Entrevista a Sabela González

Entrevista a Sabela González

0 comentários 🕔09:15, 29.Abr 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a literatura?

- Sabela González: Como lectora, a literatura é para min entretemento, evasión e xogo. Refírome ao xogo entendido como unha aprendizaxe de interacción co entorno, coma cando eramos pequenas. Como autora, non che é unha cousa moi distinta. É o xogo de verter as ideas (toleadas, moitas veces), de darlles voltas ata que tomen unha forma comprensible, de xogar a mesturalas coa realidade, para me entreter e para facer tanxible o produto do que me pasa pola cabeza. É debuxar historias, e iso é o máis divertido do mundo.

- Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?

- Sabela González: Penso que é algo moi subxectivo: hai tantas formas de crear como persoas. Para min, o proceso ideal é o de trasladar as imaxes da miña mente a notas (físicas ou dixitais) e de aí, á hora de escribir, mesturalos en palabras. É xogo, como dicía antes, pero un xogo de concentración. Ás veces de moito cavilar e pouco teclear, ás veces de tecleo frenético. Como nas musas non se pode confiar, o proceso de creación vén dado polo tempo dispoñible e a gana de ver o produto avanzar, sen romanticismos, premendo teclas e cuspindo ideas para volver e podar outro día.

- Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, etc.)?

- Sabela González: Non sei se coñezo abondo o que hai/houbo como para o avaliar, pero penso que todas as artes deben mesturarse de cando en vez. Non só no consumo por parte do público, senón dende as canles de produción, debería haber máis manifestacións de confluencias innovadoras. Poida que cada vez haxa máis, pero dubido que sexa abondo. Persoalmente, penso que non só debería acontecer entre as artes senón entre outras manifestacións culturais e do ocio.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência no campo da ilustração…

- Sabela González: Chamarlle experiencia xa me parece pasarse, he he. Sempre me gustou debuxar e pintar e levo toda a vida facéndoo, claro que máis por instinto que por saber como. Quédame un mundo por aprender e por probar, moito traballo por facer, pero algún día gustaríame dar chegado a considerarme ilustradora.

Polo de agora, a cousa queda nalgúns debuxos e cadros, á parte das ilustracións bimensuais para a revista Dot, pero cada vez máis intento aproveitar algo de tempo para facer bocetos, probar técnicas, materiais, estilos…

Noto que canto menos tempo libre teño máis me custa sufrir o bendito bombardeo de ideas, así que estou tratando de adicarlle máis tempo a pensar en inventar e menos tempo a pensar no que me queda por facer.

Practicamente todo canto debuxo vouno colgando no blog (mesmo as cousas que non me gustan, pois sempre se aprende algo!).

- Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde todos os pontos de vista)?

- Sabela González: Co tempo, funme dando conta de que o nexo entre os escritores e escritoras que máis me enchen o ollo radica no seu uso e representación da imaxinación e a fantasía. Gústame o absurdo, o inaudito e o divertido, coma na obra de Neil Gaiman. Gústame a casualidade e as curiosidades, ao estilo de Paul Auster. Podería botar mil nomes, pero agora mesmo penso que eses son os máis representativos.

Na ilustración/pintura hai tantos que prefiro calalos: cada día descubro unha ilustradora nova, un artista novo e non sería xusto citar só os “clásicos” que me veñen á mente.

Penso que, en resumo, o meu imaxinario de referencia vén moito tamén da tele, dos videoxogos e das películas, especialmente dos 80 e 90.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?

- Sabela González: Persoalmente, creo que temos que perder parte do misticismo e romanticismo que rodea a creación literaria. Teño a impresión de que a cultura galega precisa universalizarse, amosarse alén das fronteiras libremente, sen as constricións do medo ao rexeitamento. Fóra de aquí, a miña sensación sempre foi de que existe un descoñecemento da nosa cultura, non unha falta de respecto. Ese respecto conséguese amosando produtos e non ideoloxías. Aplaudo enormemente as iniciativas dos últimos anos que están demostrando que en galego se poden facer grandes obras, pequenas obras, libros divertidos, novelas vendibles e entretidas sen ter que amosar entre as liñas a nosa idiosincrasia máis roída, sen ter que adiviñar un Cunqueiro ou unha Rosalía en cada protagonista.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Sabela González: Proxectos teño de máis, sempre me pasa.

Gustaríame poder botar ao papel un par de ideas de novela que levo rumiando uns aniños. Todas elas teñen que ver coa fantasía, pero lonxe de reinos pseudomedievais. Aínda lles faltan detalles para chegar a coller forma concreta, pero penso que serán o meu seguinte grande obxectivo, unha vez que remate con Landereina.

Tamén no tema libros, gustaríame probar cousas novas, saír da zona de confort da fantasía e probar outros rexistros. Estou investigando por onde tirar exactamente.

Por outra banda estou intentando, como dicía, adicar máis tempo á pintura e gustaríame poder rematar alomenos tres obras “longas”, por chamarlles algo, este ano.

E, por que non, gustaríame mesturar letras e debuxo e intentar unha sorte de álbum ilustrado, pero isto xa é máis castelo no aire que outra cousa!

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Sabela González: Penso que é unha grande iniciativa e o que máis me gusta é a súa interdisciplinariedade, ademais de poder coñecer máis artistas e creadores/as de aquí, que ás veces nos pasan desapercibidos/as!

Sobre o autor / a autora

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *