O libro galego na prensa (I)

O libro galego na prensa (I)

0 comentários 🕔08:45, 29.Abr 2015

Nos números 13, 14, 15 e 16 do boletín ciclostilado O Pote, pertencentes respectivamente aos meses de xaneiro, febreiro, marzo e abril de 1998 apareceu este traballiño que, pensamos, non está de máis recuperar, aínda que os datos só serven para o tempo en que se realiza a enquisa, e as reflexións talvez hoxe non sexan nin axeitadas nin oportunas. O Pote. Boletín do Grupo Anónimo de Barcelona tirábase (sic) a 50 exemplares, distribuídos entre unha serie de xentes e institucións escollida polos redactores (anónimos) de tal boletín. Anónimos porque non asinaban nin os seus textos nin as súas traducións. Deste boletín apareceron 24 números, numerados do 0 ao 23-24, desde decembro de 1996 a decembro de 1998. O traballo estaba dedicado ao poeta e investigador Miro Villar. Na versión actual elimináronse toda unha serie de reflexións e de mencións que hoxe nada dirían ao posíbel lector.

O libro galego na prensa (I)

Segundo Arnold Hauser, en Socioloxía do público, volume 4 de Socioloxía da arte (Sociología del arte. 4. Sociología del público, Madrid-Barcelona, Ediciones Guadarrama-Labor, 1977), a crítica de arte, de literatura, tal e como a coñecemos hoxe, tivo a súa orixe no Humanismo e na Ilustración até consolidarse, na forma actual, no século XX.

Isto non quere dicir, porén, que antes non houbese algunha forma de crítica. Ben como poética, como tratado de retórica ou preceptiva. Ou ben baixo outras formas… como a do poema. Un exemplo preto de nós: se se le con atención o volume de Giulia Lanciani e Giuseppe Taviani, as Cantigas de escarnio (Vigo, Edicións Xerais, 1986), o capítulo dedicado á sátira literaria, dentro do apartado dos xéneros satíricos, verase que moitas cantigas conteñen críticas ao modo de cantar e de trobar de outros xograres e trobadores. É máis, o poema de Johan Garcia Guilhade que se transcribe a continuación, il non sería unha crítica á reiteración temática das cantigas d’amigo?

Ay, dona fea, fostes-vos quixar,
[por] que vos nunca louv’en meu cantar;
mays ora quero fazer un cantar,
en que vos louvarey toda vya;
e vedes como vos quero loar:
                            dona fea, velha e sandya!

Ay, dona fea, se Deus mi perdon,
e poys avedes tan gran coraçon
que eu vos lê en esta razon,
vos quero já loar toda vya;
e vedes qual será a loaçon:
                            dona fea, velha e sandya!

dona fea, nunca vos eu loey
en meu trobar, pero muito trobey;
mays ora já un bon cantar farey,
en que vos loarey toda vya;
e direy-vos como vos loarey:
                            dona fea, velha e sandya!

(Crestomatia Arcaica, selecção, prefácio e notas de M. Rodrigues Lapa, Lisboa, Sá e Costa, 1976.) Na nota a esta cantiga, o estudoso portugués di o que se segue: «Uma cantiga d’escarnho de um dos trovadores mais engraçados e originais do século XIII, Joan Garcia de Guilhade. Nela se alude ao velho costume de louvar a senhora nas cantigas d’amor. Guilhade, num momento de mau humor, em vez de louvar a sua dona, celebra aos quatro ventos a sua fealdade, madureza e parvoíce! Era uma travessura do galhofeiro trovador!». Non dubidamos da certeza das palabras do mestre Rodrigues Lapa, mais tamén se pode ver nesta cantiga d’escarnho unha crítica á monotemática das cantigas d’amor, das que, por outra parte, Guilhade foi cultor. Cómpre tamén non esquecermos as diversas cantigas d’escarnho que satirizan a forma e o modo de trobar duns ou outros trobadores e xograres.

É certo que a maioría das cantigas d’escarnho sobre trobadores e xograres son ataques ad hominem. Non, porén, esta «travessura», que non visa a un poeta dado, senón a toda unha temática poética determinada –o que hoxe chamariamos «poeticidade», ou stock poético. Eis, para nós (mera, hipótese), unha primeira forma de crítica literaria na nosa literatura –deixando de lado a poética fragmentaria do Cancioneiro da Biblioteca Nacional ou Colucci-Brancuti. A crítica «literaria» nos poemas é, talvez, a máis antiga forma de crítica. De Catulo a Villon, por non falar dos poetas modernos que explicitamente din que algúns dos seus poemas son lecturas críticas dun ou outro libro (poemas de John Donne: A valediction of the book ou Upon Mr. Thomas Coryat’s crudities. Ou máis preto de nós, na nota que Gabriel Ferrater lle antepuxo a Les dones i els dies, 1968, pídese ler: «O autor quere facer notar que, aínda que as pezas aquí recollidas son poemas desde o momento en que están escritas en versos, as cousas que din non estaban fatidicamente destinadas á poetización, así, por exemplo, ‘A l’inrevés’ é un comentario crítico sobre Huckleberry Finn de Mark Twain, e “Cançó del gosar poder” é un exercicio sobre os verbos modais cataláns»); moitos poetas usan dos seus poemas como forma de crítica cara a unha ou outra determinada forma de compor. Ou son críticas de libros. A literatura, antes de coñecer a crítica literaria na súa forma actual, tiña os suficientes resortes internos para producir a súa crítica e a súa autocrítica –sen se esquecer das diferentes retóricas ou poéticas, de Aristóteles a Boileau, pasando por Cícero ou Quinto Horacio Flaco.

Mais é co Humanismo, e sobre todo coa Ilustración, que nace a crítica literaria. Di Arnold Hauser (op. cit., pp. 606-607): «Nos períodos anteriores á división profesional dos literatos do Humanismo e da Ilustración non houbo ningún tipo de crítica. O Renacemento e a Ilustración foron os primeiros que empezaron con ela […] Co desenvolvemento efectuado polos literatos da Ilustración, especializáronse nela [na literatura crítica ou crítica literaria] diversas pólas da crítica, separándose en particular a praxe académica e dos eruditos da arte e dos profesores universitarios respecto da información sobre literatura, teatro, cine, concertos e exposicións na prensa diaria. // Ambos xéneros de crítica son subprodutos e os seus portadores cómplices indirectamente subvencionados das formas interesadas no suborno da sociedade dada. A dependencia dos críticos da prensa diaria verbo do sistema ao que serven é máis que evidente, a dos representantes académicos da crítica verbo do stablishment que decide a ocupación de cátedras, máis oculta. Pero isto non impide en absoluto que a crítica xornalística sexa as máis das veces máis influínte que a académica. Se o desenvolvemento das diversas pólas da crítica tivo lugar na Ilustración, é a partir do século XIX cando se consolida. A crítica xornalística, tan deostada, nace coa Revolución Industrial e a aparición dos xornais. Ou, se se prefire, coa popularización do xornal».

En 1830, en Francia, unha tiraxe –dun libro– de 2000 exemplares era considerada como excelente. Cincuenta anos despois, Zola acada, con Nana, os cen mil. En Inglaterra, o avance industrial verbo de Francia era considerábel, os cen mil exemplares acadáronse nas dúas primeiras décadas do século XIX (Robert Escarpit, Sociología de la literatura, Barcelona, Edima-Edición de Materiales, 1965. «Cuarta parte. El consumo»). O que non está ben determinado é a influencia que tivo a crítica dos xornais no aumento das tiraxes, aínda que o seu influxo non se poida negar.

O libro galego na prensa (II)

En 1842 Honoré de Balzac dá ao prelo Monographie de la presse parisienne (H. de Balzac, Monographie de la presse parisienne précédée de L’histoire veridique du canard par Gérard de Nerval, París, Aubry, 1943). O volume é unha descrición polo miúdo da «fauna» xornalística, e da crítica. Desde o xornalista ao autor de conviccións, do home de estado que escribe nos xornais ao folletinista, do crítico blond ao gran crítico, do panfletario ao «xornalistiña», o autor de As ilusións perdidas describe as miserias do mundo xornalístico parisiense, da prensa de París do seu tempo. O escritor francés tira diversas conclusións, e cando non as tira, déixaas percibir: a literatura depende da prensa, á súa vez a prensa depende dos posuidores dos grandes capitais (o capital financeiro), xa que logo, o literato converterase, a curto ou longo prazo, con ou sen máscara, nun servidor do capital. Non debe sorprender a clarividencia dun escritor tantas veces alcumado de reaccionario: sábese que Karl Marx soñou con consagrar os últimos anos da súa vida a estudar a obra balzaquiana.

A verdade é que a descrición e análise de Balzac non envelleceu, e é que o escritor gaulés, na súa descrición, se introduce na lóxica interna do capital, e, se ben na prensa cambiou todo, non cambiaron, todo o contrario, as preguntas que se facía o escritor. Actuando como notario, Balzac fixo, como dixemos, algo máis que describir a superficie: ensinou as engrenaxes, que continúan a ser, cos debidos cambios e mais o saber acumulado pola burguesía (o capital) en máis de século e medio, as mesmas. Balzac, con outras palabras, descubriu o que era o literato, ou o que se ía converter a medio prazo: un médium. Un transmisor ou mediador. (Sobre os mediadores, véxase o capítulo dedicado aos tales por A. Hauser no mencionado volume.)

Curioso é sinalar que Balzac escribira nunha das súas novelas que a prensa era a grande praga do século, o cancro que devoraría o país (século: XIX; país: Francia). Hoxe, 150 anos despois, a prensa, os medios de comunicación «masivos» –eses polos que tanto se «pirran» certos filósofos e escritores galegos–, permitiron ás clases dominantes de Europa e os USA non só devorar os seus países domesticando os seus pobos, senón que despois dunha boa cocción, devorou os seus intelectuais, escritores e artistas. Os medios de comunicación lograron que o home occidental crese, unha crenza profunda, que se «realiza» no espectáculo. O espectáculo é unha parte importante, senón a máis importante, das nosas vidas. Formamos parte do espectáculo, somos espectáculo. Fronte a iso, só quedan tres posicións: a) a anarquista-aristocrática, tal como foi practicada polos situacionistas e, sobre todo, polo seu maior teórico, Guy Debord (La sociedad del espectáculo, Madrid, Castellote Editor, 1976 e Comentarios sobre la sociedad del espectáculo, Barcelona, Anagrama, 1990); posición, por outra parte, que procede de toda unha longa tradición político-intelectual de “alta cultura” que ve nos medios de comunicación de masas o diabo e que, curiosamente?, dá as costas á tradición de descrición e análise encetada coas Luces; b) a rendición, e sobran as palabras; e c) análise e descrición, que deben ir unidas a unha alternativa de sociedade; alternativa que, infelizmente, non se ve por parte ningunha. Esta terceira posición está a nacer e Balzac é un dos seus precursores. Talvez porque o escritor gaulés coñecía os xornais parisienses desde dentro, entendeu a súa lóxica, que era a lóxica do capital, e puido describilos e analizalos cunha lucidez que aínda hoxe debe ser facho para toda análise dos medios.

Se o literato ía converterse en mediador, o mediador por excelencia ía ser o crítico de xornal. É dicir, aquel que chega a un maior número de xente. Inducido (subvencionado, como di Hauser) polo capital, é dicir, polo poder editorial, o crítico vai cambiando a través dos anos. Reconversión que o conduce a converterse a maioría das veces en axente de publicidade, o mediador perfecto. Publicidade do libro minuto, publicidade do libro cartel, do libro folleto, ersatz falaces que se producen, din, para inducir á lectura a un público non lector. Todo isto leva, finalmente, ao crítico a ser o mediador do acontecemento. O acontecemento –noutrora– era a aparición do libro, hoxe é a figura do autor. Cando non a figura do mesmo crítico. A literatura está en mans do capital –poder editorial, lembrémolo–, o crítico-artista que demandaba Oscar Wilde afástase cada vez máis da nosa realidade, e a crítica perdeu –se é que algunha vez o acadou– ese ideal de cumio– de vista unha das súas premisas básicas: como obra de creación que é, o seu material é a lingua e a súa finalidade a comunicación e transmisión de beleza. Mais ese ideal, que, como dixemos, talvez nunca acadou, hoxe está lonxe, xa non é ideal. A crítica, desde mediados do XIX, viuse reducida a ser o reporteiro da policía correccional da literatura, como moi ben sinalou o devandito Oscar Wilde. Malia as excepcións. E esa acción correccional non só é labor da crítica xornalística (dos xornais e revistas, a única que inflúe en lectores non especializados), senón tamén da crítica erudita e da crítica especializada. Pero o máis grave de todo é que hoxe a crítica, mesmo a xornalística, non se dirixe a un público máis ou menos amplo: hoxe diríxese ao escritor, ao artista. Por outra parte, habería de comprobarse se o escritor, o artista, non se dirixe á súa vez ao seu par en troques de a un público (seu ou non). E xa se sabe que sen público non existe escritor. Mais estamos a afastarnos do noso traballo.

Quedamos en que a crítica literaria tal e como se coñece hoxe naceu co Humanismo e diversificouse (ou «institucionalizouse») coa Ilustración; cómpre lembrarmos que para René Wellek a crítica literaria moderna nace en 1750. O grande salto cara a diante prodúcese no século XIX, en Francia, Inglaterra, Alemaña e mesmo España. E na Galicia? Se un se fía do primeiro volume de Prensa literaria en Galicia, de César Antonio Molina (Vigo, Edicións Xerais, 1989), dá a impresión de que a crítica literaria tal como a coñecemos hoxe comezou no noso país coa aparición da Revista de Galicia (1878), o órgano coruñés da Pardo Bazán. Mais non é así, cando en verdade comeza é en 1860, coa aparición de Galicia. Revista universal de este reino, ben que houbese antecedentes máis ou menos gloriosos: El Correo de Galicia (1843), El Recreo Compostelano (1842) e mesmo Faro de Vigo. A crítica literaria –case que exclusivamente en español até a aparición do nacionalismo– foi medrando aos poucos, ao acougo dos órganos de comunicación dos movementos rexionalista e nacionalista, e despois en xornais como La Zarpa (1921), Galicia (1922), El Pueblo Gallego (1924), etc. (Esperemos que nun futuro non moi afastado alguén se dedique a baleirar os xornais e revistas galegos de 1830 até hoxe: neles está moito da mellor literatura que se fixo no país; e toda a crítica.)

O corte brutal que supuxo o levantamento fascista de 1936 tivo graves consecuencias, tamén, para a crítica galega, que durante moitos anos deixou de existir. En 1946, o xornal ourensán La Región comezou a falar timidamente de literatura galega. Tres anos despois tomou o temón La Noche, e na década dos 50 aparecen diversas revistas nas que se fan recensións de libros galegos e, máis importante, en diversos xornais van aparecendo recensións. (Até 1960 pode consultarse, coas debidas precaucións –omisións e unha ideoloxía antigaleguista que paira por todo o libro– o segundo volume de Prensa literaria en Galicia, de César Antonio Molina.)

A historia da crítica literaria na Galicia está por facer, e non somos nós os que tentaremos tal fazaña, mais conviría estudar polo miúdo o auxe que vai tomando nos xornais de Galicia a recensión crítica do libro e a cultura do país de 1956 a 1977. E, claro, o que aconteceu de 1977 até os nosos días. Para todo isto necesítase un baleirado de Faro de Vigo, La Voz de Galicia, El Progreso, La Región, Chan, Vida Gallega, etc. Á parte dalgunha sorpresa (para ben), ese traballo sería beneficioso para o coñecemento da nosa literatura, que alguén pensa que data de 1980, ou así.

Unha sorpresa que podería dar o estudo polo miúdo das revistas e xornais publicados en Galicia no presente século, é constatar que o libro, hai anos, non era obxecto a ser tratado en suplementos á parte. É dicir, a recensións dun libro podía aparecer na páxina menos esperada no momento máis inesperado (non se trata, con todo, de que apareza en medio das necrolóxicas, feito ao que nos tiña afeitos La Voz de Galicia). Cos anos, e debido en certa maneira tanto á demanda interna (a do lector galego) como á imitación dos grandes rotativos europeos e americanos –e suramericanos–, impúxose o «suplemento», cultural ou de libros. Un suplemento que querendo, nun principio, dar «dignidade» ao libro e á cultura en xeral, relega ambos a un ghetto para iniciados. O suplemento de libros, ou cultural, é endóxeno, é dicir, está escrito para aqueles que escriben, non para o público en xeral. O consumidor de suplementos culturais sabe que día saen, e ese día compra o xornal. A empresa tamén o sabe, claro, e xa non fala máis de libros en toda a semana. (Case todos os xornais publican noticias culturais os días da semana: é o apartado que titulan «Cultura e sociedade», onde todo vale, desde a aparición dunhas ruínas gregas na Antártida até o divorcio do cantante de moda ou o último ligue do príncipe herdeiro; ou o roubo dun cadro de Picasso, noticia que debería ir na sección de «sucesos». É dicir, cultura unida á frivolidade máis cutre.) O suplemento cultural tal e como é concibido polo xornalismo de hoxe é, repetímolo, un ghetto. Un suplemento que só interesa a un 10% ou, máximo, 15% por compradores efectivos do xornal. [Unha enquisa feita polo xornal Le Monde, que iniciou o seu suplemento de libros serodiamente, en 1967, vinte e dous anos despois de que Le monde des livres aparecese por primeira vez, o que non quere dicir que non se falase de libros no xornal que era o paradigma da modernidade cultural francesa, diciamos, unha enquisa feita nos inicios dos 1980 polo xornal parisiense demostrou que só uns 50 mil compradores do xornal, dunha tiraxe media de 450 mil, lían tal suplemento. Talvez sería necesario facermos unha enquisa semellante sobre os suplementos literarios dos xornais que se editan en Galicia. Cando menos os seus responsábeis saberían a que aterse, se é que non o saben. Un, arrastrado por un método que poderiamos denominar máxico-intuitivo, pensa que os suplementos literarios galegos están dirixidos a tres capas de lectores (sic): a) os alumnos de filoloxía galega; b) os profesores de galego; e c) os escritores –quizais tres persoas distintas e un só lector verdadeiro.]

Nunha palabra, e a falta de datos empíricos, pode dicirse que o suplemento literario e de libros é o curruncho onde se almacenan os libros para consumo duns lectores que van resultar endogámicos. Ou sexa, a maioría dos lectores de suplementos son produtores de libros, ou relacionados coa súa produción; ou, como moito, coa súa transmisión: os profesores de instituto.

O problema dos suplementos culturais, de libros, a súa ineficacia, foi vista hai tempo polos responsábeis das editoras que, con todo, ao seren o único lugar onde se pode falar do libro publicado, continúan a «mimalos» dentro das súas posibilidades. Sobre a ineficacia dos suplementos de libros, véxase A Nosa Terra, núm 711 (1-II-1996), p. 21, declaracións do presidente da Asociación Galega de Editores. [Nestas declaracións, Carlos Blanco di: “A maiores pedimos receptividade nos programas dos meios públicos. A Rádio Galega aínda se porta, pero na TVG o libro galego anda extraviado” –subliñamos nós. Carlos Blanco dá no cravo: receptividade nos programas, non programas de libros –tamén habería que discutir o tipo de “receptividade” para non acabar convertendo o autor no “acontecemento”. Un exemplo moi claro deuse en Cataluña durante varios anos. Salvador Alsius, presentador do telexornal do medio día, acababa o seu telexornal falando dun libro. Foi o “programa” que máis fixo polo libro catalán, moito máis que os programas semanais dedicados ao libro e á literatura.]

Mais estamos a alongarnos de máis sen entrarmos no miolo do que quere ser o noso traballo: a recepción do libro galego na prensa diaria. Nos suplementos de libros.

O libro galego na prensa (III)

Para facermos o noso traballo usamos tres xornais, desde primeiros de setembro de 1995 até final de xuño de 1996, ou sexa, dez meses, un curso escolar. Os xornais cos que traballamos foron: La Voz de Galicia, da Coruña; Faro de Vigo, da cidade ídem, e mais O Correo Galego, de Santiago de Compostela. Para a nosa esculca engadimos, finalmente, o semanario A Nosa Terra, de Vigo, pero, por sorte, de nula vocación localista. Botará o lector en falta xornais de Lugo e Ourense: La Región non fala para nada de libros, e de galegos menos. El Progreso, que mantén un suplemento cultural fundado por Ánxel Fole, «Táboa redonda das letras», non o publicou durante as datas indicadas, reapareceu máis tarde, a finais de outubro de 1996 (deixara de saír en xullo de 1995), mais sen a calidade que lle imprimira Fole.

FARO DE VIGO

Durante uns vinte anos, de principios dos 1960 até 1981, as páxinas de letras do xornal vigués foron dirixidas por Álvaro Cunqueiro. Son unhas páxinas que habería que recuperar na súa totalidade, esperamos que algún día se faga. Morto o mindoniense, durante un tempo dirixiu o suplemento Francisco Fernández del Riego até que desapareceu, o suplemento. Reapareceu ao cabo dun tempo, con máis páxinas, e bilingüe –que non o fora anteriormente– dirixido por José Antonio Perozo, quen lle deu actualidade, dinamizouno e… ao cambiar de propiedade o xornal, supomos, desapareceu o suplemento. Até 1993, que torna aparecer co título de «Faro das letras», coordinado por Xosé R. Pena e cun Consello de Redacción formado por Xosé María Álvarez Cáccamo, Carlos L. Bernárdez, Ramiro Fonte, Estro Montaña, Gonzalo Navaza, Ramón Nicolás e Román Raña, ou sexa, o mesmo equipo que fixera «Galicia literaria», de Diario 16 de Galicia, agás Manuel Forcadela. En setembro de 1995 desaparece o nome de Ramiro Fonte do Consello de Redacción sen que ningún novo veña substituílo.

«Faro das letras», durante os meses estudados por nós, aparece, normalmente, os sábados, aínda que ás veces –compromisos do xornal, superplus de suplementos, ou non sabemos que– saíu os venres, sen previo aviso. Consta, agás días especiais como o das Letras Galegas, de dúas follas (catro páxinas), de 41,5 x 28,5 cm. –o mesmo que o xornal, con numeración á parte. Ten diversas seccións: «Letras do noso tempo», «Tribuna de opinión», «Crítica», «Miradoiro» (relación de novidades editoriais), «Teatro», «Revista», «Andel de novidades» –dáse a nova da aparición ou publicación de catro libros– e mais a primeira páxina, que non ten nome de sección e na que se pode introducir calquera das relacionadas enriba, agás o «Andel de novidades» e a «Entrevista». O suplemento vai profusamente ilustrado e cabería preguntarse se a redución ou eliminación de ilustracións (que adoitan ser aleatorias) non deixaría espazo para máis palabra, para máis recensións.

Durante dez meses recollemos todos os «Faro das letras», do 29 de setembro de 1995 (suplemento número IC), o primeiro que saíu despois do verán, até o 22 de xuño de 1996 (suplemento CXXX –en xullo e agosto «descansou»), ou sexa, un total de 31 suplementos. Como que o noso interese se centra no libro galego como tal (é dicir, na súa crítica e recensións), traballamos sobre dúas seccións: «Crítica» e «Andel de novidades». Deixamos fóra «Miradoiro», simple enumeración de novidades, e as posíbeis entrevistas cun ou outro escritor ou director literario de editoriais. Tamén deixamos fóra a sección dedicada a críticas de representacións teatrais –e habería que preguntarse sobre a pertinencia desta clase de críticas, de teatro, nun suplemento semanal. Esta clase de escritos debería ser publicada no momento da representación, no apartado de espectáculos ou cultura do xornal, pois doutro xeito só pode significar –e de feito significa– a súa dupla marxinación, crítica e informativa.

No apartado «Crítica» fálase normalmente de libros galegos, aos que se dedica entre 3800 e 4300 signos. É dicir, unha recensión-crítica. «Andel de novidades» é iso, un aparador dos libros que rematan de saír, aínda que debido a que hoxe as «novidades» duran cada vez menos, e que o suplemento parece feito con semanas de antelación, as novidades parecen menos «novidades». O mesmo acontece no apartado das críticas, xa que ás veces se comentan libros que apareceran meses atrás… mais outras adiántanse case aos acontecementos.

No apartado ou sección «Crítica» coméntanse todo tipo de libros, e mesmo revistas. Durante os meses citados fíxose a crítica dun total de 113 libros. Destas 113 recensións, 34 foron a libros de narrativa, 19 a poesía, 14 a teatro e 5 a libros que poderiamos denominar infanto-xuvenís. As 17 restantes foron dedicadas a libros de historia, lingüística, historia ou crítica literaria, algunha revista, etc.

Na sección «Andel de novidades» levantouse acta de nacemento de 120 libros, folletos, revistas, etc. Destas «actas de nacemento», 40 foron de libros de narrativa, 17 de poesía, 15 de infanto-xuvenil, 4 de teatro e as restantes repartíronse entre revistas, anuarios, libros de historia, economía, arte… Para acabarmos, digamos que 36 dos libros dos que se levantou acta de nacemento no «Andel…» foron logo comentados. Ou primeiramente foron comentados e logo levantouse a acta, como por exemplo de Xesús Ferro Couselo. A cultura dos devanceiros, de Gonzalo Navaza e Xosé Ramón Pena.

Como dato curioso, digamos que os membros do Consello de Redacción, e mais o coordinador do suplemento, fixeron diversas recensións nos 31 números estudados. A cousa quedou así: Xosé Ramón Pena (4), Xosé María Álvarez Blázquez (1), Carlos L. Bernárdez (7), Estro Montaña (2, non galegos), Gonzalo Navaza (3), Román Raña (2), Ramón Nicolás (9). Máis curioso sería enumerar os libros que criticou cada membro do Consello Redacción do suplemento. Eis, con todo, unha pequena mostra: X. R. Pena, coordinador, dos catro libros que comentou dous eran de Román Raña, membro do Consello. Gonzalo Navaza, dos tres que fixo a crítica, un foi de A luz dos desnortados, de X. M. Álvarez Cáccamo, tamén membro do consello. Do libro de G. Navaza Erros e Tánatos ocupouse o seu compañeiro de consello Carlos L. Bernárdez. E dun folleto deste último, O corpo da amiga, levantouse acta de nacemento e fíxose unha recensión-crítica.

Deixando de lado as curiosidades, vaiamos ao que interesa: o libro galego. Se ás críticas (113) que se fixeron no «Faro das letras» restamos o número deses libros que tamén foron enumerados no «Andel de novidades» (36), quedan 77 libros. Se a estes 77 lle sumamos o total do «Andel de novidades» (120), dános un total de 197 libros, revistas, anuarios, folletos, etc., que o lector do «Faro das letras» soubo que apareceran en galego durante os dez meses mencionados.

O CORREO GALEGO

O Correo Galego é o primeiro xornal da historia en lingua galega. Eis a súa importancia, a única. Informativamente é o irmán menor do seu homónimo en español (son da mesma empresa, os dous aparecen en Santiago de Compostela). Aos poucos días da súa aparición, recolleu a «Revista das letras» que viña aparecendo no irmán maior. Este suplemento cultural aparece os xoves, consta de oito páxinas 28,5 x 51 cm. A primeira páxina adoita ser unha foto e un pequeno texto que introduce no tema das dúas (ás veces máis) páxinas seguintes. As páxinas 4 e 5 poden ser monográficas ou dedicadas a diversos temas, que van desde as novidades editoriais a saír até entrevistas con escritores que acabar de dar ao prelo algunha publicación. As páxinas 6 e 7 están dedicadas a «libros». Na 6, dúas recensións críticas, asinadas por F. Martínez Bouzas, que fala de toda clase de xéneros, e Vicente Araguas, especializado en poesía, aínda que ocasionalmente fale doutros xéneros. Na páxina 7 adoitan comentarse novidades, é dicir, levantar acta de nacemento. Nesta páxina tamén hai unha sección, «O fío», sobre a actualidade cultural galega –ou non– e un apartado ou sección, case sempre asinado por Carlos Quiroga, dedicado a libros portugueses. Ou a temas de cultura portuguesa. A última páxina, «Latexos» está dedicada a diversos temas, artes sobre todo, e consta dunha «Guía de mostras de Galicia».

O suplemento vai profusamente ilustrado, dando a impresión de que se busca máis o «impacto» (e perdón polo palabrón) visual que a importancia que poida ter o escrito. O deseño intenta ser «moderno» e, infelizmente, queda en modelno, e a superposición de imaxe sobre o escrito dificulta a lectura, cando non a impide totalmente. Está coordinado por A. R. López. Deseño: Botana / López. Realización: E. Neira / C. Castromil/ D. Janeiro. Consello de proxectos: A. Romaní, A. Quintela, Rafa e Miro Villar, C. Amado, Robert Bass e F. Domínguez. Grafismo: Chico. Revisión lingüística: C. Nogueira. Isto durante o período que traballamos, actualmente (1998) a mancheta sufriu diversos cambios que non paga a pena enumerar. A edición do suplemento está patrocinada ou subvencionada pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria.

Igual que co «Faro das letras», durante dez meses recollemos todas as «Revista de letras» do Correo Galego. As datas van do 7 de setembro de 1995 (revista núm. 72) ao 27 de xuño de 1996 (revista núm. 119), ou sexa, un total de 43 revistas. Igual que co suplemento analizado anteriormente, só damos noticia dos libros galegos, en galego. Verbo do «Faro das letras» cómpre dicirmos que «Revista de letras» vai máis ao día. É dicir, coméntanse ou critícanse os libros con máis prontitude, aínda que ás veces non sexa así. Tamén hai que sinalar que as críticas neste suplemento sempre van asinadas polos mencionados F. Martínez Bouzas e Vicente Araguas, o que non quere dicir que de vez en cando, pero moi raramente, algún que outro libro non sexa criticado por outra persoa.

Os libros dos que se fixo recensión crítica durante estes meses foi de 88. Destes oitenta e oito, 26 son de narrativa, 36 de poesía, 3 de teatro e 2 infanto-xuvenís. Os 11 restantes son libros de historia, economía, ensaio, etc.

No apartado de novidades comentáronse 132 libros galegos (lembramos que deixamos fóra os libros en español e portugués), deles 18 de poesía, 39 de narrativa, 6 de teatro e 11 infanto-xuvenís, e o resto (58) repártense entre arte, economía, historia, crítica literaria, guías turísticas, libros de gastronomía, revistas, etc.

Dos libros relacionados no apartado de novidades, 35 tiveron unha recensións posterior, polo que facendo as mesmas contas que co «Faro das letras» resulta un total de 53 libros comentados, que sumados aos aparecidos no apartado de novidades (132) dá un total de 185 libros galegos dos que os lectores da «Revista das letras» tiveron coñecemento ao longo destes 10 meses (catorce menos que no «Faro das letras»).

(A partir do número 85 comeza a aparecer, na páxina 7, a carón das «Novidades», unha lista de libros máis vendidos. En galego, español, portugués, inglés… A lista dos galegos está feita a partir de elaboración propia, consultando a diversas librarías de Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense. Outras veces sobre menos puntos de venda. Con todo, as listas de vendas sempre hai que pólas entre parénteses, cando non entre claros signos de interrogación.)

LA VOZ DE GALICIA

Durante uns anos, este xornal coruñés tivo, talvez, o mellor suplemento cultural do país, con todas a críticas que se lle podían facer e todas as pegas que se lle podían pór, que eran moitas. Hoxe (1998), o xornal herculino ten o suplemento de cultura máis «bonito» de todos cantos se producen en Galicia… e estou por afirmar que no resto do Estado. Fotografía a cor, fotomontaxes, reprodución de portadas de libros, discos, cadros, etc., todo moi digno dun interior burgués fin de século XX. E máis nada.

O suplemento «Cultura» –tal é o seu nome– aparece os xoves. Consta de 16 páxinas de 20,5 x 29 cm. Está dividido da seguinte maneira: portada, con foto e título de tema monográfico. Tema que é tratado nas páxinas dúas a catro, inclusive. As páxinas cinco e seis están dedicadas á literatura galega. As sete, oito e nove están tomadas polo libro español ou en español. As dez, once, doce e trece, dedícanse ás «músicas», aínda que ás veces a páxina trece é ocupada por teatro, e a doce por «audiovisual», ou sexa, video. As páxinas catorce e quince son normalmente de tema artístico (pintura e/ou escultura), e a páxina dezaseis, durante os meses que estudamos nós, por unha sección, «Bule, Bule», asinada por Antón Reixa, na que falaba de todo o divino e o humano.

Como nos anteriores casos, a relación vai do 7 de setembro de 1995 (suplemento núm. 28) ao 27 de xuño de 1996 (suplemento núm. 70). É dicir, un total de 43 suplementos.

Como que o tema tratado aquí é o libro galego, pasamos directamente ás páxinas que «Cultura» dedica ao tema, as cinco e seis. A cinco componse dunha lista de libros máis vendidos (elaboración propia a partir de diversos puntos de venda: Vigo, Santiago, A Coruña, ás veces Ferrol, Pontevedra, Lugo, Ourense ou as distintas feiras de libros que se celebran polo país, así como datos da Federación de Libreiros de Galicia). Nun principio, a lista de máis vendidos dividíase en dúas: Ficción (normalmente cinco títulos) e Ensaio (tres títulos); a partir do núm. 66 unifícase a lista e danse seis títulos. Ademais da lista de máis vendidos, hai unha sección, «Premios», que é, simplemente, a transcrición das bases dos premios literarios que se convocan en Galicia. E, por último, unha entrevista cun escritor galego. É a única sección («Corte e confección» é o seu título, o que amosa por si só o que pensan os responsábeis deste suplemento do libro e da cultura galega en xeral) que dá sentido a estas páxinas.

A páxina seis é a propiamente dedicado ao libro galego. En cada número adoitan comentarse tres volumes (ás veces catro). A recensión nunca pasa dos 1100 signos; nunca son recensións críticas senón que, máis ben, parecen transcricións das lapelas (ou contracapas) dos volumes, ou dos pressbooks editoriais, aínda que vaian asinadas, maiormente con iniciais. Até o núm. 44, inclusive, había unha sección, «Ó trasluz», asinada por Luís Álvarez Pousa; único apartado en que se transmitía algo de crítica, onde todo non era pura «publicidade».

Ao longo destes 42 suplementos, «Cultura» comentou 167 libros galegos de toda caste, sen xerarquía de ningún tipo: a igualdade absoluta, polo sistema de lle cortar a cabeza a todos. E é que para os responsábeis do suplemento, o importante non son os libros, senón o escritor, de aí a importancia concedida ás entrevistas. Non cabe dúbida, os responsábeis de «Cultura» están ao día. Saben que o importante non é a obra, senón o autor, o que diga o autor (e os autores galegos din moitas cousas; se se repasan con vagar as súas declaracións, máis dun lector pode sentir vergoña allea perante as declaracións sobre si mesmo de máis dun escritor). Para os responsábeis deste suplemento de La Voz de Galicia, o libro é un produto semellante, por exemplo, a unha nova marca de deterxente. O importante, o verdadeiro acontecemento é o escritor, a figura do escritor. O que compre é promover o escritor, o produto non importa, porque o produto é rebaixado nestas páxinas a baixo cero.

As páxinas dedicadas ao libro galego neste suplemento son un insulto á literatura galega. Unha aldraxe permanente. Non son páxinas nin de cultura, nin de libros, son, simplemente, páxinas de publicidade gratuíta (no duplo sentido da palabra). Publicidade gratuíta á que se someten os escritores galegos (os que se deixaron entrevistar, non aqueles aos que lles comentaron os libros sen eles saberen nada), talvez porque non analizaron a función deste suplemento, para o cal é máis importante a noticia de que un escritor nacido en Galicia, ou de ascendencia galega, publicou unha mediocre, tirando a mala, novela en catalán, ou español, ou ioruba, que apareza unha importante novela galega, ou un importantísimo libro de poemas. Esta páxina dedicada ao libro galego dentro do suplemento, é, á parte do alibí do xornal e unha celada ao escritor galego, un insulto, como dixemos, á nosa cultura, ao libro, e aos homes e mulleres que fan posíbel que aínda exista hoxe unha literatura, unha cultura galega.

Ante tamaño menosprezo, ante tan grande agresión, só cabe unha saída: o boicot. Boicot por parte de escritores e editores. E público. Boicot que, por outra parte, vexo difícil, xa que, como ben viu Manolo Veiga («Vende máis o autor que a obra –ou iso é o que os editores cren». A Nosa Terra, núm. 711, 11 de febreiro de 1996. É curioso que un artigo que atinaba en moitos dos males que padecen aos nosos editores só fose respondido, de maneira intempestiva… por un escritor, que traballa nunha editorial, claro), para as editoriais galegas o acontecemento tamén comeza a ser o autor, non a obra. E por parte dos escritores, os galegos son como os dos outros países, e a vaidade é un sentimento do que un non pode fuxir doadamente. Quedaron atrás os anos en que nas páxinas dedicadas a libros en La Voz de Galicia se podían achar as plumas de Fernández Ferreiro, González Garcés, Tomás Barros, Seoane Sanjuán e outros. Podíase ou non estar de acordo co que dicían, pero o respecto á obra literaria, por riba –ou por debaixo– da persoa do autor, estaba fóra de toda dúbida. Hoxe acontece todo o contrario, e colaborar nun suplemento como este é, simplemente, darlle armas ao inimigo. E quen non o entenda é, simplemente, porque non quere entendelo.

A NOSA TERRA

Para este semanario usamos as mesmas datas que para os xornais, é dicir, desde o 7 de setembro de 1995 (núm. 690) ao 17 de xuño de 1996 (núm. 732). Como no caso do Correo Galego e de La Voz de Galicia, un total de 43 números. As recensións de libros no semanario veñen dentro da sección «Guieiro», apartado «Leituras». Tamén conta con outro apartado dedicado a dar conta das novidades, e que se titula, precisamente, «Conta de libros». Normalmente, ao libros comentados no apartado “Leituras” dedícaselle un mínimo de 4000 signos, a maioría das veces máis. «Conta de libros» é simplemente unha sucinta acta de nacemento.

Ao longo destes 43 números, en A Nosa Terra comentáronse un total de 55 libros galegos, 18 libros de narrativa (máis un; é dicir, dun mesmo libro saíron dúas críticas), 15 de poesía e 2 de infanto-xuvenís; os restante repártense entre dicionarios, revistas, libros de economía, historia, lingüística, arte, etc. En «Conta de libros» levantouse na acta de nacemento de 161 libros galegos dos que 40 eran de narrativa, 12 de poesía, 7 de teatro, 31 infanto-xuvenís, o resto máis ou menos da mesma maneira que no apartado «Leituras», engadindo anuarios, guías da natureza, turísticas, libros de gastronomía, etc. Destes 161 libros dos que se levantou acto de nacemento, 16 foron comentados posteriormente, co que os lectores d’ A Nosa Terra souberon exactamente do nacemento de 200 libros galegos. Durante eses meses a maioría das recensións-críticas do semanario foron asinadas por X. M. Eiré, XGG, Ricardo Palmás, Francisco Carballo, Teresa Seara (practicamente todos os de poesía), e outros, non faltando, como no «Faro das letras», aquel personaxe que arrecada a pluma para comentar un libro unha vez ao ano, ou ao lustro, e tirarlle das orellas a todos aqueles que non están de acordo cos seus ditados.

Sobre o autor / a autora

Xesús González Gómez

Xesús González Gómez

(Galiza-Catalunha)

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *