<em>Vilareda</em> (e III), por Xosé de Cea

Vilareda (e III), por Xosé de Cea

0 comentários 🕔08:15, 29.Abr 2015

Finalizamos aqui a publicação semanal do poemário Vilareda, de Xosé de Cea. Agradecemos ao autor que tenha escolhido a Palavra Comum para dar a luz este livro inédito.

III

EPOPTEIA

Extraviei o rostro cando souben ler a invasión que desde a
xestación no útero as nais ancestrais inxectan

Chus Pato

El humo indescifrable de las brasas sin tiempo

Julio Llamazares

Tatuado nos ollos
levamos o pouso

Dores Tembrás

***

Cuspo na terra
para amasar unha lama
que me embarre os ollos
e me devolva
a visión:
un universo onde sobreviven
intactas
todas as lagoas.
Tamén a miña.
As mans en cunca
toman esa auga pura,
sagrada no seu limbo de neuronas durmidas.
Unha beizón
escoa pola gorxa,
un vibrar antiquísimo
que sacode,
que preña
as cordas vocais
de seminal humidade.
Este clamor
contra a hecatombe das cinzas,
contra os refachos meditados
nas cinzas,
contra o enterramento
en chumbo inviolable
das cinzas
que unha vez
enterramos
para sempre
e que o esquezo
nos fixo desterrar.

Por iso exhumo
os pousos durmidos
da miña lagoa,
para pór estoutra lama
nos ollos
e teimar
na visión,
para ter sempre
unha lama
na que permaneza
latente
a posibilidade
da visión,

pola saliva dos devanceiros
un algo de memoria insurrecta.

***

A sensación vén sendo:
un pé esborrallándose
no baleiro que sostén ao multíplice,
o outro entullado
nesta lameira de exiguas perspectivas;
híbrida de caos e inestable firmeza:
o desexo volátil dun andróxino,
a identidade nun rostro de faccións mutantes,
a consciencia tronzada
no aquén
no alén
-sen fitos, sen derregas, sen valados-
a intersección etérea
dun diagrama de Venn
á que insisto
en chamar
vida.

***

Podería chamar
aira
a este espazo
de latexos comunais,
de sangue compartindo
o mesmo labirinto arteriovenoso
no que deambulo cada madrugada
a apalpar un imaxinario
de secuencias xenéticas queridas,
de presenzas invocadas
dende a angustia da fatal ausencia.

E os liques da lousa debullan signos
no xúbilo abrasado de agosto;
farelo,
palla restreba,
sementes preñadas de potencia,
alguén quixo amnistialos
da derradeira malla
para que eu interpretase
a memoria cifrada
no seu azar
de unívocos significados.

Isto foi o que dixeron:
urnas de barro cocido
para custodiar o noso alento
en brasa perenne
daquilo
que unha vez

foi

cinza.

***

E aconteceu
que os pozos se estancaron,
auga morta
-cumpría unha gorxa con oficio
para transmutar en potable
elixir
o veleno podre destes grolos.
A rocha freática
desintegrouse nun limo irreversible,
o lidro cegou para sempre
toda transparencia,
toda frescura:
un vibrar na tona
polas emanacións das augas confinadas,
o percutir dun timbal primitivo,
milleiros de cálidos murmurios
bombeados polo mesmo corazón;

vive co noso alento,
irriga
en cadea perpetua
de sístoles e diástoles,

mentres haxa sangue nas veas,
saga.

***

Abonda o meu alento
sobre esta cinza
para convocar de novo o latexo,
para insuflar
o movemento perpetuo
nos ires e vires das xentes
polos camiños da aldea.
E así,
mentres teña alento
vós teredes vida,
o noso ADN fonte
manará en espiral de palabras,
núcleos por milleiros
cargados de memoria,
musculatura vacúa
para turrar deste arado
-esterco de ósos e medula espiñal-
que leva séculos abrindo un único rego
do que aínda descoñecemos
a fin:

que non ha nacer
da nosa semente,
da nosa suor,
da rella pletórica
da nosa andaina!

***

Dende a miña atalaia
dou enxergado
pasado e futuro,
dous exércitos
coas falanxes
no cénit da conflagración.
O choque exhala
un vapor terroso,
puntillista,
esborralla a visión,
confina a claridade
nun anaco de pureza
só apreciable
ao tacto das celestes dedas.
Un séntese neno,
puñaladas de eternidade ao tempo,
puñaladas de inocencia
amputándolle as pernas ao tempo:
velaí o tes,
berrando coma un porco
antes da matanza,
antes de desangrarse,
antes de enzoufarnos os pés
coa súa lama sanguinolenta
de nostalxias e desexos.

Na perennidade do intre
imprimir en sangue
os anais,
os calendarios,
as actas que dan fe
da nosa cisma,

do noso cisma.

***

Sempre foron mans de muller
as que amasaron con tacto leitoso
a cadencia insomne do sangue,
na matriz dos seus dedos
callou o pulo fractal das xeracións
e non lle renderon contas
a ningún deus
-para consumar o abraio de nacermos,
de existir,
bastaron esas mans
: para a morte, a terra,
redundancia de esposorio teimudo
-se cadra diso falaban ao dicir
condenación eterna.

Xa ves
para que nos deron triste incenso
se da nosa deflagración deviñeron
tal fumeira
(non abondan as bibliotecas todas para conter a voluptuosidade dos seus signos),
tanta borralla
(os ourives non dan abasto a engarzar o fulgor incandescente dos remoles),
tan altas lapas
(a combustión arrasou o pouco ceo que nos deixaron),
que nós sos,
no seo desas mans de muller,
cunha beizón de feluxe na fronte,
cualificámonos
para vivir e morrer
a perpetuidade
as nosas propias vidas.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *