Cerco literario para ovellas lectoras

Cerco literario para ovellas lectoras

0 comentários 🕔10:00, 29.Abr 2015

Como adoita acontecer, as redes sociais, alén doutras consideracións, teñen a función de prender lumes pero, como se dos montes galegos se tratase, as consecuencias destes, lonxe de propoñer un debate frutífero, conseguen tan só unhas consecuencias devastadoras. Ao fío dunha entrevista realizada por César Lorenzo Gil a Rexina Vega e a polémica que esta suscitou nas redes sociais, coido que debo, ou mellor dito, non debo, pero sinto unha obriga que supera a miña vontade de dedicarme ao traballo, dar o meu punto de vista.

O debate sobre un posible sistema literario galego (‘nacional’ en oposición ao galego ‘internacional’ do que teimosamente nos afastamos), lémbrame ás miñas aulas de economía na facultade. Nelas falábase de que, na creación dos mercados, cumpría uniformar o máximo posible a demanda, creando estratos aos que poder dirixir a oferta de xeito individualizado. Neste sentido, os sistemas literarios foron fabricando os seus compartimentos estancos, aos que dirixir o seu público potencial. Deste xeito, creáronse etiquetas como a da literatura xuvenil ou aqueloutra para adultos. Como se pode apreciar, deixo de lado a literatura infantil que, por motivos que aluden á idade e aos primeiros estadios da alfabetización cómpre darlle un tratamento diferenciado. E ollo que non falo de madurez, posto que nada ten que ver co feito de ter as claves para interpretar un texto escrito. Na miña opinión, alén de que deba ou non ser considerado un xénero menor, a literatura xuvenil é unha argallada para convencer, xa non aos adolescentes, senón aos seus pais de que o que neste xénero se mostra é politicamente correcto, segundo o estrito réxime moral que debe imperar no seo dunha etapa vital non exenta de conflitos. Coido que o ensino medio, ou o ensino en xeral, está absolutamente condicionado coas máximas que definen o contrato social, así como a indolencia que debe marcar aos individuos que por el se rexen. Considerar os adolescentes incapacitados, forma parte xa da crenza absolutamente asumida no conxunto da sociedade. As lecturas que a esta parte do total van dirixidas, teñen que gardar un respecto absoluto a esa incapacidade. O problema non sería tan grave se houbese unha literatura para adultos que suplise esas carencias, en canto a alternativas á literatura xuvenil se refire. Vénseme á mente un adolescente, agachado na parte máis escura do seu cuarto, para poder ler con calma algún libro destinado para os adultos, como aconteceu, en tempos, con aqueles filmes catalogados con rombos. Pero iso non acontece, porque, basicamente, os adultos non len. Isto provoca unha seria descompensación en canto aos departamentos estancos que antes falabamos, no sentido de que o da literatura xuvenil, definida por un mercado que obriga a consumir, no mercado do propio ensino medio, correspóndese co principal sustento das principais casas editoriais, mentres que a literatura para adultos, ou cando menos a que se correspondería cun xénero ‘maior’, para continuar cunha terminoloxía que fai referencia á utilizada por Rexina Vega, debe saltar as normas do seu xénero, para introducirse no caixón que lle correspondería a aquel ‘menor’. Esta descompensación, crea un aumento da oferta nun xénero, en detrimento da literatura máis elaborada, ou de xénero ‘maior’. Isto leva a dúas situacións que conflúen. Por unha parte, os adolescentes, tratados eternamente como seres inferiores, non atopan na literatura unha vía de escape ás súas frustracións, propias da súa idade ou propias, sinxelamente, da psicopatía social instaurada. A consecuencia disto, as mozas e os mozos deixan de ler. Por outra banda, os adultos ven unha carencia case absoluta dunha literatura que colme as súas expectativas lectoras. Iso, sumado ao feito de que a vida frenética que estamos na obriga de levar, reste tempo ao lecer e faga que os adultos tampouco lean. Indo un pouco máis aló, quen ten, despois de todo o descrito, vontade de seguir lendo, debe acudir a outros sistemas literarios próximos, na procura da diversidade que aplaque as súas ansias, o que se traduce en ler en español ou na fala internacional do galego, o que, por outra banda, non é negativo, xa que, por unha parte, implica o coñecemento do noso propio idioma e pola outra, no caso do español, implica o coñecemento dunha outra lingua que debemos dominar, entre moitas outras, alén dos condicionantes xeopolíticos aos que esteamos suxeitos. O caso é que esa situación resta capacidade á literatura galega (‘nacional’) que fica, segundo se conclúe do que acabo de expoñer, desprestixiada. Chegados a este punto, poderiamos tratar o tema que liga o sistema literario ‘nacional’ con aquel internacional, ou da lusofonía. Mais, como adoito repetir, na Galiza a lusofonía aínda é unha lusoafonía, xa que os prexuízos galegos contra a vertente máis internacional son hostilmente manifestos, o que impide un normal fluxo ou intercambio dende o punto de vista da escrita a través dos dous muros de silencio, o físico, correspondente a unha fronteira institucional inventada, e o da fronteira mental que é, aínda se cabe, máis perigosa. Mais este é un eido no que eu tampouco me sinto cómodo, noutra ocasión explicarei o motivo, que pertence a un ámbito máis estritamente terapéutico. Pero, malia non dedicarme á copromancia, como o magnífico escritor brasileiro Rubem Fonseca, podo asegurar que o fin das hostilidades prexudicará amplamente á visión máis localista do idioma de noso. Asumindo a incongruencia do meu discurso entoo o preceptivo mea culpa.

Agora ben, volvendo ao de antes, coido que debo posicionarme sobre o que considero eu ‘menor’ ou ‘maior’ dentro da literatura. Para min non hai tal distinción de xéneros, a non ser a pretendida polos mercados. Coido que os nosos e as nosas adolescentes teñen capacidade para desprenderse do xugo das infantiladas, ou literaturas que se autoconstruíron menores, porque teñen capacidade para xerar discursos e opinións propias, sen necesidade de que lles veñan impostos corolarios moralizantes cun absurdo afán didáctico. Isto implica que toda a literatura debe manterse dentro dun rango académico e dar mostras dunha erudición exacerbada? Efectivamente non, a non ser que se desexe facer, alén dun exercicio de liberdade creativa, un exercicio de pedantería. A lectura debe responder, tamén, ao impulso do momento, polo que haberá ocasións para os clásicos da filosofía, e momentos máis propicios para lecturas destinadas ao simple divertimento, lonxe do canon do mercado.

Indo aínda un pouco máis aló, quen se escude neste réxime empresarial para xustificar a súa falta de capacidade literaria, construíndo o que se deron en chamar, aló onde os libros se venden por centos de miles, best-sellers, que vaia cambiando de país, ou que asuma finalmente os dous centos millóns de lectores e lectoras potenciais da vertente internacional da lingua, abrindo a súa cabeciña a un verdadeiro mercado ou sistema literario. O inglés tamén é unha opción neste caso, pero aínda máis complexa. Doutro xeito, que se contente con ofrecer ao mundo algo máis de mil exemplares e tentar vendérnolo como unha sucesiva reimpresión de miseria. Poñer cerco á creatividade non é facer literatura.

Por outra banda, aludindo tamén á devandita entrevista, eu non creo nos grandes proxectos editoriais. Nin sequera creo nos medianos proxectos editoriais, cando menos segundo están definidos na actualidade, porque redundan na ficción dun minúsculo sistema literario pechado en si mesmo. Pola contra, si creo nos pequenos proxectos literarios, amparados na nova facilidade para a impresión baixo demanda, ou similar, que lles permite chegar a pequenos e grandes públicos, indistintamente e segundo as necesidades de cada obra. Nun entorno globalizado, dende a diáspora máis local, até a vertente máis internacional de noso, aló onde se atope, xa hoxe e en calquera momento do día, pode acceder aos contidos que o sistema literario global efectivamente ofrece. Cómpre pensar en como adaptarse a esa nova situación e deixar de mirar para o embigo propio, cegado polo ego de autor ou autora, ou polas esixencias da micción do mercado galego (‘nacional’).

Sobre o autor / a autora

Alberte Momán Noval

Alberte Momán Noval

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *