<em>Leviatán</em> (I), por Xosé de Cea

Leviatán (I), por Xosé de Cea

0 comentários 🕔12:07, 19.Mai 2015

Publicamos a primeira parte do poemário Leviatán, de Xosé de Cea. Agradecemos ao autor que tenha escolhido a Palavra Comum para dar a luz este livro inédito.

I

se agora el é Único
coma o Deus Semítico Maquieiro é Único
e nosoutros resultamos vencidos
”.

(Contra Maquieiro. X. L. Méndez Ferrín)

O home era un lobo para o home
e Leviatán deveu en macho alfa
dono e señor do fato.
Diante del baila o medo (1) ,
aturas cada día
a chantada rabiosa
(anestesia incluída no seguro):
ouveos de letra impresa en rotativa,
ouveos hertzianos ouveos catódicos
xean o sangue en arreguizo somnolento,
fauces lacrimóxenas de 9 mm parabellum,
fauces acumuladas de capital,
sede que non cede na ominosa fartura,
hemorraxias de escravitude, de miseria, de acoro,
Leviatán borracho ata a náusea
déuselle poder sobre a cuarta parte da terra para matar coa espada, coa fame, co andazo, coas feras (2),
chantada hereditaria de lobo ubicuo
osario fractal no que entroniza
vinculeiro en sucesión perpetua
liñaxe expandida en milleiros de fasquías
as máscaras da liberdade
(un detrito pestilente escoa
dende os lacrimais do felo,
un sangue podre en bágoa virulenta
corre a maquillaxe inmunodeficiente
da democracia
mentres os asasinos dende altos lugares
din en voz alta as súas oracións (3)).

II

Entronizado no máis alto cume
Leviatán contemplou compracido á humanidade
mentres quentaba os pés na carniza aínda morna dos seus inimigos.
Soubo nese intre que cumpría liberalizar o ceo,
abolir os aranceis do seu paraíso acumulativo de capital e dividendos,
dádiva de american dreams con accionistas e conselleiros delegados:
Pedídeme e dareivos por herdade as nacións,
en tenzas os termos da terra.
Poderedes rexelas con cetro de ferro
ou escachizalas coma olas de barro (4).
Un sinal de tántalo na fronte dos 144.000 vinculeiros
distinguiunos da xentalla,
daqueles aos que se estaba a esnaquizar
nas engrenaxes de aceiro e hulla do inferno-
un terzo é laio eterno baixo cadoiros de ferro fundido,
crebadizas bolboretas cribadas so bátegas de napalm,
palabra purgativa dos escatólogos de Harvard e da Dow Chemical,
verdade proclamada en sentenza carpet bombing por Avros Lancaster en Dresde e B-29s na baía de Toquio,
a boa nova pirogravada no bambú de choupanas vietnamitas,
no lombo esgrevio a pedra pómez de Kim Phuc, capela ardente
para un terzo da humanidade,
e outro terzo con agullas de chumbo derretido a atravesarlle as entrañas,
chumbo derretido en sarabias de metralladora Maxim nas entrañas de Aros, Matabeles, Bukongos ou Mahdistas;
chumbo derretido en sarabias de rifle Winchester nas entrañas de Arapahos, Yaquis, Tobas ou Selk’nams;
chumbo derretido en sarabias de Martinis, Endfields, Mausers ou Lebels nas entrañas de Yihetuans, Palawahs, [Cipaios, Bereberes;
e os frenéticos teares do inferno a golsar sudarios con vapor de opio,
durmideira de lento veleno para o derradeiro terzo da ralea,
poalla botulina, pegañada de ácidos no bandullo,
na conciencia, nas raíces: unha pena capital de glifosato e fosxenos
a través das arterias, códigos xenéticos infectados de carbunco
irrigan os derradeiros latexos dunha raza condenada a fuscallo of mass [destruction, weapons of mass media,
holocausto de neuronas delicuescente vai e vén a babuña incondicional de capitulados,
ser na máis alta aspiración bolo nutricio nunha das tres fauces de Leviatán,
e nada nin ninguén ha saír de aquí a riveder le stelle (5) ,
non neste ceo sen ceo,
con a penas máis estrelas que o celofán co que enfeitamos a ilusión de velas,
chámanlle purgar a esta ausencia abismal na que se cae devecendo por un anaco de terra no que crebar os ósos todos [do corpo, inútil;
a este silencio tépedo de tumba que ennobela con aperta de mortalla, co único esgazo da pisada suicida dos [intocables no trolleiro,
aire abominable de ignorancia pandemia quen de pousar contaxio e lobotomía
en cada arfada, en cada tento de achegar osíxeno ás neuronas, lonxe de
incendios nin faíscas acada este afogo de bágoas pranteiras en cabodano perpetuo,
o pracer abolido de darlle puñadas a ese algo inaprensible, non se dá cos tocos
que nos deixaron por pulsos, non cos troncos escarochados das nosas coxas sobre a cadeira de rodas da inania,
tanta sede, tanta pureza e prestancia para salire a le stelle (6), pero tanta sede,
tristes abrollos en substrato hidropónico soñando co recendo do estrume,
soñando cunha esqueira fincada no estrume cuxo cimo coroe no ceo,
e alí se cadra si, as estrelas, Deus mesmo
tras depenar aos querubíns que ateigan os banzos,
and a new day will dawn
for those who stand long (7),
pero ha ser que non,
que non hai novos días que vaian amencer nin amor que mova il sole e l’altre stelle (8),
nada que agardar alén dos espasmos dun orangután con Alzheimer fedendo a ouriños,
e xa o sabiamos, que Deus morrera,
asistiramos ao enterro e mesmo lle puxeramos flores,
pero quixemos crer que a esqueira levaba a algures,
debiamos crer que levaba a algures,
que as esqueiras non eran esta roda de hámster,
non un eterno retorno de travesas ao que nos condena Leviatán para estampar o visto e prace no formulario dos seus [designios,
ese que certifica a carniza para sempre morna dos inimigos,
nós nun derradeiro cíclico en letal permanencia,
ninguén a quen vencer;
nós,
só nós,
os vencidos.

III

Penso,
logo
produzo en masa.
Frederick Winslow Taylor,
Principles of Scientific Management (1912),
a ciencia, o positivismo, a mecánica
aplicados ao traballo,
a producir o que sexa
en cadeas de montaxe:
15.007.034 unidades de Ford T, por exemplo.

E pensou Leviatán,
logo
extermino en masa,
a ciencia, o positivismo, a mecánica
aplicados á morte,
a producir morte
en cadeas de montaxe
para irmos ao fin da historia
a velocidade futurista,
para vermos axeonllado ao derradeiro home
lixiviando con bágoas
as cinzas derrotadas de Hegel e Marx:
dez millóns de cadáveres no Holomodor, por exemplo.
Os koljoz, matinou Stalin,
a colectivización total do agro,
a luz do progreso sobre as nosas colleitas
para alimentar a unha nova humanidade,
a semente dun mundo perfecto sen servidumes nin amos,
sen propiedade privada da terra,
sen propietarios da terra,
sen kulaks.
Pero que facemos con eles, sire,
que facemos cos propietarios da terra?
Ciencia, positivismo, mecánica:
suprimamos unha clase social,
suprimamos unha nación,
suprimamos a aqueles que teiman
en seguir cavando
a terra dos devanceiros,
enterremos os seus ollos
que só saben mirar cara ao pasado
e amosémoslles o futuro que se negan a ver.
E amosáronllo.
1932/1933
Ucraína,
pero tamén as ribeiras do Volga, do Kuban, do Don,
tamén o norte do Cáucaso
e Kazakhstán.
Requisaron as colleitas do celeiro de Europa.
Dez millóns de cadáveres por inanición.
As autoridades advertían:
Comer nenos mortos é salvaxismo.
Lei das cinco espigas:
pena capital ou dez anos de Gulag por roubar
(comida, poñamos por caso),
dous millóns de deportados a Siberia-
ouveaba o pobo ao ver achegarse a morte (9),
o paseo dominical
na cidade das tendas cor canela
sobre derreadas alfombras de corpos
e ninguén que pintase ovos de Pascua por falta de lenzos.
Mordendo a cortiza das árbores,
comendo o esparto das alpargatas
(10),
cavaron
co legón,
por derradeira vez,
no pozo sen fondo das foxas comúns.
Xa non máis kulaks na Ucraína,
pero, así e todo,
algo fallara no proceso:
sobreviviron dúas clases sociais:
máis alá dos dez millóns de mortos,
máis alá dos dous millóns de deportados,
os altos cargos e os caníbales.

E pensou Leviatán,
logo
extermino en masa,
pero mellorando o proceso
con achega de capital e sentidiño.
A ciencia, o positivismo, a mecánica
aplicados á morte,
a producir morte
en cadeas de montaxe:
seis millóns de unidades procesadas na Endlösung
promovida e financiada
pola IG Farben (Bayer, BASF e Hoechst)
e a Standard Oil (ExxonMobil, Chevron, etcétera) de Rockefeller,
polo Deutsche Bank
e a Union Banking Corporation,
Presscot Bush e Roland Harriman mediante;
Auschwitz como buque insignia
e Henry Ford apadriñando a iniciativa
(The international Jew, the World’s foremost problem,
Gran Cruz da Aguia do Terceiro Reich,
fonte de inspiración do Führer).
Contamos co motor filantrópico da industria farmacéutica:
Aspirina© para a dor de cabeza,
Heroína© para a tos,
Gas Mostaza© e Tabun©
para o ser humano considerado como praga.
Na Endlösung,
Zyklon B©:
mercado monopolizado en expansión:
previsión de pingües beneficios.

Man de obra escrava,
cobaias humanas gratis:
redución de custos.

Arbeit macht frei (11)
e a nós máis ricos.

I+D+I

E mentres o mundo se desangraba na guerra,
Leviatán propiciou o entendemento entre culturas,
a solidariedade entre irmáns:
plusvalías nazis branqueadas en Nova York,
petróleo norteamericano para a Luftwaffe e as Panzerdivisionen,
Auschwitz-Bikernau, Belzec, Chelmno, Majdanek, Sobibor, Treblinka, Maly Trostenets,
fóra da rota dos bombardeiros aliados.
Como contrapartida,
as patentes
e dividendos a cada accionista.

Velaí o modelo,
praguicidas e fordismo:
introdúcese a unidade na cadea de montaxe
(materiais aptos: xudeus, xitanos, comunistas, homosexuais,
testemuñas de Xehová, pentecostais, minusválidos, prisioneiros de guerra, presidiarios, parias, anarquistas),
fumígase con Zyklon B vendido en exclusiva polas nosas fábricas
e volatilízase nos fornos crematorios
co conseguinte aforro
en cava de foxas e enterros.
Contaminación e sucidade por feluxe: asumidas.
“O traballo faravos libres”. Extracción marxinal de ouro
para compensar custos.

A máquina funcionou á perfección
durante cinco anos
1940/1945:
seis millóns de unidades procesadas,
redución drástica de persoal e gastos comúns,
limpeza,
asepsia.

Pero algo fallou no proceso.
As unidades,
coma no Holomodor,
tiñan emocións,
deprimíanse,
sufrían.
Avaliouse o posible impacto negativo
na imaxe corporativa.

E pensou Leviatán,
logo
extermino en masa,
pero mellorando o proceso
con achega de capital, sentidiño,
innovación tecnolóxica
e espectáculo.
Sobre todo
espectáculo,
moito espectáculo para o gran público,
para a humanidade enteira,
e minimizar os custes adicionais por sufrimento
sen esquecer as filmadoras.
A ciencia, o positivismo, a mecánica
aplicados á morte,
a producir morte
en cadeas de montaxe,
en espectaculares cadeas de montaxe:
Hiroshima e Nagasaki,
a troupe do Tío Sam entra en escena
e comeza o show.
No segredo da tremoia
executan con precisión
os últimos ensaios.
Directed by Harry Truman.
Art Direction by Robert Oppenheimer.
E o director dixo:
Quero algo ao Cecil B. DeMille,
e gustou da espectacularidadee do nome riquiño da criatura: Gadget.
Conmovedor.
A star is born:
16 de xullo de 1945,
proba Trinity,
en Alamogordo (New Mexico).
O ensaio presaxia o éxito do espectáculo.
“Abran o pano!”
-berra Harry,
(o auditorio
ás penas visible
pola luz indirecta do proscenio
ceiba un murmurio de sorpresa).
“Que comece a función!”
(A parte, ordenando nervioso cara aos tremoieiros):
“E a filmadora,
non esquezan a filmadora!”
As God is my witness:
6 de agosto de 1945,
Hiroshima,
e ese meniño de nome entrañable: Little boy.
Gone with the wind,
nada que puidesen prever
os servizos meteorolóxicos.
Marchou con ventos
de mil quilómetros por hora,
temperaturas de un millón de graos.
Todo é pura turbulencia (12),
My God, what have we done? (13)
140.000 unidades procesadas,
o traballo dun cuadrimestre en Auschwitz
nuns poucos segundos,
sen custosas cadeas de montaxe,
fase crematoria incluída
e espectáculo,
moito espectáculo,
conseguimos poñer a Deus da nosa banda,
de testemuña,
e tamén á humanidade,
de testemuña,
de público.
Non marchen aínda,
seica hai máis
,
pero agora máis chocalleiros
ou, senón, escoiten o nome
da nosa nova estrela:
Con todos vostedes: Fat man!
Évos ben gordecho,
non si?
(o auditorio ri,
advírtese certo nerviosismo nas gargalladas,
coma se viñesen forzadas;
de súpeto,
apáganse as luces.
Un berro de sorpresa.
O teatro fica en penumbra,
silencio).
“Queredes máis espectáculo?”
“Si!” (atrona ese auditorio sen rostro, agora afervoado).
“Queredes máis espectáculo?”
-volve berrar Harry, agora con máis forza-.
“Siii!”
Play it again, Sam.
9 de agosto de 1945.
Nagasaki.
80.000 unidades procesadas
My God, what have we done?
o traballo dun bimestre en Auschwitz
sen custosas cadeas de montaxe,
fase crematoria incluída
e espectáculo,
moito espectáculo.
Apuntamento marxinal:
400.000 unidades non procesadas,
hibakusha.
Incluír no capítulo de danos colaterais,
a entrega entusiasta do público compensa.
E Tío Sam puido negociar con avantaxe
a xira mundial do seu novo show:
Se non aceptan as nosas condicións poden agardar unha choiva de destrución dende o aire como a que nunca se [viviu nesta terra”. (14)

E Leviatán xa non tivo que pensar máis,
deveu en macho alfa
dono e señor do fato,
e ouriñou sobre as cinzas lixiviadas en bágoas
de Hegel e Marx
para marcar territorio
mentres dixería os restos
do derradeiro home.
E xa que a historia rematara
deu en matinar que,
sen moito esforzo,
-nin ciencia, nin positivismo, nin mecánica-
coma quen non quere a cousa,
executando coa súa man invisible,
podía condenar en Holomodor perpetuo
a mil millóns de persoas,
darlles Endlösung a 35 millóns cada ano,
e non deter o espectáculo
para propiciar a maior produción
xamais vista
en escenario algún,
en ningunha cadea de montaxe coñecida:
7.000 millóns de unidades procesadas
como pasivo auditorio
do seu propio drama.

NOTAS
(1) Libro de Xob, 41, 14.
(2) Apocalipse de Xoán, 6, 8.
(3) Anthem, Leonard Cohen.
(4) Salmo 2 / Apocalipse de Xoán 2, 27.
(5)a ver as estrelas”. A Divina Comedia (Inferno. Canto XXXIV, v. 139). Dante Alighieri.
(6)puro e presto a subir ata as estrelas”. A Divina Comedia (Purgatorio. Canto XXXIII, v. 145). Dante Alighieri.
(7)E un novo día amencerá / para aqueles que levan longo agardando”. Stairway to heaven, Led Zeppelin.
(8)o amor que move o sol e máis as estrelas”. A Divina Comedia (Paradiso. Canto XXXIII, v. 145). Dante Alighieri.
(9) Todo flúe, Vasili Grossman.
(10) O imperio, Ryszard Kapuścińki.
(11)O traballo faivos libres”.
(12) Bob Caron, artilleiro de cola e fotógrafo do Enola Gay.
(13)Meu Deus, que fixemos?” Robert Lewis, capitán do Enola Gay.
(14) Harry Truman.

Sem comentários

Ainda não há comentários

Ninguém deixou um comentário para este post ainda!

ESCREVA UM COMENTÁRIO SOBRE ESTE POST

Escrever um comentário 

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios são marcados *