelas de Verne, pasar páxinas descritivas.

Con todo, convén recoller palabras dunha das persoas reais que Castro Méndez converte en personaxe: “uns escriben ensaios e outros, novelas”.

Se cadra, o camiño escollido polo autor de Tertúlia é tan válido coma o do alegato formal contra os que viven comodamente instalados no inmobilismo, fachendosos e orgullosos, dispostos a repartiren prebendas a quen os obedeza. Aínda así, é unha pena que o esforzo do novelista, neste caso, non o levase ata un obxectivo necesario. O seu discurso novelístico, arriscado, valente, resulta por veces de difícil lectura.

Para: ferminx47@yahoo.com Enviado: quinta 30/1/2014 01:42

CC:

Asunto: Miscelánea en horas cansadas

A min tamén me sorprendeu que o TIME escollese o papa sudaca como figura mundial do ano. Estou contigo, non sei o que o Bergoglio lle dá a esa revista… Ora, no número seguinte ¡como lle zorregan ao crego porteño os lectores!

O tano Bergoglio é-che un demagogo por definición, e volvemos ao de sempre: non se pode ser honrado alimentando unha mentira inmensa coma a da religión. Quen puidera entrar na mente dos cregos máximos para tentar entende-los. ¿É que non perciben a sua falsidade? ¿Como se atreven a insistir en que a gente ten que “crer” en algo? O problema da Humanidade non é crer en Cristo ou en Mahoma: é crer. Crer é algo indecente, inmoral, contrario á ética humanista.

Onte volvín ao do Foro do Envellecemento Activo e á saída fun tomar uns grolos co Meiriño (un dos poucos de nós que ten netos en proporción normal). O tipo é admirable pola serenidade coa que encara a puta existéncia. Insiste en que a vida ten razón per se, sen necesidade de inventos de deus e demais tolerias (que el chama “antigüidades”).

Comentamos a nova de que os astrónomos franceses están a estudar un choque de estrelas a moitos millóns de anos-luz, e acabamos coincidindo en que un caradura coma o Bergoglio sabe tan ben coma nós que o cerebro humano non está desenvolvido dabondo como para que lle caiba o Universo dentro. Por iso acepta o conto da Máquina Divina…

En fin, falando de cerebros:

O Avelino convenceu-me para facer unha revisión geral, con genómica e todo o quincallo. Figen-na e, polos resultados ja sei que, salvo accidente maior, vou morrer de derrame cerebral sen pasar por demencia senil: ¡olla que linda cousa!

Tamén sei que teño unha capa dun centímetro de profundidade de masa cerebral morta (ve-se moi clara na tomografia), pero que non me teño que preocupar porque me sobran billóns de neuronas. A seguir, teño acúfenos, sinusite crónica, os tendóns dos ombros esmendrellados, hérnia de hiato, fígado graso, un quiste nun ril e unha boa pedra noutro, divertículos no intestino groso e hemorroides internas… pero andan-me ben o corazón, os brónquios e os pulmóns. Non entran na lista os ósos rotos e compostos, do brazo e da perna.

Gastei os cartos para ter un mapa das eivas que un debe tratar de conservar como están, evitando que vaian a peor. O Avelino –agora metido a forense– resume que o organismo humano non está preparado para funcionar ben alén dos cincuenta anos.

Vivamos logo avaramente, escribamos a cotio os que temos ainda moito por contar…

Outra cousa: a fin de ‘O Abrigo do Sol’.

Paciéncia, ho, que a nosa protagonista che ten que dar unha sorpresa no epílogo. Eu non imaginaba o que ia ela decidir ata que chegamos ao final do percurso.

Volvendo ao que tantas veces temos falado, os lectores pensades que os narradores sabemos todo o que lles vai pasar aos nosos personages, pero non é así: as neuronas que nos van ficando vivas ja se conectan entre elas de maneira que descubren as aleatoriedades dos seres da novela. Deixa-me repousar o epílogo un par de dias, para lle facer as correccións de forma que me pareceren máis interesantes e, daquela, ja cho mando.

E deixa-me tamén que che fixe a miña postura fronte ao Chuco Eiras, que tanto te impresionou co seu artigo no Post.

En primeiro lugar, “o escritor galego máis internacional” non escribe en inglés. Nin sequera o le. O que sabe de literatura inglesa veu-lle traducido. Ese artigo pasaria polo seu promotor de Oxford. Algún galego do departamento que comanda “o filólogo inglés namorado de Galicia” faria-lle a versión para manda-lo aos EE.UU.

¿Que o artigo está ben? Sen dúbida: como non, se o Chuquiño sabe armar poesia co chapapote. O título ja é un acerto: Black Sea Foam, si señor… Logo do que pasou nas costas de Alasca e do Golfo de México, en Ianquilándia ten que impresionar moito unha visión épica dos mariñeiros e os voluntários a limparen o petróleo na Costa da Morte.

¿As miñas críticas para o Eiras talentoso? A caradura e a teatralidade.

Non me meto na sua incapacidade para escribir unha novela de fuste, porque todos temos o dereito de andarmos a probar para equivocarmo-nos.

El é un profesorciño de instituto que tivo o acerto de abandonar tan triste choio para se dedicar a un jornalismo poeticoide e “implicado”, como se di agora. Apostou e triunfou coas suas reportages e as suas pílulas narrativas. O grupo editorial para o que traballa projectou-no fóra de España, en Fráncia e Inglaterra.

E agora vai-no projectar no Brasil: sei de boa fonte que ese grupo está a preparar o desembarco alá coa idea de aproveitar sinérgias e publicar en modo digital jornais, revistas e mesmo libros.

Eu non son o Mourín, non sinto a alma traspasada porque o Chuco Eiras me eclipse. Mesmo me alegro polo Chuco, e agradezo-lle que nos valla de paladín e porta-estandarte aos non promocionados; o cal non me anima a ler as suas novelas, nas que se sabe o que vai pasar. Os personages obedecen-no. Son clons de si mesmo, formas de se presentar disfrazado.

Outra cousa é tanta inmadurez das guedellas logo dos cincuenta anos, e a conachada das gafas de sol ata nos salóns de actos, para as sacar e mostrar os belos ollos azuis ás mulleres asistentes; e tanta showmanry de se pór á fronte das manifestacións para ler discursos inflamados de amor ao pobo: non dá puntada sen fio; toda canta dá ajuda-o a coser o traje de máximo expoñente da “narrativa combativa” do Impaís.

O problema con el teñen-no os escritores que queren emula-lo e non poden, os que non saben ser coma el un tipo “riquiño” para lectoras a partir dos catorce anos. En canto eles desprezan a literatura infantil, o Chuco meteu-se a facer contos para nenos, nenos que –impulsados polas suas profes, adoradoras do génio– se converterán en futuros lectores das obras completas do “artista que manda (sic) en toda unha geración de escritores”, no entender dun académico.

Hai pouco, un competidor dicia que ao Eiras “acaban-se-lle as metáforas. Anda a repeti-las. Haberia que facer un estudo desas repeticións”.

Tanto che me ten. O Chuco non deixa de ser un artista menor, que fijo unha cousa moi fea que afectou as miñas vaidades de escritor (de imbécil que foi capaz de tropezar várias veces na mesma pedra)… Pero iso seria motivo de início para unha nova história sobre as incontables trapalladas e falcatruadas dos concursos literários.

Remato por hoje, Ferminciño, co medo de todas as noites: a morrer durmindo sen ter rematado o que ando a facer. O Avelino dijo-nos ao Luís e a min que no ciclo diário da presión sanguínea o pico produce-se de madrugada. Por iso é que amañece a gente morta. Coido que o Luís non dorme ben desde que nolo dijo o Ave.

En fin, falando de morrer, vejo que morreremos aturando a monarquía dos Bobóns Puigmoltó. O fillo de puta do Paquita –ou Cerillita– de Ferrol deixou todo atado e ben atado, atadísimo: seica fan falta tres quintos dos votos do parlamento para modificar a constitución da merda (que é coma deus: parece que existise desde sempre, que fose unha lei eterna).

Por certo, onte morreu o Blas Piñar, que sempre se opujo á “carta magna” franco-bobónica. Ainda me lembro do dia que fomos o Luís, ti e eu ao colégio maior de Fuerza Nueva escoitar aquel filósofo falangista: “La filosofia es facunda, fecunda, ficunda, focunda e fucunda”. O Blas e el, alí, coa camisa azul e a gravata negra ¡que ben falaban!, ¡que paixón por “la lengua que me sabe a pan blanco”!

Sempre me quedará por escribir a novela dos colégios maiores, e non preciso documentar-me: o Luís e ti sodes os meus arquivos falantes.

Ata loguiño, que estou moi canso.

Para: ferminx47@yahoo.com Enviado: domingo 2/2/2014 23:02

CC:

Asunto: De fútbol e concursos literários (todo corrupción)

Ben, camarada emigrante e triunfante (hoje o meu fillo Antón opinou sobre vós os ianquis: sodes uns nenos grandes con cartos), pasei a tarde de onte e a mañá de hoje a repuír o epílogo de ‘O Abrigo do Sol’ e procedo a mandar-cho. Ja me informarás de fallos, e opinarás sobre o que, ao final, a Walkíria do cabaré decidiu facer da sua vida…

Respondo-che ao que preguntas sobre o fútbol. Certamente, os caraduras do Dépor deben-lle á Facenda cen millóns de euros; e a Facenda non embarga as pertenzas do club. Sen embargo, a min embargou-me cen euros –millónesima parte da débeda escandalosa– por unha sanción non paga.

Oín dicir ao novo presidente dese circo de pallasos con balón que o fútbol é “unha empresa de sentimentos”. ¡Terrible! Tan indecente é o presidente dun club de fútbol coma un bispo. Venden ilusión, no senso máis triste da palabra: o que desnorta os ilusos. Se a religión é o ópio do pobo, o fútbol é o LSD das masas, o que as fai alucinar. Non hai nada que me torza a idea. Tan esquizofrénico é un home de Ciéncia que cre no espírito santo coma unha persoa educada que se mete na masa dos seareiros de calquera equipo.

Se o Chuco Eiras agora anda a apoiar o seu “club de sempre”, será porque ve niso unha maneira de se lucir e gañar lectores. Se te impresionou a sua defensa dos novos administradores do club, di-lle da miña parte que non se pode ser honrado no fútbol porque é unha actividade podre na base. Abonda con ver o que se lle paga a un pallasiño saído da “canteira”. Se por dar couces a unha bola se lle dan cen mil euros ao ano, todos os rapaces quererán facer o mesmo, e aí comeza a medrar a podremia…

Tamén che respondo sobre o meu secreto encabronamento co Chuco. ¿Queres saber que pasou e nunca –de puta rábia– che contei? Pois toma o que segue como unha nota da miña Navegação de cabotagemApontamentos para um livro de memórias que jamais escreverei (salvando distáncias, hei emular o Mestre Jorge Amado).

Imos alá:

Ja metidos nos anos 90, eu tiña unha novela rematada, a repousar, cando o Luís (sempre o Luís nestes enguedellos) me veu coa nova dun concurso de “narrativa” moi movido e promovido. A miña novela era unha história de mistério, de pasar páginas doadamente á procura dun cofre de corsário, contada dun jeito naturalista, realista. Tiña os ingredientes dun bo cocido, coas suas ricas partes para mesturar.

Ao Luís e a min pareceu-nos ben arriscar-se a lanza-la á competición. As feridas da ‘Tertúlia’ cicatrizaran e… mandei a novela ao concurso.

Non tardei en ter o primeiro aviso de que o meu texto chegara á selección final, porque dous membros do jurado me digeron, por separado, que algo incomún, co meu estilo, lles caera nas mans e leran con moito gusto. Un deles mesmo se comprometeu a levar a novela ao triunfo.

Mais as cousas viraron-se e alá apareceu o Chuquiño na televisión –nas televisións, que daquela o Impaís ja tiña a sua– triunfante e sorridente.

Un editor chamou-me agiña e contou-me que me figeran unha cabronada, que unha novela miña estaba ja para gañar cando un membro do jurado foi misteriosamente sacado da juntanza de discusións finais e, a partir de aí, mudou o voto. Ainda máis, este editor rejeitara publicar o texto premiado porque era unha colección de contiños tan escasa de volume que non daba para un libro merecente do seu selo.

Poucos dias despois o membro do jurado que se comprometera a defender a miña novela chamou-me e convidou-me a uns cubalibres. Queria descargar responsabilidades. Contou-me que, cando lle pediu explicacións ao compañeiro de jurado que foi chamado de urgéncia e mudou o voto, este dijo-lle que o informaran de que o Chuco Eiras tiña moita necesidade de diñeiro porque un irmán seu padecia unha enfermidade grave. O meu valedor non preguntou quen figera o aviso: tanto tiña que fose o Eiras directamente como que fose un mandado, ou un padriño. “Esas cousas non se fan, Castro”, concluiu, cunha sentenza que repetiria segundo os cubalibres aumentaban de efecto.

Ao coñecer algo tan vomitivo, neguei-me a deixar publicar a miña novela con cualificación de finalista, como me ofreceu o editor o que aceptara ocupar-se dos contos do Chuco. “Mira que te arrimas a unha boa sombra”, así me quijo tentar; pero non accedín, cheo de carrage.

Pactei co outro editor pór a miña novela na rua evitando calquera referéncia ao concurso en que se figera tamaña cagada. O home pediu-me que lle mandase agiña o disquete co texto, para compo-lo e maqueta-lo. Queria adiantar-se á publicación dos contiños do jornalista dos lentes escuros e os ollos claros.

O editor do Chuquiño mandou adiantos de obra a revistas e jornais, mais non aparecia o libro.

A obra desejada por mil adoradores do famoso tardou meses en aparecer.

¿Por que?

Pois –como confirmaron vários membros do jurado– porque o famoso tivo que escribir máis contos para que se justificase o libro.

O feo é que a editorial pregoaba que se correspondia co original premiado.

Mentira. E isto correu, houbo quen botou contas, conjecturou que o original non chegaba a ter o número mínimo de páginas exigido nas bases do concurso, e seica o Chuco tivera que parir algo novo para evitar protestas de concursantes.

En fin: unha trangallada que, co tempo, me trouxo moitos pases de man polo lombo, infinitas condoléncias en voz baixa de quen se consideraba no círculo dos informados, dos coñecedores da intriga…

Deixo-te por hoje, logo de che confesar o sentimento que me domina ao pensar na novela que rematei, unha máis. É o sentimento do derradeiro baño nunha praia desas que un vai descubrindo, en Creta, en Jamaica, no Cabo Verde… É mellor saír rapidamente da auga sen ollar para atrás.

Adeus ao gozado, coa esperanza de algún dia volver gozar algo semellante. Imagino o momento en que chegues á palabra “ouro” coa que remata ‘O Abrigo do Sol’. Sei que ao le-la vas sentir o mesmo ca min ao escribi-la: que nadabas a gusto…

Manda-che memórias o Patrício, que nos ten preparado para mañá un cocido terrorífico, con non sei cantas entradas. Arranjou-no nun lugar moi recomendable, a cafeteria dunha gasolineira nun polígono industrial.

Hei-te levar alá cando veñas, que guisan de medo. É un templo da gastronomia camioneira.

Ata loguiño.

O ABRIGO DO SOL – Capítulo 12º

O diamante azul

O funcionário das migracións do aeroporto sabia que non era de bo gusto, que non ficaba ben, pedir-lle a unha persoa con pasaporte diplomático sacar os lentes escuros para el contrastar a image da foto. Mais neste caso fijo-o porque tiña autoridade para face-lo e porque o mataba a curiosidade, pois trataba-se dunha beleza de muller.

A dama descubriu uns ollos azuis coma lagos que se afinasen aos cantos imitando perder-se no horizonte. Moza nova, aí por volta dos trinta anos, traía o cabelo louro e laso coma o das estrelas do cinema, cortado à la garçonne; e tiña o nariz recto, os beizos carnosos sen pintura, o queixo unha miga partidiño, como invitando a pór nel un dedo e levantar-llo pedindo un beijo… Caramba: o policia sorprendeu-se co seu pensamento en canto selaba, pechaba e devolvia o documento de identidade internacional da Dra. Helga Von Schultz.

Non habia impedimento para que a pasageira abandonase a República Federativa do Brasil con destino á República Federal da Alemaña, canto máis se pertencia ao corpo diplomático do seu país, o do “milagre”, o que se reconstruia logo das inmensas destrucións da guerra… Ora, á vista profesional do funcionário uniformado, habia elementos que non encaixaban naquela figura a camiñar para a pista cun abaneo de bailarina: cabelo demasiado curto, mesmo que lle servise para mostrar un pescozo esvelto e desejable, roupa máis de excursión a cabalo que para voar en Super Constellation… Pareceria que a camisa e o pantalón fosen escollidos para faceren jogo coas botas e o cinto basto que lle apertaba o van sobre os cadrís de fémia poderosa.

En fin, excentricidades das europeas que paseaban por Suadamérica, por terras de aventura para elas. Quizais viajase así para chamar a atención á sua chegada na Alemaña, como se viñese de cazar jacarés no mato.

O funcionário esqueceu aquela muller interesante mentres controlaba pasaportes de gente vulgar, cadaquén coas suas peculiaridades, que o distraeron. Mais cando rematou o embarque do voo, volveu-lle ao magín a bela nórdica vestida de exploradora. Ficara-lle como a image máis forte das que desfilaran por diante del; e dentro desa image salientaba o cinto, imprópio dela. Agora, sen que ja o distraese tanta harmonia do conjunto, caeu en que era un cinto-bolso, dos que teñen cremalleira por dentro. Caramba, caramba, ese cinto… Ergueu-se e foi ollar a pista. Ja retiraran as escadas e rugian os catro motores da grande máquina voadora.

Decidiu que era mellor esquecer tal detalle, fose o que for que a moza transportase ben colado ao corpo. No servizo de migracións non habia orde por escrito, pero si indicacións, sobre benevoléncia cos diplomáticos.

Ollou a hora, repasou os horários de voos e viu que, ata o próximo embarque, lle quedaba o tempo justo para un café forte e un vaso de gasosa ben fria.

Claude Strassberg, gerente de Strassberg & Abramowitz, coñecida firma de Antuerpe, mandou pasar ao escritorio a clienta que impugera a condición de non ser identificada. Resultou ser unha señora nova, alá polos trinta e poucos anos –se os tiña– de estilo germánico, quizais alemá ou dinamarquesa (ou holandesa de estatura non exagerada). Era moi bonita, cunha meleniña curta, juvenil, e traje de chaqueta que non podia ocultar un generoso busto.

Dirigiu-se a ela en neerlandés e ela respondeu-lle en inglés cunha cadéncia que o señor Strassberg tentou identificar. Soaba-lle quizais a italiano, mais nunca escoitara un italiano pronunciar en inglés os “des” e os “tes” tan aguda e acertadamente.

Tras tomar asento fronte á mesa de traballo, a descoñecida dijo que estaba de paso, por negócios que tiñan que ver co plan de reconstrución da cidade, tan castigada durante a guerra. Traballaba nunha empresa de diamantes industriais e, por razóns que non debia explicar, ás veces atopaba pezas que ela e os seus superiores consideraban de valor comercial para a joieria. Sabendo a reputación de Strassberg & Abramowitz, a sua sona de compañía discreta, era polo que lle queria presentar algunha desas pezas, para unha valoración inicial.

Abriu o bolso, tirou del un lenzo de man, desdobrou-no sobre a mesa e deixou ver catro diamantes coloridos. En siléncio, o director da casa tomou as pinzas, colocou o lente, prendeu o foco, observou, observou… Estaban inmaculados, perfectos para lapidar e engastar.

Así llo informou á dona deles; e a seguir preguntou-lle se os queria vender en bruto ou desejaba que lle fosen tallados.

Ela respondeu que gustaria de saber algo máis: canto valerian na condición en que os traía, canto custaria lapida-los, e que valor alcanzarian ja preparados para jóia.

Claude chamou polo teléfono interior ao obradoiro e mandou, en francés, vir un mestre. O mestre diamantista presentou-se e escoitou a explicación do que pretendia a clienta, quen agora falaba en francés, moi ben pronunciado nos “erres” mais con aquel sotaque raro de fondo. Con tal fala matizou o dito por monsieur Claude no aspecto de que tiña gemas da mesma cor e distintos tamaños. Ao entender dela, poderian dar para conjuntos, para formar pulseiras e colares.

O mestre foi-se e Strassberg ofreceu á señora unha caixiña de prata con cigarros egípcios, aromatizados, que ela aceptou. Fumaron e abriron conversa sobre os avances na recomposición da cidade belga sempre cobizada polas poténcias de Europa, o grande porto por onde entraran as riquezas americanas desde os tempos do império dos Áustrias. Os alemáns figeran alí unha desfeita na última guerra, opinou a dama. Seica se empeñaran en destruír o porto coas bombas voantes e acabaron estragando a arquitectura tradicional da zona urbana.

Así foi, confirmou Strassberg. As atrocidades dos nazis arruinaran a cidade e trouxeran moita morte, moito sufrimento.

Como entraba nunha matéria escabrosa, preferiu pasar a outra, e así tentar indagar algo sobre a clienta sen nome: ¿quen lle recomendara vir a Strassberg & Abramowitz?

Ela respondeu agiña. Sugerira-llo nos Estados Unidos un judeu lituano, que sobrevivira no ghetto de Vilnius de maneira milagrosa.

Cando o dijo fitaba con ollos grandes, azuis, radiantes, os ollos de Claude Strassberg, e el comprendeu o perigo en que se achaba. Aquela muller non falaba así por casualidade.

Vilnius, a capital da Lituánia, a cidade das várias razas e religións, dos cristiáns ortodoxos e católicos, e dos judeus, das convivéncias e os ódios… A muller dos catro diamantes podia vir exigindo siléncio (a saber de onde saíran aquelas gemas) porque coñecese quen tiña enfronte: un impostor, un suposto judeu flamengo que, na realidade, era polaco e fora colaborador coas SS en Lituánia.

¿Quen seria a maldita? Outra impostora, evidentemente. Estaban no mesmo campo e iso deu-lle azos a Claude, pois ambos terian moito que gañar co sigilo e o respecto.

Fumaron algo máis. Falaron dos costumes dos judeus ortodoxos, coma o mestre que levara os diamantes para o obradoiro, cuberto de kippa, con barbas e espirais de cabelo, calzón curto e médias…

Volveu este con ideas de como converter os diamantes en brillantes. Traía un papel escrito en neerlandés con prezos dos traballos e das pezas, en bruto e talladas. Discutiron-se as valoracións en francés. Chegou-se a acordos sobre formas dos brillantes e prazos de entrega; sobre compensacións entre valor das pedras e honorários de traballo. A empresa ficaba cos dous diamantes de ton rosado e entregaba lapidados os tingidos de amarelo e de azul.

Claude Strassberg, que tantos idiomas imitaba, sabia ben que por tras de cada un dos imitados sempre está outro, o que lle deu forma á boca… ¿Onde diaño tería aprendido a falar aquela moza? Porque italiana non podia ser, con aquela feitura.

Na fin da conversa fijo-se documento de entrega dos diamantes, asinado e selado polo gerente de Strassberg & Abramowitz. A clienta escolleu figurar na ficha da casa cun código para compra-venda: “A do Sol”, segundo traía escrito e mostrou.

Cando se pechou a porta do escritório por tras dela, Claude deu en imaginar o porqué dese código. Mália a inquietude polo que puidese saber da sua actividade colaboracionista, a mente deu-lle para discorrer o que lle pareceu un acerto. “A-Do-Sol” era un jogo de notas musicais, unha mestura entre as dos países germánicos, C-D-E-F-G-A… e as dos latinos, Do-Re-Mi-Fa-Sol-La…

“A do Sol” resultaba unha combinación inteligente, própia dunha mente musical… Colleu un cigarro egípcio, recostou-se na poltrona e, ollando as volutas do fume, volveu á idea de emigrar para a Argentina, a junto dos primos. Segundo a Europa se reorganizaba, emergian pantasmas do pasado recente, gente con lembranzas própias ou relatadas, coma a clienta que coñecera nos Estados Unidos un sobrevivinte das loucuras dos nazis na capital de Lituánia. Tentou lembrar músicos judeus de Vilnius, mais desistiu por temor ao que lle viria á cabeza; e, antes de volver ao traballo inmediato, buscou coa vista a gramática española que tiña media abandonada.

O acto, académico e divulgativo, reuniu unha grande cantidade de público no salón de actos da universidade. O programa anunciaba duas partes. Na primeira, a família do homenageado profesor Klaus Müller glosaria a figura do grande científico. Na segunda, exporian-se os resultados da recente expedición arqueológica á selva amazónica que financiara a família Müller, realizada por investigadores da alma mater do chorado profesor.

E así foi. O reitor deu o brazo á señora viúva de Müller, dona Frida, que subiu ao escenário acompañada polos seus fillos, Johachim, Kurt, Charlotte e Úrsula. Alí colocaron-se de maneira que puidesen ver a pantalla do fondo.

Projectou-se nela unha foto de Klaus vestido con atributos académicos; o reitor depositou un fólio no atril e fijo brevísimo repaso da vida do científico que morrera violentamente polos seus ideais (acentuou tal violéncia sen mencionar ideologias) cando non estaba longe dun grande acerto na sua carreira de continua pesquisa.

A continuación projectou-se unha foto de casamento e dona Frida –o discurso roto por saloucos contidos– contou as ilusións do seu home, que con elas a namorara. Queixou-se da barbárie do régime político hitleriano, que non admitia disidéncias e que obrigou a tanta gente, mesmo sen posibles sospeitas de raza ou religión, a abandonar Alemaña.

A seguinte foto na pantalla levantou murmúrios no público asistente. Mostraba uns nenos louros con outros de melena negra, todos descalzos e case nus, arredor dun pau cun gallo no que pousaba unha belísima águia. A idea de mergullar os fillos no mundo dos indígenas fora unha das grandezas do científico, quen mantiña que todos os médios valian para avanzar no coñecemento. Os pequenos Müller agiña aprenderan a fala e os costumes dos pobos que o pai queria coñecer a fondo.

Nese punto da presentación –originalísima, como empezaba a dicir o público– os fillos de dona Frida armaron unha animada conversa nun idioma que parecia inventado, e a mai ia traducindo: falaban de como facer frechas envelenadas para cazar macacos, de como ter coidado das pirañas e dos caimáns, animais voraces… O maquinista mudaba as transparéncias para mostrar un mundo primigénio, con paxaros e bolboretas, peixes, quelónios, sáurios…

A exhibición de fotos familiares na selva rematou coa derradeira do profesor Müller, que aparecia junto duns funcionários do Servizo de Protección dos Indígenas.

Dona Frida limpou os ollos, aclarou a gorja, colleu folgos e terminou dicindo que o seu home sostiña a teoria de que unha civilización superior, incaica, descendera dos Andes ata a bacia do Amazonas fugindo do extermínio a que a querian someter os españois, e alí implantara o seu sistema de vida. Klaus Müller acreditaba na realidade subjacente no mito da Cidade dos Césares, e na relación entre ese mito –o dos “césares” incaicos– e o santuário do Abrigo do Sol.

Tras unha longuísima salva de aplausos, a dama e os fillos retiraron-se, e ocuparon o estrado os expedicionários da universidade cara ao Abrigo do Sol, o misterioso lugar perdido no máis profundo da floresta amazónica. Tres profesores en cadanseu atril, cos guións correspondentes, foron seguindo as projeccións na pantalla, que arrincaban expresións da abráio no público.

E non era para menos: o rio ancho coma un mar, golfiños, tartarugas, caimáns… O mato cerrado, con galerias que por veces deixaban ver lagoíñas; animais curiosísimos, o espectáculo incrible dunha serpe a engulir un mono nunha póla… Un equipo internacional de científicos, da Alemaña e do Brasil, retratara-se junto a unhas cavernas coas bocas marcadas con debuxos geométricos, das que saían morcegos aos centos.

Ao final veu a sucesión de fotos do conjunto dun “templo”, a semellar unha enorme cuncha gravada con variadísimas formas que os profesores ían analizando. Aquilo era Abrigo do Sol, que tanto tempo procurara o colega Müller, e que daba para infinitos traballos sobre as peculiaridades dos pobos en proceso de civilización, e sobre os fracasos da civilización cando o ambiente é agresivo en exceso.

Grandes aplausos. O profesor Werner Krause, chefe da expedición, agradeceu á família Müller a sua generosidade por ter financiado aquela viage a un mundo insólito, onírico (así se atreveu a cualifica-lo, liricamente), e porque ia financiar a cátedra Klaus Müller de Antropologia Ameríndia, que tanto honraba a universidade, e a el própio, ja nomeado director dela.

Para completar a presentación, rogaba á profesora Úrsula Müller que digese unhas palabras sobre a orige da información que conducira á descuberta do Abrigo do Sol.

Cando a profesora Müller, do Departamento de Filologia Ibérica, tomou posición no atril, a sua figura ficou dobremente iluminada, polas luces de escena e mais pola pantalla en branco. Era un exemplar de muller alemá para encher de orgullo a nación, comezando pola melena loura que se lle rizaba sobre os ombros. O traje de primavera, ajustado sen exageros, denotaba formas dignas de seren esculpidas. As señoras comentaron que a sua irmá maior, Charlotte, non tivera tan boa sorte coma ela no reparto da herdanza física dos progenitores.

Úrsula dijo que nunca acabaria de agradecer aos seus pais o esforzo por lle ensinaren a vivir en mundos diferentes, con vontade de entender todos. Tamén, que o seu pai cria na casualidade como base para os aconteceres do Universo, segundo outras persoas crian na vontade divina. Como for –que ela respectaba crenzas e pareceres–, na sua mente infantil chegaran-se a juntar conversas entre homes civilizados e indígenas sobre un lugar que parecia mágico, o Abrigo do Sol. Grazas a iso, pasado o tempo deducira os elementos que conducirian á expedición que confirmou a idea do seu pai.

As descubertas científicas –ben se sabia nunha universidade con séculos de história– moitas veces debian-se a esforzos de distintas persoas, algunhas das cales podian quedar esquecidas. Cando ja se se estaban por publicar os primeiros artigos sobre o material achado naquel lugar remoto, cumpria que neles constasen os nomes dos dous homes peculiares, para ela inesquecibles. Ambos estiveran na pista certa para resolver o mistério.

Un era o de Álvaro Mendes Brito, engeñeiro de minas portugués, quen mantiña unha teoria semellante á do profesor Müller. Outro, o de Emílio Ribeiro, piloto de hidroavións español, quen casualmente avistara o que se confirmaria como “templo do sol”. Ambos formaran parte da cadea de persoas con capacidade para buscar e discorrer que conducira aos achados. Tristemente, ambos deixaran a vida na selva…

Pechado o acto, o señor reitor convidou a família Müller a unha cea cos expedicionários. Camiño da reitoria, polos claustros que mal se libraran de bombas americanas e inglesas, Kurt Müller achegou-se moito á sua irmá menor, Úrsula. Case á orella, dijo-lle que admiraba o ben que manipulaba as histórias, e preguntou-lle para quen traballaba agora “de verdade”, algo ao que ela non respondeu. Entón recomendou-lle unha cobertura que a ajudase a disimular que tiña diñeiro de máis para ser só profesora universitária. O mellor era casar cun ricacho simpático, que non indagase moito.

Por toda resposta, Úrsula devolveu-lle un sorriso cómplice; e unhas palmadiñas na man, cunha man que lucia un belísimo brillante azul apenas collido sobre o anel con catro ganchos de ouro.

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *