Entrevista a Antonio Reigosa

Entrevista a Antonio Reigosa

0 comentários 🕔12:00, 06.Mai 2015

- Palavra Comum: Que é para ti a oralidade, a literatura popular?

- Antonio Reigosa: O que denominamos oralidade é moito máis ca voz e palabras máis ou menos coordenadas ou organizadas nun discurso. A oralidade é un sistema integral de comunicación no que, ademais da voz, interveñen os nosos hábitos e costumes, a liguaxe xestual, ritos, as crenzas… A literatura popular tradicional é unha parte fundamental dese sistema, nútreo de sentido espiritual, organízao en códigos simbólicos e establece as regras que permiten a comunicación entre os individuos que usan eses códigos sen sequera necesidade de racionalizalos.

- Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre o processo de criação artística, num sentido amplo, e especialmente no referente à oralidade?

- Antonio Reigosa: Somos, en xeral, por natureza, individuos creadores de arte. Temos tendencia innata a procurar e compartir beleza a través da fabricación de obxectos ou da ensoñación de fantasías. A linguaxe é unha creación humana que combina maxistralmente a necesidade de dar satisfacción á comunicación entre individuos coa vontade estética. As palabras son “obxectos” sonoros capaces de singularizar a un tempo un obxecto e un sentimento, e de formar parte de conxuntos (versos, frases…) capaces de influír no noso estado de ánimo. As linguas, por exemplo, son, por enriba de calquera outra consideración, obras de arte construídas colectivamente ao longo do tempo.

- Palavra Comum: Que características próprias tem, do teu ponto de vista, a oralidade e literatura popular galegas, e com que outros sistemas culturais achas que se vincula (nomeadamente, com a Lusofonia)?

- Antonio Reigosa: Desde o punto de vista lingüístico, somos irmáns dos sistemas culturais que se expresan na mesma lingua ca nós. Pero tamén somos irmáns da maioría dos sistemas culturais do mundo, na medida en que construímos o noso, igual ca os demais, para dar resposta ás mesmas cuestións básicas: De onde vimos, que hai despois…

Mirando o mundo desde a óptica das culturas populares, decatámonos de contado de que nos preocupan as mesmas cousas. Somos os mesmos, a mesma idea construída con matices secundarios.

- Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência de valorização e divulgação destas formas culturais (Polafías, etc.)…

- Antonio Reigosa: Canto máis profundizamos no saber popular, máis nos decatamos de que nos guía un pouso atávico, unha ideoloxía que prioriza o comunitario. Nas Polafías (un proxecto que se promove desde a AELG para representar a cultura popular) conflúe a necesidade de encontrarse e relacionarse, de expresarse e entenderse fronte a propostas alleas, case sempre espurias, moitas veces corrosivas, que se administran a través dos medios de masas. Unha Polafía é unha oportunidade para re-coñecerse, por tanto, unha oportunidade para a catarse liberadora.

- Palavra Comum: Consideras que tem o reconhecimento que precisa a oralidade nos sistemas culturais contemporâneos?

- Antonio Reigosa: Fálase moito da oralidade, do patrimonio oral, da literatura de tradición oral pero, en realidade, o que se está a pensar é que forma parte do pasado e que a modernidade, o futuro, son ou deben ser outra cousa. Todos apreciamos, e usamos, as posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías para relacionármonos pero non deberamos esquecer que somos debedores do inmediato. O que sostén o noso armazón cultural son os afectos dos máis próximos, non só as gabanzas dos máis afíns.

- Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação cultural hoje -e para a galega, em particular-?

- Antonio Reigosa: Sempre é recomendable non perder as referencias do que somos sen deixar de pensar en mudar o que non nos gusta. Construír sobre o experimentado é sempre garantía de solidez, e sobre esa firmeza calquera aposta, mesmo revolucionaria, ten alguna garantía de futuro. Aínda que ás veces poidamos pensar que os cambios radicais son cousa de heroes, a realidade parece demostrar que é a necesidade a que fabrica eses heroes. Ninguén pode cambiar nada, se unha maioría non desexa ese cambio.

- Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

- Antonio Reigosa: Sempre aniñan proxectos na cabeciña. Pero creo que o que máis me interesa é, por un lado, coñecer máis e mellor a nosa literatura de tradición oral e a cultura que a sostén, e polo outro, dar coas claves para divulgala da mellor maneira posible.

- Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?

- Antonio Reigosa: Vexo que a vontade é tratar todas as disciplinas creativas actuais. Atender tamén a investigación, a reflexión e o debate. E todo isto é necesario, case vital para unha cultura e para unha lingua común a tantos millóns de persoas. Acho que o camiño encetado é o idóneo, por tanto, ánimo e éxito é o que vos desexo. O entusiasmo tédelo de serie, polo que vexo.

*

Nota: Foto de Clara Reigosa Lombao.

Sobre o autor / a autora

Ramiro Torres

Ramiro Torres

(Galiza) Ramiro Torres nasceu na Corunha no 1973 e estudou Graduado Social. Tem publicado poemas na revista 'Poseidónia' e 'Agália', assim como no blogues 'A fábrica' e 'A fábrica da preguiça'. Inaugurou as edições do Grupo Surrealista Galego com o seu livro "Esplendor Arcano".

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *