Músicas de Auel 12. A Mariña Mov.

Músicas de Auel 12. A Mariña Mov.

0 comentários 🕔09:00, 29.Abr 2015

Aqui vos deixamos a vida mesma em continuum. Como um assunto leva a outro. Como a nena Lua Awel ou o neno Rui movem e removem. Como as vidas se unem e como cambiam as funçons e os prismas. Aqui vos deixo umha nova cobranta sachada a mao com muito Amor. Somos o que di e como o di a nossa voz, somos o que dim e como o fazem os nossos movimentos. Aguardo que estes espaços de aprendizagem ajudem a conseguir instantes felizes nas vidas de quem vos acheguedes a Ribadeu.

A MARIÑA MOV.
Improvisación Interdisciplinar Libre e Neuromovemento Craneal.

A Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento e aCentral Folque en colaboración co Concello de Ribadeo, accionan por primeira vez en A Mariña, contextos de Arte e Saúde encamiñados a criar novas vías de comunicación, integración e movemento a través do Neuromovemento Craneal, a Improvisación Interdisciplinar Libre, a música e a danza.

A programación, que se desenvolverá durante o primeiros meses deste 2015, inclúe tres espazos de aprendizaxe e está dirixida a nen@s, xovens e adult@s interesad@s, e aberto para diferentes ámbitos relacionais, profesionais e artísticos, dependendo dos recursos físicos e psíquicos de cada quen.

CURSO DE IMPROVISACIÓN LIBRE con CHEFA ALONSO para músicos, poetas, bailaríns, artistas plásticos e toda xente adicada á escena.

8 de maio de 11:00 h. a 14:00 h. e de 17:00 h. a 20:00 h.
9 de maio de 11:00 h. a 14:00 h.
Lugar: Auditorio de Ribadeo.
(Prazas limitadas)

ESPECTÁCULO “BAILAR EL AGUA” con CHEFA ALONSO (médico e música) e RAQUEL SÁNCHEZ (bailarina e coreógrafa) para persoas con diversidade funcional e público interesado.

9 de maio ás 18:00 h.
Lugar: Auditorio de Ribadeo.
(Reservas limitadas)

SESIÓNS DE NEUROMOVEMENTO CRANEAL con JUAN CARLOS CONCHA MATUS (osteópata especialista en ABM de Fendelkrais) para persoas con diversidade funcional, dores crónicos ou limitacións de movemento.

4-8 de xuño. Sesión individual de 45 minutos ata completar prazas.
Lugar: Hotel Cabazo. Ribadeo.

1º Curso Interdisciplinar de Improvisación Libre, con Chefa Alonso.

Este taller será dirixido e impartido por Chefa Alonso, Doutora en Improvisación Libre e Composición pola Universidade de Brunel (Londres), docente galega, directora e música con máis de trinta anos de experiencia, participante en diferentes festivais internacionais de free jazz e improvisación libre (Alemaña, Romanía, México, Austria, Inglaterra…), e con experiencia amplísima na dirección e formación de grupos e orquestas.

A quen vai dirixido? A artistas: músicos, poetas, bailaríns-as, actores-ices, artistas plásticos… amadores ou profesionais.

De que se trata? Elabórase un obradoiro onde os participantes poderán aprender diferentes dinámicas:
– Propostas de escoita e interacción: xogo do eco, solos/dúos encadenados, dúos/cuartetos con loops….
– Proposta de decisión, memoria e selección de material: os tres desexos, ostinatos, o xogo da mai…
– Desenvolvemento dunha estrutura e preparación de estratexias de improvisación: traballo en grupo sobre unha imaxe.
– Exposición e desenvolvemento de un carácter: as miniaturas sobre Haikus.
– Os motivos, os seus desenvolvementos, os finais.
– Dúos sobre suxestións poéticas.
– Pezas orquestrais, sinais de condución e postais sonoras.

Número de asistentes: 10 mínimo e 15 máximo. Todos os participantes deberán traer o seu instrumento (musical, corpo, voz, texto, material para plástica, etc) así como o equipo necesario para o seu son ou visibilización.

Onde e cando?
8 e 9 de maio: 8 de maio (venres) de 11:00 h. a 14:00 h. e de 17:00 h. a 20:00 h.; 9 de maio (sábado) de 11:00 h. a 14:00 h.
Espazo: Auditorio de Ribadeo.

Bailar el Agua, por Chefa Alonso (médica e música) e Raquel Sánchez (bailarina e coreógrafa)

De que se trata e a quen vai dirixido?
Chefa Alonso, música e doutora, xunto á bailarina e coreógrafa Raquel Sánchez preséntannos Bailar el Agua,  un taller espectáculo que levan desenvolvendo en diferentes países e continentes desde 1999 e que por primeira vez vén a Galiza despois de 16 anos impartíndose polo resto do estado e São Paulo (Brasil). Un espectáculo realizado por un equipo de músicas e bailarinas concebido para persoas con diversidade funcional enraizado na capacidade de integración social e mellora terapéutica que ten a creación artística baseada na improvisación.
Trátase dun espectáculo de unha hora de duración onde as facilitadoras, xunto ás persoas con diversidade funcional, crearán unha obra musical e de danza a través do uso da improvisación como recurso comunicativo, permitindo así establecer un diálogo cos asistentes, integrar as súas respostas e compor con elas en tempo real. Proponse un formato especial que produce unha estimulación sensorial e emocional moito máis ampla.

Número de participantes e características:
No máximo e mínimo de participantes: entre 10 e 25 persoas con diversidade funcional
O público acompañante e resto de público interesado, estarían noutra disposición espacial.

Onde e cando?
9 de maio ás 18:00 h. Lugar: Auditorio de Ribadeo.
Duración: unha hora.
+Info: ver vídeo:

3º Sesións Neuromovemento Cranial, por Juan Carlos Concha Matus.

Impartidas por Juan Carlos Concha Matus, afincado en Mallorca, osteópata formado no Método ABM -Anat Baniel Method- de Fendelkrais (San Rafael, California) e practicante do mesmo en diferentes países europeos: Rusia, Dinamarca, Alemaña… A súa longa experiencia con nen@s e adult@s con (e sen) diversidade funcional achega un importante avance na diversidade funcional na Galiza desde outubro de 2013. Esta é a primeira vez que se practica na comarca de A Mariña.

De que se trata?
NeuromovimentoCraneal é a súa plataforma, ferramenta principal para traballar con adult@s e nen@s. Un enfoque e técnica refinada no tacto e movemento, aproveitando ao máximo a plasticidade natural do sistema nervioso e a respiración primaria sanadora dos tecidos corporais. Nesta ocasión presenta unha programación de cinco xornadas con sesións individuais todos os días ata completar as prazas.

A quen vai dirixido?
O público ao que están dirixidas son todas aquelas persoas que queiran profundizar no seu propio potencial a través do movemento. En particular a:
– Adult@s con dores crónicas ou limitacións de movemento.
– Nen@s con necesidades especiais e ás súas familias.
– Terapeutas manuais que queiran ampliar as súas técnicas e recursos.
– Profesionais da saúde, a docentes, a artistas (de música, teatro, danza…)
– Docentes especializados en educación física, plástica e música.

Características
Cada sesión individual ten unha duración estimada de 45 minutos. O número de prazas é limitado e confirmaranse segundo orde de inscrición.

Datas e Horarios
Do 4 ao 8 de Xuño. Todos os días desde as 10:00 h. ata as 14:00 h. e de 16:00 h. ate 20:00 h.
Onde?
Sesións: Hotel Cabazo, Ribadeo.

+Info: nesta páxina web

Contacto para reservas e información:
Marina Oural, +34658792310/marina.oural.villapol@gmail.com

Organiza: aCentral Folque
Produce: Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento
Colabora: Concello de Ribadeo. Concellaría de Asuntos Sociais. Concellaría de Cultura.

Ugia Pedreira & Pierrot Rougier

Sobre o autor / a autora

Ugia Pedreira

Ugia Pedreira

(Galiza)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *